Posguerra en Europa e guerra en Vietnam: Dous exemplos da falsa distinción bo/malo

Adoita dicirse que a Historia a escriben os vencedores. Isto é matizable. A Historia é narrada por aqueles que copan o poder mailos seus mecanismos. Pode haber unha contrahistoria oficial, dos supostos vencidos, máis será apartada e deostada. Isto inflúe á hora de contar a súa particular verdade. Cando se produce un conflito grave, non se trata tanto de contar historias positivas, inda que asegura mitos e heroes, senón de agochar as historias negativas. O que sí se pode observar, en ámbolos dous tipos de historias, é o poder de autodestrución dos humanos. Ben fose polo apoio dende quen obtén o poder, ou pola falla deste. O caso é que os prexudicados sempre son os civís catalogados como “danos colaterais” para evitar calquera aceno á moralidade. Exércese así un ilimitado poder sobre a poboación. O abuso é unha norma, en tanto en canto, asasinatos, violacións, torturas… Existe porque é aceptado e admitido, ben en pequenas doses, ben en grandes. Abusan porque poden. O que se busca nos civís é a supervivencia. Como sexa, onde sexa e con quen sexa, pero óptase pola vida. As repercusións físicas e psíquicas serán irreparables, tanto para aqueles que as sufriron como para as súas xeracións posteriores.

A II GUERRA MUNDIAL E A INMEDIATA POSGUERRA EN EUROPA

Cando remata a II Guerra Mundial? Seguramente nos ven á cabeza o soldado soviético cravando a bandeira da URSS no Reichstag, ou a capitulación de Xapón, posterior a dúas bombas atómicas. Máis non hai liñealidade na liberación. Por exemplo, Sicilia e o sur de Italia quedan liberados no outono de 1943, mentres que, en Francia, se realiza un ano despois. Que nos di isto? Que non hai un borrón  e conta nova, un Stunde null –Hora cero – alemán. Europa non se reconstruíu sobre unha base de conciliación e harmonía para construír o Estado de benestar. Non. Este espello da esperanza foi levantando sobre as ruínas físicas e morais de Europa. Vinganza, sede de sangue, fame, violacións, limpeza étnica… Esta foi a Europa inmediata da posguerra, cando a “axuda económica” do Plan Marshall non estaba en cernes. O panorama de saqueos e roubos imperaba, os desprazados contábanse por millóns e o sistema de racionamento non chegaba ás mínimas calorías recomendadas, cando non se produciron bloqueos durante a guerra, caso de Grecia ou Holanda. Poremos algúns exemplos.[1]

Fotothek_df_ps_0000010_Blick_vom_Rathausturm

Ruínas de Dresde, Saxonia, dende a torre do concello. O bombardeo aliado foi “efectivo.” Fotografía de Richard Peter. Fonte; https://commons.wikimedia.org/

Neste senso todos os mandos dos exércitos aliados facían a vista gorda ante o exceso dos seus homes, poboación ou prisioneiros liberados. O desexo de vinganza era universal. Algúns só vivían por iso. Pero dita vinganza/desquite presenta un punto de distorsión, sendo moi manipulable. Un exemplo é a masacre de civís alemáns por tropas soviéticas en Nemmersdorf, magnificada no contexto da Guerra Fría. Con frecuencia, a poboación, convertida en turba, era utilizada para fortalecer posicións, inda que, ben non había institucións, ben o seu poder era moi débil para controlar arrebatos vengativos.

O poder e o seu abuso exércese, sobre todo, cando as tornas cambian. Cando se ten ó inimigo desarmado e controlado, demóstrase o sentido de desquite. Un dos colectivos en sufrir o boomerang da represión foi a poboación de fala alemá, en especial dentro de Polonia ou Checoslovaquia. Nos primeiros momentos, cando non eran asasinados, eran metidos en novos “campos de exterminio”. De feito, algúns  “campos de castigo” foron reabertos para que fosen ocupados por prisioneiros alemás, que traballaban ata rebentar. As condicións eran infrahumanas, comparándoas incluso cos campos nazis. Exemplos disto son Zogda, no suroeste actual de Polonia, ou Trzebica, a hoxe alemá Trebnitz. Os soldados alemás preferían renderse na fronte do Oeste. Sabían da crueldade do Exército Roxo e que non perdoarían. Ademais, nos distintos campos de prisioneiros militares, tamén había diferenzas entre Oeste –Este.

