O CORPO FEMININO E A SÚA UTILIZACIÓN: s.V a.C.-XII d.C.

Por debaixo da historia coñecida de Europa bule unha historia subterránea. É a historia da sorte dos instintos e das paixóns humanas reprimidas ou desfiguradas pola civilización

Max Horkheimer, Theodor W. Adorno, Dialektik der Aufklärung, 1944

Todo canto foi escrito polos homes sobre a muller debe considerarse sospeitoso,

pois eles son xuíz e parte á vez

Poullain de la Barre, 1647-1725 (citado por Simone de Beauvoir, ver infra)

O detallar, tan propio da poesía barroca, diversos atractivos femininos, subliñando e distinguindo cada un a través da comparación, de maneira agochada vai seguindo a imaxe do cadáver. Tal desmembramento da beleza feminina nos seus fragmentos máis dignos de louvanza semella unha autopsia, e as comparacións predilectas das partes do corpo co alabastro e a neve, coas pedras preciosas e inclusive con outras  figuracións, casi todas elas inorgánicas, fano ben visíbel deste modo

Walter Benjamin, Obra das pasaxes, B 9, 3

O eterno feminino,/permítenos avanzar

J. W. Goethe, Faust, Teil II, escena final

1- O corpo feminino como campo de batalla en dúas escenas

Nunha festa snob e desenfocada do campo romano, Marcello, o eterno paparazzo retratista da decadente Roma, baila nun momento de sorte coa estrela cinematográfica de longa e loira cabeleira interpretada por Anita Ekberg. Delirando de éxtase erótica, afirma sospirándolle ó oido: e ti es o campo e a casa… Nesa escena de La Dolce Vita (F. Fellini, 1960) a actriz, cuxo falar é de dubidoso interese para Marcello, é afirmada no seu corpo coma un tótem: o corpo da muller éo todo, en especial, a terra. Neses segundos do filme retrátase toda unha tradición de xuristas, sacerdotes, poetas, políticos, arcontes, médicos e historiadores que fixeron do corpo da muller un mito metafórico da dominación e a idealización. O corpo feminino foi ó longo da historia un campo de batalla, anatómico e político, onde a lei e o desexo fundaban o dereito. Da representación á execución da lei, da poética á medicina.

marcello-anita

Fotograma de La Dolce Vita de Fellini. Na escena de Fontana Marcello recoñece a Eckberg coma un tótem fascinante e unha reliquia erótica e magnética. Os usos son meramente corporais, non interesa o que sentencie senón os usos do seu corpo.

Os visitantes da Galleria dei Uffizi, en Florencia, aínda fitan La nascita di Venere (1485) como a beleza rosácea, nacarada e equilibrada do corpo perfecto e neoplatónico que foi nun día Simonetta Vespucci. Mentira. Esa Venus recén nada, esa muller que cubre o seu sexo co cabelo pelirroxo, está máis preto das obras cubistas e expresionistas que dun intento renacentista procurando a anatomía feminina de forma científica. Os ombreiros demasiado caídos, os brazos en exceso longos, o pescozo máis preto da familia dos cisnes que da anatomía humana delatan probas dunha diagnose: unha testemuña histórica da distorsión do corpo. Pode que Botticcelli modificase a imaxe da súa namorada morta anos atrás, Simonetta Vespucci, mais ese non é problema senón analizar cómo hoxe en día esa distorsión corporal aínda segue sendo un canon valedeiro. Probemos a que Venus vista uns pantalóns vaqueiros ou unha camiseta, deseguida a deformación xa deixaría de ser fermosa para pasar ó rango do monstruoso. Esta utilización, este esperpento de espello cóncavo ou convexo, as súas razóns e as súas utilizacións serán o noso obxectivo. “Your body is a battleground” anunciaba o cartel proabortista de Barbara Kruger de 1989, e podemos afinar e dicir que un campo de batalla de mercenarios masculinos onde o discurso patriarcal tentou fundamentar un dereito de conquista.

la_nascita_di_venere_botticelli

Detalle de “La nascita di Venere” por S. Botticelli. Os longos brazos e o pescozo de cisne afirman o carácter tanto ideal como utópico de determinada visión da muller: Simonetta Vespucci pasa ser canonizada como un ideal inexistente.

2- Descoñecemento e virxindade na Antigüidade pagá e cristiá

Elixiremos un momento da Historia. Un pequeno óculo entre o pasado da Humanidade que nos exemplifique de maneira axeitada o problema de convertir o corpo feminino nun exceso metafórico.

