María Roja: “Sempre fun o suficientemente inconsciente para non tomar decisións sensatas”

ladiapo

Fotografía: La Diapo.

Déixanse caer por estes, os nosos e vosos lares, as verbas da polifacética María Roja. A arte corre polas súas veas. Combina o estudo teórico coa creación nos eidos das artes escénicas e visuais. Con todo, é mellor que o vexades vos na mostra que ten na súa páxina web; http://www.mariaroja.com/. Pero, non vos vaiades moi lonxe, que a entrevista está aquí. Só vos adiantamos que esta lucense fala claro do que ten que falar.  Coherente, como debe de ser. Acomódense e lean, sobre todo, lean.

  • Quen é María Roja?

María Roja é o alter ego dunha chavala – non tanto, desafortunadamente – do rural lucense que fai o que lle gusta tratando de sobrevivir, todo no mesmo salto.

Sempre fun o suficientemente inconsciente para non tomar decisións sensatas. 

  • Que te motivou para iniciarte no mundo do espectáculo tanto a nivel de formación como despois de traballo?

 Unicamente a vocación. Polo menos así foi nun primeiro momento, no da formación regrada; posteriormente non deixei de traballar e foi gratificante comprobar que se pode chegar a sobrevivir disto. Nesas sigo. Sempre fun o suficientemente inconsciente para non tomar decisións sensatas.

En calquera caso, fama para min non segue a ser máis que o título dunha serie dos oitenta. 

  • Ao final botades a vista atrás é a fama, pouca ou moita, compensa ou non?

 Eu son bastante miope, quizais sexa por iso, pero o certo é que non capto ao meu redor ningún halo de fama. O que si advirto é que, logo de saír na televisión, nalgúns sectores da profesión comeza a prestárselle máis atención ao meu traballo, ou a facelo doutro xeito. Creo que é unha cuestión de recoñecemento, máis que de fama, o cal case sempre é benvido. En calquera caso, fama para min non segue a ser máis que o título dunha serie dos oitenta.

  • Ao igual que na túa páxina, que está dividida… María actriz ou María artista?

 María. A división que aparece reflectida no meu sitio web obedece unicamente a criterios prácticos, pensando nos intereses ou no tipo de información que xs posibles usuarixs estean a procurar. Pero, en realidade, non concibo o meu traballo en compartimentos estancos. Todo o que fago acaba sendo formalizacións diferentes dos meus intereses creativos. É máis, o tema das diferenzas disciplinares prodúceme certa preguiza e xérame escasos desvelos. A nivel laboral, a formación e a experiencia nos dous ámbitos facilítame as cousas, a nivel de recursos e ferramentas das que valerme. Por un lado, os traballos teatrais ou audiovisuais de corte tradicional nos que me requiren soen divertirme moito. Ademais cobro por iso, o que facilita o comer, cousa ben importante. Por outra parte, a nivel de creación propia, onde realmente me atopo máis cómoda, non distingo entre unha cousa e outra, comezo a traballar e sae o que teña que saír.

Performance é para min sinónimo de facer o que me dea a gana, accionar para que nun agora e aquí concretos, algo suceda.

  • Que intentas achegar coas performances?

Performance é para min sinónimo de facer o que me dea a gana, accionar para que nun agora e aquí concretos, algo suceda. É unha práctica á que estou viciada. Supoño que a través dela simplemente trato de comunicarme do modo no que mellor sei, expresarme.

…é evidente que a danza, referíndome sobre todo á contemporánea, está absolutamente descoidada institucionalmente.

  • Vendo a túa carreira – teórica e práctica sobre a danza -, explícanos en que situación está a danza. Parece unha disciplina artística “marxinada” socialmente, que non importa na “cultura.”

