Vidas paralelas no nacionalismo do XIX: Catalunya, Galiza e España

Como en Irlanda, érguete e anda”

Alfredo Brañas

  1. A ideoloxía no nacionalismo e o nacionalismo na ideoloxía

Para poder entender o nacionalismo en España no XIX debemos afondar na avaliación dos termos. Que significa nación? En realidade dende a natio medieval o proceso decimonónico levouna a encarar dúas vertentes: por un lado a posición orgánico-cultural romántica dun carácter máis xermano que defendían que a nación  é unha unidade cultural, lingüística e histórica que non precisa dun Estado que demostre a súa existencia. Esta vertente será a máis socorrida polos nacionalismos periféricos asentando a súa identidade no carácter histórico-cultural dos mesmos. Por outra vertente os teóricos franceses do liberalismo crearon un termo da nación non asentado totalmente sobre as bases histórico-lingüísticas senón entendendo á nación coma un plebiscito cotián, de vontade política en que unha comunidade decide vivir unida baixo iguais fronteiras e leis. Neste ámbito a posición estatalista axudouse desta interpretación ó entender que se non houbo ata agora escisións ou sentimentos de identidade é porque a nación é unidad de destino. En definitiva e centrándonos nos rexionalismos e nacionalismo sub-estatales a cuestión radica entre Eles/Nós: a esfera (Gemeinschaft) que conforma ese ecosistema baséase en que consideramos a alteridade.

Por outro lado, no s.XIX os habitantes dos países son habitados polo propio país é non ó contrario. A personificación da nación faise popular e provoca que a nación non só sexa unha comunidade de habitantes cunhas mesmas leis e territorio senón integrantes dunha comunidade política maior e autónoma que é a nación coa súa vida e o seu destino manifesto. A tradición, inspirada polas lecturas do Volkgeist (inconsciente, orgánico, irrompible) transmite a imaxe dun pobo uniformado pola lingua, o traxe, a música, as leis, etc. Por iso recadar e preservar será o obxectivo primeiriño de moitos intelectuais decimonónicos. Nace a conciencia de que a nación sempre existiu e sempre existirá. Nembargante deberiamos clarificar que o feito de existencia de feitos diferenciais é agora utilizado dunha maneira diferente, mentres que ata ese momento non se lle recoñecía importancia política, isto tampouco implica a inexistencia da tradición, soamente a súa reutilización. Así a autonomía no Antigo Réxime reclamábase en canto representación dunhas elites e dos seus intereses: no s.XIX o piar fundamental será a cultura e a protección da identidade.

bismarck_el_nuevo_gulliver_01

O nacionalismo peninsular periférico ou centralista non é alleo á modas políticas daquel entón. Bismarck “cose” os estados alemáns, viñeta de “Le Charivari”, 1866.

  1. A periferia: Cataluña, Galicia/Catalunya, Galiza

Na España decimonónica, e gradualmente noutras rexións (que por motivos de escasa repercusión e espazo non falaremos), apostarán por unha lectura diferente do seu estatus fronte o Estado. Comezará candidamente co provincialismo, logo co rexionalismo e máis tarde co nacionalismo (a diferenza das dúas primeiras, o nacionalismo non pon tanto empeño no encaixe co resto do Estado senón na preservación da propia identidade).

  • Cataluña/Catalunya: a esfera centrífuga

No caso catalán historicamente detectamos sinais dun encaixe complexo e moitas veces fracasado (independencia  de 1640, guerra de Sucesión de 1715, anexión departamental ó Imperio napoleónico en 1812-1814) o que levaron a que o primeiro rexionalismo catalán se consolidase cunha bagaxe histórica que xustificase a rebeldía fronte a uniformización liberal das deputacións ou a abolición de foros e dereitos do antigo principado, sendo un proceso de longa traxectoria. De aquí que os espasmos carlistas en Cataluña ou Euskadi, sexan afortunados máis polo utópico do seu suposto réxime fiscal e identitario que polo absolutismo da súa propaganda. Co Memorial de Greuges de 1885 algo diferente ocorre xa que representa unha reacción ante unha uniformización liberal: a loita contra o tratado con UK (máis pragmático) e co novo Código Civil (mentres por outra parte se preserva e sistematiza o dereito catalán). É unha inflexión xa que vai máis alá do puramente cultural (isto é, da Renaixença), un proceso rexionalista que entende a España como Estado integrador de varias rexións co seu goberno, algo que a partir de 1898 esvaecerá pola idea dunha saída propia.

FrancescCambo--644x362

Francesc Cambó (1876-1945) líder conservador e da Lliga Regionalista. Será protagonista dunhas complexas relación con Alfonso XIII e coa República o que o levará nunha espiral deica o fascismo golpista na Guerra Civil sobre todo polo noxo que sentía pola F.A.I.

