Os Simpson: influenzas musicais, drogas e rock ‘n’ roll

Jacobo Lamas Luaña

Nesta revista parece gustarnos moito falar desta serie, pero é que non o podemos evitar. Para os amantes da cultura pop un programa que leva vinte e seis anos en antena é unha fonte infinita de referencias, un vademecum de consulta obrigatoria para falar de cine, de televisión, de movementos políticos, de modas absurdas, de actitudes vitais, de paranoias milenaristas, de arte, de literatura e, por suposto, de música. Non estamos a falar xa de pequenas inclusión de cancións, e que houbo dende cameos de artistas consagrados (Barry White, Sting, The Who), ata auténticas colaboracións musicais, coma a canción “Do the Bart” co-escrita polo mesmísimo rei do pop, Michael Jackson. Nesta pequena saga de dous artigos falaremos da importancia que ten  a música nas vidas da familia favorita de América, comezando por tres episodios que falan moi concretamente dun grupo ou estilo, tanto que o capítulo enteiro queda subordinado ao mesmo. Break on through to the other side, lector.

Homer’s Barbershop Quartet (5×01; 1993); El cuarteto vocal de Homer

Este é probablemente un dos capítulos máis recordados e máis queridos polos fans, ao fin e ao cabo estamos a falar da época dourada da serie, principios e mediados dos anos 90; ademais de polo feito de ser un capítulo enteiramente dedicado a unha das bandas máis importantes da Historia do rock. Todos os que vimos este capítulo démonos conta antes ou despois de que Homer, Barney, Apu e Skinner estaban a parodiar nada máis e nada menos que aos Beatles. E para os que non o viron, resúmovolo rapidamente: cando Lisa e Bart descobren un disco nun mercado de segunda man en cuxa portada sae o seu pai, Homer comeza a contarlles a historia de cómo o seu grupo coñecido como os Be Sharps (os Solfamidas en España) logrou un éxito inaudito e fugaz a mediados dos 80 grazas ao seu gran éxito “Baby on Board” e cómo ese éxito afundiu tan rapidamente como aparecera.

As similitudes cos Beatles son evidentes, empezando polo feito de ser un cuarteto. No grupo semella que Barney fai o papel de John Lennon, sendo o que tiña a mellor voz dos catro. Homer, o compositor principal das cancións, fai o de Paul McCartney. Apu, polo feito de ser o máis exótico, probablemente se corresponda con George Harrison (coñecido por ser o que introduciu no grupo británico influencias de música de outras culturas, como a hindú) e, finalmente, Skinner sería Ringo Starr. Curiosamente, nun principio Wiggum estaba no grupo, pero foi expulsado do grupo e suplido por Barney, de igual modo que Pete Best, o primeiro batería dos Beatles, foi expulsado e substituído por Ringo. O grupo comeza tocando na Taberna de Moe, que cambia o seu nome polo de Moe’s Cavern, parodiando o local de Liverpool no que tocaron os Beatles ao inicio das súas carreiras; o Cavern Club.

Cando son descubertos por un produtor musical (e previo despido de Wiggum) comezan a gravar as súas cancións. A primeira será “Bebé a bordo”, composta por Homer. Trala gravación o produtor dilles aos Be Sharps que acababan de gravar o seu primeiro hit (a lenda di que iso foi o que George Martin lles dixo aos Beatles tras gravar “Please Please Me”). Efectivamente, a canción fainos mundialmente famosos e comezan a ter fans por todas partes, de modo que deciden embarcarse nunha xira europea na que Homer debe ocultar o seu matrimonio por motivos de márketing. O mesmo fixo Lennon  durante un tempo.

O regreso despois da xira por Europa recorda á chegada dos Beatles ao aeroporto John F. Kennedy de New York, na súa primeira visita aos Estados Unidos. Despois de todo o acontecido, os Solfamidas logran gañar un Grammy pola súa canción, e na festa posterior coñecen a George Harrison (como estrela invitada do episodio). Con todo, parece que Homer non lle da demasiada importancia ó asunto. Evidentemente despois de todo este éxito, as expectativas postas no grupo foron brutais non sendo capaces de responder a elas. As cancións de Homer non resultaban ser tan boas, mentres que Barney comeza a experimentar con novos sons revolucionarios (si, os seus eructos) xunto coa súa nova moza asiática, unha artista conceptual que evidentemente parodia a Yoko Ono. En todo caso, a carreira do grupo afúndese e os seus integrantes regresan a Springfield ás súas ocupacións habituais.

t

Homer con Mr. Harrison (1943-2001). Fonte; https://yberrybloguero.wordpress.com/

Durante a historia Homer vai mostrando aos seus fillos os recordos materiais que tiña gardados daquela etapa: había artigos de promoción absurdos, imitando a cantidade de obxectos e de útiles que se comercializaron baixo a marca dos Beatles durante os anos 60, e o que ía ser o seu segundo álbum, titulado “Bigger than Jesus.” Este ven a ser unha parodia  das famosas palabras de Lennon, cando asegurou que o grupo que lideraba era máis famoso que o propio Xesús. A súa portada resulta ser unha parodia da de Abbey Road, na que os catro membros dos Solfamidas cruzan en fila india un río en vez do famoso paso de cebra. De feito, Barney está descalzo, ao igual que o estaba McCartney naquela portada.

Despois de relatar a historia a Bart e a Lisa, Homer, conducido pola nostalxia, toma a decisión de chamar aos seus antigos compañeiros de grupo. A reunión serviría para poder dar un último concerto, por iniciativa propia, dende o tellado do Moe´s Cavern. Como ben di George Harrison que CURIOSAMENTE pasaba por Springfield nese momento iso “Xa está feito”, polos Beatles concretamente. Foi no ano 1969, cando deron un dos seus últimos shows na azotea dos estudios Apple. As últimas palabras de Homer mentres comezan a aparecer os créditos imitan tamén as pronunciadas por Lennon cara o público cando deron aquel concerto: “Espero que hayamos superado la prueba”.

Homerpalooza (7×24; 1996); Homerpalooza.

Este é un capítulo enteiramente dedicado á xeración X, é dicir, grosso modo, todo aquel adolescente na década dos 90 coa música que dita xeración consumía. Agora ben, en clave de crítica resulta bastante atrevido. A razón radicaba en que gran parte do público da serie proviña desa franxa de idade. O capítulo retrata a xeración X como extremadamente apática e egoísta, nihilista, con pouco respecto pola autoridade e polos seus maiores, superficial e continuamente bombardeada pola publicidade dende unha diversidade de medios moi ampla. Vamos, como agora, mais sen smartphones. Por outra parte, recoñecen a súa tolerancia e mente aberta.

O festival ao que acoden Homer, Lisa e Bart leva o nome de Halabalooza, parodiando ao Lollapalooza, o festival de música alternativa máis importante durante a primeira década dos 90. Por el paséanse todo tipo de músicos de diferentes estilos. Dende o guitarrista de rock clásico Peter Frampton ata o grupo de gangsta rap Cypress Hill, pasando polo rock alternativo dos Smashing Pumpkins e o noise experimental de Sonic Youth. Un elenco excepcional de artistas convidados. Incluso puido chegar a unirse Courtney Love, mais a mala relación entre a cantante e o grupo Sonic Youth xogou en contra.

ggygggg

De esquerda a dereita e de abaixo a arriba: Smashing Pumpkins (http://www.treblezine.com/), Peter Frampton, (http://simpsons.wikia.com/), Cypress Hill (http://www.tuenlinea.com/) e Sonic Youth (http://www.prefixmag.com/

