Alteridade e Barbarie: de Estrabón a Michelet

“Barbares. Le mot me plaît, je l´accepte”
Jules Michelet, Le Peuple

A vida privada das verbas: barbaros/barbarus

Pouca verbas na nosa linguaxe teñen un recorrido tan logo espacial e temporalmente, as súas mutacións de significados e valencias fixérona propia dun traxe mutable a cada época segundo o que se considerase barbarie. O termo latino barbarus era nun comezo un préstamo grego xa que os romanos para designar aqueles que vivían fóra do seu circulo propio utilizaban a palabra alienigenae, ou sexa que é “de outra gens” ou “dunha gens allea” entendendo como gens unha unidade etnográfica. Axiña o termo de barbarus será problemático xa que a súa significación orixinal (a de “non grego”) terá que ser substituída por outro significado no latín xa que se se conservaba o termo orixinal implicaría que a cultura latina, ó non ser helena, sería, polo tanto bárbara. Así terían os romanos un un rei Rómulo bárbaro, unha tradición do Lazio bárbara, etc. Este problema será axiña solucionado. As elites falaban grego, os literatos escribían as súas obras en grego e só a partir de Catón se pode dicir que hai un xiro deica a valoración do latín como lingua de cultura; aínda así na corte de Nerón case ninguén falaba latín. Cicerón comezará a fundamentar a mensaxe de que a barbarie non era propia dos romanos e que a súa cultura podería saír de calquera prexuízo de inferioridade. Pouco a pouco xermina o termo de barbarus como “salvaxe, non cultivado, rudo” e por último terá a significación de designar todo aquilo que está fora do dereito romano, excepto, claro está as civilizacións helénicas (tanto de Grecia como do Exipto ptolemaico).

Un exemplo virá das lecturas pseudo-etnográficas da Península Ibérica durante a invasión romana. Falta de hixiene, impulsos salvaxes, lavarse con excrementos (sic), cantar mentres están crucificados na cruz, canibalismo, sacrificios humanos forman parte da galería de agravios que se retransmitía á cidadanía intelectual romana e grega. Non obstante moitos destas informacións son inexactas ou desmontables. Diodoro Sículo ou Estrabón (Biblioteca Histórica, V, 33 / Xeografía de Iberia, III, 4,16) recriminan ós bárbaros ibéricos que se laven e hixienicen con urina envellecida en tanques mais, sabemos como se lavaba a roupa en Roma? Pois sí, nas fullonicas o principal produto químico de lavandería era o mexo humano que se almacenaba nunha especie de grande pía denomidada saltus fullonicus (o rexistro arqueolóxico deixa testemuñas destas tendas en Herculano ou Pompeia). Por iso non sabemos por que Diodoro ou Estrabón se escandalizan de que os bárbaros utilicen os mesmos métodos romanos de hixiene.

A historia non remata aquí e a creación do mito do bárbaro perpetúase na ignominia de sentenciar que os bárbaros morren cantando cando os romanos os crucifican. Observemos o xiro copernicano que eticamente se lle outorga a esta sentencia: a barbarie debería ser a propia crucifixión que ofrece unha morte lenta e dolorosa e non o feito de que morran cantando, o que amosa dende outra perspectiva o heroísmo e valentía dos sentenciados a morte tan cruel. Por outra banda a mitoloxía histórica de Numancia e a súa resistencia lévanos a falar de canibalismo entre os habitantes ante o asedio romano. Mais que é máis bárbaro, recorrer á antropofaxia por culpa do asedio romano ou os propios romanos, culpables desa situación de asedio e desesperación ? Observemos as contradicións que, na procura do estereotipo bárbaro, atopan os intelectuais grecorromanos que reciben informacións deformadas ou sinxelamente as deforman eles mesmos. Recorren ó tópico literario ofrecéndonos personaxes-tipo, contra-humanos que dormen no chan, son dominados polas mulleres, algúns son ateos, teñen o pelo longo e feroces o que os arreda do ser humano para aproximalo ás bestas. Desta forma todos poderían distinguir quen é o outro, a alteridade servía, por oposición, para definir que era un romano, ou sexa, “un romano é aquilo que non é…”

Sarcofago di Portonuccio

Sarcófago di Portonuccio (ca.170). Atopado preto de Roma representa unha galomaquia, unha loita contra os galos caracterizados coa barbarie típica das longas barbas e as vestiduras drapeadas.

O discreto encanto da catarse: a visión das grandes migracións

O Imperio romano non produciu ningún ruído coa súa caída, nin tan sequera unha queixume. Todo foi graduado e se alguén ten a culpa a desaparición de Roma, entón é Roma. Así poderían pensar os intelectuais da época da fin do imperio, opinións que en calquera caso son diverxentes. O bárbaro como novo tópico xa non será só alguén que non se lle entende ó falar senón un ser violento e cruel, polo tanto inhumano.

