Entre vencedores e vencidos: o pobo alemán en 1945

A desnazificación é un proceso macro depurativo e de innegable carga ideolóxica, levado dende os países belixerantes vencedores e focalizado nun país -Alemaña- catalogado como responsable do estalido da II WW. Enmárcase dentro dun proceso transicional saído dunha guerra -mundial neste caso-, alleo a calquera decisión de ámbito nacional alemá, e nun contexto xeopolítico moi voluble. A súa disposición é transversal, xa que se apoia nos habituais resortes interactivos e de dirección dun Estado con respecto ao seu pobo; xustiza, política, economía ou educación. A singularidade que presenta recae na praxe, é dicir, nas medidas seleccionadas con máis ímpeto e o uso propagandístico das mesmas polos Aliados, os cales controlaron ese proceso de saída.

Ademais, estivo inmersa dentro da real politik ata que se tivo que mirar aos alemáns cuns ollos de “paz,” non de vinganza. É dicir, é un repertorio de instrumentos aplicables, pero condicionados pola variabilidade de propostas e intereses que rematarán por converxer na Guerra Fría maila creación formal da RFA e RDA -como resposta-, en 1949. Neste senso habería que preguntarse ata que punto fracasan as políticas integrais que se aplicaron de formas distintas. Todos vivirían de Alemaña. Así é que nas zonas angloamericanas aplicáronse unhas políticas re-educadoras impregnadas de “civilización”, mentres que na soviética estaban na base da transformación nunha “democracia antifascista”, co seu control político ao uso. O caso francés presenta similitudes entre as anteriores; desexos de vinganza, mala prensa en Alemaña ou a formación de medidas civilizatorias (francesas). Ademais, era posible desarraigar ao nazismo na vida alemá en 1945? Judt afirma – razoablemente – que era inviable.

Un home camiñando a través da cidade destruída buscando comida en Freiburg im Breisgau (Alemaña). Fotografía de Werner Bischof, 1945. Fonte:  http://elrectanguloenlamano.blogspot.com.es/2013_07_14_archive.html

Como contraste con respecto a 1918, a derrota tamén fóra total no senso de Clausewitz, pero parcial en comparación. É dicir, conservaban un Estado propio, pero proclive ás decisións extra-nacionais ou supranacionais, caso da Sociedade de Nacións. Produciuse unha perda conxunta de poboación e territorio, pero non houbo unha ocupación do espazo alemá de forma directa como suxeito da derrota. Incluso perante ó diktat de Versalles, Alemaña aínda conservaba un Exército pero limitado a 100.000 soldados e coa finalidade dun control interior das fronteiras. Para 1945, a transición debía ser ordenada e controlada, máis cambiante nas decisións debido á posible confrontación das súas potencias hexemónicas; EEUU maila URSS. Con respecto a 1918, había unha flutuación de intereses nas potencias occidentais perante Alemaña, é dicir, non vía factible unha soa potencia no continente que, para este momento, era Francia. Por tanto sobreenténdese que a súa soberanía nacional está na vontade de outros países, clave para a futura conformación de dous Estados representativos do contexto internacional. Como relata E. Traverso, non se rexe pola definición de “ocupación belixerante” da convención da Haia de 1907. O control total do porvir inmediato de Alemaña aseguraba unha non repetición das políticas de hostigamento contra un Estado perdedor a través dun diktat. Ademais tamén encontramos a concepción dos, cando menos, dirixentes nazis do búnker, onde a loita resistente debería estenderse ata o último home. Xunto a isto, descubríase esa busca do refuxio no ámbito privado dos alemáns, en termos xerais.

Na súa finalidade – en termos clausewitzianos – a misión da guerra, tanto dun bando coma do outro, consistía en modificar a vontade do adversario mediante unha derrota total. Pero isto va máis aló desa práctica finalista. Nesta nova guerra de potencias, volvíase a impregnar de nacionalismos de masas como encarnación “viva” dos Estados-Nación (existentes ou non). Para o caso de alemán, a modificación da conduta da poboación -vía interior ou exterior – prodúcese na posguerra transicional europea. Pola contra, en 1918 a conduta modifícase por vía indirecta, pola vía económica – política das reparacións de guerra, e que puido deixar un pouso de resentimento e indignación contra os vencedores. Era a fórmula da “Alemaña debía pagar,” sobre todo por parte francesa. Mais esta conduta estaba dentro dun marco plural dun Estado ex-novo, republicano e constitucional. Foi canalizada e usada polos sectores marxinais nazis que se auparon fortemente tralo ano 1929. Do mesmo xeito fixeron seu o nacionalismo alemán, tendencia que se viu prexudicada coa derrota total. Neste senso, outra das consecuencias radicaba na idea de que a loita debía ser autodestrutiva para o país. Esta idea maximalista da violencia quedaba apegada a un terreo irracional de sentimentalismo nacional, mais cos seus criterios racionais usados nestas teorías. En si mesmo, o sector era minoritario; veteranos de guerra e mozos con entusiasmo belicista, pero tamén en Alemaña chegou esa Xeración da Fronte ao poder envolto nun modernismo reaccionario como é o fascismo (versión nazi).

