Alemaña debe pagar

Nena rodeada polas ruínas das construcións na localidade belga de Neuve Eglise despois de ser duramente bombardeada na guerra. Fonte: http://www.dailymail.co.uk/news/article-2282108/World-War-One-wasteland-Haunting-rare-images-apocalyptic-destruction-Western-Front.html

Nena rodeada polas ruínas das construcións na localidade belga de Neuve Eglise despois de ser duramente bombardeada na guerra

No ano de 1919  a poboación alemá seguía axitada e sen saber ata onde chegaría a precaria situación do país.  O 9 de novembro de 1918 dérase un levantamento revolucionario coa proclamación da República Soviética de Múnich, que foi esmagado sen miramentos polas autoridades. A abdicación do Káiser e o armisticio firmado dous días despois creou unha grande decepción.  Os problemas económicos e a reacción propagandística das forzas nacionalistas e monárquicas foi en aumento nos meses seguintes. Unha das imposicións do tratado de Paz foi o licenciamento de tropas, incluídas as de voluntarios, aquelas que loitaran nas rúas de Berlín contra a revolución comunista. Aqueles homes se sentiron traizoados dende o momento en que os políticos cederon ante as esixencias dos aliados. O intento revolucionario foi esmagado, pero agora quedaban abertas as portas para a contrarrevolución.

O 14 de Agosto de 1919 promulgouse a Constitución de Weimar, na que quedaba fixada a normativa básica do Estado. A maioría parlamentaria que a votou estaba composta por tres partidos: socialistas, demócratas e católicos. O proxecto, derivado do dereito constitucional francés e inglés, fora elaborado polo profesor de dereito público da universidade de Berlín e ministro do Interior, o Dr. Preuss. Na nova Constitución eran definidos os dereitos do cidadán xunto coa responsabilidade parlamentaria dos ministros. Adoptouse o modelo norteamericano no momento da elección do presidente, sendo entón popular e non parlamentaria. Sen embargo, houbo medidas que recordaron as primeiras constitucións das monarquías liberais de principios do XIX. Este arcaísmo era evidente na capacidade do presidente de poder disolver o parlamento. En suma, podemos dicir que a constitución non foi máis que unha lei fundamental cunha serie de enunciados que procuraban contentar a unha boa parte dos grupos políticos para calmar os ánimos e acadar o establecemento sólido dunhas normas legais básicas.

A pesar de que nos seus inicios houbo un consciente impulso do proceso democrático, os partidos que acadaron o poder durante este período remataron por apoiarse nos partidos reaccionarios e de extrema dereita ante os problemas da política exterior. O 13 de Marzo de 1920 varios corpos de voluntarios da dereita ocuparon Berlín e levaron a cabo un intento de golpe estado que  fracasou. Poucos meses despois,  o 6 de Xuño de 1920, o único bloque de partidos no que podía apoiarse o novo réxime perdía dous terzos da maioría que tivera no Parlamento. Isto abriu dúas posibilidades problemáticas: ou ben se levaba a cabo unha coalición dos partidos democráticos cos partidos parcial ou evidentemente antidemocráticos, ou ben se formaban gobernos de minorías que dependían do consentimento parlamentario da oposición. Ambas alternativas remataban por limitar a vixencia habitual dun goberno e foi así como a República tivo ata 16 gobernos diferentes (Un novo goberno cada 8,5 meses). Hagen Schulze sinalou que desta forma producíase un círculo vicioso que facía que “canto máis débil parecía o goberno, con tanta maior facilidade se inclinaban os electores a unha alternativa de dereitas ou de esquerdas, porque “ambas lles prometían o exercicio autoritario do poder”.

Nos seguintes tres anos (1920-1923), a pesares de que a situación interior parecía calmarse, houbo un traslado das tensión cara a política exterior. Alemaña tiña severos problemas coas demandas do bloque aliado, que non cesaba na súa intención de facer pagar aos xermanos pola destrución da guerra. O goberno alemán veuse obrigado a cumprir coas esixencias: 132.000 millóns de marcos a liquidar cun 6% de intereses anuais. Foi entón cando as axitacións da extrema dereita remataron por empeorar o clima interior e o odio cara a nova República levou aos asasinatos de Matthias Erzberger, un dos políticos que firmara o armisticio, e de Walter Rathenau, ministro de exteriores. Ambos foron asasinados por grupos de mozos oficiais que, dentro do seu nacionalismo exaltado, crían estar facendo un grande servizo á patria.

