VICENTE RISCO, CONSTRUTOR

Por Álvaro Romero Lago  

Creamos un mito. O mito é fe, é paixón. Non cómpre que sexa realidade. (…) O noso mito é a Nación (…) E a ese mito, a esa grandeza, que queremos converter en auténtica realidade, subordinamos todo o demais”
Benito Mussolini (1922)

Risco antes de Risco

Rajú Sahib ou Polichinela non son outro par de heterónimos de Fernando Pessoa. Non por un recendo oriental impropio nas creación de psicoloxías do lisboeta, senón pola mera razón de que baixo esas rúbricas agochábase alguén que soamente podería someterse con aquel a unha comparación denigrante. As semellanzas entre ambos redúcense ao gusto polo chapeu e a necesidade de cargar cuns vidros perante os ollos. Fidalgo dunha estirpe en perigo de extinción, snob elitista que gozaba de Baudelaire, Nietzsche ou Tagore, ateigou de apoliticismo decadentista e algo así como un idealismo místico páxinas de varias follas culturais na década ourensán de 1910.

Vicente Risco antes de ser Vicente Risco; antítese do arquetipo de intelectual sartreano, anteollos dentro dunha torre de almafí desexando participar dese “asalto á razón” no que tanto teimou o memorable Lukács. Alleo e mesmo combativo coa causa galeguista, afirmará, meses antes da súa conversión, que a fala galega “ya no es una lengua literaria (…) el que quiera ser leído, que escriba en castellano”. Ante isto, un apriorismo vólvese requisito; a modo de advertencia: a contradición en Risco roza sempre os lindeiros do axioma. Advírtase que non hai cargas valorativas nesa sentencia, senón a honestidade dun membro do xénero humano que ansía penetrar nos miolos dun camaleón.

1. Debuxo Risco

A primeira cesárea sófrea a fins de 1917. Cómo explicar, non só o cruzar dun escéptico de profesión pola ponte ligaba as beiras do rexionalismo ás do nacionalismo; senón que sexa el, precisamente, o construtor da comunidade imaxinada galega. Polo maxín pasea a visión de que o construtor dunha nova mitoloxía padecese, nalgún intre indeterminado e fugaz, a fría violencia do machado na testa que Hesfesto propiciara a Zeus, a fin evitar males maiores. Malia semellar máis un panfleto propagandístico que un tratado ao uso – éo realmente? -, a Teoría do nacionalismo galego supón, no 1920, a formulación máis importante desta doutrina até, cando menos, a publicación do celebrado Sempre en Galiza de Castelao, debedor sen remedio, por outra banda, en certos prantexamentos daquela obra.

As dificultades dun pensamento que aspira ser racional perante a comprensión dun ideosistema que nega xustamente o positivo de tal actitude, obriga ao interesado a empregar unha metodoloxía alternativa á do señorito converso. Antes e despois de 1914, a pantasma que percorría Europa recibiu o alcume de Nacionalismo. Tratábase dun ente dúctil, impávido ante os mutatis muntandi da terra das trincheiras; nos Balcáns fragmentouse e fíxose avespeiro, en medio continente foron varios os que se fartaron de vivir cos seus titores legais. En nome da paz, da democracia e do dólar, o señor Wilson deixou ben claro que ese espectro, como todos os espectros, tiña dereito á autodeterminación.

Razóns que han de pesar na Teoría de Risco, sempre baixo o paradoxo de ser coherentemente contraditorio. A paranoia sobre unha futura “Galicia bolxevique” dálle, sen dúbida, pulo á súa introdución e participación nos asuntos políticos. Diáfanas son as razóns que lle aporta a López Cuevillas nunha carta de 1920: “un comunismo estatista ó xeito ruso, que bote por terra as fortes torres dos donos da industrea e dos donos da terra, non é de supor que faga moito aprecio das nosas probres de marfil”.

