O voo de “El búho gallego”

“Sentáronse dentro del corro, de manera que estaban en posesión del búho, que quien así las viera juntas aquel día le pareciera era junta de Cortes… tomaron el vuelo y defensa de su patria.”

A reunión avícola estaba concertada grazas a unha bandada de tordos  que cantaban en vascuense.” A causa era que o moucho non debía de estar no lugar do “soto del humilde Manzanares.” Iso, ou outras virtudes que os primeiro envexaban do moucho. A primeira disposición foi a chamada das demais aves do reino, non para parlamentar, e sí para a súa expulsión do terreo. Non debía de estar.  Preparado estaba para capitular, incluso por escrito. Arredor dun chopo foi a reunión e, alí, comezou un discurso para a defensa dos seus intereses, non sen antes intentar atraer a algunha das aves para o seu bando. Rematada a disertación, na cal expuña o seu dereito, precisou da axuda da chegada dunha ave que por riba de todas voas. Era a aguia real, símbolo dos Austrias, símbolo do seu Imperio.  A partir de aquí, coa aguia como xuíz, establecéronse dous bandos enfrontados dialecticamente. Un era o moucho, e o outro eran as demais aves , representadas  por Juancho Garibay, vizcaíno. As sobreditas aves viñan de todo o Reino; “un tordo vizcaíno, un cernícalo navarro, un milano catalán, un cuco aragonés, una mirla de Valencia, una golondrina de Murcia, un pavo andaluz, un jilguero portugués… el ganso castellano y el sisón manchego.[1]

el_buho_gallego

Unha das edicións. Pódese ver todo o título completo. Fonte; http://bibliosansa.blogspot.com.es/2015_04_01_archive.html

Que hai detrás desta pequena fábula? En primeiro lugar o seu autor, ou suposto autor, xa que non ven firmado. Aínda así, todo indica que foi creado por VII Conde de Lemos, don Pedro Fernández de Castro no seu retiro en Monforte de Lemos, aló polo 1620. Prodúcese durante o seu último período de vida, xa afastado da Corte, onde estivo baixo a influencia do Duque de Lerma e o seu poder. Pódese ver, a fábula, dende distintos puntos de vista. Aquí, o abordaremos dende tres. O máis difundido é a defensa, que este texto establece na recuperación no dereito de voto en Cortes por parte de Galicia. Unha petición secular. Outra, menos traballada, pode deberse ás distintas posición de forza que na Corte se establecían en torno ó monarca que, neste caso, están entre Felipe III (1578 – 1621) e Felipe IV (1621 – 1665). Regado, todo isto, está de; menosprezo, minusvaloración e odio social contra os galegos. Algo característico do Século de Ouro da literatura española.

Os avatares institucionais do VII Conde de Lemos son pouco relevantes para este apartado.[1] Pódese ver como un nobre máis que emigra cara a Corte, cando esta se consolida lonxe de Galicia. É un éxodo case masivo e universal  dos principais aristócratas do XV e XVI. Continúa unha tradición. Esta, pode ser, ben por interese persoal, ben como un sistema de reforzamento do poder da Coroa.  Acabará xerando unha particular forma de dominación, dividida entre o estamento eclesiástico e a nobreza menor ou fidalguía. Pero, esta marcha, non leva a desaparición da súa influencia territorial, económica e social.

Desta forma, na Corte erixirase como un dos mellores apoios do Duque de Lerma, válido de Felipe III.  Do seu regreso como virrei de Nápoles (1616), o panorama cambiara. As intrigas e loitas ían en aumento entre as distintas faccións de poder  cortesán. Incluso se enfrontaban lazos de sangue, caso do xa mencionado Duque e o seu fillo, Cristóbal de Sandoval y Rojas, duque de Uceda. O “grupo opositor”, por así dicilo, ó Duque de Lerma era variopinto; o seu fillo, o confesor real, don Luis de Aliaga, Baltasar de Zuñiga, ou un futuro clásico da política cortesá, o Conde – Duque de Olivares. Nestes momentos era só conde.  Todo eclosionou na chamada “revolución das chaves.” Supuxo o fin da privanza do poder do duque de Lerma. Pasou, polo control do entorno do futuro Felipe IV, sobre todo, cos oficios que flotaban ó seu arredor.  As denuncias, en torno a ese control, sucedéronse. Neste contexto, o conde de Lemos, tras unha entrevista co monarca – de inútil resultado -, partiu para o seu exilio en Monforte de Lemos. O que haxa disto na fábula é algo que, polo de agora, se descoñece. Neste caso, serían, máis ben, un moucho con intereses persoais.