 A aparición do cristianismo dende a conca oriental mediterránea até a conca occidental significará a mutación e concatenamento dalgúns significados da sexualidade e a anatomía da muller. Dirixámonos ós manuais hipocráticos, ás guías médicas de Galeno ou Orisbasio e atoparemos o que podemos chamar as dúas primeiras teses: 1-o corpo da muller é xulgado a partir do home, 2-o corpo feminino é considerado, nas escasas veces en comparación ó masculino, a partir dos seus órganos sexuais (xenitais, uterinos) e en concreto a partir da súa capacidade reprodutora. A anatomía feminina xorde en comparación á masculina: a muller era, por así dicilo, un varón estéril, moi semellante no plantexamento ó que aparecerá na tese de S. Freud da muller como varón castrado e incompleto. O descoñecemento sobre a anatomía feminina téntase paliar coa información suministrada por canles espúreos ou de dubidosa fiabilidade: a información das parteiras ou o símile fácil entre a anatomía feminina e as femias animais. Aline Rousselle, afirma: “O corpo vivo da muller resúltalles aínda máis estraño que o corpo privado de vida que aínda non poideron disecar

 En efecto, no corpus hipocrático, emblema médico durante xeracións, toda a información sobre a natureza da muller ou sobre mulleres estériles parece provir das confidencias das matronas feitas ós médicos. Non afirmamos totalmente que a información das parteiras sexa sempre falsa, mais estas só interveñen no corpo feminino durante o estado de preñez, isto é, o coñecemento do corpo no seu estado normal queda escurecido ante o interesado enfoque dun coñecemento concreto: cómo se comporta a anatomía da muller na cópula e o embarazo. Ó ser parcialmente un terreo vedado, a autoexploración feminina implica que a muller deba coñecer por ela mesma os cambios ou síntomas de enfermidades precisos: a procura de pólipos ou doutros síntomas son froito do tacto persoal. O médico é alguén que, no parto, agarda detrás dunha cortina por se nun caso extremo as parteiras non poden solucionar o alumbramento.

el-artista-y-la-modelo

Fotograma de “El artista y la modelo” (2012) de Fernando Trueba e Jean-Claude Carrière. A imposibilidade de reproducir a realidade dun corpo feminino en materia plástica é o tema central do artista, interpretado aquí por Jean Rochefort.

Entre os signos de ignorancia pódenos sorprender que esta anatomía feminina, esta terra incognita, fose tratada dunha maneira tan burda: descoñecemento, prexuízo ou mito? Diocles de Carystos (340-260 a.C.) cría firmemente na simultaneidade das menstruacións debido ó efecto lunar, ou sexa, non só que a menstruación sempre coincidise cunha fase do cambio lunar senón que tódalas mulleres o sufrían a un mesmo tempo. Galeno (ca.129-216 d.C.), cun certo aire pragmático aínda que trabucado, afirmaba entender máis da anatomía feminina na disecación dunha mona que tódolos filósofos anteriores cos seus contactos sexuais e lóxicas de sistema. Na máquina humana a muller era interrogada baixo o espectro da fecundidade, da fertilidade: podía concebir sen pracer? Que era exactamente a menstruación? Tiñan tamén esperma? Cal era o seu papel na formación do feto?

Non é a nai quen enxendra iso que chama o seu fillo; ela tan só é a ama de cría do xerme depositado no seu ventre; quen enxendra é o pai. A muller recibe o xérmolo como unha estraña, e o conserva se así lles prace ós deuses” (Esquilo, As Euménides, diálogo de Apolo)