2. Vicente Risco con F. López Cuevillas

López Cuevillas e Vicente Risco

Aínda máis determinantes na viraxe de Risco serán os contactos con A. Losada Diéguez, primeiro ourensán en ingresar nas Irmandades de Fala e responsable de que comece a padear os vicios do Nacionalismo. Velaquí o oportunismo. O novecentista atopa no nacionalismo embrionario, nunha árbore sen froitos, a mellor das rutas para comezar a súa andaina nacionalista sen verse na obriga de facer renuncias en exceso contraditorias respecto das súa postura orixinal. En efecto, a ausencia dunha disciplina ideolóxica no aparello organizativo das Irmandades da Fala, composto por un binarismo groseiro que vertebra en torno á causa galeguista a demócratas – liberais e a neotradicionalistas, permite a Risco mergullarse nesta novidade política sen humedecer o seu imago mundi previo. Foi algo máis que mollar os pés.

A nación sementada

A pesares do particular da figura, a necesidade da sistematización do ideario nacionalista do Risco da Teoría (1918 – 1923) non atopa óbices para debuxalo dentro da vertente neotradicionalista. Anque sexa como bosquexo. As afinidades que poida compartir con Losada Diéguez, da máis fiel praxe a tal ideario, ou con Otero Pedrayo, paladín da corrente na década seguinte, atopan forte contrapeso nos argumentos destilados no ensaio en cuestión. Idiosincrasias que lle impiden a adscrición a calquera liña ideolóxica de nítida definición, ao tempo basculan as libras necesarias para facer del o primeiro grande teórico do nacionalismo galego.

O columna vertebral da Teoría non presenta oscilacións respecto da meirande dos tratados e apoloxías nacionalistas: a natureza do ente. “Que é unha nación?”, pregunta que non debe quedar ao albedrío da continxencia para calquera aspirante a recibir mostras de respecto por parte dos lectores. Sabido é que, dende a invención da idea a fins do XVIII, tal resposta ten dúas saídas lícitas, a obxectiva e a subxectiva, en función do enfoque ideolóxico adoptado polo teórico. No seu texto, Risco desbota calquera posibilidade dunha definición voluntarista, renega explicitamente de E. Renan, malia ser incapaz de negar a validez de certos trazos desa liña para a construción da súa idea de nación, na medida en que defende como unha das causas do nacionalismo galego a creación dunha vontade colectiva.

Opta por unha variante organicista, a dos pioneiros alemáns, a de Stalin. Pero a diferenza destes, Risco carece da contundencia suficiente para dar unha definición sistemática, en tanto que se limita a dicir:

“Non discutimol-o direito de Galicia a ser unha nación: Galicia é xa unha nación: a nacionalidade galega é un feito xeográfico e histórico que non se pode negar. Galicia é un organismo vivo, e pol-o feito de selo, ten dereito a vida”

Expresión erguida sobre unha serie de prexuízos, pero que tampouco debería denigrarse en calidade de dogma, aínda que a mesma se preste nun principio a un rexeitamento rotundo. A teoría risquina pode entenderse dun xeito sinxelo a partir da negación radical – e inconsciente, obvio- da proposta por E. Gellner naquel clásico estudo de principios dos oitenta. Se para este a nación é un artefacto resultante dunha sofisticada enxeñería política de fins lexitimadores para soportar as esixencias sociais das sociedades modernas; no entendemento do fidalgo ourensán, se algo queda de natural no século que habita é xustamente a nación, froito macerado na sabedoría intrínseca da historia. O artificial e decadente atópase, precisamente, en toda edificación estrutural da civilización occidental moderna.

Na inclusión dalgúns “elementos obxectivos”, ben a lingua, ben a historicidade, non supera Risco o legado murguiano; opta por asumilo e, se cómpre, radicalizalo cando a coherencia do discurso o requira. Por novidosa e transcendente, a esencia da construción de Risco reside no que pode denominarse como factor terra. O determinismo xeográfico do pensador é fundamental na comprensión da nación que se deseña na Teoría, pois a xea galega resúltalle non só unha entidade “xeograficamente autónoma”, senón tamén a “máis europea da Peninsua”. Non ten dúbidas en que foron o chan, o clima e a fauna de Galicia histórica as que interactuaron, por medio dunha especie de relación ancestral entre a terra mística e un ethos céltico, para dar a luz, alá polas tebras do tempo, ao espírito da nación galega. Volksgeist definido como “emoción do sedentarismo” cuxa expresión comunitaria califica Risco, nun amago de lirismo, como “patriotismo vexetal”.