Á marxe dos artistas que participaron no capítulo, as referencias musicais non se limitan a eles, senón que van máis alá. O capítulo no seu principio xira en torno á idea de que a música alternativo dos 90 está facendo que o rock clásico pase de moda. Bart e Lisa aseguran que o seu pai é un “carroza” por escoitar unha cadea de radio que asegura tocar “éxitos desde Abba hasta Zeppelin” e música como a de Grand Funk Railroad, Jefferson Airplain ou Alan Parson Project. Todos estes grupos gozaron de moita popularidade nos anos 70. A tenda de discos do pobo, antes chamada Good Vibrations en honor á mítica canción dos Beach Boys agora cambiou o seu nome. Chámase Suicide Notes, un nome tan depresivo como a música que comercializa. No seu interior podemos ver pósters coas portadas dalgúns dos discos máis relevantes dos últimos anos, tendo en conta que o capítulo se estreou no 96: The Downward Spiral de Nine Inch Nails, Out of Time de R.E.M., Dookie de Green Day, Definetely Maybe de Oasis ou Daydream Nation dos propios Sonic Youth. Contrastan cos clásicos posters, que non antigos. Podémolos ver nun dos flashback de Homer, colgados na súa habitación de cando era mozo. Entre eles obsérvase o Dark Side of the Moon de Pink Floyd e o primeiro disco de Led Zeppelin coa imaxe do accidente do Hindenburg.

A banda sonora do capítulo é realmente sobresaínte. Mestura temas dos artistas invitados tales como,“Insane in the Brain” de Cypress Hill, “Zero” dos Pumpkins e a intro da serie tocada por Sonic Youth, con algúns clásicos do rock, caso de “Mississipi Queen” ou “Shinin’ On”.

How I Spent my Strummer Vacation (14×02; 2002); Como rocanroleé en mis vacaciones de verano.

Introducímonos con este capítulo nunha etapa da serie máis complexa. Deixamos atrás as súas mellores temporadas e chegamos a unha época na cal as primeiras malas críticas empezan a xurdir. Estamos a finais dos 90 e principios do novo milenio. Visto en retrospectiva e, tendo en conta o que fixo The Simpson nos últimos anos, podemos afirmar que aquelas temporadas non estaban tan mal, sobre todo en comparación coas actuais. Deixando as críticas ao lado, o capítulo que comentarei a continuación e un dos máis queridos polo público. A pesar do xa dito, e non porque sexa especialmente divertido (que tamén), senón pola cantidade de celebridades do rock que participan como estrelas invitadas. Entre elas están Lenny Kravitz, Elvis Costello, Tom Petty e Brian Setzer. Sería un bo capítulo con elas mais faltaban os pesos pesados. Nada máis e nada menos que os líderes dunha das bandas máis famosas e relevantes da Historia do rock. En efecto, eles son Mick Jagger e Keith Richards dos Rolling Stones.

fdfrffff

Fonte; captura de https://www.youtube.com/

A idea ademais é realmente divertida. Todas estas estrelas do rock son convertidas en monitores dun campamento no que ensinan a corentóns a ser coma eles. Jagger ensinando a moverse no escenario, Richards a escapar das fans, Kravitz como estilista, Setzer como profesor de guitarra… Durante unha semana Homer síntese como unha verdadeira estrela de rock.

dddddf

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo: Tom Petty (http://simpsons.wikia.com/), Lenny Kravitz (http://www.theclinic.cl/), Tom Costello (http://giphy.com/) e Brian Setzer (http://www.theclinic.cl/).

Iso é o que precisamente dá pé a ver a outra cara do episodio, a que intenta retratar a vida do rockeiro. Neste caso non é unha crítica, xa que a serie estaba a perder parte da súa esencia satírica, senón como un homenaxe ao seu  estilo. Estilo que inclúe as drogas, as mulleres, a festa e o desenfreo. Todo sazonado cunha personalidade francamente egoísta. Só hai que ver a reacción que teñen cando Homer comeza a roubarlles o protagonismo sobre o escenario. E, a pesar de todo iso, curiosamente os amamos e os convertemos nos nosos ídolos. Como di Homer ao final do capítulo “Las estrellas de rock no se tienen que disculpar. Se les admira por hacer alarde de un comportamiento por el que la gente normal iría a la cárcel”.

E agora, o que TODOS estabades esperando: