Justo Beramendi; “A maioría dos que se dedican á divulgación non son historiadores profesionais”

Fotografía: Laura Dalama.

Do frío de febreiro pasamos ao frío de novembro. Dous momentos distintos onde moitos acontecementos viron a luz; outros, sen embargo, mantéñense estancos. Pero seguimos no mesmo ano. Como non podíamos albiscar todos eles, pois non lle preguntamos ao noso entrevistado por tales cuestións. O que sí intentamos realizar foi unha rolda de preguntas acorde a Justo Beramendi, historiador – catedrático xubilado da USC – e presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, entre outras ocupacións. Pasen e lean unha das entrevistas que nos quedara no caixón!

Quen é Justo Beramendi?

Nacín en Madrid, pero os meus primeiros anos paseinos en Almería porque miña nai era unha funcionaria de correos que foi castigada polo franquismo por ser de Izquierda Republicana. Alí fixen o bacharelato que me gustaba, o de Letras, pero cando retornei con dezasete anos a Madrid empecei, por influencia paterna, a carreira de enxeñería industrial. Nese mesmo momento mentinme en política na oposición antifranquista durante 1964, cando empezaban as loitas universitarias en Madrid. Integreime na FUDE – Federación Universitaria Democrática – e despois pasei a grupos clandestinos de extrema esquerda, concretamente ao Partido Comunista de España Internacional, pero tiven que fuxir da capital coa miña muller en 1969 para que non me cazase a policía política. Fomos ata Barcelona, onde se atopaba a súa irmá. Alí vivimos cinco anos mentres saía adiante facendo traducións á vez que comezaba a carreira que realmente me gustaba, Filosofía e Letras na Central de Barcelona.

 En 1974 ofrecéronme un bo emprego no Colexio de Arquitectos como xerente da Comisión de Cultura ata 1984 e quedamos aquí ata hoxe. Aproveitei para rematar os estudos que naquel momento xa eran de Historia, porque o plan era diferente en Santiago de Compostela. Cando estaba traballando na miña tese do nacionalismo galego do primeiro terzo galego so século XX deixei o colexio de arquitectos. Rematei en 1985 xa cun primeiro contrato de profesor na facultade.

Cando cheguei a Galicia, no plano político, fun “recrutado” por Beiras para o Partido Socialista Galego, mais marchei en 1977 por discrepancias en certos aspectos tácticos. Ademais, en 1976 fundamos dende o colexio de arquitectos o Museo do Pobo Galego, que vai facer corenta anos agora.

A historia foi un instrumento nacionalizador moi potente que tamén funcionou durante o Franquismo, a pesar dos seus excesos.

Que papel ten hoxe a historia na formación do ideario colectivo?

Penso que ten  moito menos papel que noutro tempo. Cambiou moito a incidencia que alberga a educación regrada sobre a xente tanto na primaria como na secundaria, a pesar de que os plans e os profesores son mellores que os do pasado. A mocidade está sometida hoxe a un conxunto de influencias e valores moi diferentes. A historia foi un instrumento nacionalizador moi potente que tamén funcionou durante o Franquismo, a pesar dos seus excesos. Isto empezou a diluírse durante a Transición; produciuse polo cambio no sistema político, amén dunha  apertura da sociedade española e a influencia de todas as correntes culturais planetarias. Isto non quere dicir que hoxe a súa influencia sexa absolutamente nula.

Fotografía: Laura Dalama.

Cal cre que debe ser o papel do/a historiador/a con respecto á sociedade e ó poder?

Habería que ver ante todo como cambiou. No século XIX tivo un papel moi relevante porque eran os construtores do imaxinario nacional. A historiografía era unha parte fundamental da construción do concepto de nación propia, e por extensión o ensino da historia era un vehículo para que ese concepto fora calando na sociedade. Tratábase dunha historia esencialmente pragmática no sentido académico do termo porque estaba inspirada por unha finalidade política concreta. Isto deturpaba bastante o papel da Historia como ciencia ou disciplina que pretende facer unha reconstrución do pasado da forma máis explicativa e veraz posible.