Internados alemáns dos Sudetes esperan, en Praga, a súa deportación cara Alemaña, 20 de xullo de 1945. Fonte: http://oe1.orf.at/programm/405382

Con todo isto, na inmediata posguerra hai un consenso antibélico na sociedade alemá, que se xuntaba cunha necesidade exculpatoria por vía dunha tese intencionalista nazi. Á vez distáncianse dunha reverencia cara o militar e ó nacionalismo alemá, promovéndose á par políticas culturais, sobre todo no bando occidental. É dicir, será unha nación fragmentada en dúas vertentes, onde se colleita un xiro cara o pacifismo e formas diferentes de internacionalismo que non fosen un imperialismo militar, caso do comunismo, integración europea, socialismo, relixión etcétera. Por isto, non se pode producir ningún tendencia revanchista saída da guerra, coma no caso da Gran Guerra. A consideración da extenuación e sufrimento como parte dunha memoria selectiva de posible inclusión por parte da sociedade deixaba atrás calquera visión heroica que esa resistencia teimuda dos dirixentes nazis querían facer espertar. Ademais, a quen se lle podía botala culpa? Tecnicamente non quedaba ningún inimigo interno catalogado como tal por parte dos dirixentes. A Dolchstoss legende non se podería usar como vía exculpatoria perante a derrota.

O futuro do pobo alemá encontrábase na Conferencia aliada de Postdam -17 de xullo a 2 de agosto de 1945-, ademais de incrementarse as manobras na guerra do Pacífico. A loita final -en solo alemán, sobre todo- rexistrara un enrocamento constante nas decisións de resistir ata a extenuación, así coma certa forma de reacción pasiva do pobo alemá ante tales misivas. É dicir, vaise producir un cambio na mentalidade alemá, un imperativo de esquecemento na que se dedicaban a “finxir” como pobo un descoñecemento das condicións individuais e colectivas, tanto dos propios alemás como dos prisioneiros dos distintos campos de concentración. Fontana recolle a idea de que a maior culpa achacable aos alemáns con posterioridade non radica na incapacidade de resistir, senón na súa disposición a servir. Quizabes non está na servidume unha das posibles respostas. Quizabes habería que preguntarse polo grado de implicación entre pobo e réxime, que gañaban ambos lados, caso dunha lexitimación fronte a unha estabilidade e prosperidade se se alienaban, ou tamén observar o grao de adoutrinamento – co aparato goebbeliano – que chegou a sufrir a poboación, sobre todo as novas xeracións do momento.

Ruínas da estación Anhalt, Berlín, por Abraham Pisarek. Fonte: http://revistamito.com/stig-dagerman/

Esta disociación entre pobo e gobernantes non se produciu de forma colectiva e consensuada. Significa que debían sobrevivir á paz nun país que desaparecera, xa que durante a guerra os nazis mantivéronse todo o que puideron á costa das súas vítimas. A restrición e a escaseza non foron visibles de forma habitual en Alemaña ata 1944. Ademais xúntase a isto un avance polas dúas frontes aliadas e os constantes bombardeos ás cidades. O recordo inmediato da guerra en Alemaña non vai ser o momento triunfal de 1939/40, senón aquel que acontece á beira da derrota final. A sensación de vivir da guerra pasaría á dunha supervivencia na paz. Habería que preguntarse que foi máis decisivo; se unha deformación psicolóxica en base aos traumas do contexto final da guerra ou un ocultamento intencionado do seu pasado nazi (obrigado ou non) e proclive á estadía dos vencedores. Preséntase así outro dos mitos de posguerra saída dende a propia Alemaña: o Stunde Null ( “Hora Cero”). O propósito era claro; recomezar sobrepasando o réxime nazi e negando certas continuidades estruturais e persoais. A misión era distanciarse dun pasado que se inmiscuía no seu devir e no máis problemático; no seu presente. É dicir, o nacionalsocialismo pertencía a un pasado remoto. Podemos non aceptar esta consideración, pero si comprender a súa formulación e os sucesos que partiron dela.