O caso catalán tivo un florecemento asombroso de asociacións políticas no fin de século (Centre Català, Unió Catalanista, Centre Nacional Català, Unió Regionalista), nos xornais (Diari Catalá, La Renaixença, La veu de Catalunya) que tecen un estado de opinión dende a alta cultura burguesa e a infiltración nas clases medias, un éxito de difusión que en Galicia estivo atrofiado, a pesar da acertada comparación Galicia-Cataluña do profesor Beramendi.

O nacionalismo axiña callou nos desencantados cunha España que aparentemente se descompuña tralo 98 logo do colaboracionismo estatal militar con figuras como Prim. Iso foi o cumio mais o traballo de xentes como Prat de la Riba  nos 80 confirman que a creación dunha patria e nación catalá é anterior ó desastre, sobre todo na Lliga de Catalunya, tendencias que xa comezaban a romper cos seus comezos en La España Regional: pasaron da polémica á censura polas autoridades. Un avance cristalizado no 1906 na catequización do nacionalismo catalán en La nacionalitat catalana. Aínda así unha foto de Alfonso XIII con Cambó na celebración Reconquista (1918) fálanos de canta colaboración existiu entre o goberno central e os líderes nacionalistas, en razón ás teses conservadoras e proxeccionistas (reflectidas nas ansias frustradas de nomear a Cambó como Xefe do Goberno).

  • Galicia/Galiza: soños asolagados e xérmolo cultural

Dende o cometa Faraldo ata as Irmandades da Fala, do provincialismo ó nacionalismo, Galicia foi entendida para unha elite cultural como un sitio distinto. Lonxe da certa hexemonía social do nacionalismo catalán ou da alianza burguesa de Bizkaia, o galeguismo tivo unha extensión limitada que non obsta para dicir que foi un dos tres grandes movementos diferenciais de finais de século. Coa cuestión provincialista posiblemente o mito de Faraldo como pater fundador debería ser reducido a membro do liberalismo progresista e dentro do núcleo de intelectuais sobre todo da Universidade de Santiago, que comezaban a artellar un discurso en que Galicia é provincia única. Non obstante a represión dos moderados que rematou nos mártires de Carral foi un espasmo de alumeados para a xeración de M. Murguía que rememoraba o axustizamento cando era neno. No seu círculo doméstico orixínase o comezo do que será o rexionalismo con teses propias e adaptadas do catalanismo: o feito diferencial celta (sobre todo) será a defensa para articular un discursos centro-periferia ou norte-sur que enraizaban coas teses racistas inevitables nun momento en que outras partes de España esixían o recoñecemento celta da súa rexión, como Cataluña. Benito Vicetto coa restauración do período suevo ou Alfredo Brañas co rexionalismo conservador (corporativista) moi ligado ós teórico cataláns xa amosados, mais tamén o mundo reaccionario vasco-carlista, serán as principais pezas do xadrez do rexionalismo nas vertentes liberais, federais e tradicionalistas.

fenollera

Podería chegar a ser o Cambó galego aínda que a súa prematura morte desviou os proxectos en cernes. Corporativista e tradicionalista, con Brañas o rexionalismo cristaliza baixo o conservadurismo enfrontado a Murguía.

  1. España-Madrid: omphalos e tanatoloxía

Este apelativo de Madrid, impulsado pola burguesía modernista catalá que se decataba de Barcelona como esa cidade dos prodixios observaba en Madrid o spleen máis rancio e desfasado. Así creouse no imaxinario o estereotipo de catalán dinámico e comerciante fronte ó funcionario central e meseteño. É interesante que as publicacións sobre nacionalismo durante moito tempo non atinxiron ó propio Estado español senón que foi considerado cousa de disidentes periféricos. Nembargante xa explicamos que os nacionalismos xorden máis ou menos paralelos no tempo. Investigacións como as de Junco ou Wulff viñeron en parte a solucionar ese oco historiográfico.

Como ben observou o profesor Álvarez Junco debemos distinguir a existencia da nación por unha parte e a súa nacionalización, afinando o que xa foi referido na Introdución. A medida que o liberalismo construíu o seu ideario debeu ir transformando a mentalidade de español como vasalo do rei a español como cidadán unida a unha soberanía nacional e histórica: de aí que na Guerra de Independencia fose para os intelectuais e políticos o ideal dun comezo patriótico, unha guerra fundacional cuxo embigo madrileño se centraba no 2 de Maio. Estas mitoloxías tan abondosas eran necesarias para vertebrar un sentimento nacional cunha data exacta, como coa utilización do 4 de Xullo polos USA ou o 14 de Xullo pola Francia revolucionaria: referentes espazo-temporais que marcan fitos na Historia das nacións perpetuas (sic).