Victor de Vita afirma no s.V que as torturas que os vándalos sometían ás relixiosas eran de ferro candente, e non só iso, tamén lles obrigaba cunha violencia psicolóxica facéndolles afirmar que fornicaran cos cregos. Procopio en A guerra dos godos dinos que “a máscara terrosa deses seres descarnados, coa pel engurrada coma coiro, coa mirada perdida; ouvín contar casos de antropofaxia”. De novo a idea da inhumanidade na antropofaxia, rememoremos ós comentarios de Estrabón sobre os peninsulares… A Sidonio Apolinar tamén lle gosta difundir estas ideas e insiste neste punto na súa descrición dos piratas saxóns afirmando que matan unha décima parte dos cautivos antes de levar áncoras. As testemuñas seguen en Quodvultdeus (literalmente, o que Deus queira) na súa obra De tempore barbarico onde destaca o castigo universal que os bárbaros impoñen á Igrexa, unha idea que tamén aparece en Salviano de Marsella. Aquí o bárbaro é un anxo exterminador, cruel e violento, mais preciso para depurar terapeuticamente o mundo.

Coa chegada dos hunos calquera destrución e inhumanidade precedente sería colapsada por estes novos pobos esteparios, unha confederación de culturas co único nexo da xefatura de Atila, un líder carismático que os aglutina. Como fixera Estrabón cos galaicos, adxectivándoos de ateos, os hunos son bárbaros non só polas súas aventuras sanguentas senón tamén porque, a priori, son unha sociedade a-nómica, ou sexa, cunha ausencia de leis que incrementa o mito do bárbaro sen moral, infantil e impulsivo.

A administración romana, tan etnicamente diversa, di agora sentirse asustada ante unha mestura de sangues alleos entre a civilización e a ferocidade, por iso o filósofo Favorinus indignouse ante a actitude das matronas romanas de buscar aias xermanas xa que poderían transmitirlle ós nenos o xermolo da ferocitas. Tamén Lactancio transmite unha actitude paranoica propia das Leis de Nürmberg cando inventa o termo semibarbarus para os fillos das parellas mixtas. Nembargante este relato moitas veces non se sostén. Cando o embaixador Priscus chega á corte de Atila no 448, escoita falar grego ó conselleiro áulico. O grego, aquela lingua que se consideraba a primeira da cultura civilizada. Isto amosa que a situación do bárbaro axiña comezará a cambiar. Co Panexírico de Constantino do 31o ou coa obra De gubernatione Dei de Salviano de Marsella comezará a glorificación do bárbaro cun contra-argumento sinxelo e eficaz: se Deus os deixa gañar será porque son mellores ca nós, os romanos, ademais os bárbaros a pesares de non ser tan refinados, tampouco teñen os vicios da corrupción moral. Segundo Salviano a pederastia e a prostitución rematan coa chegada destes visitantes. Tomar en serio o referente a mitificación da degradación moral é unha obriga: a moral romana non foi mellor nin peor no Alto ou no Baixo Imperio e moito menos a sorte da súa administración foi paralela á sorte da súa moral sexual.

Coa revalorización dos bárbaros, en certos eruditos, comeza a invención do pasado, os bárbaros precisan dunha Historia grandilocuente que non teñen por falta de medios escritos. Teñen Historia mais son sagas como a de Beowulf nas que se mestura o mito e o feito real. Por iso algúns eruditos crearán unha base fantástica para xustificar a superioridade da súa xenealoxía. É o que se procura fabricar na Ghetica de Jordanes inventando antepasados imaxinarios dicindo que en realidade a filosofía e a civilización proveñen dun pasado bárbaro ou que son descendentes dos troianos.

Aporías antropolóxicas ou unha estación no Inferno: Europa

Co descubrimento (para os europeos) de América e das tribos antropófagas coma os caribes, atópanse novos bárbaros. O que baixo o canon occidental se considera signo de civilización (prohibición do incesto e do canibalismo) é agora topado no seu signo inverso. Indo máis alá da barbarie os indios son dubidosamente tratados como humanos nas primeiras décadas. A pesares diso, Montaigne no I Libro de L´Essais (Dos canibales) fai unha das primeiras interpretacións do relativismo cultural cando di, luminosamente:

“Non hai nada salvaxe nesta nación (…) chaman barbarie ó que non entra dentro dos seus costumes”

Un intelectual católico, canso das guerras de relixión na súa Francia que escribe sobre o relativismo cultural no s.XVI… debería sorprendernos. Esta valoración baseada e fundamentada na tolerancia radical será visionaria. É o comezo do derrubamento da idiosincrasia do europeo como único ser civilizado.

Leibniz ou Giambattista Vico con La Scienza Nuova (1725) profundarán no concepto dunha nova barbarie civilizada fundándose que os europeos, sendo os descendentes do bíblico Jafet, e polo tanto portadores dunha humanidade inactiva, son bestioni sen forma humana nos lindeiros da animalidade. Só tres cousas os fará volver a ser humanos: a relixión, o matrimonio e a inhumación dos mortos. Mais isto é diferente do que Vico considera barbarie, ésta é seguir sendo bárbaro cando xa hai un sistema humano imposto: a sociedade é bárbara porque como “enfermidade última” a lóxica dos tempos, hipertrofiada e egocéntrica, é a “barbarie da reflexión”.