Pedro_Fernandez_de_Castro

Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos, en “Retrato de Españoles Ilustres,” 1791. Biblioteca Nacional de España. Fonte; https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Pedro_Fernandez_de_Castro.jpg?uselang=es

Cambiando de terzo, o vemos, dende o punto de vista político, como un alegato a favor do voto en Cortes para Galicia. Non era a primeira vez que se pedía, máis sí a primeira por vía literaria. A perda deste dereito parece confuso. A finais do XIV o inclúen uns, mentres que outros, o sitúan durante o reinado de Juan II. Iso sí, perdeuse a favor da cidade de Zamora. A causa disto, as Xuntas do Reino de Galicia encargábanse de repartir, a escala galega, os servizos aprobados nas Cortes Castelás[3]. Deste xeito, contar co voto, suporía evitar os prexuízos de estar representado polos procuradores de Zamora. Os intereses non eran os mesmos.

As peticións, elevadas dende o propio territorio coa axuda dos nobres galegos na Corte, foron constantes. Non se pode ver como unha petición homoxénea en intereses, pero sí recorrente. Así, por exemplo, as peticións ao mozo Carlos I na reunión de Cortes celebrada en Santiago e en A Coruña, no 1520, foron mediante os principais nobres galegos. A partir do 1557, por influencia dos contadores maiores, a cambio do recoñecemento, debíase de ofrecer un donativo. Nun primeiro momento, foi de 20.000 ducados. A finais do XVI, 1599, ofreceuse unha nova cantidade, que o VI conde de Lemos ofrecía no nome das xuntas. Ésta era de 30.000 ducados, sendo tamén rexeitada. A pretensión alcanzou o seu éxito, de forma oficial,o 5 de febreiro de 1623, xa morto o VII Conde de Lemos. A aceptada petición foi cambiada por 100.000 ducados, pedida dous anos antes. Os cartos irían a parar, na súa maior parte, á construción dunha escuadra para a defensa da costa galega do corsarismo e nova ameaza; Holanda. No impás de, pedir e conceder, Zamora defendía ese Voto, cunha ristra de memoriais, no cales estaba ese dereito. Hai que dicir que, o voto, foi concedido ó conxunto de Galicia. Quedaba representada por dous procuradores.

aguila imperial

Dirixindo a xuntanza a aguia dos Austrias. Na imaxe, unha aguia imperial ibérica. Fonte; http://www.venenono.org/?page_id=46

No menosprezo mencionado, Galicia quedaba como un lugar periférico, excéntrico á Corte. O moucho, segundo o tordo fora “criado en las montañas y cavernas de Galicia.” Pasouse á caída en desgraza, ante unha visión, anterior e prestixiosa da lingua, usada por reis – cando non eran de descendencia galega – e a súa Corte. Este odio provén de diversos factores. A pobreza, xunto coa “sobrepoboación crónica,” facía a emigración, estacional, unha oportunidade. Así o expón o tordo; “cada día exercita oficios indecentes, limpiando los campos, limpiando las centinas y otras cosas asquerosas por cobdicia de un real que se les da.” O idioma xogaba outro factor, xa que o vían case como unha dislexia. O curioso é que a lingua portuguesa era considerada como máis delicada, máis refinada que a galega. Tamén, o protestantismo reduciu á chegada de peregrinos e dos seus cuartos. A xeoloxía tampouco axudaba nas comunicacións, aínda que, xa se sabe; en Galicia, tanto o bo coma o malo, entra polo mar.

Este odio foi auspiciado dende a literatura e, en especial, dende o teatro, divulgador de historias entre a masa. Deste xeito, íase creando un imaxinario social do galego, totalmente negativo. Lindezas como covarde, roñoso, tosco, rudo etc, son a punta do iceberg. Pola súa parte, a galega, saía igual ou peor parada desta contenda.  Estábase a crear ó “outro,” mediante a lingua, as sospeitas de falla de relixiosidade ou de traballar nos oficios máis humildes nos casos dos emigrantes. Non eran casteláns, non os consideraban como tales. Sabían do peso demográfico que posuían no Reino.  Eran sospeitosos de todo, de relacionarse con Inglaterra, con Portugal, ou incluso peor, de non ser cristiáns. A miúdo, eran acusados de estar pouco cristianizados, a pesar de ter con eles ao Apóstolo Santiago. Así pois, aparecía como un non-humano, ou un subhumano, chegando á cousificación e á animalización dos galegos e galegas.