Teño formación e certa experiencia en danza, pero fun levando a miña carreira por outros lados, polo que, como non me considero bailarina profesional ao non sobrevivir nese mundo, prefiro non contestar. Quizais vos resulten interesantes a este respecto as opinións de xente como Rut Balbís (Cía. Pisando Ovos), Begoña Cuquejo (Cía. Traspediante, directora dos festivais De corpo en Lugar e Corpo a terra), Nuria Sotelo (Cía. Licenciada Sotelo), Ana Vallés (Cía. Matarile), Javier Martín (Cía. Javier Martín)… Deixo nomes polo camiño, seguro. Pero é evidente que a danza, referíndome sobre todo á contemporánea, está absolutamente descoidada institucionalmente.

burning_bright

Performance: “Burning Bright.” Miguel Vidal.

  • Na túa aportación ao grupo teatral de Té con Kant… por qué Kant, e non té con Marx ou Té con Platón?

Neste caso concreto, o guión, de Marta Pérez e María Caparrini, xa estaba pechado. Eu só colaboro como actriz e deseñadora gráfica. Pero parafraseando o que me sopra Marta, podo contarvos que elas pretendían analizar por que, desde o seu punto de vista, a día de hoxe aínda non podemos asistir ao feito dun progreso moral acorde ao progreso material e tecnolóxico que vivimos. Así pois, decidiron tomar como referente a época ilustrada, na que precisamente se procuraba que o ser humano puidese chegar a acadar o virtuosismo moral deixándose guiar pola razón. E aquí é cando aparece a figura de Kant, o filósofo máis representativo desa época, máximo defensor da evolución moral. Ademais, cónstame que era bastante larpeiro, e iso sempre lle acae ben ao té.

Neste momento, compaxino o labor investigador no programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea da U. Vigo co traballo creativo, tratando de reverter neste último o meu estudo teórico.

  • En que proxectos andas?

Neste momento, compaxino o labor investigador no programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea da U. Vigo co traballo creativo, tratando de reverter neste último o meu estudo teórico. Por unha banda, teño unha obra como artista plástica ligada á pintura e, por outra, estou moi centrada na arte da acción, individualmente e en colaboración con outrxs artistas como membro dos colectivos Blanco&Roja, Ohn e áIntemperie. No que toca ao teatro, sigo en xira con El Cuello de la Jirafa, de Matarile, e Té con Kant, de Inversa, de paso que estreamos o período de ensaios de Os reloxos preguiceiros de Néboa, a nova peza de Aporía Escénica. Tamén estou empeñada en aprender a asubiar.

  • Como se deben formar os artistas?

Desde o meu punto de vista, xs artistas fórmanse non deixando descansar a súa curiosidade, asumindo a nosa realidade de corpo e cerebro e alimentando ambas: traballando. Neste sentido, a formación regrada pode axudar a atallar camiños que dun xeito autodidacta se dilatan máis, pero tampouco a vexo como algo absolutamente necesario (aínda que ás veces se converta nun requisito de exclusión a nivel institucional, pero estamos falando de cousas diferentes). O que máis produtivo me resulta do paso pola escola de arte, é que sempre acabas entrando en contacto con algún continxente humano peculiar coas mesmas inquedanzas ca ti.

A Galicia institucional, en termos artísticos e culturais, rebe precariedade e inoperancia. 

  • Adoece Galicia deles, dos artistas?

Non, absolutamente. Do que adoece Galicia é de artistas que poidan traballar en Galicia. Adoece dunha consideración institucional da arte como un ben común, adoece dunha presenza efectiva da mesma nos centros de ensinanza obrigatoria así como na vida cotiá, adoece de bolsas de formación, adoece de falta de apoio á investigación, á creación, á produción e á difusión de obra, adoece de programación de selo contemporáneo, adoece de vinculación coas redes de traballo colectivas xa establecidas no contexto. A Galicia institucional, en termos artísticos e culturais, rebe precariedade e inoperancia.

  • Que debe facer unha actriz/actor para desembarazarse dun papel que o poida catalogar de por vida?

Supoño que a forma de facelo é seguir traballando, sen acomodarse, allea aos prexuízos ou ás imaxes externas que de unha se teñan. No meu caso concreto, para ben ou para mal, adícome a cousas tan diferentes que non creo que teña que lidar con iso. O caso é que non se embaracen xs de fóra.

