TRES PROCESOS: PRISCILIANO, JEANNE D´ARC, M. SERVET

“-Volva á súa habitación e espere alí. O proceso acaba de iniciarse e vostede coñecerá todo no momento axeitado. Excédome das miñas funcións cando lle falo con tanta amabilidade. Mais espero que non me escoite ninguén excepto Franz, e el tamén se comportou amablemente con vostede, infrinxindo tódolos regulamentos. Se segue tendo tanta sorte como a que tivo co nomeamento dos seus vixiantes, entón pode ser optimista…”

Franz Kafka, O proceso, 1925

Cando Russell e Sartre fundaron o tribunal co nome do intelectual inglés preguntáronlle a Sartre quen era el para xulgalos delitos de Vietnam. A resposta saíu decidida: Son un ninguén, por iso podo xulgar. A Historia dos procesos xudiciais podería crear unha pequena historia da infamia, sobre todo aqueles que ó longo da Historia foron utilizados co obxecto último dunha condena predisposta. Prisciliano, primeira persoa executada por herexe por un tribunal imperial; Jeanne d´Arc, chamada por Michelet o “útero de Francia” representa a farsa dos xuízos inquisitoriais; por último, Miguel Servet, a vítima do dogmatismo calvinista que estremeceu as conciencias de cantos creran na reforma protestante. Todos eles coinciden na problemática do procesamento. O primeiro obxectivo para poder xulgar alguén con éxito e que teña por unha parte o beneplácito popular e por outra parte que saia fóra do réxime ético-cívico, neste caso moral, representado polo cristianismo, é expulsar da Igrexa ó procesado implicando igualar ó procesado cos xudeus (con algúns dereitos mais non equivalentes) ou cos musulamáns (ou sexa, extraelo do núcleo-Nós e para introducilo na periferia-eles-os outros). Por iso nun xuízo inquisitorial o principal obxectivo é que o procesado recoñeza a culpa para que se sitúe nunha situación que permita a condena ou a rehabilitación xa que non se toparía dentro da res pública moral. Toda saída implica nese caso unha rehabilitación ou un exterminio físico e simbólico (ex. o autor e a obra).

 

Prisciliano, 385: tenebrae facti sunt…

Sería imposible aquí relatarmos a ampla capacidade que Prisciliano tivo para ser recordado ó longo da Historio polo seu carácter diverso, heterodoxo: dende líder dun movemento social até simple bispo de Ávila. Mais aquí non nos interesa tanto analizar os engadidos imaxinarios á súa figura senón analizar un pouco ó home que é considerado como a primeira vítima da Igrexa Católica, ou sexa, axustizado polo seu ideario herético e cómo se levou a termo esta operación.

329861359-porta-nigra-treveris-puerta-de-la-ciudad-pasar-por-delante

A coñecida como porta de Tréveris de época baixoimperial, posiblemente testemuña da execución de Prisciliano no 385.

Podemos entrar primeiramente na noción de culpabilidade. Ningunha das nosas tres persoas axustizadas ó longo da Historia sofre esa noción. Mais ben poderían considerarse a si mesmos como mártires. Mais isto non ven dado por un xuízo xusto, Prisciliano recorre ás altas esferas imperiais cando comezan a rumorearse a súa heterodoxia nunha facción da altas esferas preladas. Mais, el, bispo de Ávila, non desexa ser xulgado polo concilio que se reúne en Zaragoza (378-380) para tratar ese asunto, polo que nin asiste. O emperador o chama a Burdeos como iudicium sacerdotale como último xuíz sobre temas de herexía, sobre todo os relacionados co maniqueísmo. Nembargante isto non impediu que a súa cabeza rodase na que era a sede imperial, na actual Alemaña, Tréveris, onde nacerá Karl Marx 1500 anos despois.