No caso dos xudeus, nun primeiro momento, déronlle a oportunidade de vinganza. A veces concedíanlle un soldado alemá para que fixeran con el o que quixeran. Era da súa propiedade. Outras veces, a represión ía contra os gardas dos campos e, en especial, contra os kapos, colaboradores dos nazis nos campos. Houbo unha toma de conciencia, por toda Europa, da importancia da raza. Levaba a unha “limpeza étnica” naqueles países con comunidades diferentes, que vivían en zonas mixtas. O caso máis grave seguiu a ser o de antisemitismo. Seguíronlle a botar a culpa de todos o males. En certas zonas a culpa era dos soviéticos pola destrución ocasionada, que foran axudados polos comunistas. Chegouse a dicir que eran un “partido de xudeus”. Ademais, tamén os identificaron cos estraperlistas, é dicir, con cartos ou víveres, moito máis importantes. Outra das escusas para o ataque é que, supostamente, os xudeus realizaban rituais de sangue con nenos. Por suposto, as propiedades dos poucos que regresaron quedaron en tan boas mans, que rara foi a vez que, esa inicial vontade de coidar dos bens se tornou en devolución. Sen dúbida, o país máis perigoso era Polonia; entre 500 e 1500 xudeus foron asasinados dende maio de 1945 ó verán de 1946,. O máis coñecido é o progromo de Kielce, no centro sur de Polonia. Comezou o 4 de xullo de 1946, e saldouse con 42 xudeus mortos e 80 feridos.[2]

Sen contar con outros Holocaustos, caso da Ustacha croata, que asasinou a 592.000 serbios, musulmás e xudeus, outra das “limpezas étnicas” a gran escala foi en Ucraína e Polonia A solución soviética, coa segunda invasión tras un clima de asasinatos nas zonas fronteirizas; uns 90.000 polacos e 20.000 ucraínos, sería a de separar as comunidades a escala nacional. Compre dicir que, as fronteiras, non eran as mesmas que na actualidade. A Ucraína occidental uniríase á oriental, segundo a visión dos ucraínos. Tanto polacos como ucraínos foron “repatriados”

mujeres-francesas-colaboracionistas-horizontales-paris-humilladas

Un deses paseos de mulleres. Fonte; http://viajes.elpais.com.uy/2015/07/24/penoso-viaje-al-oprobio/mujeres-francesas-colaboracionistas-horizontales-paris-humilladas/

Sen dúbida, un dos colectivos que máis sufriu, pero que menos se ten en conta, é o das mulleres. As violacións van asociadas á guerra e os peores casos foron en Europa do Este, máis a todos os exércitos, primeiro atacantes e despois liberadores, os acompañou unha onda de violacións. Alí onde hai máis poboación e a fenda cultural é máis acusada, danse con maior número e brutalidade. Por exemplo, en Tubinga, cidade a 40 km de Stuttgart, militares marroquís violaron a mulleres nunha franxa de idade de 12 a 70 anos. No Este, os alemáns os consideraban subhumanos ou Untermenschen. O Exército Roxo movíase por acenos racistas e culturais. O que sí resultaba eran unhas violacións en grupo, a miúdo decenas nun só día, con tanta violencia que as deixaban coas espaldas rotas ou danos na matriz. Hai que adxuntarlle enfermidades venéreas e, en miles de casos, o asasinato. No Oeste eran máis sutís. Os estadounidenses ou ingleses xogaban coa fame dos habitantes, xa que cando apremia a necesidade física de comer, a moralidade rebáixase. Os soldados tiñan o poder dos víveres, que eran intercambiados, coma no caso das amas de casa italianas, en outubro de 1943, trala liberación de Nápoles. En todos os casos, os soldados exercían tal abuso porque podían. O tiñan case interiorizado como un dereito, tras liberar a zona.

Outro casos, ben diferentes, son aquelas mulleres que mantiveran unha relación con soldados alemáns. Non só foi por necesidade económica. Pero foron tratadas, coa liberación, como relacións políticas, é dicir, un adulterio contra o país. Había unha sensación de humillación sexual, xa que os homes ausentes eran substituídos por alemáns. Era unha mestura de orgullo nacional ferido e celos sexuais. Isto era representativo para as zonas ocupadas, pero en especial para Francia, considerada como a amante de Alemaña. Incluso dentro das FFI (Forzas Francesas do Interior) relegan as mulleres resistentes, con experiencia, coa máxima machista e paternalista de; “habendo homes non é necesario que pelexen mulleres.

Estas “colaboradoras horizontais” servirían para unir as comunidades e, posiblemente, para rebaixar a represión para cos demais colaboracionistas. Como? Pois, nun aire festivo, sendo paseadas pola vía pública. De forma xenérica, camiñaban parcial ou totalmente espidas, afeitadas na cabeza, marcadas con esvásticas ou ben expostas nas prazas públicas. A misión era sinalar, marcar culpables.

Por último, non houbo crianza de nenos e nenas. A miúdo eran orfos, vivían onde podían e comían o que podían. O normal era que habitasen no medio de escombros e ruínas. Aqueles que tiveron especial atención, non foi por razóns agradables. Eran os “bebés rusos” no Este, froito de violacións, ou tamén os “bebés alemáns,” sobre todo para referirse ós nenos das “colaboracionistas horizontais.” No caso de Noruega foi debate de Estado, inda que o normal era que fosen discriminados, tanto física como psiquicamente. A veces tamén “sentían” a culpa que as nais lles fixeran ver. Outras veces os defendían.[3]

VIETNAM E A DESTRUCIÓN TOTAL (1961 – 1973/5 )

Vietnam1954

Mapa da “partición” de Vietnam polo paralelo 17. Fonte; https://commons.wikimedia.org

Que pasou en Vietnam? Só os que alí viven e estiveron o saben, e non  é agradable. Cando menos, é curioso que o perdedor da guerra en Vietnam, nos conte o como e o que aconteceu. EEUU amosou aos seus soldados cohibidos, cheos de medo, asustados polo que encontraron na xungla. Pero, e se o que lle produce tal síndrome de Vietnam foi o que eles mesmos cometeron?

Poñamos un pouco de contexto. A presenza dos EEUU no Sureste Asiático irá crecendo, sobre todo coa guerra descolonizadora do Viet Minh na Indochina francesa (1946 -1954), un lugar que abarcaba os actuais Vietnam, Laos e Camboxa. Vietnam fora, en Postdam, partido en dous polo paralelo 17. Ó norte, xa establecida con Ho Chi Minh, a República Democrática de Vietnam, e ó sur, estaba a República de Vietnam, influenciada polos EEUU. A súa escalada na zona estaba protexida mediante as plataformas de Xapón, Corea do Sur e o SEATO[4]. Que se aduciu? Unha “contención comunista,” co telón de fondo da teoría da conspiración monolítica do Kremlin. Os comunistas actuarían en todos os lugares a través das chamadas “guerras de liberación nacional.” Para a Indochina, reforzábase coa teoría do dominó. Se esta caía en mans comunistas, caía todo o Sureste Asiático. Había que incrementar a violencia fronte ó inimigo interno; o FLN (Fronte de Liberación Nacional). Pasouse dunha “etapa de asesores” destinados a  Vietnam do Sur, a enviar, de forma oficial, efectivos militares baixo a Administración Johnson. O resto son asasinatos.

As cifras son descomunais. Oficialmente, dos civís survietnamitas, nunca se saberá a cifra exacta. Estaremos falando arredor de dous millóns de mortos, e o dobre ou triplo de feridos. Ó norte, cando menos, uns 65.000 civís mortos por bombardeos. Repetimos, só civís. Para os americanos, ante a dificultade de diferenciar se a poboación estaba do seu lado ou non, a máxima era clara; “se está morto e é vietnamita, é vietcong.” A indiferenza para cos civís era patente. Todo servía para encher o body count, o número de baixas.

napalm-nick-ut-600x450

Fotografía emblemática da guerra realizada polo fotógrafo Nick Ut ou Huynh Cong Út. O 8 de agosto de 1972, no poboado de Trang Bang, caía unha bomba de napalm. Estes nenos estaban fuxindo. Fonte; http://www.people.com/article/nick-ut-napalm-girl-photo-kim-phuc

O que caracteriza estás atrocidades gratuítas é a impredicibilidade dos soldados, xa que as ordes eran claras; “disparar a todo o que se movera.” As veces acudían con menciñas, gominolas, ou se facían actos para gañarse á poboación. Outras veces traían balas, torturas, violacións e destrución total; terras, gando, e estruturas de habitación. Neste segundo apartado os civís eran o branco. A veces eran usados como escudos humanos, de cara a “pescudar” o lugar de minas. Con frecuencia, varrían un ou varios poboados nos momentos posteriores a un tiroteo. Pero a acción – repercusión nin se aproximaba a igualarse. Tamén se producían “misións de vinganza,” ou, de vez en cando, chegar a un poboado en busca de homes en idade militar. Se non se encontraban, dispúñase a pracer de nenos, mulleres e anciáns. Nestes casos, só había que arranxar o “campo de batalla,” coa fin de facer pasar estes asasinatos por baixas inimigas.  Poñemos dous exemplos extraídos do libro de Nick Turse:

Thai Thi Ly, supervivente con ferida de metralla nun ollo, presenciou en Phu Nhuan unha  matanza de 52 campesiños con 30 feridos. Dous días despois, volveron  (os soldados) e mataron  a 4 ou 5 mulleres, ferindo a outros, nenos incluídos. O máis impactante; encontrar unha embarazada, prima dun guerrilleiro, a cal lle abriran o ventre, podendo observar ó seu bebé.  Xullo de 1967

Vi Thi Ngoi, unha dos dous superviventes da masacre do poboado de Dien Nien, o 19 de outubro de 1966. Os soldados xuntaron ós civís. Ata a entrada da tarde os tiveron sentados ó sol. Pasado o tempo, comezaron a baleirar os cargadores. Ela sobreviviu, xa que lle caeron varios corpos enriba, finxindo estar morta.

Un soldado da Compañía Charlie relata a evolución: “Ó principio, paraba á xente, preguntábaslles, e os deixabas marchar. Despois, parabas á xente, lles dabas unha malleira a un vello, e os deixabas marchar. Máis tarde, parabas á xente, dábaslle unha malleira a un ancián e logo lle disparabas. Ó final, entrabas e aniquilabas a todo o mundo.

My_Lai_massacre

Exemplo/secuela da masacre de My Lai, o 16 de agosto de 1968. Fotografía feita por Ronald L. Haeberle, fotógrafo do Exército dos EEUU. Fonte; https://commons.wikimedia.org

O problema viu polo lado das testemuñas. Existían. O problema é que se ninguén o conta non existe, aínda que sí acontecese. Entón, non faría falla remontarse ós Convenios de Xenebra do 1949 ou á Carta das Nacións Unidas. Estarían todos mortos. Pero sempre hai algún supervivente, ou ben certos soldados – mínimos – que narran o que viron e/ou fixeron no medio daquel proceso de aniquilación e brutalidade. Ditas prácticas estaban ordenadas e socialmente aceptadas. É máis, cando saían á luz eran tachadas de propaganda comunista, e feitas por revistas esquerdistas. Cando xa non se podían controlar ante o seu crecente número, desenrolaron uns mecanismos para minimizar a visión de tales crimes de guerra. Un deles foi por a matanza de My Lai como algo excepcional, e facer xirar todo arredor disto. Nin tan sequera o informe do tenente xeral William Peers, censurado previamente polo Pentágono, o catalogaba como matanza. Tamén axudou a creación do Grupo de Traballo dos Crimes de Guerra feito por Westmoreland[5] a comezos de 1970. Este era a primeira liña de defensa para controlar, rexeitar e enterrar máis acusacións. Ademais, se se debía declarar a algún militar culpable, é mellor que non tivera relación coa afamada academia de West Point.

En resumo, foi unha masacre biolóxica. Poboados enteiros desapareceron. A morte era a moeda de cambio. Aqueles que sobrevivían, xeraban grandes movementos de desprazados.  O gando era executado, os campos destruídos  polo napalm (bombardeos) e o axente laranxa, un dos pesticidas e defoliantes usados na guerra. As repercusións da guerra química caeron, ademais, nos descendentes, con malformacións físicas grazas a isto. Non entramos en cuestións económicas ou de relacións Norte Sur, tan só mostrar algo do sufrimento dos civís.

[1] Dentro de todo isto, creouse, a partir das Nacións Unidas, a UNRRA, a Administración das Nacións Unidas para o Auxilio e a Rehabilitación. A misión consistía en asistir ás persoas desprazadas. Estivo activa dende 1943 a 1947.

[2] Un dos destinos dos xudeus, na súa fuxida, foi Palestina, protectorado de Gran Bretaña, o cal vía inviable dar cabida a arredor de 250.000 xudeus. Aceptaron a 100.000. A opinión pública dividiuse. O conflito estaba no aire.

[3] Quedaron moitos temas; a violencia con respecto ós colaboracionistas, afondar nos campos de prisioneiros…

[4] SEATO;  Organización do Tratado do Sureste Asiático. Activo de 1955 a 1977. Estaba composto por; EEUU, Australia, Francia, Nueva Zelanda, Pakistán, Filipinas, Tailandia, Gran Bretaña. A misión era frear o comunismo de China e a URSS.

[5] Westmoreland; xeral do Exército dos EEUU. Para o momento do que estamos a falar, era Xefe do Estado Maior do Exército de 1968 a 1972.

BIBLIOGRAFÍA:

HERRERO, R., “Evolución de percepciones estratégicas: EE.UU. – Vietnam, de la ficha de dominó al peón de ajedrez”, UNISCI Discussions Papers, nº 13, 2007.

LARGO ALONSO, Mª, T.,  La Guerra de Vietnam, Akal, Madrid, 2002.

LEDESMA, J.L., “Los fuegos de la liberación, la represión de los colaboracionistas en Francia a finales de la II Guerra Mundial”, STVDIVM; Revista de Humanidades, nº 8,9, 2001 -2002, pp. 261 – 301.

LOWE, K., Continente salvaje. Europa después de la Segunda Guerra Mundial,  Galaxia Gutenberg, Barcelona, 2015.

TURSE, N., Dispara a todo lo que se mueva, Sexto Piso, España, 2014.