O papel nacionalizador do historiador non desapareceu por completo porque aínda segue habendo, sobre todo nos países nos que hai un conflito nacional interno, historiadores nacionalistas. No caso español podemos diferenciar entre os estatais ou “españolizadores” e o conxunto dos nacionalistas cataláns, galeguistas ou vasquistas. Sen embargo, é evidente que ese papel está en retroceso.  Penso, ademais, que é bastante marxinal respecto do outro que se inicia a principios do século XX, no período de entreguerras, que é o papel da historia como ciencia. Este é o esforzo por describir dunha maneira máis ou menos fidedigna mediante o método explicativo o que pasou e por que pasou. Polo tanto, o papel da historia hoxe é bastante similar ao de outras disciplinas científicas, pero neste caso o suxeito estudiase a si mesmo, o que crea un feed back cognitivo imposible de erradicar completamente. Como consecuencia, a concepción do mundo e as opcións ideolóxicas do historiador interfiren necesariamente en maior ou menor grao na súa labor. O gran reto que temos é procurar ser conscientes deste problema e procurar que esa incidencia sexa a menor posible, aínda sabendo que nunca vai ser nula.

a maioría dos que se dedican á divulgación non son historiadores profesionais… historiograficamente deficientes ou directamente con panfletos

Ven de publicar recentemente Historia mínima de Galicia (Turner, 2016). Pensa que os historiadores adoitan descoidar a divulgación?

En xeral si, pero hai que velo en termos relativos. O principal problema é que a maioría dos que se dedican á divulgación non son historiadores profesionais, e polo tanto as obras de divulgación son historiograficamente deficientes ou directamente son panfletos, coma no caso de Pío Moa, que están ao servizo dunha causa partidista. Tamén temos casos en que envoltos polo periodismo amarelo, buscando cousas que a xente con pouca cultura lles poida chamar a atención como os enredos de cama dos reis e raíñas ou quen asasinou a Prim.

Sen embargo, hai que dicir que existe unha minoría de historiadores profesionais que se aplican na divulgación. Estes profesionais intentan combinar a amenidade ou facilidade de comprensión para un público amplo co rigor que debe de ter o que foi a investigación na que están baseados os seus traballos. En todo caso creo que o esforzo divulgador podía ser moito mellor.

Fotografía: Laura Dalama.

a concepción do mundo e as opcións ideolóxicas do historiador interfiren necesariamente en maior ou menor grao na súa labor.

Cales son os mitos nacionalizadores máis estendidos da historia de Galicia?

 O mito máis estendido na sociedade galega é o do celtismo, unha idea que naceu cos historiadores do século XIX e que tivo bastante éxito ata hoxe. Pénsase que o galego é un descendente dos celtas e que conserva un carácter propio, pero é un mito que nas últimas décadas conseguiuse desmontar esta idea, aínda que as veces en exceso. O movemento pendular é moi típico das Ciencias Sociais e pasamos dun extremo ao outro sempre polo calor dunhas modas e carecendo dunha reflexión o suficientemente científica. Agora hai un movemento de negación absoluta do elemento celta na protohistoria de Galicia que me parece excesivo. Considero que neste caso hai que aplicar a máxima de que no termo medio está a virtude. Así pois, dende o meu punto de vista, si que hai elementos innegables na toponimia, na antroponimia e incluso na cultura material. Con todo, non é menos certo que o termo celta é moi vago porque abrangue un conglomerado de pobos e culturas moi diferentes entre si pero que teñen unha certa relación. Podemos concluír que a protohistoria de Galicia, como tantos outros sitios, é unha protohistoria mestiza formada pola cohabitación de elementos con referentes de substratos étnicos moi diferentes.

– Tamén está moi estendido o mito da doma e castración de Galicia por parte dos Reis Católicos.

Si, é outro mito a medias. Como en case todas as construcións que teñen éxito, hai algo de media verdade. Aquelo de que o nobre Pardo de Cela foi un campión das liberades galegas e que o seu axustizamento polos Reis Católicos foi case un feito de opresión nacional está moi metido no discurso galeguista de finais do XIX e sobre todo coas Irmandades da Fala, a comezos do século XX.  Agora tivo un marcado retroceso, mais obtivo moito predicamento en certos sectores do nacionalismo. Isto non se corresponde coa realidade. Era explicable que os nacionalistas escolleran esta historia porque contén toda una serie de elementos propios dunha traxedia teatral que o facían moi útil para construír un mito. O que de verdade sabemos e que a Pardo de Cela importáballe ben pouco a “liberdade galega” porque era un señor feudal que incluso na guerra civil entre Juana la Beltraneja e Isabel la Católica estivo do lado desta última. Como boa parte da nobreza galega da Baixa Idade Media, estaba afeito a obter o que quería e non se decatou de que os tempos estaban cambiando. Fíxose ilegalmente señor de Viveiro, roubou as rendas do bispado de Mondoñedo e cando os Reis Católicos decidiron poñer un límite, foi castigado e executado para que o resto da nobreza tomase nota. Polo tanto, aquí de identidade protonacional non hai nada.