O ser da xustiza civil imperial tamén abranguía delitos relixiosos. Xa dende a época de Constantino I os concilios eclesiásticos tiñan o rango de lei polo que a distorsión entre relixioso e civil posibilitaba que un emperador xulgase un bispo. Isto, claro está, non gustaba a moitas persoas como Ambrosio de Milán que desexaban un xuízo dentro da Igrexa. A trampa era descoñecida xa que o emperador desexaba, ante a des-lexitimación do seu golpe de Estado e da acusación de insuficiencia na súa loita contra a herexía, adoptar medidas draconianas co primeiro caso que se lle presentase, como o de Prisciliano que xa estaba dando dabondo problemas en Hispania. Máximo usurpara o poder ó antigo emperador Graciano e polo tanto as instancias superiores de xustiza tamén sofren clientelas e cambios fortuítos.

Prisciliano será xulgado por maleficium (isto é, algo así como mago ou meigo) e non por haereticus, polo tanto posibilitábase a condena capital establecida no 382 por Teodosio, con anterioridade a pena fora a confiscación de bens e a posibilidade de testar. Cando as cabezas de Prisciliano e os seus discípulos caen os que antes clamaban por un castigo exemplar vense agora sobresaltados por tamaño castigo, e entre eles Ambrosio de Milán. O emperador, que pensaba adquirir con este xesto a propaganda tan desexada coa Igrexa, vese agora cuestionado por aplicala pena capital co bispo galaico e media patrística o critica polo feito. Mais na raíz está o guerracivilismo entre os bispos hispanos, entre faccións fortes que procuran lexitimidade. A acusación de maniqueísmo a Prisciliano foi un desartellado que reverteu na expulsión de bispos, desobediencia, etc.

Tiña culpa Prisciliano ? Era un herexe ? Era un líder social ? Mil e cincocentos anos despois todas estas preguntas comezaron a ter sentido logo de toparse en Würzburg manuscritos do s.VI co que semellaban ser as obras de Prisciliano, 11 tratados. O seu descubridor foi Georg Schepss no 1885, e como moitos outros descubrimentos, foi fortuíto. Este profesor bávaro, como encargo da Academia de Viena, investigaba na Biblioteca da Universidade de Würzburg até que se topou cuns antigos códices de pel de ovella datados no s.V-VI. No 1889, saíron editados e a controversia foi maior. Estudosos como Döllinger deseguido atribuíron os tratados a Prisciliano. Mais eses escritos tiñan moi pouco de herexe, de maniqueo, eran bastante ortodoxos, como poderían ser do primeiro executado por herexía ?

En conclusión Prisciliano segundo os escritos de Würzburg podería ser inocente de moitas acusacións que sobre el caeran milenio e medio antes: prohibición do matrimonio ou vexetarianismo. Estas acusacións, aínda sendo fútiles hogano, permitían no 385 relacionar a Prisciliano coas seitas filo-pitagóricas o que permitía ós seus acusadores retorcer o fío da maldade para unha condena asegurada.

Jeanne d´Arc, 1431: cinsas no útero de Francia

Podemos dicir para sintetizar que Jeanne d´Arc é para os homes da súa época unha inversión do que debe ser unha muller. Segundo se pode ler nas actas do seu proceso inquisitorial sufría os seguintes “pecados”: escasa modestia (propia das virxes), vestir roupas propias de homes disolutos, a súa casa era indigna dunha muller casta, incitaba á violencia e á efusión de sangue, no interrogatorio tiña un ton de burla e ironía. Segundo as actas polo tanto, a moza de Orleans estaba lonxe do estereotipo mojigato, puritano ou extasiado que nos ofrecen as versións populares como, por exemplo, o filme La passion de Jeanne d´Arc de 1928 senón unha Jeanne burlona e irónica ante o tribunal que a ía condenar a morte.

d_Arc_ingres

Comeza o mito. Ingres (1854) pinta a Jeanne d´Arc na coroación de Carlos VII coma unha santa co seu nimbo na cabeza. Jeanne será a fortaleza do sector nacionalcatólico francés (sic). Apréciese tamén que a vestimenta non coincide coa que os inquisidores criticaban.

