FÓSFORO E PAPEL: O PODER DA DESTRUCIÓN SOBRE OS LIBROS

“…mandó al barbero que le fuesen dando de aquellos libros uno a uno, para ver de qué trataban, pues podía ser hallar algunos que no mereciesen castigo de fuego.

-No -dijo la sobrina-, no hay para qué perdonar a ninguno, porque todos han sido los dañadores…

Miguel de Cervantes, El ingenioso hidalgo Don Quixote de la Mancha, Parte I, 1605

Dort, wo man Bücher verbrennt, verbrennt man am Ende auch Menschen
(“Alí onde queiman libros rematan queimando homes”)
Heinrich Heine, Almansor, 1821

Era imprescindíbel comezar unha pequena historia da destrución dos libros coa cita do Quixote; sen decatarnos case, o crego e a sobriña rematan falando dos libros en categoría humanas. Cando S. Freud marchara xa para o exilio londiniense, sentindo o cancro pastoso no seu padal, preguntáronll que opinaba da queima pública dos seus libros; co carácter sentencioso e un pouco irónico do cinismo senil, afirmou que algo avanzaríamos cando antes queimaban ó autor e agora só á obra. E trabucábase, tamén facían arder á xente nos campos de concentración, e non só por ser escritores.

 Cando escribimos sobre os procesos sociais de conflito e disidencia ó longo da Historia comprendemos que esa dialéctica se executa entre os individuos e o seu corpo físico. Sendo así, hai unha parte da violencia igual de brutal mais que se executa sobre un terceiro obxecto que ten ligazón coa pertenza a unha corrente ideolóxica e que a representa. Así moitas veces o simbolismo dos obxectos e manufacturas foron o centro de represión, véxase senón o cacarexado procedemento da damnatio memoriae na Roma republicana e imperial cando os retratos e inscricións ligadas a un infame gobernante eran eliminadas sistematicamente da Historia. Máis alá de obxectos artísticos, se atopan obxectos que posúen un valor máis alá do físico, de radical importancia comunicativa ou informativa. Como non, o libro, o pergameo e outros medios capaces de transmitir cantidades importantes de información a través do tempo foron moitas veces perigosos para o poder instituído. De aí esa violencia non física, senón estrutural, sobre a que se manifesta a dialéctica polo monopolio das ideoloxías. Sobre un libro se pode executar un castigo como sobre un ser humano: por iso moitas veces os heresiarcas eran executados e destruídos cos seus manuscritos, prolongación do seu poder ideolóxico e único medio de difusión cando a morte volvese muda a boca da predicación. Tentaremos non amosar unha lista infinita da infamia, dende as orixes da escritura até hogano, co afogamento estresante que podería resultar así dunha inútil lista de agravios.

Neste escrito profundaremos na destrución masiva de bibliotecas, moitas veces reducidas a cinsas. O lume das bibliotecas sexa intencionado ou non e por outra beira a putrefacción húmida. Ambos rematan coa existencia dos manuscritos e impresos, rápida ou lentamente, por intencionalidade ou por desidia e pasividade. Non só pensemos nas tráxicas destrucións da Biblioteca de Alexandría, a lume e fume, senón na putrefacción dos escritos de Aristóteles, esquecidos post-mortem e esmorecendo nun lóbrego soto. Tamén isto é destrución.

“os libros non se arruínan tanto nestas bibliotecas como naquelas que orientan ó poñente, propensas ós vermes e á humidade (…) porque os mesmos ventos que crían os vermes fan humedecelos libros” Vitruvio

Le seur, saint paul en ephse

Eustache Le Sueur, Paris, 1616 – Paris, 1655, “La Prédication de saint Paul à Éphèse”, (Detalle) 1649. No cristianismo primitivo a eliminación de escritos pagáns era cuestión de loita pola hexemonía. Por un lado collemos termos e interpretacións da filosofía pagá, por outro eliminamos os libros e autores. Na imaxe obsérvese que o responsable de queimar os escritos é unha persoa de cor, algo que fala do racismo á hora de responsabilizar o libricidio como barbarie extra-europea.