Sen embargo, hai outro nobre galego da época que si se axustaría máis a este estereotipo, Pedro Madruga, conde de Camiña. Polas súas relacións persoais e feudais con Portugal sempre estivo do lado dos que querían a reunión de Galicia con Portugal. Foi reprimido tamén dunha maneira bastante escura, probablemente asasinado, pero ninguén se acorda do pobre Pedro Madruga (risas).

– Fora dos mitos, e a nivel de interpretación, hai debate en torno ao atraso de Galicia no discurso nacionalista.

Hai autores que prolongan o atraso máis do debido ou que o magnifican, pero efectivamente é un problema de interpretación. Existe un atraso relativo respecto da media peninsular a partir do século XIX que está moi ben estudado na obra de Xan Carmona. Outra cousa é que aqueles movementos superadores do atraso sexan minusvalorados por algúns autores mentres que outros valóranos no seu xusto termo.

Fotografía: Laura Dalama.

É evidente que no primeiro terzo do século XX hai esforzos pola modernización da economía galega no campo e na cidade, pero o proceso foi truncado pola guerra civil. En todo caso, teñamos en conta que a cuestión do atraso é un debate esencialmente académico e científico.

Houbo un intento do Piñeirismo de reducir a Castelao á súa condición de artista e silenciar a súa dimensión de líder nacionalista

Moitas veces preséntase a Castelao na súa faceta de caricaturista e debuxante. Descóidase a Castelao como pensador social e político?

Penso que é unha polémica xa superada. Houbo un intento do Piñeirismo de reducir a Castelao a súa condición de artista e silenciar a súa dimensión de líder nacionalista. O propio Ramón Piñeiro díxomo nunha ocasión, que fora un político forzado polas circunstancias, pero partamos de que entre eles dous houbo moitas discrepancias.

Por outra parte, é innegable que houbo un intento por parte do galeguismo non nacionalista dos anos corenta e cincuenta tratouse de descafeinar a figura de Castelao, pero creo que fracasou e hoxe son poucos os que seguen nesa liña. Foi un debuxante moi bo, un pintor mediocre ao meu ver e un literato aceptable que a partir de 1931 converteuse nun dos líderes políticos máis importantes ata a súa morte.  A súa obra ensaística, Sempre en Galiza, serviu de ponte entre o pensamento nacionalista de preguerra e o de posguerra. A súa influencia é incuestionable, no nacionalismo que rexurde nos anos sesenta, pero cunha mutación ideolóxica importantísima; o marxismo nas súas dobres variables, na socialdemócrata e na leninista, pasou a ser a base maioritaria.

(Risco) Para min é o intelectual máis agudo e mellor preparado da súa xeración, pero tiña unha personalidade moi complicada que ademais foi cambiando bastante.

Como se pode debullar a figura de Vicente Risco?

Trátase dun caso complexo. Para min é o intelectual máis agudo e mellor preparado da súa xeración, pero tiña unha personalidade moi complicada que ademais foi cambiando bastante. El formouse intelectualmente á marxe do galeguismo, encadrado nunha corrente de pensamento moi importante na Europa de principios do século XX, a das filosofías irracionalistas, onde se atopaban Nietsche, Schopenauer ou Spengler. Estas filosofías rexeitaban a tradición racionalista do pensamento liberal, marxista e mesmo anarquista. Risco era un nitzcheano que cando asume o galeguismo en decembro de 1917 non renuncia a esa postura. Deste xeito combínaa co rexionalismo desenrolado por Murguía, que era a propia dun liberal progresista. Desa contradición tan marcada naceu o primeiro Risco nacionalista, aquel que escribe a Teoría do nacionalismo galego e que escribe na revista NÓS. Podemos chamalo o Risco populista no sentido literal da expresión, asumindo que o suxeito histórico é o pobo. Ademais, asume a definición da nación galega murguiana, é dicir, absolutamente orgánico-historicista. Pero ao mesmo tempo, cando se trata da política de alianzas, sáelle esa vena irracionalista e potencialmente reaccionaria que traía de atrás.

A partir de 1921 súmase no seu pensamento e nas súas actitudes un compoñente que acabará sendo fundamental, o catolicismo tradicionalista. A experiencia da ditadura de Primo de Rivera, represora de nacionalismos, induce nel un fugaz momento que podemos chamar liberal. É o momento no que escribe El problema política de Galicia, probablemente o seu mellor libro. Aquel que fora contrario á democracia parlamentaria, de repente, amósasenos tolerante co liberalismo e mesmo co socialismo! Ata tal punto chega que considera que debería haber en Galicia un socialismo agrario. Entende que as ditaduras son, no caso de Galicia, incompatibles coas posibilidades de obter un autogoberno. Esta é a súa segunda etapa, a un Risco nacionalista.

Rematada a Ditadura e coa chegada da República, o autor realiza unha viaxe por Mitteleuropa (Europa Central). O que ve en Alemaña arrepíalle; unha loita de clases descarnada coa extrema esquerda revolucionaria maila extrema dereita contrarrevolucionaria e, no centro, a  República de Weimar cos demócratas. E iso, cando a escala menor se produce coa chegada da República, induce en Risco unha involución ideolóxica tremenda[1]. Isto é o que caracteriza a este terceiro Risco, aquel Risco que no 36 escindirase do PG para crear a dereita galeguista e non mesturarse coa Fronte Popular. Segue sendo nacionalista galego, pero reaccionario. Está na fronteira do fascismo pero sen chegar a atravesala, porque hai algo que Risco non pode tolerar do fascismo; o concepto de Estado totalitario. Risco foi moi excesivamente reaccionario neses tempos, pero nunca fascista. É incompatible co seu tradicionalismo; esa retroutopía que quere devolver á sociedade galega a tempos pretéritos, imaxinados ou reais, onde os grupos sociais tiñan unha autonomía nun formato xerárquico, nada que ver con esa nova idea fascista.

No momento da Guerra Civil, houbo un episodio que estigmatizou a figura de Risco. Acontece máis ben por un medo persoal, porque penso que era unha persoa moi medorenta e covarde a nivel persoal. Pensa que para salvar o pelexo debe abxurar do nacionalismo e pasarse publicamente ao bando contrario, cousa que fai. Aparte de queimar todos os seus papeis[2], dedicouse a eloxiar publicamente ao réxime, á sublevación militar ou a publicar artigos antisemitas brutais. Grazas a ese xiro copernicano con el non se meteron; saíu impoluto dos expedientes de depuración dos funcionarios, conservou o cargo da Escola Normal de Ourense etc. Pero Risco, cando a guerra rematou, non se viu medrando dentro do sistema, cousa que sí fixo Filgueira Valverde. Retirouse á actividade puramente intelectual; intentou facer carreira literaria en Madrid aos seus anos ou cando volveu a Ourense continuou coa súa etnografía e a súa historia.

Para rematar, compre dicir que esa abxuración do 1936 hai que colocala no seu contexto. O que resulta evidente é que o acontecemento estigmatizou a súa figura para os restos. Estendeuse unha damnatio memoriae non só para aquelo que fixera mal nos anos 30, senón para todo o que realizara con anterioridade. Intentouse negar algo que era evidente; que nos anos 10 e 20 Risco fora o teórico maior do nacionalismo galego.

Fotografía: Laura Dalama.

o BNG, que segue a ser a forza decisiva dentro da dinámica do nacionalismo galego (non da esquerda), debe cambiar o chip… deben desenvolver unha fonda reflexión das causas que o conduciron ata aí (crise) e intentar corrixilas.

Cal é a situación nestes intres do nacionalismo galego?

Está nun momento moi crítico. Deixou pasar unha oportunidade histórica de converterse na alternativa de goberno en Galicia, aló polo período 1997 – 2001. A partir de aí, coas súas liortas internas, foi ininterrompidamente costa abaixo ata que nas últimas eleccións autonómicas estancouse no seu descenso. Isto foi proclamado urbi et orbi pola dirección do BNG como a gran vitoria histórica, cando resulta que retrocedeu en escanos – 7 – ata aproximadamente comezos da década dos 90 do século pasado[3].

Por outro lado, hai algo que non se dou dende a fundación da ORGA (1929); unha parte importante do nacionalismo galego posúe un matrimonio de conveniencia con forzas non nacionalistas galegas. Pero agora hai un agravante con respecto ó 1929. Aquí, a Irmandade da Fala da Coruña converxe co grupo republicano de Casares Quiroga para formar a ORGA, un grupo teoricamente autonomista non nacionalista, pero de obediencia galega. Non era ningunha filial de ningún partido republicano de ámbito estatal, cousa que hoxe con En Marea non acontece. Anova está con dous partidos de obediencia estatal; EU e Podemos, e queren converter a En Marea nun partido. Isto crea un problema e unha confusión moi grande ao conxunto do nacionalismo galego, que ven a engadirse a todos os demais.

Neste momento, aínda que crítica, debe ter saída arredor dunha serie de circunstancias. A primeira é que o BNG, que segue a ser a forza decisiva dentro da dinámica do nacionalismo galego (non da esquerda), debe cambiar o chip. Dende aquel máximo de 1997 ata este mínimo, deben desenvolver unha fonda reflexión das causas que o conduciron ata aí e intentar corrixilas[4].  Pero non parece que haxa esa autocrítica. A idea que sobresae dinos que como sobreviviron ás últimas eleccións todo é marabilloso. Este inmobilismo pode recoller réditos a curto prazo co demérito das accións do PSOE ou Podemos (ou pode que non), pero en ningún caso vai permitir tirar para adiante co suficiente vigor. Ademais, Anova meteuse nun xardín do que non sabe saír. Pero, ben, en xeral a situación da esquerda en Galicia é lamentable. Logo están as migallas do nacionalismo galego como é Compromiso por Galicia, que de momento pinta pouco. De aí que Núñez Feijóo poida estar moi tranquilo. Mentres siga esta situación, o PP gobernará en Galicia ad eternum.

(Piñeirismo) o nacionalismo en Galicia non era necesario, é dicir, o importante non era a existencia de partidos nacionalistas, senón que había que galeguizar ós partidos españois en Galicia.

Por que non hai un partido nacionalista galego de dereitas e de peso en Galicia?

Resumindo moito; porque o grupo Galaxia non quixo. Enténdese que houbese un repregue na durísima situación que implicaba actuar na clandestinidade nos anos 40, sobre todo despois da caída de Ramón Piñeiro ou dos irmáns Saco etc. Era comprensible e lóxico que nos anos 50 se puxese ao PG da clandestinidade en stand by ata que as circunstancias mellorasen. Pero, claro, deixou de estar xustificado na primeira metade dos 60, cando hai un rexurdir da oposición antifranquista en todas partes; o novo movemento obreiro (CC.OO.) que nace en Asturias coas folgas asturianas do 62, o movemento universitario – primeiro en Madrid e despois no resto do Estado –  a partir do 64 e cunha forza tremenda ou o Contubernio de Múnich do ano 68.

 Con todo, a decisión de stand by mantívose, decisión sobre a cal teorizouse. Ramón Piñeiro concordou que nos 50 non se podía manter a actividade na clandestinidade porque non se rexistraba as condicións necesarias. Pero foi máis aló; o nacionalismo en Galicia non era necesario, é dicir, que o importante non era a existencia de partidos nacionalistas, senón que había que galeguizar ós partidos españois en Galicia. Esta é a tese nuclear sobre a que xira o piñeirismo. Isto foise consolidándose e mantívose cando non debía de manterse para os anos 60.

Cando chegou a (pre) Transición, a marca que daba lexitimidade histórica e de todo tipo era a dun nacionalismo liberal – demócrata (ou de centro), pero o PG estaba ausente. No medio disto, Piñeiro non podía contra a realidade. O escenario do nacionalismo galego estaba copado polos partidos de esquerda, xa que se produciu unha eclosión de partidos na oposición antifranquista  pola vía da esquerda e do marxismo. É verdade que houbo gromos para reflotar ese nacionalismo galego de centro: o Partido Galego Socialdemócrata, a refundación tarde mal e arrastro do PG pero tendo en contra aos grandes albaceas do Partido – os do grupo Galaxia -, ou Partido Galego Popular, que Fraga nunha hábil táctica atraeu ao PP á maioría dos seus integrantes.

Este resultado facilitou unha fagocitación do espazo electoral; primeiro por unha parte da UCD e despois polo PP. E así estamos. Isto tivo fortes consecuencias políticas en Galicia.  Se chegase a existir un partido nacionalista de centro, como era o normal, non ía ter o éxito de CIU ou o PNV, pero sí o suficiente como para evitar unha maioría absoluta do PP.  Ademais, nunha sociedade como a galega, un nacionalismo de esquerda dificilmente vai conseguir unha maioría, pois necesitouse sempre a muleta do PSOE. Mentres que o PP é a hostia; dende o 1981, coas primeiras eleccións autonómicas, levan gobernando 30 anos.

Fotografía: Laura Dalama.

 

[1] Coa República e o Proceso Constituínte non so a Constitución é laica, senón anticlerical, cunha reacción do catolicismo que se fará pública. Isto vai levando cada vez máis a Risco cara a dereita. Risco está presente na creación do PG e con certa tolerancia a esquerda do PG.

[2] Imprescindible para a intrahistoria das Irmandades da Fala – un arquivo importante, ao igual que o de A. Vilar Ponte –ou da primeira parte do PG.

[3] BNG; (1985 = 1, 1989 = 5 e 1993 = 13).

[4] 1997 -2001: 18 escanos en Galicia, 3 en España e 1 no Europarlamento; Camilo Nogueira,