En realidade os amigos desta iluminada fóranse esvaecendo pouco a pouco co paso do tempo ata que a súa execución era desexada case por todos. Por unha parte se no xuízo era declarada bruxa ou herexe, o rei de Francia debíalle o trono ó diaño, se, pola contra, Jeanne era unha santa, o rei fora un traidor ó non salvar do proceso e da morte á moza que o axudara a coroarse rei. Nembargante, podemos pensar no Método Thomas Beckett de propaganda rexia: este arcebispo de Canterbury foi asasinado polo rei Henry II na súa catedral mentres oficiaba misa. Ó escándalo primario de que un rei asasinase un alto prelado chegou tempo despois a penitencia real e con ela a propaganda popular, compracida na visión dun rei penitente e aflixido polo seu erro. Isto beneficiou moito a Henry II e foi explotado polas súas irmás que o incentivaron. Poñámonos escépticos, non se pode procesar a un rei; ós reis ou son defendidos ou son asasinados, nestes extremos entra a súa existencia a cal é bipolar, o seu corpo como ben dixo Ernst Kantorowicz é dual. Pode que un rei en canto humano cometa crimes mais a súa condición rexia crea nel unha esencia paralela e áurea que impide o seu sometemento a calquera tribunal. De aí que máis tarde Saint-Just teña que dicir aquilo de “un rei reina ou morre”.

Non nos decatamos do que significaba Jeanne na súa época. Unha muller, unha moza acoirazada conducindo ós mariscais máis fachendosos da Francia do seu tempo. Por iso, cando o mariscalato debe ir declarar ante o Tribunal razoan sobre os portentos e milagres que Jeanne obrara; obviamente unha técnica escatolóxica que dea razón de por que se deixaron guiar por unha moza plebea. Se aceptaban que sinceramente se puxeran baixo as ordes de Jeanne implicaba que ou ben estaban desesperados ou ben non podían rexeitar a Jeanne ante o seu magnetismo popular. Pola outra parte xa analizamos a difícil situación do rei e do tribunal. Só cabían dúas teses: 1-Jeanne tiña como obxectivo coroar ó rei de Francia, 2-Jeanne tiña como obxectivo expulsalos ingleses completamente. Coa primeira tese o rei liberábase da culpa xa que Jeanne estaría levando os plans máis alá do concertado. Coa segunda tese implicaría que Jeanne sería un contrapeso perigoso ó rei xa que a dama de Orleans non só tiña como misión coroar ó rei senón liderar a guerra final que liberaría a Francia dos ingleses.

O proceso contra Jeanne enmárcase no ámbito na desaparición inglesa ante as derrotas sucesivas que a levan a ser un chibo expiatorio afirmando que o rei de Francia foi coroado por unha bruxa. O proceso comeza o 9 de Xaneiro de 1431 con oito doutores, licenciados e mestres en Rouen. Os informes entregados fixeron que á contra do de Prisciliano, a acusación pasase de maxia a herexía. Ante o desexo do bispo de Beauvais, Jeanne case non recoñece ó tribunal (recordemos as estratexias de Jules Vèrges), debido sobre todo á loita sobre qué se pode declarar xa que o medo é evidente:

“O que din os nenos é que a miúdo colgan as xentes por dicila verdade” 24-2-1431

Jeanne amosa intelixencia e sabe como xogar xuridicamente. Ó ordenarlle que recitase o Ave María e o Pater Noster rexeitou se non era baixo confesión. Tenta quebrar o estatus do xuíz e as tácticas que utiliza son cada vez máis intelixentes, Jeanne non oculta que son voces as que lle ordenan cómo actuar o que amosa unha grave enfermidade mental. Inclusive chega a ameazar por se fan algo na súa contra:

“Pois en verdade son a enviada de Deus; poñédesvos en grande perigo” 3/17-3-1431

Tamén avisa do seu poder polo poder que exerce nas masas…

“As pobres xentes viñan con gusto a min porque eu non lles causaba desgusto, eu os sostiña e defendía no que podía”.