-A que se debe que esteades non moi ben vistos ou desprestixiadxs?

 Estamos mal vistxs e desprestixiadxs? Non o creo.

mvidal_2

Fotografía: Miguel Vidal.

Dende o mundo do espectáculo o que hai que facer é traballar, e facelo ben. Non hai nada máis revolucionario.

  • Hai que concienciar a xente dende o mundo do espectáculo?

Ese labor paréceme un tanto pretensioso. Dende o mundo do espectáculo o que hai que facer é traballar, e facelo ben. Non hai nada máis revolucionario.

-Se os actores se pronuncian politicamente perden certos proxectos?

 Pronunciarse politicamente e perder por tal razón proxectos? Si, pasa, claro. A pequena e a gran escala. A actores, a actrices ou a calquera persoa que desenvolva outro oficio. Aínda que ter un perfil público suma un punto de molestia que axuda á hora de ser castigado mediaticamente. Contra a cativeza ética e intelectual dxs que toman tales decisións, contra iso si hai que pronunciarse.

Hai que avogar pola inclusión das artes vivas, impartidas por artistas en activo, desde a infancia, nas escolas correspondentes a cada ciclo formativo.

  • A ESAD ten os medios necesarios para pulir novo talentos?

Non creo que o paso por ningunha escola sexa de por si capaz de pulir ou obrar milagres. En calquera caso, se nos referimos a recursos funxibles, a ESAD non está aínda dotada con todo o desexable, pero no máis indispensable, no corpo docente, hai algunhas persoas comprometidas coa ensinanza, coas artes escénicas e co labor creativo que sen dúbida desenvolven co alumnado un traballo moi valioso, que se ve proxectado dentro e fóra das paredes do centro.

 Xa que tocamos o tema da educación, e máis alá da preocupación pola profesionalización e o talento, si me gustaría facer fincapé nun asunto que vexo irrenunciable.  Hai que avogar pola inclusión das artes vivas, impartidas por artistas en activo, desde a infancia, nas escolas correspondentes a cada ciclo formativo. É perigoso converter a cultura, o pensamento e os modos relacionais “con” e “desde” o corpo, nun ente estraño no noso contexto cotiá e educacional.

…estase fomentando a non normalización da presenza de espazos adicados á cultura nas canles de difusión máis accesibles á cidadanía

  • A difusión da cultura en Galicia é precaria, en tanto en canto non chega a moita xente?

 Efectivamente. Falta formación e experiencia especializada, vinculación co contexto cultural circundante así como interese polo mesmo en postos de responsabilidade pública claves a este respecto. Hai un sector do público cuxas demandas como consumidor son desoídas pese a ser contribuínte. Así mesmo, estase fomentando a non normalización da presenza de espazos adicados á cultura nas canles de difusión máis accesibles á cidadanía. Precariedade é unha palabra obrigada a repetirse constantemente nesta entrevista, lamentablemente.

Un IVE do 21% é un convite ao suicidio.

  • Como recibistes o aumento do 8% ao 21% do IVA cultural?

Un IVE do 21% é un convite ao suicidio. Non hai proxecto que se sosteña amarrado a esa legalidade, non hai beneficio que cubra gastos. Manter a un sector aboado á precariedade laboral, tradúcese, máis alá do tema económico, nunha falta de respecto polo seu traballo que conduce a un descrédito por parte do público á hora de determinar a súa valía e a necesidade da súa existencia.

– En que se vai convertendo o país mantendo decisións coma estas?

Con decisións coma estas, o país vaise convertendo nun lugar de persoas indignadas con potencial colectivo suficiente para tentar mudar o decorrer dos acontecementos.

Señor Rodríguez: non confunda a cultura cunha mercadoría máis…Escoite e dialogue coas persoas que súan a diario neste oficio. 

  • Que lle dirían ó Conselleiro de Cultura, que neste caso é Román Rodríguez González?

Señor Rodríguez: non confunda a cultura cunha mercadoría máis. Cada concello precisa unha xestoría cultural formada e comprometida co seu contexto inmediato, capaz de tecer redes colaborativas co resto de Galicia. Escoite e dialogue coas persoas que súan a diario neste oficio.

A palabra share é soberbiamente fea. 

-Está a RTVG á altura da calidade dun medio público ?

A RTVG estará á altura da calidade dun medio público cando xs espectadorxs deixen de ser consideradxs como unha mera masa consumidora uniforme. A palabra share é soberbiamente fea.

coctel_de_parqueadero

Performance: “Cóctel de parqueadero.” Miguel Vidal.

Detrás desta produción (Hospital Real) agóchase un rigoroso e serio traballo de recollida e investigación de datos históricos e de corte formal, peneirados logo con mimo na súa realización, sensible esta á asunción de riscos a nivel visual.

  • Vímoste, recentemente, na serie de Hospital Real emitida na TVG. Que é o que se quería transmitir coa mencionada serie?

Hospital Real foi unha serie de ficción que nos trasladaba ao Santiago de finais do século XVIII.  Entretecía, esta creación, as temáticas histórica, científica e social, enhebradas en tramas de tódalas variantes: médicas, de misterio, traizón, amor… , poñendo especial énfase na situación da muller da época. Neste sentido, o principal obxectivo de Hospital Real foi a de entreter, ao tempo que desenvolvía un labor didáctico que procuraba familiarizarnos cunha parte do pasado de Galicia, reflectíndoo nas pantallas, de cara a non deixalo pasar por alto na nosa memoria colectiva. Detrás desta produción agóchase un rigoroso e serio traballo de recollida e investigación de datos históricos e de corte formal, peneirados logo con mimo na súa realización, sensible esta á asunción de riscos a nivel visual. Isto todo, resólvese finalmente nun produto, polo menos, diferente.

  • Quen mandaba de verdade na serie de Hospital Real?

Xs guionistas! Carlos Portela e Lidia Fraga, leando e desleando ao seu xeito!

– Ben, pero que asumía o poder establecido polxs guionistas?

Mandaban os cartos e os calzóns -o administrador Andrés Osorio (Pedro Alonso), o alcalde Mendoza (Miguel de Lira), o fiscal inquisidor Gaspar Somoza (Luís Zahera)-, pero as actitudes francas que se rebelan contra tal ditadura -especialmente a de Irene Forner (María Vázquez)- encaran un labor que mina os poderes económicos, sociais, relixiosos e patriarcais que aparecen reflectidos na serie. E aquí, desobedecer tamén é unha maneira de empoderarse.

  • A que se debe de que aquí a unha parte se rodan cada vez mais series películas de “época”?

Non o sei realmente, quizais sexa un asunto de modas

Non foi doado meterse na pel desta personaxe (Clara), tan afastada de min, por un lado, con tantas particularidades que se escapaban de tópicos, por outro…Clara sempre me recordou a unha modelo de Millais, mais co peito a punto de estourarlle.

  • Como foi meterse no papel de Clara, tan feble psicoloxicamente?

Non foi doado meterse na pel desta personaxe, tan afastada de min, por un lado, con tantas particularidades que se escapaban de tópicos, por outro. Ao tratar de descubrila con franqueza, lendo polo miúdo as palabras que lle daban voz, e interactuando co resto de personaxes cos que se ía cruzando, apareceu unha rapaza de vinte e poucos anos. Esta muller era unha reunión de bondade e talento, atrapada nesa sorte de taedium feminae, diagnosticada dunha melancolía froito de enganos alleos, soidade e drogas mal receitadas. O reto estaba en non caer no esperpéntico, pasar por eses estados alterados mantendo un pouso da súa dozura e do seu carácter. Incluso cando se amosa máis dura e vingativa, cara o fin da tempada, preocupábame ser capaz de facer ver nela unha explosión do acumulado crible, agarrada a un torpe instinto de supervivencia nun mundo que se lle promete indefectiblemente hostil. Clara sempre me recordou a unha modelo de Millais, mais co peito a punto de estourarlle.

mvidal_3

Fotografía: Miguel Vidal.