VIDAS PARALELAS: W. BENJAMIN E S. WEIL

O teu perigo é máis ben o desexo de comunidade, índa que se trate da comunidade apocalíptica da revolución…”

Gerhard (Gershom) Sholem a Walter Benjamin, carta do 6 de Maio de 1931

1-Dous profetas na gaiola da Historia

Nunha das camas do fondo do hospital atópase unha descoñecida, unha expatriada. Ashford, 1943: unha muller co sorriso famento agoniza nunha das camas do hospital moi lonxe da súa casa. Portbou, 1940: un home coa face envellecida de súpeto dirixe as derradeiras verbas a unhas mulleres que o escoitan coidadosamente. No seu cartafol leva un anxo engaiolado e na mirada o medo dun coello antes de ser abatido. Estas son as escenas derradeiras de dúas vidas tráxicas e paralelas que endexamais se coñeceron, a pesares de seren contemporáneos nas ideas e nos feitos. Así como os relatos biográficos de Plutarco –Vidas Paralelas- son unha xustificación fermosa do que semella un acompasamento dos pensamentos e accións de persoeiros históricos grecorromanos, tales como Alexandre Magno e Xulio César (ambas culturas parecen xustificarse amosándose paralelamente a través de dous espellos -reprodutores de espectros- enfrontados que multiplican a imaxe até a distorsión no infinito) tamén se posiblemente hoxe hai vidas paralelas por descubrir, unha destas podería ser a de Simone Weil (1909-1943) e Walter Benjamin (1892-1940), exemplos de actitudes vitais, literarias e filosóficas diferentes mais tamén semellantes.

Eles sufriron a Historia do seu tempo tan intensamente que o espasmo das circunstancias e a coherencia os levou á morte prematura, desexada ou non. Aínda seguimos preguntándonos se Weil, a filósofa francesa, deixou de comer para acelerar a súa morte no hospital de Ashford (Inglaterra) ou se Benjamin inxeriu aquel bote de pílulas de morfina pola dor, polo agotamento ou para ceibarse das gadoupas da Gestapo invocadas dende a España franquista en Portbou (Cataluña). As súas vidas foron tan ricas en contidos como amputadas pola bota fascista a cal lles serviu tamén de inspiración indesexada. A súa herdanza posterior foi un continuo descuartizamento pola posesión dos seus corpos ideolóxicos. En decembro do 1933 Trotsky saíu moi animado da residencia dos Weil en París logo de falar coa filósofa, afirmando: “Neste cuarto produciuse a IV Internacional!” A pesares disto, hoxe grupos católicos seguen firmemente decididos a canonizar á mesma Weil loubada polo disidente comunista. A Benjamin pásalle algo semellante; o seu traballo a medio camiño entre a filosofía, a crítica literaria, a historia, a literatura ou a teoloxía foi logo da súa morte unha herdanza apetecible para sionistas como Gershom Sholem, marxistas revisitados como Theodor. W. Adorno até liberais sui generis como Hannah Arendt. Todos querían reivindicarse como herdeiros. A calidade prismática dos seus traballos, ambiguos para quen os queira entender así -trabucadamente-, só nos amosan o profundo compromiso destas dúas personalidades que viviron a Historia de forma corpórea, levando ás derradeiras consecuencias o seu pensamento, igual que o Cristo suicida dos filósofos, Sócrates, dous mil anos antes ca eles. Eles son os derradeiros profetas da esquerda, os anxos terríbeis do mundo cercenado do s.XX.

benjamin-traballando

Benjamin traballando na Biblioteca Nacional de Francia, París. Posiblemente recollendo notas para o seu ambicioso proxecto inacabado, a obra das “Pasaxes” (Passagenwerk) a mediados dos anos 30.

