PASAXES DA DOR NA GALICIA MEDIEVAL

Unha historia da dor : a Historia dos ninguén? (1)

 Ultimamente a moda de facer unha Historia de todo leva a casos cando menos particulares como Georges Vigarello e a súa obra As metamorfoses da Graxa ( Les métamorphoses du Gras: Histoire de la Obésité, 2010), mais no noso caso interésanos a vertente social da represión, violenta se cabe. Preguntas varias veñen a completar o noso tema: sempre se executaron as ordes xudiciais da mesma maneira? Que tipos de penas? Eran iguais ante a xustiza? Quen executaba esas ordes, sempre os verdugos? A estas e outras cuestións tentaremos responder mediante a viaxe a dúas pasaxes da Historia de Galicia, da Alta e Baixa Idade Media, que servirán como exemplo do cambio do tratamento das penas xudiciais, e do corpo como lugar de castigo. Porque o obxectivo, e non outro, é darlle voz  a aqueles que nunca a tiveron, sexa o escravo Froila, sexa o carniceiro Afonso que rematou sendo verdugo.

Sin título

Imaxe do Codex Calixtinus, parte da Historia Turpini. Un retrato dos bellatores e da importancia das espadas como símbolo do poder violento e da coerción exercida. Aprecemos a cuasi ausencia de armadura corporal.

 

Celanova, 940: o asasinato de Froila págase con gando ?

No 1926 ardeu por completo o fondo documental do mosteiro de Oseira en Ourense, toda a valiosa información gardada foi perdida. Esta información lonxe de ser trivial infórmanos das grandes perdas de documentación do Medievo e en especial da Alta Idade Media. Mais relatemos a historia que coñecemos grazas, neste caso, ó fondo documental de Celanova, que nos chegou en gran parte para poder relatar a primeira das pasaxes que imos presentar. Fálanos dun asasinato e de cómo este se castiga. Un home chamado Froila cuxa morte se paga con bois…

No ano 940 temos constancia da fin dun xuízo ós asasinos de Froila (Doc. 64). Éste era iunior (un tipo inferior de servo) de Ilduara, unha das máis importantes aristócratas galegas con posesións e fundadora de varios mosteiros ademais de ser a nai de San Rosendo de Celanova. Todo parece ser que Froila fora asasinado (golpeado até a morte) por Pelagius e os seus gasalianes (algo así como a clientela armada que seguía ó señor, o defendía e executaba os seus intereses) o cal nos falaba dunha violencia da cal non podemos especificar máis. Só sabemos a sombra do caso, o rastro da pena e as indefinicións das razóns do crime.

Mais o interesante é observar como o castigo ou pena non se executa sobre o corpo dos penados, algo que observaremos na segunda pasaxe, senón sobre os seus bens. Como Pelagius non pode pagar a cantidade de 5 bois de pena, acorda entregarlle a Ilduara e ós seus fillos a metade de doce villares. Isto explícase pola idea do dereito xermánico e o wergeld (wer, vir “home”, geld “diñeiro”), ou sexa unha condena económica que variaba dependendo do tipo de persoa á que se asasinara: a relación de idade (fértil no caso das mulleres) así como o estatus social facían variar a condena. Non tódolos homes son iguais, nin tódalas vidas custan o mesmo. Ademais a pena non ten por obxecto indemnizar á suposta familia se é que a tiña, senón ós propietarios desa persoa o que amosa o carácter escravista. Froila é tratado coma un obxecto, coma un animal con faciana humana como dicía Guy Bois, é propiedade de terceiros e polo tanto non libre. O seu corpo serve para o traballo e o que se indemniza é que ese corpo non poida seguir traballando, non o carácter fúnebre ou sentimental: simplemente produciuse unha perda económica coa morte e hai que repoñela.

Imagen1

Santiago de Compostela, 1416: de carniceiro a verdugo                    

A historia de Afonso da Cana ben merecería estar nun relato de tenebrismo gótico, mais a súa realidade gárdase nun libro puramente administrativo que rexistrou os trámites do concello de Compostela durante décadas. O extravagante e sorprendente do documento é que Afonso da Cana, veciño da cidade pasou a selo verdugo da cidade cando antes fora carniceiro. Aínda así non nos debe sorprender xa que podería haber unha relación entre todos aqueles oficios que por dicilo dalgunha maneira, “derraman sangue”, engadindo neste grupo ós barbeiros e ós cirurxiáns (tamén documentados no susodito libro, e a soldo do concello). Así, Afonso da Cana documentado en varias datas é durante anos remunerado para executala lei nos reos, o que implica o axustizamento capital como diversos tipos de torturas que logo pasaremos a amosar co texto.