A antigüidade da destrución: libros disolventes en Roma

Afeitos como estamos a desterrar tópicos, ou polo menos a destruír os antigos antes de que os novos sexan traspostos, recorreremos á historia de Roma para amosar cómo a destrución de libros e bibliotecas lonxe de ser unha costume bárbara e medievalizante, xa estaba presente na Roma republicana e por razóns evidentemente políticas. Así, Tito Livio relátanos que ó descubrir o suposto sartego de Numa Pompilio, monarca, tamén se atoparan onda o cadáver libros de inspiración pitagórica que levaron ó Senado a decidir sobre a súa destrución xa que se consideraban “disolventes”, isto é que perxudicaban ou destruían os alicerces morais, éticos, relixiosos ou políticos da estruturación social. Para comprendelo quizais deberíamos entender a determinadas seitas pitagóricas ou órficas cunha consideración de tendencia social dexenerada (falaremos da Entartete Kunst no nazismo). Non sabemos con certeza absoluta se esta pasaxe corresponde á realidade e podemos intuír o carácter mítico xa pola incerteza histórica de Numa Pompilio; aínda así, analicemos o proceder da autoridade e cómo se sabe captar o carácter perigoso ou non da información escrita. En efecto, no 181 a.C. topáranse 14 obras en grego soterradas nun sartego; iso sí, o que ninguén explicaba era como Numa posuía libros pitagóricos cando Pitágoras nacera dous séculos despois de Numa. Mais non importaba, o que era transcendental era a mensaxe xa que representaba a tentativa mediante un fraude histórico de introducir a ideoloxía pitagórica en Roma. A resposta da elite foi clara, ordenaron ó pretor a súa destrución.
A relación poder-escritura non remata aquí, a purificación cultural como práctica de Estado podía influír no decorrer normal do desenvolvemento imperial. A destrución dos Libros Sibilinos é por este proceder o símbolo da fin dunha época coa aparición do novo paradigma cristián-imperial. Mais contraditoriamente, os libros Sibilinos foran os salvados fronte á destrución doutrora executada polo augusto Octavio cando comezou a renovatio imperii.

“Cando se converteu en grande pontífice, reunindo tódalas compilacións de profecías gregas e latinas (…) máis de dúas mil obras, as fixo queimar e só conservou una selección de libros sibilinos, que gardou en dous armarios”

Ironías históricas, os libros salvados por Augusto logo serán un perigo social. Uns Libros Sibilinos moi unidos ó poder, e sobre todo en Roma xa que representaban o futuro no mundo, os seus designios políticos. Por iso, coa hexemonía cristiá se decide a eliminación dos libros proféticos porque ten moi pouco sentido conservar as profecías cando de iure o futuro do Imperio e dos seus gobernantes están en mans do deus cristián. E tampouco seguiremos as partidistas teses de Gibbon contra os cristián xa que sería parcial: a historia romana é paralela á historia dos seus incendios, máis de 88 entre a Monarquía e o crepúsculo da capitalidade, producidos por diversas causas, abondosos os provocados e non menos os fortuítos por designios divinos. Moitos deles con fins políticos como a eliminación da documentación política con información sobre os diferentes cargos e os seus responsables (véxase o incendio do Ninfeo por César por conter información comprometida).

GRÁFICO BIBLIOTECAS NA HISTORIA

Unha gráfica interesante. A caída das bibliotecas da Antigüidade vese axiña compensada polo tímido ascenso das altomedievais. Obsérvese o incremento a partir do fenómeno Gutenberg e a publicación masiva no XIX.

O cambio de rumbo a partir do s.IV d.C. é evidente, sobre todo no referente ó carácter público das bibliotecas. Moitas afectadas polo descoido público van pasando a ser privadas ou ós mosteiros en auxe, nun incastellamento bibliotecario que perdurará por moito tempo. En termos de dexeneración social o explicaba E. Gibbon:

“As grandes bibliotecas e salas de audiencias eran inútiles para una xeración de abúlicos que interrompían raramente o seu descanso para adicarse ó estudo e ós negocios”

E o que Casiodoro non garda co celo do coleccionista no seu mosteiro de Vivarium é tamén erradicado como disolvente: Gregorio I, pontífice do 590, destrúe os exemplares que tiña a man de Cicerón e Tito Livio debido ó seu trunfo sobre os textos sacros. Mais ó desinterese polas bibliotecas do imperio deberíaselle cinguir a opinión de que as elites xa non están pola labor académica e que moito menos se persevere nun sistema cultural que xa está morto. Nunha galaxia do papiro e de libros enrolables que esmorecen non polas prohibicións senón porque non teñen lectores no seu paradigma. Por iso una elite, tanto ten relixiosa ou leiga, comeza a prestarlle importancia a iso de copiar libros, así, Casiodoro substituirá o labora da orde bieita polo traballo nos scriptoria.

Lume, devoción, herexía, tolerancia: o mito do Medievo

Umberto Eco, no seu interesante libro abaixo referido con Jean-Claude Carrière, cóntanos unha interesante anécdota de Gerberto de Aurillac, que máis alá do carácter trivial pecha un significado de época. O papa Silvestre II (o dos famosos terrores do ano 1000) enterouse un día de que unha persoa quería desprenderse da Farsalia de Lucano. Pois ben, o papa, emocionado polo achado, decidiu ofrecerlle unha esfera armilar (un astrolabio esférico) a cambio. Cando lle foi entregado o libro e ante a sorpresa de que lle faltaban dous cantos (algo normal xca que Lucano non os rematou) decidiu entregarlle a metade da esfera armilar. Máis alá do infantilismo pontifical topamos a un eclesiástico interesado en literatura pagá e a un troco con produtos complexos ou raros, como amosa o astrolabio. Este é o ano 1000 do que tantas calamidades se falou, mais como nos ensina a Historia, non sería en exceso tempos de histerias colectivas.