2-O partido e o compromiso: obedientes e disidentes

Se algo une a Benjamin e a Weil é que estiveron sempre relacionados dunha maneira ou doutra cunha liña ideolóxica de esquerda máis alá dos socialdemócratas: o comunismo nas variantes non stalinistas ou o interese polo anarquismo conforman un continuum ó longo da súa obra. G. Sholem, íntimo amigo de Benjamin, moitas veces emitiu absurdos xuízos sobre o que fora noutrora o seu mestre afirmando que lle iría moito mellor se se afastase do comunismo e, sobre todo, das lecturas marxistas. Benjamin, maior que Sholem, non esqueceu a herdanza hebraica á cal se sentía timidamente ligado mais axiña atopou na análise da linguaxe de Marx un campo axeitado de exercicio: estaba convencido de que a súa obra xiraba arredor da “transformación da superestrutura“. Dinos algo esta actitude do seu compromiso? Posiblemente sí xa que Sholem ofreceulle moitas veces traballo a Benjamin en Xerusalén organizando a Universidade Hebrea nuns postos ós que Benjamin rexeitou, a pesares de que moitas veces tiña que pedir diñeiro en empréstito e malvivir na bohemia parisina logo de ser expulsado de calqueira espectativa de entrar como docente na universidade alemá.

Weil tampouco se sentiu chamada polo sionismo, ela sentíase unha francesa para nada identificada coa exclusión. Mais a Weil non lle ofreceron ningún posto en Xerusalén. Ela tivo éxito na súa carreira académica e logo de pasar pola École Normal (onde se toparía con Simone de Beauvoir nos duros exames da institución) e obter unha cátedra de Filosofía, foi a traballar a unha fábrica en 1934 para analizar nas súas carnes o que logo daría o título de A condición obreira (La condition ouvrière), deixando a actividade docente logo de dous anos de actividade. No seu Diario de Fábrica retratará o seu traballo como obreira nas prensas non co desexo de ser unha antropóloga entre os obxectos do seu estudo, senón por chegar a entender fisicamente, máis alá do académico, aquilo que os seus antergos burgueses non experimentaran: o traballo mecánico, físico, explotador e alienador da fábrica. Simone nunha carta afirma:

“Non estou decepcionada. Estou moi contenta de facer isto logo de soñalo tanto tempo. Cada vez estou máis convencida de que a liberación (relativa) dos obreiros é algo que debe facerse dende o taller, e creo que chegarei a aclarar un pouco de que depende. Paréceme que para facer dunha fábrica un lugar feliz habería que levar a termo cambios moi considerábeis” (11 de Decembro de 1934, carta dirixida a Thévenon)

Á mesma vez, o pai de Weil tentaba influir nas amizades desta para quitala da fábrica ante a estraña actitude da súa filla e as consecuencias físicas que padecía: “Tente dicirlle que descanse. Estase matando. Non nos fai caso“.

Benjamin viaxou a Moscú en 1926-1927 e froito da súa visita será o seu Diario de Moscú (Moskauer Tagebuch) onde relata a experiencia contraditoria e o regusto amargo da súa visita. As impresións dunha análise política do asunto, que tamén están expostas, vense escurecidas pola inquedanza de Benjamin, Asja Lacis, unha das súas amantes e persoa clave no concienciamento deste sobre a análise marxista. Se ben Benjamin pensaba baixo o signo dunha heterodoxa escola de pensamento da esquerda, a súa actividade política real estaba en parte paralizada pola apatía política centroeuropea, afecionada a analizalo problema na súa abstración e non na súa concreción: endexamais veremos a Benjamin nunha manfestación. Sendo así, debemos dicir tamén que é innegable que Benjamin, atarefado nas súas obras non rematadas e nas súas miniaturas literarias, tiña un interese aínda que fose pasaxeiro e intenso na deriva ideolóxica da URSS, en especial de Trotsky. Para Benjamin a URSS era a fascinación do productivismo e o enfeitizo do progreso tecnolóxico, un namoramento que rematou coas purgas de Moscú do 1936, co pacto xermanosoviético (Ribentropp-Molotov) e coa deriva do Partido Comunista Alemán. O interese por Trostky mantívose e o estremecemento dunha hipotética reconciliación deste con Stalin transmítese nas cartas:

Nos xornais españois dise que se produciu unha reconciliación entre Trotsky e Stalin. É isto certo?” (2 de Xuño de 1933, carta dirixida a Alfred Kurella)

brecht-benjamin

Walter Benjamin e Bertold Brecht nunha partida de xadrez en Dinamarca, no exilio deste último.