La Carcajada 11 (año 1872

Revista “La Carcajada”, 1872. No XIX o nacionalismo español comezou a representar a España á maneira da “Marianne” republicana francesa, o que implica un personalismo que tenta crear a imaxe dun Estado-persoa, que sofre e padece. A propaganda xornalística fixo desta maneira un nacionalismo de rúa, creando como diría George Mosse a “nacionalización das masas”.

Da guerra de Independencia  e o primeiro liberalismo de trampantojo  ós tres ferrollos da tumba do Cid, hai un treito no que a consideración de nación muta. Cando Joaquín Costa berra a pechar definitivamente a tumba do Cid, avisa dos historicismos decadentes que tentan crear un Estado-Nación dende as cátedras de Historia, unha tentación canovista. Pódese lexitimar mais non expandiría o sentimento popular de nación un método tan elitista como ineficaz. Costa desexa que o Estado se alíe cos cidadáns mediante as vantaxes do progreso e facer ver que escuela y despensa están aseguradas porque hai unha nación que funciona e asegura o benestar dos seus cidadáns.

Os rexionalismos e nacionalismos viñan a combater a apropiación que Castela dende a Idade Media se outorgara como herdeira do reino hispano-visigodo e do poder monárquico moderno. Isto é evidente en factores como a numeración de reis a partir da liña castelá e non a aragonesa. Visión dunha España como Castela, cuxa apropiación ven xa dende os títulos de rex hispaniorum, que trouxo outros problemas como a unión de lingua castelá como sinónimo de española: os primeiros rexionalismos encargaranse de defender que as súas linguas eran tan españolas como a castelá, factor que logo será invertido, acentuado a lingua propia como allea ó español.

  1. Epílogo continuo: un argot da autenticidade ?

Cando Th. W. Adorno nos falaba do argot da autenticidade (Jargon der Eigentlichkeit, 1970) no referente da ideoloxía alemá, tamén nos falaba dun proceso aplicable á nacionalización das masas no s.XIX. A creación da lingua e do estereotipo do alien foron utilizados agora como en ningún momento da historia. Non o criticamos nin o elevamos a dogma, mais é verdade que as nacións naceron no s.XIX, cada unha coa súa lexitimación, ben sexa racial, lingüística, cultural, lexislativa ou popular creando cidadáns, como xa dixemos, habitados polo país. A crecente personificación de Estados, rexións e países levou a que se considerasen con vida autónoma: loitar polo ben do país ou polo seu futuro non se tomaba como loitar polo ben dos integrantes desa comunidade senón por un produto de teoloxía política, a nación, á cal había que servir.

Non culparemos por último, como moitos fan, ó nacionalismo das traxedias bélicas e xenocidas das derradeiras centurias. A súa utilización foi variada: dende a inofensiva dinamización cultural até a representación de intereses por parte da burguesía, ou inclusive xa no s.XX internándose dentro das masas obreiras. Mais non nos trabuquemos, non é a sífilis, senón unha manifestación da complexa natureza humana que en España xurdiu como noutras partes de Europa. Unha manifestación que sobrevive hoxe activamente e que segue levando problemas de encaixe institucional.

BIBLIOGRAFÍA

ÁLVAREZ JUNCO, J. (2007) Mater Dolorosa. La idea de España en el s.XIX, Madrid, Taurus.

BERAMENDI, J., “Identidades/Culturas políticas de regionalismos y nacionalismos subestatales”, en FORCADELL, C., SUÁREZ CORTINA, M. (coords.) (2014) La Restauración y la República, Madrid, Marcial Pons – Zaragoza, Prensas de la Universidad de Zaragoza.

FUSI, Juan Pablo (2000) España. La evolución de la identidad nacional, Madrid, Temas de Hoy.

GARCÍA CARCEL, Ricardo (2005) “El nacionalismo y la historia de Cataluña”, Nacionalismo e Historia, Valladolid, Universidad de Valladolid, pp.74.

GUEREÑA, J.-L. (coord.) (2001) Les nationalismes dans l´Espagne contemporaine. Idéologies, Mouvements, Symboles, Paris, Editions du temps.

HOBSBAWM, E. (1984) The invention of tradition, Cambridge, University Press, pp. 305-306.

MURADO, Miguel-Anxo (2013) La invención del pasado. Verdad y ficción en la Historia de España, Barcelona, Debate.

VILLARES, R., “A invención do celtismo”, en BALBOA LÓPEZ, X., PERNAS OROZA, H. (coords.) (2001) Entre nós: estudios de arte, xeografía e historia en homenaxe ó profesor Xosé Manuel Pose Antelo, Universidade de Santiago de Compostela, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico.