Dúas novelas itinerantes para ler no outono

morena_feijoo

Neste outono Edicións Xerais achéganos dúas obras novas, moi diferentes e interesantes.

A primeira é Morena, perigosa e románica de Pedro Feijoo. E que sorpresa que nos levamos os lectores acostumados á narrativa “feijoniana” de Os fillos do mar ou A memoria da choiva! Vaia pinchacarneiro que deu o autor!, a ver agora quen pode falar xa dun libro como “típico de Pedro Feijoo”. Nada que ver cos anteriores. Esta é, segundo se repite decote, unha comedia, ou tamén unha parodia das “novelas de roubos e crimes”. E ten mérito Pedro Feijoo ao meterse nun terreo tan pouco cultivado en galego. O que eu non sei é como reaccionarán os lectores fieis a Pedro Feijoo, que ben seguro a maioría non le narrativa deste tipo. Pero o certo é que vemos como triúnfan no cine e na televisión comedias paródicas con falsos heroes humanos e atractivos cos que nos identificamos. Por que non vai ser o mesmo nunha novela, por que non imos rir con esta panda de personaxes que se atreven a roubar o Botafumeiro ou a Moreneta, que se enfrontan a mafias internacionais? Seguro que haberá lectores e críticos que non considerarán seria, interesante esta novela e mesmo non falarán dela positivamente porque non lles gusta.

Por iso aquí a promoción editorial vai ter que fiar moi fino para facer chegar a comedia ao lector de comedias e de comedias en galego (tamén está a tradución castelá, claro, aí xa non é o mesmo). Pero xa imos tendo datos, no mes de outubro foi a obra en galego con máis vendas, parece que os lectores responden, o éxito está asegurado. Eu declárome aquí seguidor das obras “negras” feijonianas e confeso que lin con interese, mellor dito divertimento, esta “Morena…” porque xa desde o primeiro momento a tomei coma unha parodia. Fun comprobando que estaba moi ben escrita, que non daba puntada sen fío, moi ben estruturada, cun precioso xogo literario coa Divina Comedia e con moi cribles referencias á realidade.

Concluíndo, unha novela itinerante na que un grupos de persoas (e tamén o gato Virxilio, o compañeiro ideal para calquera “facinoroso”) andan á procura do éxito con escasa fortuna.

gato

Un gato, o mellor amigo do protagonista da obra de Pedro Feijoo

Para comentar a segunda novela teño que falar antes de Brais (1º ESO) a quen en xuño só lle quedou o galego; a Brais non lle gusta nada ler, só xogar coas maquiniñas. Conversamos en xullo e recomendeille a saga de Dragal de Elena Gallego Abad. En setembro tirou un oito e pico en galego e encantáronlle as historias de Dragal. Eses son os éxitos da literatura xuvenil en galego. Temos unha morea de autores e autoras galegos que se dirixen ao público mozo cunha obra literaria de calidade, contrastada, que triúnfa tamén fóra traducida a outras linguas.

Pero o debate está sempre aí. Cal é a literatura xuvenil? Debe escribirse un libro directamente para este público? Convén recomendar estas lecturas ao alumnado da ESO? As memorias dun neno labrego, Os dous de sempre son literatura, a secas, e tamén son lidos maioritariamente nos institutos. Aí estamos todos de acordo.

europa_maceiras

Despois de máis de 30 anos traballando as lecturas cos adolescentes funme facendo a miña opinión. Se queremos que lean hai que motivalos retribuíndo na cualificación a lectura, si a lectura mesma, non traballos sobre as lecturas que ademais son facilmente copiables. Ademais a oferta ten que ser moi variada, libros de “serie” de acordo cos gustos de cada un para os que len pouco habitualmente. Libros xa máis complexos para lectores máis esixentes.

Vén todo isto a conto da novela gañadora do premio Jules Verne 2015 dirixido ao público xuvenil. Europa Express, de Andrea Maceiras. Unha excelente historia que tanto poden ler os adolescentes coma os adultos. Vanse intercalando dous planos, 7 mozos/as que ao remataren o bacharelato van de Interrail por Europa; e 10 anos despois eses mesmos mozos vólvense xuntar para lembrar ou esclarecer todo o que pasou e como cambiou as súas vidas. É unha novela xuvenil?  Si e non. Si, porque a pode ler perfectamente o público de Bacharelato. Non, porque tamén é unha novela para adultos. Vaille pasar logo coma a Memorias dun neno labrego: para todos os públicos. Non sabemos cal foi a razón pola que Andrea Maceiras a presentou ao Jules Verne (xuvenil) e non ao Xerais. Mais eu creo que foi un acerto xa que así se asegura un público moito máis amplo. En moitas familias len os libros do instituto os rapaces e logo tamén as nais e os pais acompañan ou controlan a lectura; levo visto moitos casos.

Moi recomendable pois para as familias esta novela itinerante de Andrea Maceiras na que un grupo de personaxes se moven por Europa e tamén revolven nas súas mentes procurando a explicación ao que os atormenta.

Praga, unha das cidades que marcou os protagonistas da obra de Andrea Maceiras.

Praga, unha das cidades que marcou os protagonistas da obra de Andrea Maceiras.

Anxo González Guerra, novembro, 2015. http://www.anxo.info