Esquilo danos a súa testemuña sobre o claro papel minusvalorado da muller, tratada como unha simple incubadora, un ente pasivo que non participa na creación de vida, segundo o diálogo de Apolo. A pesares das evidencias coas que se loitaba no referido ó esperma feminino (negado por Aristóteles, afirmado por Galeno), o masculino era considerado o máis nobre, o que posuía o neuma (o alento fundador da vida, segundo Aristóteles). Galeno e Orisbasio desdicíranse desa teoría e afirmarán non só a innegable existencia dese esperma feminino senón tamén que posúe neuma e, polo tanto, que  comparte co masculino o mérito da creación da vida. No mérito da procreación do feto, o esperma masculino levará a honra durante centurias de crealas partes nobres e brancas (ósos, cartilaxes, sangue). A loita pola hexemonía do neuma implicaba unha lexitimación na trabe mestra do patriarcado e polo tanto a reflexión médica só lle aportaba unha solidez e autoridade maior. A xineconomía, a muller como elemento a regular da casa, é exercida mediante o home e o fillo, ambos son os representantes dos deberes e obxectivos da anatomía. O primeiro como demandante dun herdeiro, o segundo como orientación dos esforzos nos coidados. Nesa dominación, a lei, escrita ou consuetudinaria, contaba moito nas consecuencias do matrimonio: as romanas xa ós doce anos ou antes podían ter o título de uxor (esposa) dentro dun matrimonium iustum, como contrato. En Grecia casaban máis tarde mais desaparecía a natureza de contrato entre iguais, pasando o seu corpo a ser unha prolongación xurisdicional do masculino. En Roma as rapazas eran desposadas, ás veces, antes da súa primeira menstruación. Todo baixo o precepto de que a muller envellece ás presas, de que o seu crecemento detense antes dos homes e de que a falta de relacións sexuais conleva danos irreparábeis na matriz, de aí a importancia de legalizalas canto antes. Na área da sexualidade, óculo preferido dos tratadistas médicos, a invención da importancia social da virxindade antes do cristianismo é un feito xa amosado por estudosos como Paul Veyne e defendido por Aline Rouselle.

O cambio de perspectiva sobre a sexualidade no referente ó coito ou a masturbación convertiuse nun campo de batalla erudito da patrística cristiá e antes, dalgunhas ramas neoplatónicas e estoicas nun acompasado xiro copernicano. A xestión, a mesura, a limitación da sexualidade elevarase a unha importancia antes case descoñecida na área social. De Hipócrates a Galeno hai un cambio importante e substancial que xorde máis alá das consideracións sobre a influencia cristiá, logo determinantes. A virxindade e a pureza son valores sociais agora incentivados entre determinadas elites do s.IV ou V, por exemplo en Roma, Milán ou na lectura dos priscilianistas. No cristianismo primitivo o ideal virxinal feminino era claramente a imitación da Virxe María, isto é, como esposas de Cristo. No século IV evanxeos non canónicos como o Protoevanxeo de Santiago serán o elemento fundador e dinamizador desta corrente. Desta maneira, non só se afirma que María era virxe antes do parto, senón durante e despois do mesmo creando unha xenealoxía da pureza que chega até os seus pais, Xaquín e Ana, mitoloxicamente estériles. María, a creación perfecta da anti-muller. Afastándose de calqueira consideración biolóxica o que importaba era o illamento, a adicación e a sumisión dende a infancia dese novo arquetipo construído, a mantenta, a partir da contradición da meirande parte da natureza fisiolóxica feminina. Tanta será a importancia da dinamización da virxindade entre determinados estamentos que se creará o ordo virginum, esaxerada imitación do que nun día foran as vestais romanas, cun lugar preferente entre a sociedade, logo do clero. A ortodoxia vaise creando, a impulsos negativos e violentos, como resposta contra a heterodoxia. O auxe da virxindade foi criticado por seglares como Helvidio, romano, que defendía que Xosé e María tiveron relacións sexuais tralo nacemento de Cristo e que de aí saerían os coñecidos irmáns. Xerome (340-420) escribirá o seu Contra Helvidio tentando paralizar as desercións numerosas do ordo virginum. Este ordo de virxes non só o debemos comprender como unhas proto-monxas: moitas veces vivían conducidas por outra persoa, as coñecidas como agapetas nunha especie de matrimonio sen relacións sexuais e sen residir nunha comunidade. Axiña serán condenadas e desaparecidas na heterodoxia. Os casos máis comúns eran aqueles nos que unha aristócrata organizaba unha residencia onde vivían en comunidade con outras virxes.

3- A fascinación da anti-muller: o mito mariano

A contradición e problema absoluto era demostrar que a condena da anatomía feminina non implicase ó varón, moito menos se este era nas crenzas cristiás, o Mesías. Lendo obras de pontífices como Inocencio III podemos afirmar que, para eles,  a anti-anatomía da anti-muller era unha saída axeitada a esa encrucillada ante a realidade noxenta da muller do común:

Pensa nada máis de que vive o neno no seo materno! Con seguridade nútrese do sangue da menstruación, xa que esta desaparece das mulleres trala concepción, deseguro para que o neno poida alimentarse dela. Dese sangue dise que é tan noxento e impuro que ó seu contacto as árbores os seus froitos deixarían de xermolar, as viñas secarían, as plantas morrerían, as árbores perderían os seus froitos e os cans que comesen dela voltaríanse raibosos” (Lotario de Segni, 1160-1216, dende 1198 pontífice romano como Inocencio III, De humanae conditionis miseria)

A expresión de Lotario de Segni conleva un repudio e un rexeitamento da bioloxía feminina que a acusa non só do impuro da menstruación senón desa afectación negativa sobre a Natureza, desequilibrada pola muller. Cada mes unha muller podía invertir a orde natural. Sendo inxustamente benévolos con Lotario, podemos afirmar que a obra na que se atopa este extracto é un canto pesimista e escuro sobre vida terrenal, como ben se observa no título, e polo tanto a muller é un branco perfecto na puntería contra a vida do século-mundo. No Corán o estigma da mentruación tamén está perfectamente explicado de forma que se precise unha purificación para reintegrarse na vida marital e social. A menstruación está tratada como unha das peores formas de miasma:

Se che preguntan sobre a menstruación.  Resposta: É un mal. Apartádevos  das mulleres durante a menstruación e non vos acerquedes a elas até que estean puras. Cando estean puras ide con elas como Deus mandou. Deus ama ós que se arrepinten e ós que se purifican” (Azora 2, 222)

A defensa da virxindade dende a tardoantigüidade só provocara a súa importancia crecente na ortodoxia, tanto na vida dos eclesiásticos como na vida dos cristiáns en xeral, ben rexistrada no III Concilio Laterano. O problema da muller e da súa natureza persistía e algúns autores, bois mansos e dourados da escolástica como Tomé de Aquino, non dubidaban en afirmar que eles prefirían que Cristo nacese a partir dun home en vez dunha muller (quaestio 31, III Libro, Summa Theologiae), unha sentencia nos lindeiros da herexía xa que cuestionaba os designios e vontades do deus do Novo Testamento. Se fose como suxería Tomé, o problema de condenar a anatomía feminina e á vez louvar a nai non tería sentido (existiron debates sobre se Cristo se alimentara da menstruación ou non na xestación). Para xustificar o nacemento mesiánico debían idear unha anti-muller oposta na súa natureza ó que nas restantes era a súa fisioloxía, bioloxía condenatoria. Asimesmo o problema teolóxico chegou a fantásticas e poéticas solucións no relato sobre a morte da virxe. Xa que era unha anti-muller, o seu corpo non podía adoptar as formas da corrupción mortuoria e polo tanto a Virxe non morre nin tampouco resucita, simplemente dúrmese para resucitar máis tarde (Dormición, Tránsito). Mentres, a muller normal é relegada á impureza da corrupción e o miasma:

A beleza física non vai máis alá da pel. Se os homes viran o que hai debaixo da pel, a vista das mulleres sublevaríalles o corazón. Cando non podemos tocar coa punta do dedo o cuspe ou as porcalladas, como podemos desexar darlle unha aperta a ese saco de estrume?” (Odón, abade de Cluny, s.X)

O abade Cluny non só fai un sermón de condena do corpo senón que este está dirixido ós homes en contra das mulleres, posiblemente como catecismo e aviso ós monxes. Acaso os homes non tiñan debaixo da súa pel o mesmo sangue e semellantes vísceras? Pode que sí, mais era condenable na muller como parte da súa corrupción. A lóxica da prohibición da muller a participar como sacerdote radicaba na súa condición débil, inferior, máis sensible, inconstante, luxuriosa cuxa marca de Caín era a menstruación. Pola contra, case ironicamente, as virtudes teñen nome de muller: Sapientia, Natura, Philosophia, ConstantiaDebemos observar que a xeografía ideolóxica sobre o corpo feminino e a súa condena é, no cristianismo, tan só un exemplo coñecido e persistente hogano de formas ideolóxicas localizadas ó longo de diferentes idades e culturas. Ademais, non debemos desenfocar a nosa realidade histórica: centramos a atención sobre a condena e a deformación mitolóxica do corpo feminino, mais sen dúbida este discurso tense que complementar co seu equivalente non-negativo, ou cando menos, laudatorio. Jules Michelet (La Sorcière, 1862) tentou ver na bruxa medieval un remedio contra-cultural a este cerco sobre a natureza feminina. Para el as meigas e os seus ritos estaban máis próximas a unha sociedade política segreda que a unha montaxe sobre as torturas e as imaxinacións do clero. Unha teoría fermosa mais falsa que tivo nos último anos algunhas tentativas de resurrección frustradas. A visión que nos poden dalas bruxas coa súa suposta exaltación sexual do sabbat está tan preto da realidade coma o discurso misóxino do clero. Michelet, segundo R. Barthes, podía imaxinarse á meiga allada na súa palloza escoitando, nas trabes e as esquinas, o eco dos discursos dos antigos espíritos e trasnos, revelándolle a sabedoría pagá e con ela uns coñecementos alternativos ós dos médicos e cregos.

4-A fascinación e a metáfora: o arado e a vagina nationum

O corpo feminino, se ben parcialmente ou interesadamente descoñecido e condenado, ten á súa vez unha capacidade de metaforización sorprendente que nos informa da súa fascinación. Unha das metáforas máis usadas e exitosas consiste na comparación entre a muller como terra e surco e o home como arado, en clara referencia ó acto da cópula heterosexual como imitación do traballo agrícola. Sería imposible traer aquí tódolos exemplos mais a sinxela  etimoloxía de Gea-Gaia, Tellus, Deméter, ou Pachamama entre a mitoloxía greco-romana e andina, tan só son leves informacións da obsesión comparativa que chega ó cristianismo medieval cando se lle chama a virxe María como terra non arabilis quae fructum parturiit (terra non arable que pariu o froito)(s.XII) ou no Islam apélase no Corán ós homes deste xeito:

As vosas mulleres son os vosos campos. Ide ós vosos campos como queirades, mais facédevos preceder.” (Azora 2, 223)

É a muller, mais outra vez baixo o símbolo reprodutor e materno, como non, da terra agredida, invadida, surcada. A terra é mais ben útero de ida e volta: lugar de crecemento vexetal e de soterramento humano. Esta sensibilidade relixiosa no tocante a necesidade de voltar o útero terrestre está presente nas antigas leis funerarias hindús sobre os nenos mortos menores de dous anos, eles serán os únicos que se inhumarán en contraposición ós seus maiores que serán incinerados (Leis de Manu), sen dúbida coa esperanza de que a terra os volva facer outra vez: retornar á vida. Autores actuais mais con ideas de vello, como P. Sloterdijk elucubran como facían Bachoffen ou Simon de Beauvoir sobre as orixes desta metaforización do corpo como terra. El mesmo fundamenta a teoría de forma historicamente universal:

“É despois da denostada revolución neolítica cando a fascinación polo seo materno tivo oportunidade de comezar a desenvolverse como unha potencia mundial”

A muller sempre é considerada como nai e polo tanto baixo a obsesión, desfigurada por autores posteriores, da fertilidade. Sloterdijk ofrécenos unha nova visión do matriarcado arcaico fundamentando esta idea na relación sedentaria de identificarse mediante unha liñaxe, iso si, amosando como proba a que seo materno se pertencía. O útero é a patria perdida á que se desexa volver. A súa representación en calquer nivel cultural e o nacemento demostran algo así como unha morte simbólica. Estas reflexións de poética filosófica poden cadrar coa liña historiográfica de fai máis dun século. Ata non fai tanto as Venus do Gravetense eran consideradas deusas da fertilidade e da procreación. Polo tanto, cando nace a obsesión polo corpo feminino como grande nai? Non podemos datala con seguridade mais hoxe sabemos que tanto o apelativo de Venus como a súa catalogación é errónea e distorsionada. Entre moitos historiadores da relixión o culto á grande nai era considerado como a relixión arcaica e primixenia dos ancestros, logo descoroada. As obsesións destes autores pódennos informar moito mellor sobre os problemas da súa época ou da súa vida ideolóxica que sobre os comportamentos sociais do pasado, recordemos senón a sentencia de Poullain de la Barre que encabeza o texto.

