Lendo e relendo De remate, de Héctor Cajaraville

Cando vou a un deses restaurantes innovadores, xa sei que vou atopar uns pratos diferentes e chocantes; o que xa non é tan seguro é que vaia comer ben, como nos gusta comer ós de Lugo. Así que cando abrín un libro titulado De remate e lle botei unha ollada vin que se trataba de artigos xornalísticos, comentarios dos lectores, fragmentos do diario de Bieito Sanmarful e outros textos variados, todo mesturado e pensei: vaia, innovación e restauración formal, veremos se queda niso ou se hai ensulla, se hai unha boa historia. Será coma nalgún deses novos e atractivos restaurantes que me decepcionaron na comida, aínda que ma cobrasen ben? E púxenme a ler e xa non parei ata terminar este De remate. Había innovación formal con materiais diversos, había deconstrución coma nesas novas casas de comidas. Mais había unha boa historia, un tema e un argumento moi atractivos.

foto1

O caso é que entre as presentadas ó premio Xerais, que tiven que ler como xurado, tamén había outras historias moi interesantes e ben contadas, con moitos méritos para seren finalistas, mais foi esta a gañadora e por unanimidade.

Cando uns meses despois me chegou o libro do trinque aínda que o lembraba ben volvéuseme pegar ás mans e púxenme a reler. E lino “deconstruído ou reconstruído”. Explícome, lin primeiro todos os artigos seguidos. A señora do Barbansa  que topa unha saqueta chea de drogha, o Pancracio da Costa da Morte e a funeraria de ADN, esas palabras médicas que tanta xente di atravesadas, a muller que casa co asasino do seu home, a loa da Costa da Morte, a mocidade comprometida, o Entroido co oso de Salcedo, o rico emigrante de Avión, un aparecido na Illa de San Simón, a botella ao mar con sorpresa, o parque do Pasatempo de Betanzos,  canto chove en Santiago, apelidos raros coma Pirola, o excura progre galeguista, os Camiños de Santiago, a nena Omaira do terremoto, o sempre cambiante galego normativo, a teima que lle deu á xente por correr, as mascotas dos campionatos, Galicia sitio distinto, o carrexo de votos nas residencias da terceira idade e a moda das tatuaxes. Desde logo que a temática  destes artigos é do máis variada e actual.

Despois lin tamén seguidos os emails, a maioría deles dos lectores dos artigos. Os agradecidos polas etimoloxías populares, os enfadados polo trato á Costa da Morte ou polos comentarios sobre os docentes; a fiel admiradora Generosa de Noia, as reaccións sobre a singularidade galega. E sobre todo os emails intercambiados con María, coa súa María.

E polo medio de todo isto aínda queda o texto dunha denuncia policial, un testamento, unha entrevista radiofónica, un poema, un twitter, varios borradores en word e unha crítica literaria.

E a seguir lin as anotacións no diario, a historia do Bieito toda seguida. As fontes de inspiración dos artigos, o enterro do avó. Quen é Miguel  e os problemas coa droga. A ameaza dos de Xerais por lle copiar un título ao grande Manuel Rivas. A súa historia de amor en Salcedo. A viaxe a Barcelona e a homenaxe a Los suaves. A historia familiar desde o bisavó fusilado. As reflexións sobre o Ramadán. Como cambiou Santiago nos últimos anos, a historia de súa nai. Os seus problemas de saúde. O premio que lle deron os de Política Lingüística, e a súa novela Leixaprén.

Héctor Cajaraville co xurado do Premio Xerais

Héctor Cajaraville co xurado do Premio Xerais

E volta atrás, volvín ao inicio para ler o prólogo, no ano 2025 e xa coa terceira edición dos artigos de Bieito Sanmarful. Agardo que a fortuna deste De remate sexa ben distinta e a terceira edición sexa dentro de tres anos, non no 25, porque o libro o merece. Canto a dedicarlle as Letras Galegas ao imaxinario Bieito Sanmarful … o seu creador Héctor Cajaraville aínda ha ter que agardar moito e non pola súa obra, que promete ser merecedora de tal galardón, pero si pola súa idade.

E finalmente metinlle o dente ao epílogo no que sabemos como rematou todo aínda que igual xa o sabiamos desde o inicio, e que non llelo vou contar, claro.

E queren saber que aínda seguín gozando da novela despois de volver a lela deste xeito?, e digo novela sen saber moi ben se isto é unha novela ou que é! Pero tanto me ten porque é unha boa historia e diso se trata cando se le unha obra de ficción. Non lembro nas nosas Letras nada similar a esta amálgama ou calidoscopio (en palabras do xurado), pero tamén puzzle, mosaico, collage, ou mesmo unha stop motion na que todos estes textos estáticos collen movemento na mente de quen os le. Iso si, só recomendo esta segunda lectura despois de ler o libro tal e como o autor o concebiu.

Desde logo que esta  obra é ideal para leren aos alumnos de bacharelato e estudar as variantes, niveis e rexistros lingüísticos. E os que poñen exames de selectividade, probas de ESO e Bacharelato teñen aquí unha mina, nestes artigos perfectos para textos de exame.

Hai moito humor pero tamén moita tristura, hai amor e desamor. Parece mentira que nun libro de 214 páxinas collan tantas cousas como acabo de contar, e seguro que aínda esquecín algunha.

Presentación dos premios Xerais Polo Ateneo de Pontevedra en novembro de 2015

Presentación dos premios Xerais Polo Ateneo de Pontevedra en novembro de 2015

Anxo González Guerra, xaneiro 2016