O radical xiro que hai entre as producións de libro antes e despois da imprenta e sobre todo antes e despois da publicación masiva fai que as destrucións de bibliotecas e libros tiña un significado moi diferente. Cando en Roma ou nunha queima medieval se destruían masivamente manuscritos prohibidos era evidente que se estaban a destruír conscientemente a totalidade desa edición e desa obra. Posiblemente queimar 15 exemplares dunha obra implicaba que desaparecía do circuíto de información da Historia. Mais na Idade contemporánea é diferente: cando os nazis organizan a masiva queima de libros prohibidos implica unha destrución simbólica xa que eliminar da face da terra un título é practicamente imposible en 1933, por exemplo Momentos estelares da Humanidade (Sternstunden der Menschheit, 1927) de Stefan Zweig coa cantidade de edicións e traducións era indestrutible polo seu carácter masivo de best seller. Mais J. Goebbels sabía moi ben o que facía recuperando a figura dunha queima pública cun gran poder visual e na psicoloxía das masas, aínda entendendo que non ía rematar con tódolos libros de Zweig.

armarium

Nesta pintura altomedieval podemos contar arredor de 11 volumes (con posibles diferentes título no interior) nun armarium, exemplo do que se entendía por biblioteca media. Codex Amiatinus, imaxe do profeta Ezra, mosteiro de Jarrow (circa 716), Biblioteca Medicea-Laurenziana.

Moitos de nós, influídos por filmes e novelas temos a imaxe dunha Idade Media con bibliotecas que enchían os mosteiros. Como non, debido ás novelas históricas como Il nome della rosa de Umberto Eco quen sabendo moi ben que na meirande parte dos mosteiros as bibliotecas eran armarios (armarium, de reducidas dimensións que contiñan entre 6-15 obras sendo xenerosos con obras principalmente eclesiásticas) amosounos unha grande biblioteca imposible de imaxinar ou como unha excepción insólita. O carácter do valor, da riqueza, facía do libro non só un transmisor de información como eran os económicos e perdurables papiros, senón un produto de ostentación e luxo, producindo inclusive un comercio e facendo deles algo semellante á obsesión polas reliquias onde confluían o factor espiritual e factor material. Pensemos tan só que para facer dúas páxinas de pergameo precisábase o coiro dunha ovella enteira, ou dun tenreiro supoñendo o alto custe económico que supuña nunha época que non coñecía aínda a difusión do papel.

Aínda así temos que ser compasivos co Medievo xa que noutras épocas sí que abundará a queima mais pasada a derrota do paganismo, a preservación de moitos libros así como a copia, tradución e obsesión filolóxica levará a numerosas escolas de tradutores e buscadores de obras descoñecidas. No índice cronolóxico que Polastron nos ofrece no seu libro, a época medieval contabilizamos 10 importantes incendios de destrución e saqueo normalmente relacionados coa destrución de libros de minorías xudías ou musulmás, así como a destrución máis ou menos casual de bibliotecas rexias e monásticas. Mais hai que ser xusto, o incastellamento dos libros tamén leva a que as antigas bibliotecas pasen a ser lugar de moi poucos. Recordemos tamén que o Index librorum prohibitorum fora unha cousa da Contrarreforma, dende a segunda metade do s.XVI, por iso libros tan pouco canónicos como os cantos goliárdicos son topados nas bibliotecas do conventos e copiados polos propios monxes. O segundo incastellamento do libro e a biblioteca virá dado por unha censura eficaz que chega logo da revolución da Galaxia Gutenberg (un termo do lingüista McLuhan). Paralelo ó aumento de libros créanse sistemas eficaces de represión intelectual. Moitas veces non eran destruídos senón que estaban cercados a determinados intelectuais ou persoas que puidesen coñecer só para uso exclusivo determinada información.

O Renacemento, parodiando ó escrito de Lenin, como fase superior do Medievo, foi fértil nas queimas de libros ante a desatada epidemia da imprenta (levando a Francisco I a prohibila por un tempo). O libro, contedor de información será perigoso na loita contra a disidencia social e a vertebración da mensaxe biopolítica. En Castela, baixo as Reais Cédulas do 12 de Outubro de 1501 quedaba claro que a cultura bibliófila mourisca tería que perecer baixo o lume:

“Todos los libros que en vuestra jurisdicción estuvieren, sin que ninguno quede del Alcorán ni de la secta mahomética e los fagays quemar públicamente”

Berruguete_ordeal

“Santo Domingo de Guzman e os albixenses”, de Pedro Berruguete, 1493-1499, Museo do Prado (detalle). O fundador da Inquisición queima a memoria e ideario dos disidentes, a masa está presente (público necesario), santo domingo da a orde, os libros case como persoas condenadas están retratados coa súa decoración individual e humanizados entre as persoas.