A lectura do mito da Terra-Nai inclusive foi interpretado no caso das Virxes abrideiras, cuxa utilización metafórica (ó abrirse ilustraban escenas bíblicas) estivo cuestionada polo carácter non-ortodoxo que conlevarían xa dende a crítica de Jean Gerson (1363-1429) na actitude do devoto. Investigadoras como Marina Wagner estudounas como deusas partenoxénicas xa que no seu ventre aberto teñen a divindade, ás veces inclusive a Deus-Pai (ver a obra citada de Sánchez Ameijeiras), escondendo en realidade a verdade pagá de conservaren o poder da grande nai terra. Casos máis atrevidos de interpretación do corpo masculino foron levados a cabo polo óculo da natureza feminina: a chaga do costado de Cristo é unha vaxina, o nacemento metafórico da Igrexa a través dela confirma o uso parcial da natureza anatómica feminina.

tg_carrusel_cabecera_grande

Virxe abrideira de Allariz, Museo de Santa Clara, último terzo do s.XIII. O corpo, ó abrirse, relata a historia sacralizada de sí mesmo, do puro á verba, do nacemento á coroación. Noutros casos a figura de Deus-Pai aparece dentro da Virxe, xerando problemas de hexemonía soberana teolóxica.

5-Epílogo: metáfora significa utilización

En Casanova (F. Fellini, 1976), o exacerbado ninfómano do s.XVIII semella non topar desafogo inclusive nas máis disparatadas festas venecianas, até que un día, descuberta milagreira, tópase cunha autómata de madeira vestida á maneira dunha doncela rococó. Casanova primeiro baila con ela mais axiña descubre que os encantos desa moneca poden ir máis alá e a utiliza para o seu pracer sexual. Por fin topara o que buscaba en conventos e colexios, un corpo insensible e dominado por el, domado coma un animal. Do corpo feminino tan só queda un significante óseo, ou neste caso de madeira, que representa o mero uso sexual e de obxecto sobre o cal un axente masculino pode desafogarse. Toda a mitoloxía da condena, das lecturas interesadamente erradas están exemplificadas nesa escena brutal e cómica como unha pequena historia da prostitución: brutal polo seu significado xa sobredito de violación simulada, e cómica polo absurdo de ver ós afamados autómatas do s.XVIII atarefados en semellantes traballos mecánicos coa música de Nino Rota ó fondo.

Tan patética e esperpéntica escena como a de Marcello buscando entre as curvas de Anita Ekberg o significado da muller e á vez non atender as frases dela, desa autómata que fala.

Como o sostiveran Christine de Pisan, Poullain de la Barre, Condorcet, Stuart Mill e Stendhal, en ningún dominio a muller tivo nunca as súas oportunidades. Por esta razón un grande número delas reclama un novo estatuto, e unha vez máis a reivindicación non consiste en ser exaltadas na súa feminidade (…) O que queren, en fin, é que se lles acorden os dereitos abstractos e as posibilidades concretas sen a conxugación das cales a liberdade non é mais que unha mistificación” (Simone de Beauvoir, O segundo sexo. Os feitos e os mitos, I Tomo, “Segunda Parte. Historia”, V, 1949)

BIBLIOGRAFÍA

AGACINSKI, Sylviane (2008) Metafísica de los sexos. Masculino/Femenino en las fuentes del cristianismo, Madrid, Akal.

BEAUVOIR, Simone de (1949, ed.1977) El segundo sexo. Los hechos y los mitos (I), Buenos Aires, Siglo Veinte.

BROWN, Peter (1992) El Cuerpo y la sociedad: los hombres, las mujeres y la renuncia sexual en el cristianismo primitivo, Barcelona, Muchnik.

CORÁN, El (trad. y notas Joan Vernet, ed.2010), Barcelona, Austral-Planeta.

DELUMEAU, Jean (2012) “Los agentes de Satán (III): la mujer” en El miedo en Occidente, Madrid, Taurus.

ELIADE, Mircea (1949, ed.1990) “Cap. VII. La Tierra, la Mujer y la Fecundidad” en Tratado de Historia de las Religiones. Morfología y dialéctica de lo sagrado, Barcelona, Círculo de Lectores.

ROUSSELLE, Aline (1989) Porneia. Del dominio del cuerpo a la privación sensorial, Barcelona, Península.

SÁNCHEZ AMEIJEIRAS, Rocío (2008) “De la cabeza al corazón: cuerpos femeninos, arte contemporáneo e historia de la cultura medieval”, Sémata. En Femenino. Voces, miradas territorios, Vol. 20, Santiago de Compostela, Servizo de Pulicacións.

SLOTERDIJK, Peter (2009) Esferas I. Burbujas. Microsferología, Madrid, Siruela.

WEBGRAFÍA

Atlas Walter Benjamin: http://www.circulobellasartes.com/benjamin/termino.php?id=32