Frederick Jackson Turner e a construción do Oeste americano

“Up to and including 1880 the country had a frontier of settlement, but at present the unsettled area has been so broken into by isolated bodies of settlement, of  that there can hardly be said to be a frontier line.  In the discussion of its extent, its westward movement, etc, it can not, therefore, any longer have a place in the census reports”.

Superintendent of the Census of EEUU, 1890.

Estas palabras foron tomadas polo historiador Frederick Jackson Turner, en 1893, para conxugar a súa teoría sobre o ideal e a vida na fronteira americana. A lectura do seu ensaio; The Significance of the Frontier in American History na America Historical Association, constituiría a cima dun proceso e o comezo dun mito de grande impregnación popular. Fabricábase un pasado sobre un pouso de realidade.

Frederik J. Turner (Wisconsin, 1856 – California, 1932) foi un referente da interdisciplinariedade na súa época Fonte: http://www.milwaukeeindependent.com

Esta nova mestura de lenda, mito e historia acaíalle perfectamente a unha sociedade sen historia e sen ningunha raíz, as cales deixaran en Europa. A American Frontier – o proceso – e o American West – o espazo – son parte dunha mesma historia realizada e consumida intra – muros. De feito, non podía ser partícipe da historia colonial de Nova Inglaterra: a EEUU proporcionábaselle unha nova ideoloxía nacionalista lexitimadora e frutífera. A epopea nacional nace nos “bordes exteriores”. Así podemos interpretar estes  “asuntos internos” como os primeiros avances dun imperialismo republicano. Cando Turner falaba do “peche da fronteira” ao mesmo tempo, en The Atlantic Monthly, aseguraba que o movemento debía continuar. Pero, cara onde? Polo de pronto, cara as “illas periféricas e países colindantes”. É dicir, a expansión e dominación como feitos dominantes da cultura americana durante tres séculos nunca se detiveron.

Convén precisar, non obstante, que a dominación territorial mediante hard ou soft power xa estaba amparada por outras directrices. Estas son expedidas nun sentido teleolóxico e teolóxico ou como unha suposta “axuda desinteresada”. Vexamos pois.

Cando as independencias americanas – dunha elite propia – comezaron a socavar o Imperio dos Borbóns, a política estadounidense viu unha oportunidade de proxectarse. Foi o momento da a famosa Doutrina Monroe de 1823. Promulgada baixo o slogan de “América para os americanos”, saía en axuda dos intereses desas futuras repúblicas evitando tamén as inxerencias doutras potencias, en especial de Gran Bretaña. Sen embargo, asegurábanse futuras intervencións: América, como continente, sería un coto privado para os EEUU, os verdadeiros americanos dese slogan. Se avanzamos no tempo, en 1845 John L. O’Sullivan acuñou o concepto de Destino Manifesto. De forma sinxela, ese avance interior e exterior era inevitable, pero, por que? Porque estaba marcado pola “Providencia. Dende a fronteira do Mississippi ata as costas do Pacífico, a “Providencia” actuaría alí onde os americanos necesitasen que estivese presente. As costas de Asia do Este e o Pacífico quedaban como unha extensión do Oeste americano, un punto focal das ambicións comerciais oceánicas. Nada máis. Os estadounidenses opoñíanse a outorgar a cidadanía e a incorporar pobos que eles supoñían inferiores no plano racial, caso das tribos indias, os mexicanos, os cubanos, os filipinos ou os puertorriqueños. A liña racial que importaba era a anglosaxona, nun momento no cal no mundo atlántico sobrepoñíase á raza por riba de  dereitos e da política, con especial énfase destrutor nas colonias dos diferentes Imperios.