O argumento é sinxelo: quitádelle os libros e non recordarán as súas crenzas. O continuum que pode manter unha comunidade unida por una mitoloxía común e unha consolidada literatura oral ou un escrito-referencia. O Islam como relixión do libro, era candidata especial. Aínda así houbo excepcións no tremendismo: as publicacións de menciña, filosofía ou crónicas non serían queimadas. Moitos mouriscos tentarán esconder os libros emparedándoos, de maneira que non se topasen.

A destrución contemporánea: perseguir ideas, eliminar memorias

Relatar a destrución de libros no s.XX ten que levarnos ó nazismo, máis alá da magnética obsesión que as editoriais, autores e lectores posúen sobre a estética fascista. No mundo nacionalsocialista a idea da destrución de libros é como xa expliquei no relativo a Goebbels cuestión dun simbolismo presente ó longo da Historia. A unión de censura e queima únese agora ó encadramento baixo o nome de dexeneración. Así como había unha arte dexenerada (Entartete Kunst), tamén había unha filosofía, unha literatura e unha música fóra do sistema. A lectura de calquera proceso artístico entendíase no senso do reforzamento dunha idea da comunidade nacional e o que se opuxese ó establecemento deste obxectivo no paradiso fascista enfrontábase a eliminación. Mais isto tamén afectou á contra lendo obras como a Alpinesinfonie de R. Strauss ou as obras de Wagner no senso de nazis cando nada tiveran que ver neste aspecto na súa xénese. Así como había un exemplo musical, os libros eran perigosos en gran parte por afastarse fóra do obxectivo desexado e máis logo do fértil período cultural de Weimar.

1933-may-10-berlin-book-burning

Unha fotografía case obrigada, un axente das SA nazis botando libros á fogueira na queima pública de Maio de 1933. Outra vez a masa presente. A diferenza: agora non podemos contar os libros cos dedos da man (véxase o cadro anterior), están masificados. A partir de 1942 coa Solución Final executarán o mesmo método coas persoas: morte industrial e desaparición por combustión.

Non podemos deixar de lado o simbolismo: de entre as primeiras accións que executan os nazis dende o poder é eliminación da disidencia escrita ou física (recordemos que a chegada e asentamento no poder comeza de forma definitiva en Marzo de 1933). Mais, quen debe ser o verdugo destes escritos? Os propios estudantes (en concreto os da Wilhelm-Humboldt de Berlín, das universidades máis prestixiosas do mundo) utilizados na catarse de asasinato do pai terán que eliminar no lume a moitos dos seus autores de referencia, imprescindíbeis polo carácter científico ou ideolóxico. A propia eliminación executábase diante de público e moitas veces con discurso oficiais como o de Goebbels proclamando a fin da intelectualidade xudía ou o pasado morto nun arrebato de futurismo. Autores como Mann, Einstein, Marx, Brecht, Freud ou o mesmo Heine que profetizara a súa destrución rematará entre as chamas. No fondo reside un anti-intelectualismo que non foi exclusivo do nazismo naquel intre: en New York ou Filadelfia houbo queimas similares en forma de imitación.

Alén das evidentes barbaries do nazismo a democracia postbélica non deixou de utilizar o lume e o papel como medio de esquecemento forzoso ou instantáneo. Como nos relata Werner Fuld, en 1951 o alcalde de Stadtoldendorf eliminou as listas e documentos onde se topaban aqueles que se desnazificaran, ou sexa que pasaran do nazismo ós novos partidos alemáns da democracia, maiormente o democristián CDU e o socialdemócrata SPD. Reconciliación á forza pola eliminación de arquivos comprometedores: é imposible non rememorar a actitude de César no Ninfeo case dous mil anos antes.

BIBLIOGRAFÍA

BÁEZ, Fernando (2004) Historia Universal de la destrucción de libros, Barcelona, Destino. (Hai edición ampliada de 2010)

CARO BAROJA, Julio (1991) Las falsificaciones de la Historia (en relación con la de España), Barcelona, Seix Barral.

ECO, Umberto e CARRIÈRE, Jean-Claude (2010) Nadie acabará con los libros, Barcelona, Lumen.

FULD, Werner (2013) Breve Historia de los libros prohibidos, Barcelona, RBA.

POLASTRON, Lucien X. (2007) Libros en llamas : historia de la interminable destrucción de bibliotecas, México, Fondo de Cultura Económica.