Berlín, capital de Christopher Isherwood

img_christopherisherwood-news

Chistopher Isherwood. Foto de Florence Homolka, 1962. Fonte; http://www.isherwoodfoundation.org/news.html

Entre 1929 e 1933 viviría en Berlín un home da clase media alta inglesa, o escritor Christopher William Bradshaw Isherwood (1904 – 1986). Sería unha excelente e particular testemuña do ascenso e posterior toma do poder por parte do nazismo, da conflitividade dos primeiros anos 30 – cunha recesión económica ás costas -, así coma á morte dunha criatura que agonizaba: a república de Weimar. As súas vivencias quedarían plasmadas en dous escritos que nun principio ían formar parte dunha novela de maiores dimensións denominada The Lost.  Foi así como El señor Norris cambia de tren (1935) e Adiós a Berlín (1939) xurdiron da man do gran autor inglés, obras nas que a política e a cultura impregna a narración.

Estas chamadas Berlin Stories configúranse mediante un narrador homónimo, o cal permite unha certa obxectividade pero non unha imparcialidade total.[1] Asume, tamén, unha corrente de realismo narrativo, máis o que domina é a influencia do realismo socialista, de enorme repercusión nos escritores da Gran Bretaña. Isto significaba rexeitar calquera tipo de experimentación que se afastase da realidade. Con todo, as vangardas dos anos 20, nas obras, non son opostas, senón complementarias. Para captar esa realidade, ofrécese un tratamento cinematográfico en certas partes das obras. A cámara, sobre todo para os escritores de esquerda, contribuía a mostrar a situación social cunha completa autenticidade. De feito, Isherwood levaba un diario das súas experiencias que máis tarde queimaría. De aí partiron as grandes liñas das novelas, onde trazando uns aspectos particulares e a priori insignificantes darían pé a falar dun todo.

Ademais, o inglés posuía a súa propia experiencia. Como membro da alta burguesía tiña a posibilidade dun nivel de ensinanza superior. Pero isto, máis que un reforzo positivo xeraba odio por parte dos alumnos e represión por parte duns profesores que só posuían disto o nome. Para esta ensinanza superior vitoriana había que aloxarse en residencias estudiantís, acabando así por xerar traumas a causa da ausencia familiar ou unha endogamia relacional co grupo. Os autores que saíron desta educación intentaron cambiar estes valores herdados, funcionando esta educación e a moral como un reactivo ideolóxico e creativo.

Outra fonda influencia foi a morte de seu pai en 1915, na I Guerra mundial. Isto levouno a achegarse ao pacifismo, mais o rexeitamento da guerra non era óbice para que mostrase a imposibilidade de escapar dela. Tamén a relación coa súa nai mediatizaría a relación co sexo feminino, inda que de igual forma sería un revulsivo creativo.[2] A sexualidade, en moitas das súas vertentes, acadará un peso fundamental. Segundo Olmedilla, a súa homosexualidade influiría na visión das mulleres, xa que nas dúas obras case non hai ningunha opinión favorable. O que sí se desprende e a liberdade sexual que en Berlín existía, xa que segundo o propio autor foi un argumento de peso para a súa viaxe. Vemos todo tipo de situacións. Por exemplo, o señor Norris é un asiduo a un tipo específico de prostituta; aquelas cun nivel medio – alto de sadismo. A homosexualidade é explícita en moitas partes, caso do capítulo de En la isla de Rüegen. Por suposto, está presente a heterosexualidade, así coma diversos graos de travestismos testemuñados en bares ou cabarés. Como curiosidade, o inglés inspirouse no tamén escritor Gerald Hamilton para “crear” ao señor Norris  e na actriz Jean Ross para Sally Bowles, quizabes os dous protagonistas máis emblemáticos. Ámbolos dous son parte da súa experiencia berlinesa.

Toda esa bagaxe vital  non sería suficiente senón vivise no lugar para narrar os feitos, é dicir, para comprender Berlín e a situación en Alemaña debíase estar in situ. A cidade xermana crece e desenrólase coa república. Con anterioridade, a confederación de Estados da antiga Alemaña imperial facía enfrontar un posible sentimento nacional contra o amor ao terruño, á “patria chica.” A guerra traería consigo unha translación. Berlín pasaba de ser a capital de Prusia, coa súa preeminencia sobre o resto, á de Alemaña. Todo se centralizaba; os mandos militares, a administración e os políticos, tanto os que estaban a favor como os que propuñan un peso maior dos Lander. O Estado era Berlín. Tamén se manifestaba nas súas dimensións, onde os arrabaldes integráronse no vello Berlín – cun total de 87.000 ha –  e con propiedade plena de miles de hectáreas de prado e monte. Ditas proporcións aseguraban unha maior poboación. Berlín pasaba a ter catro millóns de habitantes, cunha maioría proletaria. Era a cidade máis ampla e a terceira en poboación, por detrás de New York e Londres. [3] Afianzábase a megalópole moderna, mais ao mesmo tempo facíase preciso un maior aprovisionamento da cidade, que sobre todo se mantiña por tren e barco. Tamén se precisaban grandes inversións en renovar e modernizar os transportes e “servizos públicos.” Un exemplo é o barrio onde residían os Nowaks, unha das moitas vivendas sociais proxectadas.

Pero Berlín é moito máis. É a protagonista das dúas novelas, en maior ou menor medida. Isherwood móstraa como un espazo físico que se vai contraendo na psicoloxía dos distintos personaxes, é dicir, só escapando desa cidade o lograrán, claro está, os que puidesen. Isto ocorre, sobre todo, en Adiós a Berlín, inda que na primeira, o señor Norris, a causa dos seus “negocios”, tampouco lle agrada a cidade. Esta situación ven dada pola evolución no contexto político, inda que en El señor Norris cambia de tren esta é secundaria, incluso terciaria, con respecto a  unha visión romántica do seu protagonista.

img_christopherisherwood-1920

As amistades tamén inflúen. Aquí está co escritor Edward Upward (esquerda), que coñeceu na época de estudos en Repton. Chegaron a crear unha utopía; Mortmere. Fonte: http://www.isherwoodfoundation.org/

A este respecto, os cidadáns están inmersos en maior ou menor grado na política contextual histórica, aquela que se leva a cabo dende ou contra o Estado. A relación dos individuos coa política é sinxela, afastada de grandes salóns e corredores gobernamentais. É a política da rúa, dos cabarés ou das taberna. Unha viva intrahistoria marcada pola relación do autor cos personaxes, onde se prima un tipo de política – a cal podemos denominar como un socialismo de salón -, fronte a outra, máis de dereitas ou incluso filo nazi.

Para a última etapa da República esvaecíase o “espírito de Locarno.”[4] A anterior mostra de prosperidade interna, influída polas axudas – a reembolsar – estranxeiras do Plan Dawes, desaparecía. A crise xerada polo crac do 1929 auspiciaba unha ondada  de medidas proteccionistas que levaba. As ditas axudas conxeláronse, dado que o Plan Young, inda aprobándose, non se fixo efectivo. O máis problemático foi o aumento do paro; de 2 millóns a comezos de 1929, a seis millóns en 1932. Entre medias, a coalición de Weimar seguíase fragmentando, cousa palpable na distintas eleccións. Nestas o maior ascenso foi o acadado polos nacionalsocialistas, que antes da crise apenas existían. Pasaron, por exemplo, de 12 escanos nas eleccións do 20/05/1928, a 230 nas eleccións do 31/07/1932. Aquí acadaron o seu máximo, xa que nas eleccións de novembro baixaron a 196 escanos, namentres os comunistas, con menores apoios, seguían crecendo. Nas mesmas datas obtiveron 54 escanos, 89 e 100, respectivamente. Os demais partidos, pouco ou moito, sufriron unha baixada nos apoios, cando menos na primeira rabexada da crise.

