A arte do engano: as ilusións ópticas

Ningún gran artista ve as cousas como son na realidade; se o fixese, deixaría de ser artista” Oscar Wilde

Para mostrarnos esa visión especial que teñen, os artistas empregan o seu coñecemento sobre os nosos sentidos; os cales son as pontes que nos permiten recibir información do mundo que nos rodea. Sabendo tamén que non sempre esa información coincide ca situación física real, é dicir, non se trata dunha percepción verídica.

Certas artes, como a pintura ou a fotografía, xogan coa nosa percepción visual porque vemos unha fotografía ou un cadro en tres dimensións cando, en realidade, trátase de algo plano. Por iso podemos considerar nestes casos que estas artes son ilusións, entendendo como ilusión unha ruptura da percepción verídica cando os sentidos reciben información imprecisa.

Sen embargo, por moi interesante que sexa este tema, neste artigo solo trataranse aqueles artistas ou científicos que puxeron en xaque a nosa percepción coas súas obras. Aquelas que, baixo a humilde opinión desta redactora, deberían ter un oco neste artigo pola súa singularidade.

Artistas que xogan coa nosa percepción

Ó longo da historia da arte moitos artistas aproveitaron as características do sistema perceptivo humano para crear orixinais obras que sorprenden a todo aquel que as contempla.

O primeiro dos que se falarán, pola súa antigüidade, é Giuseppe Arcimboldo (1527-1593, Milán, Italia). Este pintor italiano estivo baixo a protección de Maximiliano II de Habsburgo e do seu fillo Rodolfo II. Para este último Arcimboldo fixo o retrato que pode verse máis abaixo, no cal representouno como o deus romano das estacións e a vexetación. Neste vese unha forma humana composta por verduras, froitas e flores.

IV_1

“Retrato de Rodolfo II no traxe de Vertumno” de G. Arcimboldo

Este estilo foi moi orixinal para a súa época xa que con vexetais ou obxectos cotiás creaba retratos de persoas cun gusto exquisito. Dita creatividade foi incentivada pola corte dos Habsburgo. Sen embargo despois de morrer Arcimboldo, a súa pronto caeu no esquecemento. Pero fai aproximadamente un século os académicos empezaron a interesarse por este peculiar artista.

IV_2

“O bibliotecario” de G. Arcimboldo

Maurits Cornelius Escher (1898 Leeuwarden- 1972 Hilversum, Holanda) foi un importante debuxante que explorou o infinito e os paradoxos xeométricos na súa obra. Dentro desta destacan as perspectivas imposibles, baseadas en figuras imposibles como o triángulo de Penrose e o cubo de Necker.

IV_3

Cubo de Necker e triángulo de Penrose

Un bo exemplo de isto é a súa obra a “Fervenza” na cal a auga sube por un acueduto e logo volve a baixar movendo a roda dun muíño e esta mesma auga subirá de novo, facendo un recorrido infinito. Pero que é imposible na realidade. Sen embargo nun primeiro momento é posible, lector, que non te decataras da irrealidade desta imaxe pola gran cantidade de detalles que ten. Detalles que provocan unha nítida sensación de realidade.

IV_4

“Fervenza” de M. C. Escher

Noutro estilo completamente diferente atopamos a Bev Doolittle (1947 California, Estados Unidos), unha pintora famosa pola súas imaxes camufladas, sendo a súa impulsora e máis importante representante. Desenvolveu este tipo de pinturas despois dunha viaxe polo Oeste dos Estados Unidos.

O exemplo máis claro é seu cadro “A fraga ten ollos”. Nun primeiro momento vese a un home cuns cabalos. Pero se o lector se fíxase máis detidamente, pronto empezará a ver caras escondidas nos grupos de rocas e nas árbores. Este proceso, estudado polos psicólogos da Escola da Gestalt, denomínase reconfiguración perceptiva ou insight.

IV_5

“A fraga ten ollos” de Bev Doolittle

Ilusións para a investigación científica

Moitos psicólogos e neurocientíficos dedican a súa carreira a estudar o sistema perceptivo, por iso crearon obras que enganasen a percepción para descubrir o mecanismo ou mecanismos responsables de ditas ilusións.

