Onde habitan os monstros

“Voi che pel mondo gite errando, vaghi

di vede meraviglie alte e stupende

venite qua dove son facce orrende

elefanti, leoni, orsi, orchi e draghi” [1]

Inscrición nunha “banca etrusca” no parque de Bomarzo

Viaxemos a un lugar, un lugar tanto físico como mental. Entre animais fantásticos, figuras colosais, mitoloxía, falsas ruínas descóbrese a mente de Pier Franceso Orsini (1523 -1585), tamén coñecido como Vicino. Estamos a falar do Parque das Marabillas, Parque dos Monstros ou como lle queirades chamar. É un “xardín” da vila medieval de Bomarzo, situada a súa vez na provincia de Viterbo. Cando esteamos dentro non o vamos ver todo. Imitaremos os tours dos xaponeses, mais en vez das cámaras traede convosco a imaxinación. Por non facelo demasiado longo centrarémonos nos grupos máis sorprendentes á vista ou de máis repercusión. Con todo, a través do artigo quedarán expostas a maioría das esculturas.

viterbo

Localización da provincia de Viterbo onde se sitúa a vila medieval de Bomarzo. Fonte; http://www.luventicus.org/mapas/italiaprovincias/viterbo.html

Estamos ante unha época, a da metade do XVI, de grandes conflitos relixiosos e dunhas primeiras mutacións de valores. Carlos V non triunfou co seu ideal de Universitas Christiana. Italia estaba fragmentada e seguiría así ata 1870, sufrindo a loita polo control do territorio entre España e Francia. No seu seo reinaban micropoderes, personificados en Señorías ou Principados e por suposto a “monarquía papal,” sempre intentando afirmarse. Nesta fragmentación estaba Vicino Orsini. Funcionaba, ó igual que outros do seu entorno, como un condotiero (mercenario ó servizo das cidades–estado italianas). Con esta condición pelexou en 1546 ó lado das tropas papais e de Carlos V. Foi feito prisioneiro, desta vez do lado francés en 1553, sendo liberado no 1557. Polo tanto, Vicino Orsini estaría conectado coas esferas da curia romana, sobre todo coa familia Farnese. De feito, estivo ó servizo militar de Ottavio Farnese e mantivo amizade co cardeal Farnese, futuro Paulo III. E por suposto, casouse tamén cunha Farnese, Giulia. Trala morte da súa muller, á cal lle dedicou o parque e o templo onde remata o recorrido, intentou un certo afastamento no seu mundo de Bomarzo.

 

 

Plano-Bomarzo-viajology

Xa que non as vamos ver todas, polo menos que saibades as que hai. Fonte; http://www.viajology.com/2013/12/parque-monstruos-bomarzo/

Entre estas vicisitudes, en 1552 comeza a elaborar o seu parque, que continuará ampliando de forma esporádica. O arquitecto é un misterio. Non, máis ben un interrogante, xa que a tradición pon a Vignola e Pirro Ligorio como principais candidatos. Xorde tamén un arquitecto e escultor como Raffaello da Montelupo, entre outros. Nas súas cartas usa termos como bosco ou boscheto ademais dunha condición irónica, irreverente e con alusións ós praceres no caso das cartas máis íntimas

En canto a conformación hai unha gran diferenza entre as villas, refuxios campestres dos señores co seu xardín xeométrico, e Bomarzo. Rompe os esquemas.  O manierismo preside a súa forma. A simetría se fragmenta, dando paso a unha orde irregular e casual. Case que nos da a elixir un itinerario, sendo asaltados por inesperadas perspectivas. Pero quen manda no parque é a imaxinación, combinada coa pedra e a vexetación. O parque deulle a posibilidade de moldear a súa propia vontade. Entre medos lendarios, fantasmas dos propio Orsini e o tempo de ocio e ostentación renacentistas, el traballaba. A pedra utilizada estaba esparexida polo propio parque, fundíndose coa natureza. Era o peperino do Lacio, unha pedra volcánica moi maleable pero tamén fortemente erosionable co paso do tempo. Intentaría, Vicino o regressas ad uterum, unha volta cara a Magna Mater (Natureza Nai), vinculándose cos sempre enigmáticos (por descoñecemento) etruscos, lugar de forte presenza, sobre todo de restos de necrópoles.