_51722277_isherwood

Con W.H . Auden (dereita), amigo e escritor que o tivo ó corrente da vida homosexual de Berlín, e un dos motivos da súa viaxe. O outro era coñecer a Layard, un discípulo do psicólogo Homer Lane (EEUU). Fonte; http://www.bbc.com/news/world-europe-12737335

Con todo, Berlín seguía sendo un bastión, tanto dos comunistas como dos restantes partidos de esquerda. Por exemplo, con respecto a inestabilidade gobernamental, o concello de Berlín estivo dominado por Gustav Böss do partido demócrata (DDP), de 1921 a 1929. Pero os nazis tiñan un plan para adentrarse nesta cidade, cualificada por Goebbels como a “Babilonia vermella.” No medio dunha politización xeneralizada, a demostración dunha exacerbada violencia acompañada de manifestacións e incursións para “limpar” en bares, onde os comunistas adoitaban acudir, eran frecuentes.  A misión era gañar os barrios obreiros, e non tanto atacar ós obreiros senón a ideoloxía marxista. Os comunistas, sobre todo, responderon poñendo aos nazis como invasores da cidade. As batallas rueiras eran normais, así como o asalto aos Sturmlokale; as tabernas nazis que servían como cuarteis xerais nos barrios obreiros. Por exemplo, Otto – un dos amigos de Norris – ataca unha destas tabernas por motivos alleos á política, a cal se pon de escusa para atacar con máis dor. Compre dicir que os restantes partidos políticos non estaban mancos. O SPD -Partido Socialdemócrata Alemán – gozaba de grande influencia neste barrios. Non só había comunistas e nazis.

Os personaxes distribúense polas distintas capas sociais de Berlín, tanto se son estranxeiros como “nativos.” Os principais protagonistas adoecen dun compromiso político e o mesmo lle pasa a C. Isherwood, cousa que sobre todo vai cambiando dende o primeiro diario en Berlín ata o último, seguramente axudada pola escada de horror nazi. Nese ambiente, o autor, máis que defender a ningunha ideoloxía, rebelábase contra calquera forma que atacase á liberdade individual.

Este non – compromiso político representa unha falla de responsabilidade do individuo con respecto á sociedade, xa que toda decisión que se toma é política. Por outra banda, existen nas obras  – moito máis palpable en Adiós a Berlín – un darwinismo político, é dicir, unha aclimitación á situación imperante. Isto dáse naquelas persoas que non poden escapar da cidade e que se teñen que adaptar aos cambios. Son vítimas dunha inseguridade na cal van ter que vivir e sobrevivir. Fräulein Schroeder a caseira – é o perfecto exemplo; nun primeiro momento alégrase de votar aos comunistas, inda que transcorrendo o tempo non ve con tan malos ollos a Hitler. Con respecto aos personaxes secundarios (se lles podemos chamar así), o normal é que se adscriban a unha corrente contra o Estado, inda que sexa de forma pasiva. Por exemplo encontramos ao comunista Otto na novela do señor Norris, ou ao primoxénito, cando menos filo – nazi, de Fräulein Nowak. No tocante ao señor Norris, o seu caso é moi especial. A súa política son os cartos e os intereses creados, polo cal se fai pasar por un bo comunista cando é preciso

Movie_Covers_173215_104970_A_L_OUEST_RIEN_DE_NOUV

Un exemplo. Ante o estreno da película “Sin novedad en el frente,” en decembro de 1930, os nazis boicotearon a proxeción. Entre outas cousa, soltaron ratas ou tiraron bombas fétidas, amén das típicas manifestacións. A novela homónima xa creara un grande hastío entre a dereita. Fonte; http://www.fiuxy.net/

Nese contexto, a sensación xeral que deixa o autor é a dun deixamento político da sociedade berlinesa. Sobre todo, esta apatía queda reflectida nunha vergoñenta indiferenza da xente perante unha situación que requirise auxilio. Por exemplo, ante un ataque dun fervoroso e prototípico alemán nazi a uns xudeus que ían paseando cunhas mulleres. A expresión da masa é descritiva; Allerhand (outra máis, para referirse a unha trifulca ou pelexa). Tamén hai un momento no cal, Isherwood ,describe unha manifestación nazi coma se fose un circo, do mesmo xeito que a contramanifestación correspondente. O máximo expoñente de todo isto é un crecente antisemitismo, latente na sociedade e piar da (extrema) dereita ante calquera proposta. Só hai que ler a “pequena ameaza” que lle envían a Bernhard Landauer ou a descrición do encontronazo dunha artista nazi cunha xudía de Galiztia, Polonia.