tordo comun

O “tordo vizcaíno” e o “pavo andaluz”, son os máis anoxados á presenza do moucho, e o demostrarán. Na imaxe, un tordo común. Fonte; http://www.aves.com.uy/aves/foto_fotos.asp?idave=445&f=1489

Poucos son os que saíron na defensa, tanto do Reino – sen rei -, como da súa xente. Os que o fan, vese case como casos de paternalismos ou caridade cristiá ante tanto ataque. Non nos podemos esquecer de que, moitos dos literatos están baixo mecenas de nobres, como o do Conde de Lemos. Crearán literatura aduladora para co seu mecenas, non para o lugar de onde procede.[4] De aí que, se se ve algún verso positivo desconfiade. Por exemplo, Quevedo andaba buscando ser membro da Orde de Santiago. Aínda, con todo, houbo certos defensores, parece que concienciados ante a situación. Unha das máis famosas – e tamén por escasas –, é a carta que don Diego Sarmiento de Acuña, gran conde Gondomar, lle envía dende Londres ó secretario de Felipe III, don Andrés de Prada. É unha apoloxía da defensa de Galicia, mostrando a importancia dos galegos no Reino das Españas, sobre todo, os de alto rango

Pero, claro, o moucho tamén se defende ante tales agresións verbais, e profundamente arraigadas. Utiliza dous recursos, a miúdo enlazados entre sí. Son, o incremento da súa importancia e desprestixio dos demais. As demais aves só usan o segundo destes, xa que só precisan minusvalorar ó contrario. Parten da base de que son mellores. En cambio, o moucho, o debe de demostrar. Os políticos de hoxe en día estarían orgullosos.

Buho_Real

As pretensións de Galicia son postas na palestra a través do moucho. Na imaxe, un moucho real. Fonte; https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Buho_Real.JPG

A súa importancia radicaba en ser, Galicia, “cabo y cabeza desta cabeza.” Esta macrocefalia falaba do papel que España xogaba no taboleiro europeo. O moucho puña a Galicia como a punta de lanza da conformación da identidade deses momentos. Así pois, Galicia quedara libre no momento da invasión musulmá, quitando, claro, algunha que outra razzia. Era – segundo o exposto polo moucho –, un lugar fora do mestizaxe relixioso e de sangue. Desta forma, os musulmáns identifican, con frecuencia, ós cristiáns como galegos. Por suposto, a forma de menosprezar ás demais aves, é negar a súa “españolidade.” É a formación por exclusión, xa vista contra os galegos.  Por iso, se vincularán cos xudeus ou os musulmáns. Ademais, usará unha nova ferramenta, a etimoloxía das palabras, por suposto, para desacreditar. Co panorama exposto, só queda lugar para a terxiversación. Poñemos varios exemplos. Os “tordos vizcaínos” eran escravos xudeus traídos polos godos, namentres que, co “milano catalán,” tan só deixa caer o seu nome como ave de rapiña. O recurso do Islam é farto compartido, xa que os aragoneses e valencianos os deixan agromar. Benevolente será coa “golondrina murciana” e cos anfitrións, así como co portugués, por afinidade. Pola contra, atacará a indefinición, en termos de lealdade de Navarra, e a falla de relixiosidade e covardía do “pavo andaluz.”

[1] Inclúese ó “jílguero portugués,” debido a que, Portugal, estará baixo dominio dos Austrias dende 1580 ata 1640.

[1] Presidencia do Consello de Indias (1603 -1610), virrey de Nápoles (1610 -1616) e presidente do Consello de Italia (1616 -1618).

[3] As Xuntas, a mediados do XVI, eran as sete cidades con dereito a representación por ser capitais de provincia. Funcionaban como unha asemblea representativa. Aquí, tamén acudía o monarca para “solicitar” levas e contribución económica.

[4] O conde de Lemos foi un dos grandes mecenas das letras. Baixo as súas ás estiveron xente como Lope de Vega, Cevantes, Quevedo, Góngora… Certas obras lle foron dedicadas ó conde, caso da segunda parte do “Quixote”. Tamén, el, cultivou esta arte, aínda que, boa parte da documentación se perdeu no incendio do palacio condal de Monforte de Lemos, a comezos do XVIII

BIBLIOGRAFÍA:

DUBERT, I.(Coord.), Historia de la Galicia moderna, Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela,  2012.

FERNÁNDEZ DE CASTRO, P., El Búho gallego, Compostela D.L., Santiago de Compostela, 1992.

 MURADO, M. A., Outra idea de Galicia, Debate, Madrid, 2013.

PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, E. J., Don Pedro Fernández de Castro, VII conde de Lemos (1576 – 1622), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1997.