Nos asuntos etnográficos – pseudoetnográficos, máis ben – a sombra de Murguía quédalle curta ao construtor deste primeiro nacionalismo galego. A súa concepción idealista constrúe un relato da historia europea no que a nación exerce a función motriz. A corredoira de séculos resúmese, segundo Risco, nunha loita entre dous espíritos colectivos, o latino e o céltico – xermánico, transmutados en razas que por un proceso de asociación natural rematan por constituírse en nacións.

3. O Arnoia, a Xea amada

O Arnoia, anaquiño da “xea” idealizada

Nesa particular lectura histórica do ethos galego, a responsabilidade de todos os males sufridos pola súa patria recae sobre a expansión dese espírito mediterráneo, que dende os tempos de Xulio César engaiolou ao celtismo nas Illas Británicas, para rexurdir agora, na hora dos pobos celtas e asumir a súa teleoloxía: edificar unha nova civilización coa salitre atlántica:

“A nosa, a civilización saudosa da Lembranza, inda se non persentou na escea do mundo. Noso destino futuro é crear e impoñer esta civilización nosa que ha ser a civilización atlántica. (…) Ora esto dá unha sinificación universal ó galeguismo, esto dá unha meirande rialidade histórica á nosa eisistencia nacional. A misión histórica de Galicia e Portugal é d’ opoñer ó mediterraneismo, o atlantismo, fórmula da Era futura. Tras de nós, Hespaña inteira até agora infestada de mediterraneismo (…) incorporarase toda ela á civilización atlántica.”

Galicia como remedio

Se para o noso home son os sistemas de valores e crenzas os que configuran as estruturas socioeconómicas e políticas, o que vimos ata o de agora foron os eixos abstractos da solución aos grandes da recén nacida nación. Cal é, pois, o diagnóstico?

A progresiva difuminación da fala, costumes, formas de organización colectiva, en suma, da identidade galega ata chegar á plena desgaleguización desexada polo centralismo estatal da constitución canovista de 1876 é o gran problema ao que se enfronta a Galicia de Risco. Discriminzación que Risco observa no propio esquema de partidos políticos e representación parlamentaria da Restauración como no atraso económico do territorio, resultantes ambos dunha autonomía insuficiente para Galicia. Autonomía que, recollendo o programa da I Asamblea Nacionalista das Irmandades (Lugo, 1918), para o construtor non pode ser menos que “integral” nin estar tutelada por calquera, senón por esa “élite nacionalista, minoría intelectual chea do espirito do seu tempo” que ten “nas maus a chave do mañán”

A esfera das relacións socioeconómicas tamén deberá dar resposta aos anhelos do Volksgeist. Na súa Galicia, as patas miran para arriba e as cabezas contrabaixo: os esquemas produtivos “son importados, non autónomos, pois o espírito capitalista é alleo a alma galega” en tanto que “a extrema división da propiedade é un subfenómeno da sedentarización, do máisimo afincamento na terra á que a nosa raza tende a se xunguir”, posto que “c’un sinxelo instinto democrático, o galego tend’a facelo todo en pequeño”. Só así, coa parroquia, de evidente orixe celta, funcionando como célula produtiva da organización económica, será posible a creación dunha clase de pequeno campesiñado propietario convertible en suxeito dunha futura “democracia agraria”.

Era esta a utopía final, o destino manifesto da nación galega. Eran estes os montes de contradicións dun snob comprometido. Eran estas, e algunhas cousas máis as que “dicía Risco, cando Risco era alguén“.

BIBLIOGRAFÍA

BERAMENDI, Justo (2007), De Provincia a Nación. Historia do galeguismo político, Vigo, Xerais, pp. 415 – 772

BERAMENDI, Justo. e NÚÑEZ SEIXAS, Xosé Manoel (1995), O Nacionalismo galego, Vigo, A Nosa Terra, pp. 9 – 143

GELLNER, Ernest (1983), Naciones y nacionalismo, Madrid, Alianza

HOBSBAWM, Eric (1991), Naciones y nacionalismos desde 1780, Barcelona, Crítica

MAIZ, Ramón (1997), A idea de nación, Vigo, Xerais.

RISCO, Vicente (1920), Teoría do Nacionalismo galego, Ourense, La Región. Ed. Crítica de BERAMENDI, Justo (2000), Santiago.