O esencial é invisible ós ollos: sobre o Principiño.

O Principiño é unha das obras máis coñecidas e destacadas da produción literaria de Antoine de Saint-Exupéry,un aviador francés exiliado en Estados Unidos durante a II Guerra Mundial. Durante este período, foi cando compuxo  esta obra poética escrita en prosa e ilustrada polo mesmo autor con debuxos da súa propia infancia. Pese a que as viñetas que se presentan ó longo da narración pertencen á nenez de Saint-Exupéry, non queren dicir que a súa intención fora elaborar un conto infantil, senón que o que pretendía era conducir ó lector cara unha reflexión persoal na que o home se atopara a si mesmo, e na que se aconsella que nunca se perda o espírito de neno que hai no seu interior. Xunto a estas ideas, hai máis dun significado oculto detrás deste “inocente” libro e estes pensamentos serán os que se traten de enumerar e dar unha explicación a continuación. Non obstante, para aqueles que leran O Principiño, debo advertirlles que, quen se propón interpretalo, corre perigo de converterse nun “baobab”, pois, igual ca esta árbore que ameaza con destruír o planeta do protagonista, tamén se poderá botar abaixo todo un mundo de soños propios do mundo infantil daqueles que leron dende a perspectiva dun neno esta lectura

Como ben se sabe, o protagonista da novela é O Principiño, un neno que vive no planeta máis pequeno do universo, onde convive con tres volcáns e unha rosa. Esta flor será a que faga que o rapaz fuxa do seu mundo, iniciando unha viaxe por outros lugares do cosmos e tropezando con distintas personaxes que lle darán involuntariamente diferentes leccións sobre cómo afrontar a vida. Finalmente, ao chegar á terra,   coñecerá a un aviador, o cal se atopa no deserto tras sufrir unha avaría no seu aeroplano. A el será a quen o Principiño lle conte todo o acontecido no seu periplo e quen o “axude” a volver á súa terra.

A narración comeza co que parece ser unha vivencia persoal do autor: unha avaría no motor do avión mentres sobrevoaba o deserto. Seis anos despois deste suceso, tería lugar a publicación da obra (no 1943), é dicir, seis anos despois de “volver a nacer”, momento no cal se acordou de cando tiña seis anos , cando soñaba con ser debuxante, pero seus pais truncaron ese futuro. Pese a este inicio que xira en torno á posibilidade dunha morte próxima, o aviador non aproveita para coñecerse a si mesmo ou reconciliarse co seu subconsciente, senón que trata de atopar a súa natureza a través das vivenzas da súa nenez: unha regresión á infancia mediante a figura do Principiño, tras o cal tamén se atoparía o autor, enfrontándose a si mesmo en etapas diferentes da súa vida. A partires desta imaxe do Principiño, podemos extraer unha lectura relixiosa, pois o protagonista é o fillo dun rei que provén dunha estrela afastada do noso mundo, sendo a súa estadía nel breve, xa que ao cabo dun ano a morte virá a por el. Unha historia semellante á que se nos conta no Cristianismo coa chegada de Xesús, fillo de Deus, que morrerá tras difundir a súa mensaxe na Terra.

Dentro deste trasfondo espiritual, cabe destacar a importancia que exerce o papel do neno, xa que se un pode dirixirse a el como “príncipe” ou “princesa”, é porque ó seu lado, un síntese como invitado do seu reino invisible: un mundo cheo de fantasía, que segundo comeza a historia, xa foi truncado polos adultos, ao non permitir que o rapaz explore o seu lado artístico. Deste xeito, entendemos cómo, na dedicatoria, fai un chamamento ós rapaces para que conserven a simplicidade do seu corazón. Sen embargo, non da pé a que un adulto cambie o seu estado anormal para volver a atopar a súa nenez orixinal. Isto é o que pretende criticar o Principiño, a transformación en “adultos”, a perda de inocencia, o “asasinato” dunha vida antes de comezar a vivila, como se fose un recordo perdido. Se prestamos atención, as personaxes que vai atopando o Principiño no seu periplo polo universo, non son máis que unha galería de “tipos de adultos” que lle serven para mostrarnos a traxedia que supón medrar.

  • En primeiro lugar o monarca sen límites, ante o cal se inclina todo aquel que lle rodea, pero que non ten nin a máis mínima representación do mundo exterior e o trato que mantén cos humanos limítase a como empregar ós homes en beneficio dos seus intereses. Aprendeu que a autoridade só pode apoiarse na razón e que o seu mandato restrínxese a todo aquilo que está previsto que suceda na natureza. Malia que se mostra como un soberano comprensivo, non deixa de ser un déspota que desfruta amedrentando ós outros para que dependan da súa “graza”.
  • Peor co anterior é o vaidoso, que se cre superior ós demais, pero que está condenado a vivir na soidade máis desgraciada, xa que ninguén será capaz de vivir moito tempo cun home que precisa que o estean gabando continuamente.
  • A continuación, o bebedor, o cal representa a vaidade botada a perder: prefire esquecerse a investigar as causas dese odio cara si mesmo. Quizais fose pola desesperación, por debilidade, por non poder acadar a propia grandeza, melancolía, autocompaixón. Moi pronto acabará encerrándose nun círculo vicioso, e o remedio contra o desprezo que mostra cara a súa persoa, pouco a pouco irase convertendo na causa das súas dependencias.