8603724795_116ce45d3f_b

Un exemplo de volta á Magna Mater? Non parece. As interpretacións varían. Dende Ariadna, abandonada por Teseo no bosque de Naxos ou Arminda, unha maga da Xerusalén Liberada Fonte; http://rutacultural.com/parque-monstruos-bomarzo-guia/

Pero de onde saen as formas que veremos a continuación? Claramente da mente do seu propietario. Se queres coñecer ó Sacro Bosco hai que coñecer ó seu anfitrión. Pasados a pés xuntiñas pola súa vida cómpre buscar de onde proceden tales invencións. Dun lado está a propia literatura tanto da época como a do pasado, pero vixente e de influencia. Así esparexidos, hai versos de Dante, Petrarca ou do “Orlando Furioso” de Ariosto, pero tamén da súa propia colleita. Outras alusións a certas obras, nunha maneira interpretativa e polo tanto subxectiva quedarán expostas á vez que nos damos un paseo polo parque.

O que de verdade interesa é a concepción da monstruosidade e do bosque para a mencionada época. Poderíase supoñer que, claro, como de forma “erudita” coa xente do Humanismo se cambia de Idade, pois con ela, irían todos os seus esquemas mentais. Nin por asomo pasa isto. Vicino goza ou sofre destes esquemas, segundo a visión que teñades.

Le Goff nos di que para o Occidente medieval a mirabilis, o que hoxe sería algo así como o marabilloso, é un universo de obxectos non unha categoría. Perfectamente extrapolable ó século XVI. É aquí, onde o monstro se constitúe como un enigma, algo do cal non se pode un subtraer.  Dito enigma é creado pola Natureza, non para ver un desorde, polo outro lado inexistente, xa que todo estaba ordenado, nun lugar específico. Era para ver o seu propio poder. Klapper pon de manifesto unha frase de San Bernardo; “deformis formositas ac formosis difformitas” Polo tanto, nun home medieval (aplicable a Vicino) o monstro era unha “anomalía normal,” misterioso e inevitable. Aínda así, hai que ter en conta que a mitoloxía era algo residual, interesante pero residual. Os homes se descobren a través de Deus, mediante unha espiritualidade regrada, non a causa de mitos. En resumo, os monstros quedan como creación da imaxinación humana, non como creación divina.

Bomarzo_Pegasus

Pegasus, o cabalo alado da mitoloxía grega está en disposición de despegar cara o éter. É un dos símbolos dos Farnese, tan apegados a Vicino. Fonte; https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Bomarzo_Pegasus.jpg

Con todo, onde podemos encontrar ó monstro? En principio, a mellor maneira é a da experiencia viaxeira. A máxima asegura que quen non os viu é quen non viaxou. De forma tanxencial sempre se podería encontrar algunha “testemuña.” Entronca co que se di de que o mundo imaxinario se pode ordenar mediante a apelación a un sentido; a vista. Entón é raro que a mirabilia  exista dentro dos límites do noso horizonte. Case sempre nace alá onde a nosa vista non o alcanza. Nace en lugares coma illas, “extremos da terra,” montañas, bosque onde o misterio está patente por descoñecemento. Pode ser, que unha das causas sexa pola cal o home non se leva moi ben cos “espazos baleiros” ao igual que coa noite De aí, que os viaxes, personificados en Marco Polo ou Colón, axuden a acrecentar o bestiario.

En canto ó bosque hai que velo como parte grande do sistema. A idea do bosque como concepción de soidade está enfronte da realidade – xeográfica, histórica e simbólica – do deserto en Oriente, lugar de onde proceden os patróns culturais do Occidente medieval. Polo tanto, é un lugar para perderse ao mesmo tempo que te encontras. Un teatro de sombras das tentacións que expón Le Goff, ó mesmo nivel que illas, desertos…Refuxio de anacoretas ou eremitas, mais tamén lugar de caza do señor e habitado, tanto por animais e vexetais como pola imaxinación.

PROTEO

Aquí Proteo, ser mitolóxico con capacidade para predicir o futuro (entre outras) pero moi escorregadizo,xa que se metamorfoseaba Aparece coas fauces abertas coroado cun globo, o emblema dos Orsini é un castelo. Fonte; http://www.italiaparchi.it/

Entramos, agora sí, no parque de Vicino Orsini. Situámonos nunha entrada almenada onde o seu derroteiro cabe supoñer certas influencias. Son suposicións, non certezas, inspiradas na literatura. O Sono de Polifilo de Colonna é unha delas. Recrea  o viaxe imaxinario do protagonista trala prematura perda da súa querida, ó estilo de Vicino. Outras delas é a Xerusalén Liberada de Torquato Tasso para a zona máis infernal do parque. Na dita entrada aparece o escudo do familia Orsini, un oso agarrando unha rosa.

O primeiro que se observa son dúas esfinxes cada unha a un lado do camiño e con sendas inscricións. Somos uns renovados Edipos. Neste caso non é unha adiviña pero, aí están como se fose a entrada a Tebas. O que sí hai é unha reflexión coas inscricións, ó igual que se fose unha adiviña. Aquí se reproducen.

Chi con ciglia inarcate                                                   Tu ch`entri qua pon mente

et labra strette                                                                 parte a parte

non va per questo loco                                                   et dimmi poi se tante

manco ammnira                                                             maraviglie

le famose del mondo                                                     sien fatte per inganno

moli sette. [2]                                                                 o pur per parte. [3]

As esfinxes veñen de atrás, da mitoloxía grega. Como todos sabemos, presentan ás, cabeza e tronco  de muller ademais patas e cola de león. Servía como salvagarda das cidades, ó igual que para o parque. Kappler nos explica que a hibridación se compón dos seres con elementos anatómicos dispares, distinto ó seu aspecto normal. Para os casos de representacións con tronco humano as súas características residen nunha forte e primitiva sexualidade.

Pasemos agora a falar dos grupos escultóricos máis recoñecibles. Baixando por unhas escaleiras mostrásenos unha loita case de xigantes. A grandes trazos hai dúas teorías, que se trata dun pasaxe de Orlando Furioso onde Orlando, nobre carolinxio que sofre de desamor. Nunha destas pasaxes, Orlando enaxenado descortiza a un pastor. A outra teoría, é que narre un episodio dos traballos de Heracles, a súa loita contra o xigante Caco.

Bomarzo 3

A boca e os ollos da tartaruga mostran horror ante o inevitable. Fonte; http://rutacultural.com/parque-monstruos-bomarzo-guia/

    O seguinte grupo é dos que máis xogo da. Trátase dunha tartaruga xigante que sobre o seu caparazón eleva unha Nike (Vitoria). O seu carón unha balea coas fauces abertas espera a tartaruga. A imaxinación voa aquí coas posibilidades. Oposición entre a lentitude (tartaruga) e a rapidez (da Vitoria), dunha conduta prudente fronte a unha acción oportuna. Tamén como un posible recordo das formación romana, en tartaruga, que os levaba a vitoria. E por suposto a protección mediante o caparazón. No caso da balea, podería aparecer en forma de morte e resurrección simbólicas. Só hai que ver o caso de Jonás, tendo en conta o mitolóxico e case lendario que se consideraba a dito cetáceo ante o seu descoñecemento.

Por outra banda aparece un elefante portando unha torre almenada e dirixido por un guía. Na acción o paquidermo
está deixando sen vida a un soldado, parece que romano. Pode que sexa unha alusión ao conflito entre Aníbal (Cartago) e Roma, tendo a esta última en xaque. Esta imparable pero inusual máquina de guerra sería unha alusión a desgraza de todo conflito, ademais da súa categoría de animal exótico.

Bomarzo 5

Aplastante o paquidermo. Dalí bebeu moito do lugar. Un exemplo son “As Tentacións de San Antonio,” Fonte; http://travelwithstanito.com/2015/03/25/a-japanese-doll-in-the-park-of-monsters/

Bomarzo 4

En primeiro plano un dos xigantes vasos. No fondo vese a loita entre o dragón e os molosos. Fonte; http://cumulosylimbos.blogspot.com.es/2013/05/el-parque-de-los-monstruos-de-bomarzo-i.html

