A PERSISTENCIA DA NOITE: DE PROPERCIO A MOZART

6.

Su palacio nocturno: el sueño, el párpado

sedosa guillotina del diurno pavorreal

para que sólo las similitudes

desplieguen sus tapices de morado, de púrpura y de

[óxidos,

harem del negro, esperma de los sueños.”

Negro el 10, Julio Cortázar, 1984

I. Prolegómenos a un oficio de tebras

Se encabezásemos este artigo como “Historia da noite” sería un erro pola nosa parte. En sí, a noite non ten historia. A súa idea de pasado ou tempo é unha inutilidade como estudo. O que poderíamos sería construír a “Historia das ideas sobre a noite” dende a socioestética, isto é, relacionando as actitudes sociais cunha determinada forma de representación ó longo dunha época. Asistir a un oficio de tebras é, neste aspecto, unha das manifestacións máis propagandísticas que a socio-estética nos pode amosar dentro da Contrarreforma católica (escóitese senón a versión canónica de François Couperin), aínda que teña orixes dende o s.VIII. En orixe era utilizada dentro dos rituais de Pascua para representar o período da morte de Cristo, ou sexa, un simulacro case teatral que mestura o control da luz cos textos e rezos relixiosos de Xeremías ou Agustín de Hipona que conmemoran o período segundo a doutrina cristiá en que Cristo estivo nos infernos antes de resucitar. En cada período do oficio, representado á noite nas igrexas, íanse apagando 15 candeas que representaban ós apóstolos, ás tres Marías e a Cristo até que a derradeira era apagada e quedaban, intérpretes e público, na escuridade moitas veces facendo ruído cos bancos e dando voces para representar a noite súbita e os grandes estrondos logo da morte de Cristo segundo os evanxeos canónicos. E remata xusto ó amencer, cando a volta da luz solar coincide co símil da resurrección. O efecto era determinante: unha noite en vela, nunha continua representación e regulación da escuridade até o seu eclipse e a volta natural da luz. Esta linguaxe dos silencios, dos ritmos, da escuridade, da luz, da propaganda efectista sobre o público está relacionado coa noite. A percepción, a lectura da noite variou ó longo do tempo mais en definitiva mantivo o carácter chamativo sobre románticos, místicos, namorados, violentos, pintores, músicos que a explotaron de forma intensiva como recurso estético. O día, irmán luminoso da noite, foi tamén un referente artístico e estético mais sen comparanza. Cancións, cadros, poemas, ritos, ritmos vitais, reflexións filosóficas son produtos dun amplo discurso onde entra o erótico, o infantil, o máxico, o tenebroso, o social, o macabro, o ditirámbico ou inclusive o sarcástico, como naquela noite memorable de Luces de Bohemia de Valle-Inclán, chea de deformacións e dor. Reflexionemos senón por qué existen os chamados “nocturnos” na música, ideados para interpretarse na noite en orixe e logo sublimados como xénero romántico, e non algo así como os “diúrnos” en contraposición.

Mais esquecemos o máis importante, o medo. A noite é o grande sarcófago dos nosos medos infantís e máis adultos, tamén dos nosos desexos e pulsións. Medos colectivos á tebra e ó eclipse como a parte escura e caótica da regulación da existencia, tan ben analizados por Jean Delumeau que inscribe estas manías sobre todo na Modernidade e o Medievo de forma paralela á obsesión pola fame. Non recordamos á longa noite provocada por Zeus para beneficiarse da muller de Anfitrión, Alcmena? E a repetitiva e canónica Sonata ó claro de Lúa de Beethoven? E as noites deformes dos cadros de Van Gogh? De todo isto trataremos de falar, da noite e das súas representacións, porque ante un significante invariable creáronse interpretacións e lecturas ou inclusive usos políticos variables. En definitiva, por que existe unha estética da noite e non do día?

II. Noites arcaicas: sobre pantasmas greco-latinas e instintos medievais

De Aurelio Gelio (s.II d.C.) cóntase que estando en Atenas converteu á noite no seu estudo, lugar de concentración para redactar a enciclopédica Noites Áticas durante a súa estancia na famosa cidade dos filósofos. Este avogado e romano non nos aporta grande cousa ó simbolismo socio-estético da noite, mais titulou a súa obra magna desa maneira co gallo de amosar o lugar temporal preferido para o seu traballo. A noite é un momentum, fai de divisoria entre a cotidianidade e o repouso, e como non, cos impulsos inconscientes: espertos ou mitigados para axudar no traballo intelectual, as noites áticas foron un compendio enciclopédico dun traballador nocturno que apuntaba as curiosidades e historias de tódalas súas lecturas.

Propercio (47-15 a.C.), como un dos autores latinos máis coñecidos nas elexías amorosas case sempre pon de escenario á noite para a aparición da súa Cinthia ausente, pantasma e desexo rememorado. Máis alá de lugar de traballo, para Propercio, a noite é un lugar de aparición da namorada defunta, do obxecto de desexo que reverbera na escuridade:

Mentres o destino o permita, fartemos os ollos de amor:

Acércaseche unha longa noite e o día non voltará (…)

Nunha noite así calquera pode ser mesmo un deus” (Liber II, 15, Sexto Propercio)

Nembargante estas noites de escuridade e erotismo non son as queixumes da posterior canonización burguesa do XIX. En Propercio aínda se exalta a vida e o pracer, e as aparicións fantasmais da amada, lonxe de ser un shock tétrico, son escenas onde a amada defunta quéixase e láiase do irresponsable que fora seu antigo namorado se tenta esquecela así como falar dos seus erros cometidos. Esta exaltación da noite como lugar de pracer está ligado ó banquete e ós rituais grecolatinos de sociabilidade entre elites coa inevitábel ligazón á exaltación intelectual de Platón mais tamén ó encontro da sexualidade amosado no mesmo Propercio. Moralidade e escuridade están baixo o mesmo xugo, a ocultación. Para a moralidade romana a práctica de relación sexuais polo día é unha perversión de aí que a noite sexa o momentum elexido e esperado que en Propercio se metamorfosea no recordo do pracer perdido de Cinthia e da fotofobia, do pánico á luz do día como cese da éxtase:

Que se ela quixese outorgarme noites á súa beira,

Longo pareceríame un ano de vida” (Liber II, 15)

  Un xiro copernicano se consolida coa aparición de autores tardoantigos de carácter cristián. O eloxio fúnebre-erótico de Propercio afástase da definición que Isidoro de Sevilla (Isidorus Hispalensis, ca.556-636) nos aporta na súa opera magna, Ethimologiarum onde recopila todo o saber antigo que naquel momento posiblemente se podía obter. No libro V no apartado 31 atópanse as informacións sobre a noite (De nocte) onde deixa claro a relación futura entre noite-escuridade-maldade-negativo:

“A verba noite (nox) deriva de nocivo (nocendo) porque fai dano (noceat) ós ollos. Precisamente ten a luz da lúa e das estrelas para que non se atope sen claridade algunha e sirva de alivio a cantos traballan de noite…” (Liber V, 31)

 A imaxinativa e falsa etimoloxía de Isidoro (non era precisamente un filólogo infalible) dálle a razón para introducir un xuízo moral e profundiza en destacar todo o posible a presenza residual  dunha luz das estrelas e da lúa. Noite en latín é Nox, noctis, e nocivo pola beira dise nocivus, sen relación algunha. Máis adiante na mesma definición dedícase a citar as seis partes do día segundo as calidades lumínicas, ou sexa, un enfrontamento entre a tebra e a luz: atardecer, crepúsculo, conticino, intempesto, galiciñio, madrugada e alba. Sorprende esa xeografía tan diferente da noite coas súas fronteiras cando hoxe moitas palabras non as coñecemos ou simplemente as utilizamos sen distinguilas.

O xiro á visión da noite medieval viu dado por un sentimento de mística da tebra. Habería que esperar uns séculos para considerar á luz e a exaltación vital de San Francesco d´Assisi como un factor positivo. Jean Verdon no seu extrano e heterodoxo libro La nuit au Moyen Âge circunscribe unha serie de teóricos dentro dese gusto teolóxico pola escuridade: Gregorio de Nisa (finado no 394) considera na súa Vida de Moisés ou nas Homilías sobre o Cántico á noite como lugar propicio de oración, algo que chegará á máxima expresión con Juan de la Cruz no s.XVI. Xa non se atisba no horizonte estético a relación intelectual da noite como lugar de pracer, na súa substitución a teoloxía cristiá comeza a tomar con Orígenes ou Clemente de Alexandría o lugar dun significado de ignorancia fronte a totalidade divina, entre escuridade humana e luz. As bases da futura propaganda da Contrarreforma co eloxio da sombra se atopan aquí: son os teólogos Eckhart (1260-1327) e Jean Tauler (1300-1361) e a defensa dunha loita da luz contra a tebra.

Gustave_Doré_-_Dante_Alighieri_-_Inferno_-_Plate_1_(I_found_myself_within_a_forest_dark...)

A entrada na noite de Dante como viaxe de iniciación. Ilustración de Gustav Doré.

  Nembargante esta lectura da noite deixa fóra a inevitable vida real: a escuridade como escenario de violencia, de contestación á autoridade, de violacións, de roubos, de angustia mais tamén de repouso logo do traballo e o gusto por mesturar entre o sono e o soño, a inversión establecida do mundo. De aí as continuas preocupación aristocráticas sobre a construción de fiestras con mármores transparentes ou vidros que deixasen entrar á luz. Creado dende a Antigüidade mais agora exacerbado, o sabbat é como nos describe Carlo Ginzburg no seu libro Historia Nocturna o lugar en que a inversión da orde, do sistema e da xerarquía se colocou representado no sabbat ou aquelarres nunha construción literaria, estética e histórica que chegará ó seu summun na Idade Moderna e perdura até os noso días. O “fermoso” século XIII deixou testemuñas máis alá da relación gótico-luz: Dante na transición ó primitivo renacemento do XIV deixou na súa Divina Comedia o paradigma do intelectual e do místico que gradualmente loitan contra a sombra e contra a súa noite particular, a psicolóxica, na procura do elemento empíreo: quedar fartos de luz ó final da súa obra cando no comezo da obra o que domina é outra vez a relación entre estar perdido no desconcerto, a sedución polas paixóns e a escuridade dun bosque por onde vai a vía trabucada:

Nel mezzo del cammin di nostra vita mi ritrovai per una selva oscura, ché la diritta via era smarrita.”

Inferno, Canto I

Allor fu la paura un poco queta, che nel lago del cor m’era durata la notte ch’i’ passai con tanta pièta.”

Inferno, Canto II

 

III. A noite deformada e trunfante: o barroco claroscuro

 En 1595, Caravaggio (Michelangelo Merisi) o enfant terrible do barroco romano, deu a coñecer unha obra que para moitos inaugura un período da historia da arte: a éxtase de San Francisco (San Francesco in estasi) encargado polo complexo cardenal Franceso Maria del Monte. O cadro inaugurou as tendencias que apuntaban a un progresivo trunfo da tebra dentro dos cadros logo das cores saturadas do Manierismo, sobre todo pola influencia de Simone Peterzano (1540-1596), e, como non, este gusto polo tenebrismo e o claroscuro relacionouse co carácter do “funesto” século XVII con guerras, cismas, crises económicas que afectarían a unha conciencia universal cara o gusto pola vanitas, o pasaxeiro e o eterno do tempus fugit. O cadro de Caravaggio marcou tendencia pola maneira calculadamente ambigua de non saber a que momento do día nos afrontamos, é algo semellante a un perpetuo crepúsculo sostido sen levar ó desenlace final da noite. Así se inaugura o barroco.

El éxtasis de san Francisco

“San Francesco in estasi” de Caravaggio, 1595. As cores aínda se conservan mais o fondo non se apreza máis alá dunha negrura con algúns refrexos.

A contaminación do día pola noite como referente da tristura dun século sería esaxerado de dicir mais sí que foi lugar aprezado para que unha elite intelectual e artística a explotase como lugar das súas extravangancias. Véxase senón a Salvatore Rosa (1615-1673), outro enfant terrible de extravagantes temas onde a utilización da escuridade e a noite se sostén no elemento fantástico. Semellante a Piranesi e ós debuxos fantásticos dos seus cárceres. Mais Rosa, inxustamente esquecido, foi máis alá da mística e saltou case ó surrealismo. Cadros como a Tentazioni di San Antonio introducen o monstruoso dos bestiarios do autor na arte do cadro sobrepasando con creces o esperado nun cadro relixioso (véxase a influencia en Dalí na obra homónima): o que menos conta é a pasaxe haxiográfica, o esencial é o catálogo de seres deformes que se observan emerxendo da noite, Rosa parece adiantarse ó Romanticismo coa canonización da noite como lugar de desesperación e fantasía mais xa non erótica como en Propercio.

Georges_de_La_Tour_048

Saint Joseph Charpentier” de Georges La Tour, 1642. A imaxe amosa o traballo nocturno do que nos falaba Isidoro. Máis alá do relixioso é o retrato do cotiá, da candea como forma de iluminación.

E máis alá do fantástico a noite como lugar da vida cotiá: Georges de  La Tour (1593-1652) e Rembrandt van Rijn (1606-1669) representan ó retrato dunha sociedade, sen as angustias de Rosa ou Caravaggio. De la Tour no seu cadro Saint Joseph charpentier (ca.1640) retrata, ante todo, a vida dun traballador axudado polo seu fillo, elaborando pola noite a miseria da súa condición mais tamén o poético do retrato. De Rembrandt interésanos sobre todo o seu estilo que se vai escurecendo progresivamente. Sen coñecer, a priori, ós mestres tenebristas de Italia chega ás súas mesmas solucións, aínda que se podería enraizar cos estilos tardogóticos de Grünewald, coas súas limitacións. Na Fuxida a Exipto de 1647 hai dúas novidades que se consolidan: a invención da paisaxe como elemento de desfrute estético e da paisaxe nocturna, unha innovación sobre a innovación. O paradigma é relixioso mais o medio (pintura) non nos fai adiviñar a mensaxe (a pasaxe evanxélica) a non ser que se nos informe sobre iso polo cal podemos chegar á conclusión de que a mensaxe máis directa é o interese por facer da paisaxe nocturna un elemento magnético no mercado burgués e aristocrático.

Salvator_Rosa_-_The_Witches'_Sabbath_-_Google_Art_Project

Este “Sabbath” das meigas non é o único que retratará Rosa. Pintado arredor de 1635-1654 no trunfo do barroco observamos que as pasaxes pictóricas nocturnas non só son utilizadas como lugar da moral mística senón todo o contrario como lugar da inversión do mundo na figura das meigas como éxito do mal.

KMS4112

Outra obra de Salvatore Rosa arredor de 1650-1651. Un retrato do filósofo Demócrito cos atributos da melancolía (pensativo, apoiado nunha man e con obxectos da vanitas na súa contorna).

     Tendencias estéticas non rachan completamente entre os séculos: rememoremos a Juan de la Cruz e o seu famoso poema Noche oscura del alma onde se volta o momentum da nocturnidade cunha relación perigosa, a do misticismo e o erotismo: algo así como mesturar a Propercio con Gregorio de Nisa deixándonos por resultado un documento de dobre lectura. As ansias nocturnas dunha muller por fugarse da tutela parental ou a crise mística do santo polo achegamento a deus.

Dipinto-Salvator-Rosa

“Le Tentazioni di San´Antonio”, 1645. As consecuencias fantásticas da noite como loita do ego contra o mal e a tentación.

En una noche obscura, con ansias en amores imflamada, ¡oh dichosa ventura! salí sin ser notada, estando ya mi casa sosegada.