O interese por Trotsky e a súa honradez disidente implicaba a este como un baluarte contra o que Benjamin entendía como as crecentes similitudes na política de terrorismo de Estado de Stalin e Hitler. Na crítica á teoría esmagadora do progreso, o que máis ataca Benjamin ó productivismo stalinista era ocultar baixo a faciana do progreso técnico os problemas auténticos de partido: era posible un socialismo futuro sen Estado? Era posible organizalo sen reprimir a dinámica revolucionaria? O progreso era unha cegadora mentira para quen cría no anxo da Historia paralizado pola visión catastrófica do pasado.

Ó igual que os insectos nocturnos gravitan arredor dunha luz polo magnetismo e á vez polo medo a queimarse na luz, Benjamin sentíase igual pola decisión de entrar no Partido Comunista; moitas veces preto mais indeciso de definirse realmente. Pola contra, Weil participou máis activamente nos xornais de esquerdas da época e tamén nos debates de sindicatos ou partidos. Na mitoloxía biográfica non faltan pasaxes como aquel que afirma que a nena Simone ondeou unha bandeira vermella nunha manifestación proletaria, ou aqueloutro case cómico que relata como a avoa interpretaba ó piano o himno da Internacional nos hoteis de luxo onde se hospedaba. Segundo o seu irmán, André Weil, Simone sempre estivo a piques de enviar a carta de afiliación ó partido co encabezamento dunha “solidaridade” que a levaba a actuar. O exemplo mais senlleiro da súa entrega foi a decisión de viaxar a España durante a Guerra Civil: alí recibiría un bautismo de sangue para ben e para mal. Consérvanse algunhas fotografías que a representan uniformada como miliciana coa roupa lixeiramente grande nos pantalóns ou a camisa. Weil, a filósofa de pais burgueses, sentiu unha chamada a participar na guerra que ninguén poido reprimir. Anos despois, durante a súa colaboración coa resistencia francesa en Londres, presentou varios informes defendendo a creación dun servizo de enfermeiras que estivesen sempre en primeira liña de fogo, arriscando a súa vida polo servizo de axuda. Este comportamento tan entregado como suicida, tamén se amosa cando Weil viaxou en 1936 á fronte en Aragón e Cataluña e retrátanos unha conciencia de entrega que asustaba ós propios camaradas de armas. En Aragón, Weil poido coñecer a Durruti e o seu magnético liderato ainda que axiña será testemuña dalgúns asasinatos de civís acusados de colaboradores do inimigo. A guerra de España foi unha aprendizaxe e unha decepción. O 8 de Agosto Simone envía unha postal ós seus pais onde catro anos máis tarde Benjamin topará a súa morte, Portbou, comunicándolle a tranquilidade do lugar. Para poder ir á guerra, Simone faise pasar por xornalista aínda que desexa facer moito máis. A fascinación e a temeridade amosada por Simone sorprenden ós dirixentes da CNT ou do POUM: ela xa é coñecida en Francia e España polas súas ideas, canalizadas por numerosos xornais. Antes de aprender a manexalo fusil, estuda as colectivizacións anarquistas en Cataluña. Ofrécese a misións de alto risco no bando franquista mais o resto négase a enviala a unha morte segura. As novas que lle chegan sobre o asasinato polos anarquistas dun falanxista de 15 anos ou dun sacerdote son para ela motivo de escándalo mais non o toma con esaxeración:

Durruti era en moitos aspectos un home admirable. A morte deste pequeno heroe non deixou dende entón de gravitar na miña conciencia, ainda que me enterara logo de ocurrida.” (Escritos históricos e políticos)

Simone voltará a Francia cun pé ferido por unha queimadura accidental e o ánimo pesimista de que a alternativa a Franco non estaba clara: gravitaba o perigo do desenlace cesarista da Revolución. Paralelamente, a Weil e a Benjamin lles preocupa a deriva dunha esquerda afastada do seu cometido principal: a liberación do ser humano. Benjamin non se posicionou tanto como Weil mais axiña comezará analizar o fenómeno do fascismo: a súa análise da violencia fascista e reaccionaria é vangardista. Son algúns exemplos de que non só escribía sobre temas ex-temporais, todo o contrario. Poucos coma el afunden o coitelo da análise tan profundamente para chegar á natureza social profunda e real. Porque, que é senón unha análise imposible e desmesurada de comprensión social dunha época o que pretendía Benjamin nas súas inacabadas pasaxes sobre o París de Baudelaire?

weil-moza

Simone Weill á idade de 12 anos fotografada en Baden-Baden.