Á par destes tres suxeitos que buscaban o pracer negativamente en si mesmos, o Principiño enfróntase a outros tres planetas habitados por uns individuos que destrúen o mundo dun modo perverso:

  • A forma contraria da borracheira, ese intento de perder a razón a través do alcohol, é a avaricia, esa inclinación obsesiva de converter todo o imaxinable en diñeiro, entendido como un medio de cambio que leva á superstición de crer que con el se pode comprar todo o desexado. Isto acaba derivando no capitalista, na definición do home e o diñeiro, aquel que renuncia a todo pracer privado da súa riqueza, para poder aumentala empregando máis da mesma.
  • Polo de agora, tódolos adultos que foron aparecendo tiñan en común que, como se estivesen enfeitizados, perseguían uns mesmos obxectivos, convertendo a fidelidade e o deber nunha loucura egocéntrica. Exemplo disto é o faroleiro, cun nome de oficio, ó cal tan só lle importa que as instrucións do seu traballo lle indiquen o quen ten que facer. Mais estas cambiaron fai tempo e a única solución para non ter que ir tan rápido tras o curso cada vez máis veloz do mundo, é seguir o curso do Sol e descubrir o novo “tempo da vida”. Pero o faroleiro acaba por transformarse nunha vítima do deber, nun maniático que non se deixa ensinar, incapaz de cambiar como a xente adulta.
  • Por último, o xeógrafo, o erudito de escritorio “que deseña o mundo” e o divide en mundo do pensamento e mundo da experiencia, no nivel da lóxica e no nivel da existencia. Para el, a vida do exterior supón unha perda de tempo, considerando máis valiosos os experimentos da vida que a mesma experiencia vivente, o que o condena a unha fame insaciable de realidade.

Despois de visitar todas estas paraxes, o Principiño acaba no deserto, un lugar de soidade non apto para a vida. Na linguaxe de Saint-Exupéry podemos traducir “deserto” por “deserto de homes”, unha situación de absurdo, de aridez da alma. Non é simplemente un lugar de caos, de confusión, de trastorno, tamén é o lugar da verificación, de confirmación, é o lugar dos profetas e buscadores de Deus. Naturalmente, cando o autor fala desta zona, faino partindo das súas experiencias reais no deserto do Norte de África, onde aprendeu a valorar de novo moitas cousas, sendo este territorio un lugar de salvación e de curación. Así pois, o Principiño, antes de entrar no deserto (antítese da felicidade) atópase coa serpe da morte, ao igual ca no mundo dos símbolos cristiáns, o camiño que conduce á verdade é similar a un morrer, a un descenso ó mundo inferior. Polo tanto, quen visita o deserto ten que aprender a aceptar a morte, a limitación da existencia. De igual xeito, para superar o mundo aparente dos adultos é preciso ter unha visión clara do destino da morte, do veleno da serpe, o cal nos ensina que a morte relativiza aquilo ó que nos queremos aferrar como garantía de seguridade, conferíndonos unha sabedoría apacible e o descanso último.

En moitos contos populares o protagonista que sae en busca da realidade, atópase con animais protectores que falan con el e lle ensinan o bo camiño. Neste caso, este papel é representado polo raposo, quen posúe unha extensa árbore xenealóxica na historia das relixións: é considerado o descendente europeo do deus Anubis con cabeza de chacal, o acompañante de Isis, a cal inicia unha viaxe para atopar os membros de Osiris, dispersos polo delta do Nilo. O segredo de Anubis reside no coñecemento máxico da reanimación, e parece que no Principiño lle corresponde esta función ó raposo, xa que o seu consello ten unha importancia curativa. Tamén o advirte do perigo da superficialidade e indícalle onde está a súa riqueza interior, mostrándolle en qué consistía a singularidade da súa rosa. Sen sabelo, o Principiño aprendeu o segredo da amizade, pois, tal e como lle explica o raposo, a amizade consiste no proceso paciente, que vai madurando pouco a pouco, de familiarizarse, de “domesticar”.

Este mesmo proceso de camaradería é o que  foi crecendo entre o rapaz e a súa flor, un lazo interior de confianza e familiaridade que os unía desinteresadamente, converténdose nun motivo polo que vivir, nun obxecto belo e valioso; algo incomparable, unha milagre única. Pero despois de pasar por un campo cheo de rosas, decátase de que a súa non é única, que hai máis, polo que terá que atopar a singularidade da súa rosa para así atopar o sentido do seu mundo. En relación con esta flor, hai quen ve nela a imaxe da nai: a historia do Principiño pode lerse como un recordo da infancia de Saint-Exupéry, no que se pon de manifesto o problema de relación entre nai e fillo, entre o mundo dos nenos e o dos adultos.  O Principiño describe a esta rosa como factótum de amabilidade, afectación e egocentrismo, como un ser ó que lle custaba manter pola súa esixencia e por iso debe abandonar o seu planeta, precisa dun respiro.