(…)

En la noche dichosa, en secreto, que nadie me veya, ni yo mirava cosa, sin otra luz ni guía sino la que en el coraçon ardía

 O poema chegaba a tal punto de ambigüidade que precisaban unha explicación introdutoria e o comentario monumental do propio autor para cercar na doutrina católica un texto cuxa ambivalencia e exaltación da escuridade nocturna podería resultar contra-canónico ou ser mal interpretado. De aí que Domingo Ynduráin Muñoz (Aproximación a San Juan de la Cruz, 1990) defendese a tese de que o propio Juan de la Cruz participou na manipulación da súa propia obra. En contraposición ó Medievo, xa observamos que a aristocracia relixiosa levaba tempo utilizando estes efectos, a aristocracia laica introduciu a noite como escenario de manifestación do poder: recordemos senón a Música para os reais fogos de artificio de G.F. Haendel (Music for the Royal Fireworks, HMW 351, 1749) ou como non a Kleine Nachtmusik de W.A. Mozart (1787) mais coñecida como Pequena Serenata Nocturna. Na fase epilogal de Mozart a noite estará presente a través da mitoloxía masónica na ópera Die Zauberflöte (1791), alí toparemos unha noite personificada e representada na Raíña da Noite (Königin der Nacht) interpretando á antagonista principal a través dunha nai permanentemente negativa que incita á súa filla a cometer un asasinato. Esta personificación da noite avísanos dos movementos prerrománticos que exaltarán no XIX o nocturno en todo o seu apoxeo e tamén dentro do círculo da simboloxía masónica.

schinkel-königin nacht

Deseños de Karl Friedrich Shinkel para a representación da “Frauta Máxica” a comezos do século XIX.

IV. Epílogos: as lecturas dun fenómeno físico como metáfora social

Sería imposible aproveitar tódalas referencias posibles que se extraerían dunha análise polo miúdo das lecturas socioestéticas da noite. Observamos que dende a Antigüidade até o Barroco cambian os significados dende a noite como lugar de pracer, lugar de estudo até os comezos do Medievo e a noite como lugar pernicioso, escuro, sombrío, refuxio de pantasmas mais por iso mesmo lugar de superación do ego individual como proba relixiosa. A mesma transformación da arquitectura dende un románico que domesticaba á noite até o gótico que a eliminou do seu rango de exaltación mística coa alabanza da luz. Co barroco, nunha crise dominada polo pesimismus a xestión da noite no xa observado rito dos Oficio de Tebras ou no rito das Corenta Horas reta a orde social: no oficio das Corenta Horas de Bordeaux terase que recorrer á división de sexos na asistencia ós oficios e a modificación de tempos comezando máis cedo ante o problema de enfermidades e evitar desordes que produciría o rezo continuado, a exaltación estética e a confusión de tempo como lei, ou sexa, entender que a noite estaba feita para a facilidade do crime e o gusto pola inversión do día. Quédanos fora da análise a que poderiamos chamar a canonización burguesa da noite no XIX e o grande sistema ideolóxico do Romanticismo con tódalas súas implicacións até a electrificación das cidades e a loita do crime como loita contra a escuridade, a das grandes avenidas como moral ilustrada dun mundo sen brétemas.

BIBLIOGRAFÍA

CABANTOU, Alain (2009) Histoire de la nuit XVII-XVIII siècle, Paris, Fayard.

DELUMEAU, Jean (1978) La Peur en Occident: (XIV-XVIIIe siècles): une cité assiégée, Paris, Fayard.

ISIDORO DE SEVILLA (ed. 2004) Etimologías, Madrid, B.A.C.

KOSLOFSKY, Craig (2011) The Evening´s Empire: a history of the night in early modern Europe, Cambridge, Cambridge University Press.

PROPERCIO, Sexto (ed. 2001) Elegías, Madrid, Cátedra.

VERDON, Jean (1995) La nuit au Moyen Âge, Paris, Perrin.

VV.AA. (1998) Die Nacht, München, Haus der Kunst.

Na rede:

Sobre os oficios de tebras:

http://www.musicologie.org/sites/o/office_des_tenebres.html