Miguel Servet, 1553: o pesimismo calvinista

A eliminación interna da disidencia do clan é o continuum deste artigo, e os procesos xudiciais son as escusas para levar a cabo ese sacrificio social (véxanse as teorías de René Girard sobre iso). Poucas culturas perdoan unha saída da ortodoxia social, e na nosa relación de heterodoxos Miguel Servet ten o premio gañador ó poñer en contra súa dende os católicos até os calvinistas, nunha época de guerra relixiosa e cisma.

John_Calvin_-_Young

Lobos con pel de año. Calvino chegou ó poder de Xenebra con técnicas dignas do pistoleirismo e os puñais e as pistolas. Ante a desorde cívica os responsables da cidade clamaron pola súa axuda logo de expulsalo. Servet entraba dentro da técnica de amosar poder de execución de ordes ante a sociedade.

Miguel Servet, nado en 1511 en Aragón, foi sabio en moitas materias mais coñecémolo principalmente por descubrir o principio do funcionamento do sistema circulatorio e por morrer na fogueira. Mais Servet non foi axustizado por defender a teoría da circulación do sangue senón por temas máis teolóxicos. O 27 de Outubro de 1553 pódese dicir que Servet era o home máis só do mundo: camiño da fogueira, golpeado, aldraxado, lixado por días de encarceramento aceptaba a mesma condena que Jeanne d´Arc 120 anos antes. Mais agora os xuíces eran calvinistas reformados de Xenebra baixo o afán acusador, de cazador, de Calvino, cabeza prístina desa Xerusalén helvética.

Miguel Servet Grabado de Cristobal Sichem El Joven

Retrato de M. Servet por Christobal Sichem o Mozo. No fondo pódese ver a escena da súa execución.

A caza de Servet, que logo dunha intensa vida voando de universidade en universidade como experto en grego, filosofía, anatomía, astroloxía nun totum revolutum moi da época, foi parar a Xenebra pola súa suposta tolerancia, meteuse baixo as gadoupas dun estrito Calvino que só desexou ver reducido a cinsas tanto a Servet como a súa obra Christianismi Restitutio. E cando Calvino danzaba, todos debían de aplaudir. A edición do libro a pesares de ser segredo foi axiña localizada e destruída (tanto que hoxe só conservamos tres exemplares orixinais, un dos cales ten os bordes queimados) e tamén o seu autor que tivo que sufrir un xuízo inquisitorial (nestas cousas pouco importaba se se estaba no bando católico ou reformista). Servet mantívose nas súas ideas sobre o pancristismo, a trindade e a circulación do sangue: a súa coherencia o levou a morte.

Algúns aplaudiron a danza macabra de Calvino como o reformador P. Melanchthon e outros a condenaron como S. Castellio, un humanista que lle botou en cara a incoherencia de Calvino ó defendela tolerancia anos atrás e logo matar a Servet por non concordar coas teorías de Calvino. Só a morte natural ceibou a Castellio de rematar como Servet: tódolos mecanismos da infamia estaban dispostos, inclusive unha calumnia, estúpida, que dicía que Castellio fora collido roubando leña, él, o humanista, que traducira centos de obras, o de vida exemplar, tratando de ser destruído polo primeiro rumor.

BIBLIOGRAFÍA

CHAO REGO, Xosé (1999) Prisciliano. Profeta contra o poder. Vigo, A Nosa Terra.
DUBY, Georges (2005) Los procesos de Juana de Arco, Universitat de València-Universidad de Granada, Valencia-Granada.
MICHELET, Jules (ed. de 1986) Juana de Arco, México D.F., Fondo de Cultura Económica.
OLIVARES GUILLEM, Andrés (2004) Prisciliano a través del tiempo:historia de los estudios sobre priscilianismo. A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza
VERGÈS, Jules (1970) Estrategia judicial de los juicios políticos, Anagrama, Barcelona.
ZWEIG, Stefan (2003), Castellio contra Calvino. Conciencia contra violencia, Barcelona, Acantilado.