 A nai en si é unha rosa, o prototipo de beleza, graza e encanto, pero a súa conduta é sen dúbida contraditoria, desconcertante e ambigua. Por qué as rosas teñen espiñas? Ou, Por qué unha nai pode ferir tanto? Foi por maldade que as rosas fixeron que lles medrasen espiñas e se iso é así, a nai cargaría coa culpa dos seus arrebatos e o neno tería o dereito e a obriga de defenderse. Malia isto, o neno ten que buscar explicacións que deixen a imaxe da nai limpa de toda sospeita e se así non o fixera, el tamén sería un adulto malo. O Principiño ten que defender á súa nai das súas propias observacións, pois ela é débil, sen malicia, sen protección e por iso ten que coidala. Os perigos que habitaban o planeta do Principiño, eran en realidade as amezas nas que mesmo el se podía converter: os “baobabs” representarían o orgullo, a impertinencia; os “tigres”, a agresividade; o “año”, a relación da nai e do fillo. De aí que o Principiño precise verse como un año para poder vivir coa súa nai, para sentirse inocente, e por iso, para non ferir á rosa, necesita unha correa. Este perigo constante fai que, peor que a propia morte final, sexa a posibilidade de matar á rosa indefensa, á pobre nai, por unha simple palabra improcedente.

No momento en que o Principiño decide marcharse, a rosa móstrase valente e desinteresada: ela quere ó rapaz sobre tódalas cousas e desexa que poida ser feliz, aceptando a súa parte de culpa no fracaso da súa relación.  Neste momento, o Principiño vese invadido polo arrepentimento e a tristeza, e ten que ser a mesma rosa a que o empurre a acabar coa despedida, dálle o seu permiso e ata desexa que o Principiño se independice de ela para buscar e realizar a súa felicidade. Sen embargo, volverán a reencontrarse, o protagonista volverá xunto á súa rosa (a cal abandonou) e este regreso significará para el a morte. O amor será o que ofreza unha resposta a este desenlace por medio da experiencia do tempo, ó que todo está sometido: ó expirar o prazo dun ano, o Principiño prepárase para morrer, volver á súa rosa, polo que se somete ó momento da morte e así regresar á casa, á súa estrela. De novo, atopámonos cunha lectura relixiosa, pois esta historia desemboca para moitos nunha pregunta central que a relixión intenta responder: a pregunta sobre o sentido da morte e sobre a posibilidade do amor á vida da morte. Do mesmo xeito, o ceo das estrelas que crea Saint-Exupéry estaría relacionado co ceo dos crentes, en tanto que non é a inmortalidade o que promete o regreso do Principiño, senón a oportunidade de non perder de vista o soño dunha humanidade orixinal e de non traizoar os valores da amizade no medio do deserto humano.

A calquera que lea este conto ten que chamarlle a atención o feito de que amor e fidelidade son descritos dun modo moi peculiar, sempre en relación ó vínculo que se forma entre o aviador e o Principiño. En cambio, estes sentimentos nunca son referidos a unha muller, excepto no caso do símbolo da rosa. Para comprender mellor esta comparación, hai que ter en conta a biografía do autor, na que a fuxida da nai representa o motivo central de fondo. Para Saint-Exupéry voar non foi unha ocupación temporal, nin unha simple profesión, senón unha necesidade que marcou a súa vida. Foi a aviación a que o salvou das súas depresións, voar significaba para el un mundo masculino oposto ó mundo da nai, no que loitaba contra os mimos maternos e buscaba a autoafirmación masculina, a súa virilidade, e trata de substituír o amor materno polo dos seus camaradas. Dun modo semellante, Friedrich Nietzsche intentaría fuxir do matriarcado da súa infancia mediante o “superhome” coa filosofía das grandes accións; ou Jean Paul Sartre, quen se esforzou por escapar da prisión materna mediante o postulado da liberdade absoluta, definindo a existencia humana como unha “paixón inútil”. Isto mesmo tamén se pode ver noutras obras de Saint-Exupéry, como en Piloto de guerra, onde o avión é un símbolo materno.

Non erraba o raposo cando lle dicía ó Principiño que o tempo que perdeu coa súa rosa fai que esta sexa tan importante, pero nesta afirmación confúndese a causa co efecto: o valor da rosa non depende da suma de esforzos e sacrificios que se lle adiquen, senón que non hai sacrificio nin esforzo que sexa demasiado elevado, cando un ama realmente a un.

BIBLIOGRAFÍA

Drewermann, E., “Lo esencial es invisible. El Principito de Saint-Exupéry: una interpretación psicoanalítica” (1994), Barcelona, Ed. Herder.

Saint-Exupéry, A., O Principiño (2002), Vigo, Ed. Galaxia.

WEBGRAFÍA

http://es.scribd.com/doc/226831296/El-Principito-Filosofia#scribd

http://www.letralia.com/157/articulo05.htm