3- Krishna e o anxo da Historia: a mística como saída e alegoría

A Benjamin fascináballe un cadro de Paul Klee, Angelus Novus. En tons sepias e ocres aparece un anxo coas mans extendidas e erguidas, a parte inferior ten algo de aguia ou de serea grega e os bucles da súa testa están acartonados. A mirada, igual que a Sibila délfica de Michelangelo Buonarotti na Capella Sixtina, está dirixida a un lugar lateral fóra do cadro. Algo sucede e o aire estremécese. Hai un suspense nos seus ollos e na súa boca que recorda ós intres anteriores dun gran berro universal. Uns dos escritos derradeiros e máis fermosos de Benjamin está presidido por este anxo, As teses sobre o concepto de Historia. Xestadas durante 20 anos, as teses ían no cartafol de Benjamin cando fuxía de Francia. O carácter alumeado, denso e profundo amósase en aforismos que constitúen unha breve obra mais de singular importancia para o resto do s.XX.

Hai un cadro de Paul Klee chamado Angelus Novus (…) Pois esta apariencia deberá ter o anxo da Historia. El xira o seu rostro ó pasado. Onde nos só vemos unha secuencia de datos, el ve unha única catástrofe que se acumula sen descanso ruina tras ruina caendo ós seus pés (…) zoando dende o Paraíso, unha treboada enléase nas súas ás, e é tan forte que o anxo non pode pechalas (…) O que chamamos progreso é precisamente esta tempestade.” (Tese IX)

Benjamin, a diferenza de Weil, utiliza determinados motivos relixiosos ou teolóxicos como unha metáfora ilustrativa e estética da súa prosa. Neste caso o anxo e a anxeoloxía tan de moda a comezos do s.XX, como en R. Alberti e o seu Sobre los ángeles, son utilizados para xustificar unha lectura determinada do progreso e a súa crítica, personificándoa. Para Weil a súa revolución mística, endexamais rematada e definida, é algo máis que un motivo literario. Baixo o lema de Anathema sit (sexa a condena!) procura na heterodoxia a súa habitación existencial entre Cristo, o xudaísmo e Krishna (as cartas finais ós familiares ás veces levan o epílogo de “non vos esquezades de Krishna“). O mellor libro para retratar este comportamento vital amósase en A Gravidade e a Graza (La Graveteur et la Grace). Weil foi seducida pola fascinación que supuña a relixión, en concreto, a católica e o cristocentrismo. É difícil e poético á vez retratar unha erótica que axiña pasa a ser xenreira e viceversa: a idea dun dogma e unha unifomidade facían fuxir á filósofa francesa. Exército, Igrexa e Partido eran produtores de dogma e polo tanto de obediencias que sempre se podían confundir coa tiranía sexa baixo Louis XIV ou Adolf Hitler. Ela, a candidata a santa, fitaba no relato evanxélico un espirito de entrega suicida polas causas maiores.

O repartimento do corpo ideolóxico de Weil chegou a crear relatos sobre a conversión dunha xudía agnóstica atraída polo catolicismo índa que isto non fose totalmente así. Creáronse relatos dunha conversión cando Simone Weil xacía na agonía e non era capaz case de falar, algo infundamentado e improbable. O problema era se as súas ideas podían atopar acubillo no seo do catolicismo. Porén, Weil era unha filósofa que, sen ser stricto sensu católica, podía estremecerse e crear relatos sobre experiencias místicas escoitando o canto gregorián de Molesmes ou ante a imaxe do Cristo de Santa Chiara en Asís. Alí onde Benjamin lía na Historia unha catástrofe que se desprega, Weil procuraba no pasado os vangardistas da relixón e da revolución (os ciompi de Florencia do s.XIV, os cátaros, os filósofos gregos, os franciscanos primitivos, a teoloxía de Krishna, etc). Weil así entendida semella expresar un optimismo do que non dispón Benjamin. Para ela a condena humana é a pesada explotación da materia, mentres que Benjamin tece un tapiz como avisos de incendios que berran ós catro ventos: perigo! Ambos investigan a alienación da Humanidade máis alá do espello do determinismo máis estricto: a mitoloxía do progreso en Benjamin implica unha relectura da mitoloxía do Mesías, aparecendo nas fendas da Historia como fe no progreso; para Weil a conciencia liberadora está lonxe das formacións de masas, do encadramento e do dogma. Ela chama a un novo deus, a unha nova espiritualidade. Invoca o regreso dos deuses baixo a liberdade:

Non recoñezo á Igrexa ningún dereito a limitar as operacións da intelixencia ou as iluminacións do amor no ámbito do pensamento” (Pensamentos desordenados)

weil-miliciana

Simone Weil como miliciana en Barcelona, 1936

4- O aire escuro arredor dos mártires

Anos despois de morrer Benjamin en Portbou, Hannah Arendt -filósofa, analista do totalitarismo e amante temporal de Heidegger- visitou o cemiterio onde supostamente estaban os restos do seu desaparecido compañeiro. Inclinado sobre unha terraza no mar atopábase o cemiterio branco da localidade catalana. Hannah interrogou ós sepultureiros sobre a localización da tumba de Benjamin e estes indicáronlle unha tumba falsa. A auténtica facía tempo que fora desfeita e os restos de Benjamin desapareceran nunha fosa común, irremediablemente. De feito, ata o seu nome fora intencionadamente mal posto: “Benjamin Walter” ou “D. B. Walter”, quizáis co espúreo intento de agochala súa identidade. Ninguén sabe hoxe en día onde se atopan os restos. Os documentos que Benjamin levaba na súa carteira desapareceron logo de que as inundacións e as ratas destruíran unha parte dos arquivos de Portbou. No 1975, cando se trasladou o arquivo, non quedaba nada dos obxectos que Walter deixara á súa morte. En Ashford, lonxe da súa patria, atópase a pequena tumba de Simone Weil. Un pequeno rectángulo pétreo entre a herba circunscribe o nome e as datas de nacemento e morte no New Cemetery, na parte católica. Sete persoas asistiron ó seu enterro mentres os xornais locais anunciaban que unha folga de fame acelerara a súa morte. Como Benjamin, non saberemos nunca a realidade do momento ante testemuñas tan contraditorias. Desexaba Weil non comer máis que os seus compatriotas baixo a ocupación nazi? Posiblemente sexa así índa que non sabemos onde comeza a verdade e remata o sensacionalismo. O Tuesday Express e outros xornais anunciaban: “Morta por fame. O curioso sacrificio dunha profesora francesa“. Creaban un referente e exemplificante mártir da resistencia francesa, mais o que derrotara a Weil fora a tuberculose. O entregala vida naceu o canon.

En definitiva, que conclusións podemos extraer destas dúas vidas paralelas? Ambos estaban interesados nos problemas sociais e políticos da súa época dende unha esquerda heterodoxa e fóra de liñas de partido, anarquizantes á súa maneira, nunha herdanza débil do xudaísmo dos seus antergos na que reivindican a integración en cadanseu Estado, un final tráxico no suicidio e o exilio e unha posteridade do seu pensamento durante un tempo esquecida mais agora reactivada e moi discutida dende diferentes ámbitos. Algunha vez o dixo Albert Camus, a súa frase podería ser o emblema destas vidas paralelas:

Debemos empregar os nosos principios nas grandes cousas. Para as pequenas, chega coa misericordia” (Carnets, Caderno VII, 1951-1954)

BIBLIOGRAFÍA

LÖWY, Michael (2002) Walter Benjamin: aviso de incendio. Una lectura de las tesis “Sobre el concepto de Historia”, Buenos Aires, Fondo de Cultura Económica.

PÉTREMENT, Simone (ed.1997, 1973) Vida de Simone Weil, Madrid, Trotta.

SHOLEM, Gershom (ed. 2014, 1975) Walter Benjamin. Historia de una amistad, Barcelona, Penguin Random House-Debols!llo.

TAIBO, Carlos (2015) Walter Benjamin. La vida que se cierra, Madrid, Los libros de la Catarata.

WEIL, Simone (ed.1996, 1949) Echar raíces, Madrid, Trotta.

WEIL, Simone (1994) La gravedad y la gracia, Madrid, Trotta.