 “Viiente et tres dias do mes de oytubre. Sabean todos que eu Afonso da Cana, carneçeiro, morador enna çidade de Santiago de mĩa propia et livre voontade outorgo et connosco que faço aviinça con vosco Martin Serpe alcallde enna çidade de Santiago et con Martin Galos et Gomes Rodriges, jurados enna dita çidade et con o conçello da dita çidade que seedes juntados por crida de anafil enno sobrado da notaria de Roy Martines, notario, segundo que avedes de uso et de costume asi et tal maneira que eu des oje esto dia endeante en tenpo de mĩa vida use de ofiçio de servente enna dita çidade con os alcalldes que agora son et foren de aqui endeante da dita çidade, conven a saber: que eu por min ou por outro faça et cunpla o que mandaren as ditas justiças ennos homes et molleres que eles prenderen ou mandaren prender et foren presos et postos enna cadea do conçello desta dita çidade enforcando et açoutando ou degolando ou deçepando aquelas personas que foren sentençiadas enna dita cadea por los alcalldes que agora son et foren de aqui endeante ou por cada hũu deles et obligome de estar residente para usar do dito ofiçio et que me non encorra nen absente a outras partes nen me ponna en eglesia nen en moesteiro nen en outro lugar algũo coutado ou privilegiado nen en poder de cavaleiro nen escudeiro, dona nen donzela nen de outra persona algũa poderosa que me anparen et defendan que non use do dito ofiçio. Et se por la ventura me ausentar et fezer o contrario, oligome de susubir por meu corpo et bẽes aquela pena ou penas que a persona ou personas que eu avia de justiçar por mandado dos ditos alcalldes et meresçian aver et padesçer et non posa sobrelo nen sobre parte delo dizer nen alegar leis nen dereitos exepções nen defensões algũosdido”

23 de Outubro de 1416

Sen dúbida o texto é tamén interesante xa que nos amosa unha fonte directa onde fala o propio Afonso da Cana sobre os seus deberes e cometidos. Observemos que para o propio verdugo non se faculta foro ningún no tocante a ceibarse do seu traballo. Acaso houbera casos en que os verdugos se abstiveran de executalas torturas ou as penas? Polo que di no texto pode que sí. Rememoremos que o concello non era a única instancia de poder xa que mantiña unha pugna pola supremacía co arcebispado e tamén con outros foros ou réximes especiais que implicaban acollerse a sagrado ou nunha xurisdición de reguengo, ambas presentes en Compostela. Observemos esa parte do texto:

“obligome de estar residente para usar do dito ofiçio et que me non encorra nen absente a outras partes nen me ponna en eglesia nen en moesteiro nen en outro lugar algũo coutado ou privilegiado nen en poder de cavaleiro nen escudeiro, dona nen donzela nen de outra persona algũa poderosa que me anparen et defendan que non use do dito ofiçio.”

A insistencia e o profuso tratamento que se lle fai ó perigo de que o verdugo se ceibe do seu cometido fálanos de informacións indirectas de que non sería a primeira vez que o dito verdugo, por acollerse ós supostos anteriores, non executase as ordes do conçello. Mais a obriga non só acouta este caso e “abstinencia laboral”, tamén reflicte o castigo ó que se enfrontará en caso de que o faga. A pena é desproporcionada e ten carácter disuasorio: se un preso non é axustizado o verdugo deberá ser condenado a sufrila mesma pena sobre o seu corpo ou sobre os seus bens. Imaxinemos pois que un condenado a morte se libera por razóns ilegais do seu cometido, pois logo o verdugo tería que sufrir a mesma pena. Corpo por corpo, tanto ten. A desproporción ben como unha disuasión que dificilmente se poñería en práctica, a priori. Afonso da Cana seguiu traballando durante anos para o concello á luz do rexistro administrativo e non tivo que sufrir esa cláusula abusiva. Unha pasaxe perdida nas referencias documentais, como tantas outras. Logo de 600 anos volvemos a traer a Afonso da Cana, polos sen voz, porque endexamais aparecería nunha crónica rexia, sen biografía, mais retratado na Historia polo seu traballo, o máis escuro.

BIBLIOGRAFÍA

MOSCOSO, Javier (2011) Historia cultural del dolor, Madrid, Taurus.

PALLARES MÉNDEZ, María del Carmen (2004) Ilduara, una aristócrata del s.X, Sada, Ediciós do Castro.

RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Ángel (ed.) Libro do Conçello de Santiago (1416-1422), Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega.

 (1) Este artigo forma parte de El cuerpo en la Edad Media: de morada corrupta a teología política, conferencia presentada no marco de II Ciclo Entre Clío y Euterpe: Arte y Poder, día 5 de Febreiro de 2016 na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Salamanca. Para máis información: https://entreclioyeuterpearteypoder.wordpress.com/2016/02/11/ii-entre-clio-y-euterpe-arte-y-poder/