Mapa dos EEUU nos distintos momentos nos cales os Estados, formalmente, pasaron a denominarse como tales dentro do país. Fonte; http://markipedia.mex.tl/

Volvendo novamente a Turner, deberíamos preguntarnos o seguinte: Como observou este historiador a fronteira? Básicamente considerou que aseguraba un mundo cheo de oportunidades e que era o lugar onde o carácter americano fora realmente forxado. A súa peculiaridade consistía en que, detrás desas fachadas institucionais e formas constitucionais, arraigaba unha adaptación obrigada pero consentida por eles mesmos. Era un “renacemento perenne” constante: outras nacións tamén albergaban este tipo de desenrolo, pero limitado a unha área concreta. En EEUU non. Aquí non había un desenrolo lineal, xa que cada área tiña una nova oportunidade de desenvolvemento. Este era, en resumo, o lugar dun punto intermedio entre o salvaxismo e a civilización da cal estaban fuxindo. A simplicidade dunha suposta sociedade primitiva encontraba no proceso novos e mellorados ideais, perfectos para construír novos mundos.

Ao mesmo tempo había outra teoría construtiva no país; a concepción da forxa dos EEUU nunha especie de comunidade anglosaxona transplantada a América. Palpábase  a visibilidade nesas orixes “xermánicas” das institucións, na industria, no pensamento, na moda etc. Turner avanza na idea de “westerización” dese mundo e institucións da Costa Atlántica. Mesmo consideraba que a democracia jacksoniana era, en esencia, rural. Resalta a opción do compañeirismo e os xenuínos sentimentos sociais de fronteira: as diferenzas de clase e riqueza xogaban un rol menor. Incluso o presidente Theodore Roosevelt (1858 – 1919) identificábase co Oeste: a vida da fronteira era un lugar onde proxectar a súa personalidade e afeccións. É máis, a nova fronteira pasábase, como xa vimos, cara á “auga salgada”. O mito era forte e asentábase.

Que ideas e solucións plantexaba Turner? Eran fenómenos imbricados; a democracia americana era posible grazas a unha terra libre e a unha abundancia de recursos naturais. Estas terras explicarían, segundo Turner, ese carácter solidario saído do propio individualismo americano. Como calquera podía ser dono dunha granxa, máis ou menos extensa, pois tamén resultaba plausible probar calquera iniciativa. Era o lugar onde o proceso encarnaba o optimismo puro: a máxima do fracaso antes do éxito, tan ben explotada polos americanos. Pero a súa popularización correspóndelle á literatura e o cine, en especial a este último. Non só se mantén, senón que se acrecenta unha dobre visión. Non aparece un home de fronteira estricto sensu. O que se revela é ao cowboy, un cabaleiro do século XIX montado a cabalo e co revólver sempre quente. En moitas ocasións, rodeando ao heroe, converxe un pobo de “fronteira” ou unha caravana de pioneiros. Pola outra banda, a muller convértese na esposa de fronteira. Permanece sempre fiel e abnegada a carón (ou en espera) do pioneiro ou militar. Na sublimación destes personaxes, e cando a situación é insostible, o VII de Cabalería acude veloz á chamada de auxilio. Isto non fai máis que asentar certos personaxes – mito, caso de Buffalo Bill, Custer ou a sublimación do episodio do Álamo da rebelión de Texas, en 1835. Aquí un home de fronteira, como foi David Crockett, caricaturízase no bando dos heroes.

Un exemplo de películas do Oeste; En Río de Sangue, de Howard Hawks (1952), está en relación cunha expedición polo río Missouri para establecer un asentamento en territorio indio. Fonte; http://johannes-esculpiendoeltiempo.blogspot.com.es/

Como se constrúe o espazo baleiro dos EE.UU? Sobre todo en base a dúas aceleracións. Pódese dicir que eses Estados Unidos foron construídos polo ferrocarril e a guerra civil americana (1861 – 1865).  Nun comezo e a grandes trazos, a fronteira delimitábase tan só á Costa Atlántica mediante asentamentos. Durante o século XVII e a primeira metade do XVIII foise promovendo a instalación polos cursos dos ríos que desembocan ao Atlántico, pasando á época da revolución de Kentucky a Tennesse máis ás augas superiores, en Ohio. Vemos que durante todo o século XIX os EE.UU non eran máis que un ente embrionario. É máis, a fronteira móbil non foi lineal. Entre as décadas de 1840 e 1850 esta colonización branca alcanzou unha barreira, as Great Plains. Ao seu carón, a “febre do ouro” en California provocou un salto da fronteira duns 2400 quilómetros, ao mesmo tempo que masacraban as tribos indias da zona[1]. O proceso da fronteira envolvía ao futuro territorio dos EEUU.