Coa súa viaxe, Isherwood tamén entra en contacto co vangardismo berlinés. Con anterioridade o autor estaba máis concentrado na súa propia vivencia. Agora, en Alemaña, recollería estas novas impresións. Así pois, estas manifestacións e experimentacións están con Sally Bowles. O cine é o reclamo, tanto a gran UFA dos 20 – en poder do magnate da patronal e fervorosamente de dereitas Hugenbergcomo o Hollywood estadounidense. É dicir, serve coma unha forma de ocio e para ver a importancia artística que xa posuía. Ademais, no local a “Troika,” os espectáculos baséanse na experimentación. As vangardas artísticas están presentes tamén na arquitectura moderna, así coma a experimentación psicolóxica. Desta forma distintos personaxes posúen unha distorsión ou alteración da realidade, sobre todo palpable en Adiós a Berlín.  Pero como escribiu Peter Gay, a república de Weimar pasou, culturalmente, por tres fases, de igual forma que a política. Dende a convulsa revolución post -bélica, pasando pola estabilidade de mediados dos 20, ata a “reanudación” da violencia, xunto coa decadencia da clase media ou o aumento do paro. Entón, Gay alude, para esta etapa (1929 -1933), a unha falla de crítica cultural dentro dunha ondada de vivencia kitsch que percorría o país.

1457781621_299110_1457782408_noticia_normal

Liza Minelli nun fotograma da película Cabaret, de 1972. A película, dirixida por Bob Fosse e con anterior éxito no homónimo musical, era a adaptación de Adiós a Berlín. Liza Minelli – Jill Haworth no musical – daba vida á peculiar Sally Bowles. Outra adaptación foi I am a camera, de 1955. Fonte; http://cultura.elpais.com/cultura/2016/03/12/actualidad/1457781621_299110.html

[1]  O escritor xoga cos seus nomes; na primeira novela usa a William Bradshaw, mentres que na segunda recorre a Chistopher Isherwood

[2] O C. Isherwood residente e nacionalizado estadounidense en 1946 é outro mundo, outro Christopher. Acercase ao mundo hindú en traballos e traducións con Prabhavananda ou participa activamente na defensa dos dereitos dos homosexuais. Destacan obras como Prater Violet (1945), A Single Man (1964) ou Christopher and His KInd (1976).

[3]  Xa a comezos do XX, Berlín duplicaba, cun millón de habitantes, á segunda neste posto, Hamburgo.

[4] Tratado firmado en 1925 polo cal fixábanse as fronteiras occidentais, ademais de que os conflitos ou desavinzas arranxaríanse mediante un espírito pacífico. Tamén encontramos o pacto de Briand Kellogg, de 1928, onde se rexeitaba a violencia como método para resolver conflitos. Ambos tratados estaban dentro do que podemos chamar como a época de triunfos da Sociedade de Nacións.

NOVELAS:

ISHERWOOD, Christopher, El señor Norris cambia de tren, Acantilado, Barcelona, 2016.

ISHERWOOD, Christopher, Adiós a Berlín, Acantilado, Barcelona, 2014.

BIBLIOGRAFÍA:

GAY, Peter, La cultura de Weimar: una de las épocas más espléndidas de la cultura europea del siglo XX, Paidos, Barcelona, 2011

REDONDO OLMEDILLA, José Carlos, Christopher Isherwood y la obra “Goodbye to Berlin,” Universidad de Almería, Almería, 2001.

RICHARD, Lionel (dir), Berlín 1919-1933: gigantismo, crisis social y vanguardia: la máxima encarnación de la modernidad, Alianza, Madrid, 1993.

RECURSOS WEB:

http://www.bbc.com/news/world-europe-12737335 

http://www.elcultural.com/revista/letras/El-senor-Norris-cambia-de-tren/37898

http://www.elmundo.es/elmundolibro/2002/10/31/anticuario/1036005225.html

http://www.isherwoodfoundation.org/

REDONDO OLMEDILLA, José Carlos, GÓMEZ LÓPEZ, Jesús Isaías, “Influencias determinantes en la primera etapa de la trayectoria literaria de Christopher Isherwood: una aproximación”, Grove: Working papers on English studies, Nº9, 2002, pp. 179 – 192.  <file:///C:/Users/User/Desktop/isherwood.pdf> [Consulta 09/08/2016]