Avanzando vemos a un dragón cuns molosos ou grupo de cans. Neste caso son un león, un lobo e un can. Enseguida nos salta a loita do dragón con San Jorge, ou San Miguel. Lendas varias para Occidente, nas cales se describe con escamas de peixe ás para o aire e patas para a terra. Por suposto o lume que expulse pola boca que non falte. Son gardiáns de tesouros coma nos Nibelungos. Tamén se relaciona coa farmacopea máxica. Segundo Kappler unha das múltiples características do monstro é o xigantismo, que trae consiga a bestialidade, a violenciaEntón, queda patente o seu carácter destrutor. Ademais en moitas cidades había (e hai) actos procesionais con dragóns, chamados tarascas. Non é aplicable cen por cen á descrición tipo dun dragón pero o carácter devastador e violento si que o ten. É dicir, varian nas formas mentais de concebilos.

Falemos agora do da Porta do Inferno ou tamén coñecida como o “ Ogro”. Este grito dun ser abominable, o seu ruxido, é o símbolo de Bomarzo. Por aquí hai que entrar ao Inferno, do mesmo xeito que Dante e de feito hai unha inscrición que o testemuña; “Ogni pensiero vola.”[4] Pero parece que neste Inferno non se está tan mal. Entrando pola porta hai mesa onde poder descansar ou merendar arredor dese infernal lume. O Ogro en sí representa o medo, o espanto, pero tamén certa admiración como ser que devora ata saciarse. Esta admiración pode entenderse polo termo das antípodas” que explica Kappler. No mundo ó revés onde a cada un nos correspondería a nosa antípoda para aqueles que pasasen fame en época de carestía habería outro que se saciaría. Compréndese que nesas antípodas os que alí vivisen terían formas extraordinarias.

Rematamos esta visión parcial coa arquitectura existente. Aparece un mausoleo, construído xa en formato de ruína, mutilado en dúas partes e decorado. Aparece un teatro pero  sobre todo a casa inclinada. Unha especie de casa-torre de planta cadrada e dobre piso. O seu simbolismo está claro ao igual que o seu efecto óptico – hipnótico que induce ó mareo. Está claro polas inscricións do interior que veñen a dicir que pare que a alma sexa prudente hai que buscar tranquilidade, pero que se intente buscar en dita morada. Pola planta superior aparece unha ponte que sirve para continuar o camiño salvando o desnivel. Acaba  o parque  no templo octogonal dedicado a Giulia Farnese e o seu posible mausoleo. É a fin. De aí que haxa un can Cerbero coidado a ruta para que “ningún morto saía” nin “ningún vivo entre.”

Sabemos que faltan moitas esculturas por comentar, caso das hermes, os xigantes conxuntos de landras, vasos, piñas e osos, así coma esculturas de Plutón, Ceres, unha serea bífida, leóns… Para que nos perdoedes deixámosvos un vídeo de Dalí incordiando ou creando no parque. Nunca se sabía con el.

BIBLIOGRAFÍA:

GARCÍA MARTÍN, P., “El “Parque de los Monstruos” de Bomarzo,” Goya: Revista de arte,  Nº 213, 1989, pp. 144-150.

KAPPLER, C., Monstruos, demonios y maravillas a fines de la Edad Media, Akal, Madrid, 1986.

LE GOFF, J., Lo maravilloso y lo cotidiano en el Occidente medieval, Gedisa, Barcelona, 1996, pp. 9-40.

WEBGRAFÍA

http://cdigital.uv.mx/bitstream/123456789/8940/2/mis4_p59-80_2009-3.pdf

http://elpais.com/diario/2006/10/07/viajero/1160254626_850215.html

http://institucional.us.es/revistas/arte/23/articulo_3.pdf

http://v2.reflexionesmarginales.com/index.php/num12-articulos-blog/256-regresar-a-bomarzo

http://www.bomarzo2007.com.ar/cronologia.html

[1]  “Vostedes que polo mundo van errando/ vagan para ver grandes e estupendas marabillas, veñan aquí onde hai caras horrendas/ elefantes, leóns, osos, orcos e dragóns.”

[2]Quen con cellas arqueadas/ e beizos estreitos/ non vai por este lugar/ tampouco admira/ as famosas/ sete marabillas do mundo”

[3]Ti que entras aquí pon a túa mente/ aparte/  e dime despois se tantas/ marabillas/ son feitas por engano/ ou por arte”

[4] “Cada pensamento voa”