Hai que ter en conta que a capitulación non se realizou de forma simultánea. Ademais a consideración dos Aliados, sobre todo na fronte oriental, era a dunha dureza inicial, sen contacto coa poboación. Non chegaban como liberadores, senón como exércitos vitoriosos. Á vez levaban consigo as carraxes, desprezos e explotacións ás que foron sometidos aqueles soldados e mandos durante a ofensiva e control nazi. Era unha contra-violencia das zonas subxugadas. En xeral, unha das afrontas máis considerables radica na prosperidade e orde alemá que detectaban en comparación coas zonas dominadas, lugares que agora posuían unha parte do poder mais da iniciativa. Era unha visión de culpabilidade colectiva. De forma máis concentrada, no bando oriental constrúese un estándar de odio, unha memoria de desquite, sobre todo na URSS. Isto prodúcese como resposta á proxección teórica e práctica da raza aria nacionalsocialista. Agora os infrahumanos humillaban a “raza superior”, e o seu instrumento preferido eran as mulleres alemás. Non intentamos focalizar atrocidades. Simplemente testemuñamos unha misión contra o esquecemento do sufrido, amén dunha violencia -a todos os niveis- semicontrolada por un período concreto de tempo, no cal a poboación “pertencíalles” por vinganza. Só poderían ver a familiares e amigos dos asasinos e opresores que sufrirán durante o avance nazi.

Esta negación da mutua condición humana prodúcese tamén no bando occidental pero en menor categoría, o que non implica a súa minusvaloración. De forma sinxela, con certo respecto ao occidentais: o principal obxectivo era a súa explotación. Con todo, os exemplos son múltiples, caso das tropas coloniais francesas na Selva Negra, ou a experiencia da liberación dos campos de concentración ou dos traballadores forzados estranxeiros en Alemaña por parte dos soldados occidentais, cunha actitude máis laxa nun comezo. Había unha deixadez, unha inoperancia con respecto a saqueos por parte desas masas de traballadores errantes ou mesmo cedían as vidas dos verdugos aos liberados dos campos de exterminio. Tamén existe unha concepción étnica no traslado de poboación coa finalidade de obter Estados máis homoxéneos, característica que tamén afectou a Alemaña.

Unha das resolucións da Conferencia de Potsdam foi que facer con Alemaña. A guerra aínda non rematara. De esquerda a dereita: Winston Churchill, Harry S. Truman e Iósif Stalin. Fonte:  https://commons.wikimedia.org/

Con respecto aos propios alemáns, todos posuían a condición de delatores ou denunciados. Estamos a falar, sobre todo nos comezos, de denuncias e/ou acusacións perante autoridades aliadas que recollían con vehemente crédito contra outros moitos alemáns que posuían “un cadáver no armario”. A normalidade é que se movesen arredor da supervivencia, mais tórnase máis levadeira se conseguían ser intermediarios ou achegados aos aliados con respecto ao resto da poboación. É dicir, aseguraban o acceso a privilexios ou artigos de luxo en base, por exemplo, á necesidade de contratar alemáns para unha futura ensinanza, reconstrución física, persoal de hospitais etcétera. Tamén pódese incluír neste apartado a aqueles alemáns con ansias de vinganza ante un pasado sufrido durante o nazismo. Pola contra, se tornamos a percepción, de forma xeral prodúcese un distanciamento entre a forma de relacionarse dos mandos aliados -coa súa determinación nas políticas- e a impregnación do soldado raso ou mesmo dos mandos intermedios, en contacto constante coa poboación. Pero, tanto para os EEUU coma para a URSS, convivían tamén cun certo medo e paranoia aos catalogados como posibles Werwölfe (Homes Lobo), un temor que se manifestaba, en parte, co trato cara a poboación civil. Ao mesmo tempo, observase un retraemento dos alemáns cara o seu ámbito privado, sobre todo para a supervivencia e protección dos seus bens. Isto debíase a que Alemaña era saqueable. Insistían en retirar ou agochar todo aquilo que puidese relacionalos cun pasado inmediato que negaban por abstracción. Aínda que o mito do Stunde Null puido usarse de forma efectiva, a responsabilidade de inculpación quedaba a expensas dos vencedores. Eles decidirían se había culpa individual ou colectiva.

BIBLIOGRAFÍA

BESSEL, R., Alemania 1945: de la guerra a la paz, Ediciones B, Barcelona, 2009.
FONTANA, J., Por el bien del imperio : una historia del mundo desde 1945, Pasado y Presente, Barcelona, 2011.
JUDT, T., Postguerra; una historia de Europa desde 1945, Taurus, Madrid, 2012.
LOWE, K., Continente salvaje: Europa después de la Segunda Guerra Mundial, Galaxia Gutenberg, Barcelona, 2015.
MACDONOGH, G., Después del Reich: crimen y castigo en la posguerra alemana, Galaxia Gutenberg, Barcelona, 2010.
TRAVERSO, E., A sangre y fuego: de la guerra civil europea 1914 – 1945, Prometeo Libros, Buenos Aires, 2009.