Enterro de Rathenau con honores de Estado tras ser asasinado por homes da extrema dereita (Photo by Hulton Archive/Getty Images)

Enterro de Rathenau con honores de Estado tras ser asasinado por homes da extrema dereita (Photo by Hulton Archive/Getty Images)

 

Soldado francés custodiando un convoi de carbón que foi previamente requisado. Fonte: www.histoire-image.org

Soldado francés custodiando un convoi de carbón que foi previamente requisado. Fonte: http://www.histoire-image.org

Os maiores esforzos da República continuaron na busca de concesións dende o bloque aliado no referente aos pagos polas reparacións de guerra. Pero Francia quería sacar vinganza da paz despois de sufrir as catastróficas consecuencias da máquina de guerra alemá no seu territorio. Para isto, estaban dispostos a tomar pola forza o que os alemáns non estiveran dispostos a dar voluntariamente. Ante o retraso nos pagos, en Xaneiro de 1923, tropas belgas e francesas ocuparon a cunca do Ruhr co fin de levar a cabo unha explotación temporal. Alemaña non tiña un exército preparado debido ás condicións do Tratado de Versalles e non podía frear a entrada estranxeira. O pobo e os políticos alemáns uníronse nunha causa común, o odio aos franceses. Os partidos e os sindicatos chamaron á folga, e foi así como o corazón industrial alemán tivo un parón repentino. Os franceses contraatacaron enviando aos seus propios obreiros. Como consecuencia, deuse un grande brote de violencia que provocou o asasinato de varios obreiros alemáns en Essen, un feito que foi contestado polos alemáns matando a soldados franceses.

O ano de 1923 foi o peor para Alemaña. A elevada inflación alcanzou a súa cima e durante algún tempo o valor do marco descendeu.  A medida que o valor do papel moeda descendía maior cantidade se necesitaba para comprar calquera cousa. Os bancos recibiron máis presións para facer fronte á crecente demanda de papel moeda. Para enfrontarse a isto e pagar aos folguistas do Ruhr, o goberno imprimiu máis billetes e canto máis valor perdía este máis custaba pagar salarios e mercar alimentos. A circulación de cartos veuse abaixo (un dólar americano valía 240 millóns de marcos) e volveuse a primitiva economía de troco.

Fonte: wikimedia commons

Fonte: wikimedia commons

O 13 de agosto de 1923 nomeouse a Gustav Stresemann como chanceler dun goberno de gran coalición. Anunciouse que Alemaña iniciaría de novo o pago das compensacións para lograr que os franceses marcharan. Isto foi visto polos grupos nacionalistas como outra derrota ante os aliados. O xeneral Ludendorff, que nunca aceptara a derrota, apoiou a Adolf Hitler, que xa  lideraba o novo Partido Obreiro Nacionalsocialista Alemán despois de lograr a unificación de numerosas asociacións populares baixo a súa figura. Foi en Münich, no mes de novembro, dende onde emprenderon o golpe de Estado. Pero non lograron o apoio do exército e da policía, que se encargou de disolver a manifestación a tiros. O levantamento rematou con 14 mortos. Ludendorff e Hitler foron xulgados por traizón e este último acabou en prisión. Alí dedicouse a reflexionar sobre as causas do seu fracaso. Mentres se daban estes acontecementos a inflación comezaba a ser controlada. O vello diñeiro carente de valor foi retirado e substituído por unha nova moeda.

 Adolf Hitler xunto a outros acusados no xuizo polo Putsch. Á súa dereita está o xeneral Ludendorff. Fonte:www.historyplace.com/

Adolf Hitler xunto a outros acusados no xuizo polo Putsch. Á súa dereita está o xeneral Ludendorff. Fonte:www.historyplace.com/

A pesares de todo, o goberno de Stresemann caeu debido a un voto de censura, aínda que el seguiría nun cargo importante como ministro de exteriores, un posto no que acadou algúns éxitos notables. Neses días comezou a etapa que se coñece como os “anos dourados” da República de Weimar, chamados así pola tranquilidade que se respiraba no ámbito político e tamén polo incrible ambiente cultural que se viviu. Todo isto tivo moito que ver con que tanto en Inglaterra como en Francia chegaran ao poder gobernos máis dispostos a apertar menos ao pobo alemán. O primeiro cambio transcendental chegou cun comité presidido polo norteamericano Charles Dawes, que se encargaría de nivelar o pago das compensacións de maneira que Alemaña puidera pagalas. A política de cooperación empezou a dar resultados. Os franceses comprometéronse  a abandonar o Rurh no prazo dun ano. No ano 1925, en Locarno (Suíza), Francia , Bélxica e Alemaña acordaron respectar as súas fronteiras respectivas. En setembro de 1926 ,en Xenebra, Alemaña se converteu en membro da Sociedade de Nacións. Estábase poñendo punto final a unha escura etapa para Alemaña despois do inicio da catástrofe en 1914. Iniciábase un novo período de prosperidade política, económica e cultural.

BIBLIOGRAFÍA

CASANOVA, Julián, Europa contra Europa (1919-1945), Crítica, Barcelona, 2011.

GAY, Peter, La cultura de Weimar, Paidós, Madrid, 2011.

SCHULZE, Hagen, Breve historia de Alemania, Alianza, Madrid, 2011.

VICENS VIVES, Jaume, La crisis del siglo XX (1919-1945), Acantilado, Barcelona, 2013

WEITZ, Eric D., La Alemania de Weimar: Presagio y tragedia, Ed. Turner, Madrid, 2009