Como vemos, o problema residía nas Great Plains, habitadas ata 1870/80 por tribos indias e algúns mormóns. É esa xeración de posguerra a que produce o máis intenso movemento de poboación coa “subxugación” do indio e o imperio dos minerais máis o reino do gando en primeira liña. En definitiva, un lugar de destino para a xente que emigraba dende o Sur ou tamén como reasentamento ante a desmobilización de máis dun millón de soldados. Para sobrepasar o borde destas chairas precisábanse eliminar (ou enganar) aos indios e despois adecuarse a este novo terreo; un substituto para os cercados de madeira, ao que se respondeu co arame de púas, en 1874, novos métodos agrícolas para enfrontarse a variabilidade das precipitacións e sobre todo a conexión e o transporte. A construción das liñas do ferrocarril transcontinental facilitou o ensanchamento do mercados das manufacturas e o transporte das materias primas. Normalmente a construción das vías precedía ao colonos, que eran transportados ata o comezo das liñas para venderlles a terra a razón de entre 1 e 10 dólares por acre. Ademais, miles de peóns convertéronse en colonos con dereito á posesión do “fogar libre”.

Sen embargo as contradicións eran palpables. Había numerosas fronteiras con seccións interiores, tal e como narraba o propio Turner. Por exemplo, a fronteira mineira consistía nun asentamento temporal; unha vez explotados os recursos ao aire libre esta poboación retirábase e cedíalle paso a gandeiros e colonos. Tales problemas son superadas pola fronteira gandeira. Dende unha guerra aberta entres os pastores de ovellas e o gandeiros, a loitas intestinas entre Norte – Sur. É máis, na década do 1890 o cowboy rancherízase a causa dos problemas dos espazos abertos ou as enfermidades das vacas.

Así pois, nesta visión teleolóxica comezada en 1607 e rematada co “peche da fronteira” tamén suporía unha nova era para a historia dos EEUU. Por suposto, evitouse calquera crítica ao proceso. Vemos tales fenómenos na arrogancia do expansionismo, a especulación e despoxo da terra amén da morte de miles de indios, o antimexicanismo, o propio salvaxismo e a dureza da vida diaria da ”xente de fronteira”, ou as contradicións das diversas fronteiras (minerais, gandeiras, agrícolas, entre outras). Nada disto existía. O que importaba era darlle forma – práctica e teórica –  a un territorio sen historia dos conquistadores brancos, xa que as demais foron esmagadas ou simplemente eliminadas.

Un dos mellores exemplos da importancia do ferrocarril está tamén presente no cine. En  C’era una volta il West, de Sergio Leone (1966), vemos a importancia duns terreos por onde van pasar as vías así coma o axetreo durante a súa construcción. Neste fotograma comezan as medidas para o futuro apeadeiro. Fonte; https://shots.filmschoolrejects.com/

[1] Esta masacres incrementábanse polo perfeccionamento das armas, caso do revólver de repetición Colt, a difusión da viruela e outras enfermidades venéreas, así coma a destrución “insensata” dunha fonte de alimentos como eran os búfalos. Ademais, había momentos de especial crueldade, se cabe por riba da media, caso da matanza de Sand Creek.

BIBLIOGRAFÍA:

BENDER, T., Historia de los Estados Unidos, una nación entre naciones, Siglo Veintiuno Editores, Buenos Aires, 2011.

BLOCK, Robert H., “Frederick Jackson Turner and American Geography” en Annals of the Association of American Geographers, Vol. 70, No. 1 (Mar., 1980), pp.31-42

JIMÉNEZ, A., “La Historia como fabricación del pasado: La frontera del Oeste o American West” en Anuario de Estudios Americanos, Tomo LVIII, 2, 2001.

MORISON, S. E., COMMAGER, H. S., e LEUCHTENBURG W.E., Breve historia de los Estados Unidos, Fondo de Cultura Económica, México, 1987.

TURNER, Frederick J., Frontier and section, Englewood Cliffs Prentice – Hill,  EEUU, 1961.