IV_6,5

A Reixa de Hermann é unha ilusión sinxela pero moi potente xa que está composta unicamente por cadros negros e corredores brancos. E os puntos grises que vense nas interseccións dos corredores? Eses non están fisicamente alí, como o lector poderá comprobar se fixa a súa mirada nunha intersección concreta. Agora o punto xa non aparece, verdade?

A explicación desta ilusión é a inhibición lateral na retina periférica. Dito de outro modo as células que hai no noso sistema perceptivo actívanse de xeito diferente en función da área da reixa da que informan. Pero este traballo non o fai cada célula individualmente, senón que a percepción desta figura tan simple require unha coordinación entre elas mediante mensaxes de activación ou inhibición. Estas mensaxes provocan as aparicións e desaparicións das pantasmas grises que vense nas interseccións dos corredores.

Outra ilusión bastante interesante é a habitación de Ames.

Sorprendido/a polo cambio de tamaño dos rapaces? Pensarás que se trata de maxia ou que o vídeo está trucado pero nada máis lonxe da realidade. O secreto desta ilusión é a posición da cámara, a cal ve unha habitación normal cando en realidade non é así. A cámara colocouse no oco da parede recta, de maneira que non poda rexistrar as claves de profundidade que lle permitan o espectador saber que a habitación non é rectangular, senón que ten a forma que se mostra nas ilustracións de abaixo. E que o chan está en costa e non é recto, como parece no vídeo.

IV_6

Esquema das posicións das persoas na habitación de Ames

IV_7

Representación das dimensións da habitación de Ames

Deste xeito a persoa que vese máis pequena é porque está máis lonxe e pola percepción de un espazo maior entre o teito e o chan. Mentres que a persoa que vese xigante é porque está máis cerca do espectador e do teito. É dicir, a perda das claves de profundidade provoca este efecto de cambio de tamaños nas dúas persoas do vídeo.

IV_8

“Rotsnake” de Akiyoshi Kitaoka (2003)

Por último, pero non menos importante, trataranse as obras de Akiyoshi Kitaoka, profesor do Departamento de Psicoloxía da Universidade de Ritsumeikan de Kioto (Japón).

Estas ilusións son exemplos de movemento aparente, é dicir, que percibimos un movemento que non existe. A explicación de que vexamos estas imaxes estáticas en movemento é polos nosos movementos oculares imperceptibles ó miralas.

IV_9

“Rollers” de Akiyoshi Kitaoka (2004)

Pero existe un exemplo moito máis claro e cotián de movemento aparente, do que falarase a continuación.

O cine, un dos mellores enganos perceptivos

O cine é unha ilusión. De feito a Real Academia Galega define o cine como “arte de rexistrar fotografías nunha película e proxectalas nunha pantalla como imaxes en movemento”. Sendo, polo tanto, o exemplo máis claro de movemento aparente que existe.

Tanto o rexistro como a proxección das fotografías ou fotogramas ocorre a grandes velocidades. Deste xeito prodúcese a sensación de movemento.

No cine existen varias velocidades, pero as que son interesantes aquí son dúas: a velocidade de cámara e a velocidade de proxección. Estas eran de dezaseis fotogramas por segundo nas películas mudas, e posteriormente a cámara acelerouse a 24 fotogramas por segundo para poder producir un son nítido. Nesta última velocidade é na que fílmanse e proxéctanse a maioría das películas. Sen embargo na actualidade xa hai películas que aumentaron estas velocidades a 48 fotogramas por segundo, como é caso da película “O Hobbit”, conseguindo unha gran calidade da imaxe.

Quen lle diría en 1875 a Exner, o descubridor do movemento aparente, que este efecto tería estas aplicacións?

Bibliografía

Chu, H. K., Hsu, W. H., Mitra, N. J., Cohen-Or, D., Wong, T. T., & Lee, T. Y. (2010). Camouflage images. ACM Transactions on Graphics29(3), 51.

Goldstein, E. B. (2006). Sensación y percepción. Madrid: Paraninfo.

Konigsberg, I. (2004). Diccionario técnico Akal de cine. Madrid: Ediciones Akal.

Kriegeskorte, W. (1993). Arcimboldo. Colonia: Taschen Benedikt.

Watson McCarthy, C. (2011). M.C.Escher : desplegando a Escher. Madrid: Ilus Books.

http://www.ritsumei.ac.jp/~akitaoka/index-e.html