A Soga: o crime perfecto

fonte: forums.tcm.com

fonte: forums.tcm.com

Alfred Hitchcock, o cineasta máis accesible a todos os públicos pola simplicidade e a claridade do seu traballo é, á súa vez, quen máis sobresae ao filmar as relacións máis sutís entre os seres humanos.

François Truffaut

Dous mozos universitarios, Brandon e Philip, matan a un amigo para probar a teoría do superhome sustentada polo filósofo alemán Friedrich Nietzsche. Para levar a cabo o reto do crime perfecto, empregan unha soga para estrangulalo. Tralo asasinato, comezan a chegar ao seu apartamento os invitados a unha cena que eles mesmos organizaron. Entre os invitados atópase un antigo mestre dos asasinos, Rupert Cadell, que non tardará en sospeitar que algo sinistro ocorreu nese lugar.

A Soga (Rope, 1948) foi unha adaptación de Alfred Hitchcock dunha obra de teatro de Patrick Hamilton, que ademais tiña a súa base nunha historia real que se deu nun instituto de Chicago. Ao igual que a obra, a película ten unha notable carga filosófica que, xunto ao tratamento das personaxes e a mestría dun director tan esixente, crea unha peza que amosou no seu momento unha nova forma de contar unha historia a través da cámara, todo un desafío técnico naquel tempo. A obra de teatro desenrolábase ao mesmo tempo que a propia acción, cunha historia que comezaba as 19 h 30 e que remataba as 21 h 15, polo que xurdía a dificultade de rodar o filme dunha maneira similar. Hitchcock tomou a decisión de rodar por medio dun único plano, sen ningunha pausa, como se se tratara da propia obra de teatro. Este método nunca se levara a cabo antes no cine, polo que A soga pasou á historia do sétimo arte como un dos experimentos máis radicais e innovadores.

No libro El Cine según Hitchcock, onde se recolle a gran entrevista que o célebre Truffaut lle fixo ao director británico en 1966, este confesa que cada vez que recordaba aquel experimento, dábase conta de que fora “completamente estúpido” porque, segundo el, renegaba das súas teorías sobre a fragmentación do filme e das posibilidades da montaxe para contar visualmente unha boa historia. Partamos, respecto a isto, de que Hitchcock sempre dicía que era fundamental separar claramente os elementos do diálogo dos elementos visuais, concedendo unha maior preferencia ao visual fronte ao diálogo.

Con este panorama, podemos pensar que o director non se atopaba moi cómodo. Sen embargo, a coidadosa planificación seguiuse paso a paso segundo as súas esixencias habituais. O problema principal estaba nunha limitación técnica: a interrupción obrigada que implicaba o final dun rollo de película. Hitchcock resolveuno facendo pasar a un dos personaxes diante do obxectivo da cámara para pechar en negro ese momento. Pero as dificultades non se limitaron ao uso da cámara, xa que á acción empezaba coa luz do día e remataba as 21 h 15, de noite. Era a primeira vez que o mestre do suspense empregaba cor no seu cine, creando outra dificultade suplementaria.

Hitchcock conversa cos membros do reparto. Fonte: elcondensadordefluzo.blogs.fotogramas.es

Hitchcock conversa cos membros do reparto. Fonte: elcondensadordefluzo.blogs.fotogramas.es

O escenario da película reduciuse ao decorado dun apartamento que comprendía a entrada, unha parte da cociña e o salón, onde se comete o asasinato e onde Brandon e Philip  deciden esconder o cadáver para un maior desfrute da “función” que eles mesmos prepararon. Os únicos que o saben son os asasinos é o espectador, pero outras persoas van irromper no lugar, xerándose progresivamente unha grande tensión. Velaquí temos unha das claves do cine de Hitchcock, creando un xogo a tres entre o director, a película e o público. O “estilo hitchcokiano” pódese detectar sempre pola calidade do seu enfoque dramático, pola maneira única de distribuír as miradas e os xestos, os silencios e a transmisión de sensacións ao público coa creación dunha atmosfera única en base a súa propia sensibilidade.

En boa medida, o argumento do filme fundaméntase na relación existente entre os asasinos a través das distintas actitudes e xestos que fan percibir que son algo máis que amigos, aínda que en ningún momento se chega a falar abertamente disto, partindo de que podía ser facilmente censurado por unha sociedade norteamericana que vería esa relación ilícita, inmoral e pervertida. Á cabeza dese ataque estarían figuras tan poderosas como J. Edgar Hoover, que durante moitísimos anos foi o director do FBI e se presentaba como gardián da orde e das boas costumes, a pesares de que el mesmo era homosexual. O que temos reflectido aquí é unha auténtica hipocresía, cunha moral vixente que prohibe amosar un vínculo amoroso entre persoas do mesmo sexo, pero que nada ten que dicir no que se refire á falta de respecto pola vida. O filme foi censurado en numerosas cidades de EE.UU e, no seu estreo, o público non acudiu en masa aos cines. En España estivo prohibida durante o franquismo pola clara relación amorosa entre os dous asasinos, captada rapidamente polos censores. O seu estreo demorouse no noso país ata finais da década de 1970.

Con todo, a homosexualidade non é, nin moito menos, o tema principal de Rope, tratándose simplemente dun elemento mais que contribúe a definir ás personaxes e que explica a profunda vinculación que existe entre eles. Á marxe do momento inicial no que se comete o asasinato, no filme non se aprecia ningún momento que poidamos considerar como “momento cume”, senón que hai varias secuencias de gran impacto. Isto débese en boa medida á propia natureza da rodaxe, nun plano sen cortes que esixía ao trío protagonista empregarse a fondo nas súas interpretacións.

A Soga é, sen dúbida, unha película dunha mestría inigualable. En canto ao que pensaba dela o propio Hitchcock, o certo é que nunca a considerou unha das súas mellores películas polos motivos amosados ao principio deste artigo, unha opinión que contradí ao que pensan moitos dos estudosos da súa obra a día de hoxe, incluíndo aquí a directores de cine de primeira liña.

BIBLIOGRAFÍA

TRUFFAUT, François, El cine según Hitchcock, Alianza Editorial, Madrid,  2016.

SAMPAYO, Carlos, La Soga (1948), RBA Coleccionables S.A., Barcelona, 2007.