Detalle do Sarcófago Ludovisi (ca.251). Perfectamente caracterizados: o soldado romano imberbe e armado elegantemente, o bárbaro co sombreiro frixio, barba longa e nariz deforme, coas mans atadas. En parte o romano considera ó bárbaro mais tamén fero e valente polo que merece o respecto no campo bélico coma un inimigo a bater mais digno. Civilización e barbarie tamén se poden comunicar dende a elegancia do hipócrita respecto e recoñecemento.

Os credos burgueses do s.XIX estaban concentrados no pánico á desaparición do seu mundo de propiedade e xerarquía. Axiña todo movemento obreiro será cualificado co apelativo de “bárbaros de dentro” ou “bárbaros de abaixo”, termos que Bakunin ou Proudhon recollen para inverter o significado de brutalidade e colocar no seu sitio unha salutífera xustiza da Historia protagonizada polas masas. Ideas de nova barbarie que serán utilizadas tanto por conservadores como Ortega y Gasset en La rebelión de las masas como por estéticos liberais como Michelet.

Un bárbaro no xardín: de Schlegel a Michelet

A fascinación do romanticismo polo bárbaro agresivo que reactiva a dialéctica da Historia ante a decadencia romana. Eles son os axentes dun anti-renacemento desexado pola primeira onda teórica reaccionaria do romanticismo, como se observa no caso de Friedrich von Schlegel.

michelet

Jules Michelet (1798-1874), dos últimos eruditos que mesturaron literatura e Historia nunha simbiose dubidosa de estética e realidade. Nembargante as súas lecturas non perden emoción e intensidade.

De forma primaria o novo contacto colonial con Asia ou América constrúe o novo mito do bárbaro como un ser intuitivo, poético, relixioso, expresivo e colectivista. Michelet, o afamado historiador decimonónico francés, tamén foi vítima deste magnetismo polo bárbaro ó que describe como “sangue vivo, novo e rexuvenecedor”, establecendo un esquema dual entre bárbaro-pobo-mocidade e civilización-elites-senectude. Coroar ó bárbaro coma un suxeito de dialéctica histórico-divina foi obxectivo dos románticos, comprometidos a romper a indolencia faresaica da burguesía ou a decadencia putrefacta da nobreza finisecular.

Michelet é un caso distinto, é o Caso Michelet. É o creador dunha historia orgánica, das entrañas, estética, romántica e liberal cos fermosos prexuízos dun autor decimonónico e unha prosa non superada, unha Historia de Resurrección, porque o historiador é un taumaturgo que resucita ós corpos esquecidos daqueles que non poden falar: esta é a obsesión do mundo creativo de Michelet. No seu caso a barbarie é un mal necesario e atraínte que descompensa as virtudes descompostas da civilización:

“Ás veces a civilización busca ós bárbaros (…); ás veces os bárbaros van na procura da civilización”

Na Introduction à l´Histoire universelle afirma esta tese cun carácter de dialéctica. Quen é o bárbaro ? O xermano, o eslavo, o latino ? posiblemente todo aquilo que resulte perigoso a magnético. El mesmo recoñecía que:

“O mundo xermánico é perigoso para min”

Para Michelet a flor delicada da civilización precisa dos choques violentos, deses espasmos históricos que se repiten con certa periodicidade e que dan como resultado a fortificación dunha novo sistema. Isto non é suficiente , hai que ter o frescor do intuitivo e do salvaxe:

“Se ti queres a vida e o frescor, vai ó norte, ó fondo dos bosques sen fin e límite, sobre os carballos verdes caendo lentamente das longas choivas. Alá se topa de novo as razas bárbaras, cos seus louros cabelos, os seus frescos xogos, a súa eterna mocidade”

Para Michelet o bárbaro nun comezo estaba entre o neno inocente e a besta loura, visión reducionista e que rolda a xermanofilia romántica desa tan particular visión do mundo étnico xermano. Mais procuramos explicar que o bárbaro é unha entelequia, un mito refrescante dende os romanos republicanos ata os románticos do XIX.

Estaremos logo, esperando ós bárbaros ?

BIBLIOGRAFÍA

CHEVALIER Jean-Louis, COLLIN  Mariella, Barbares & sauvages : images et reflets dans la culture occidentale, Actes du colloque de Caen, 26-27 fevrier 1993 / recueillis et présenté par Jean-Louis Chevalier, Mariella Colin et Ann ThomsonCaen : Centre de Recherche de Litterature et Civilisation des Pays de Lange Anglaise : Centre de Recherche en Langues Romanes :Caen, Presses Universitaires de Caen, 1994.

DROIT, Roger Pol (2007), Généalogie des barbares, Paris, Jacob.

MICHEL, Pierre (1981), Un myhte romantique. Les Barbares 1789-1848, Lyon, Presses Universitaires de Lyon.

-,“Barbares, barbarie”, L’Esprit Createur 46.3 (2006) pp. 55-59.

TRAINA, Giusto (2011), 428 después de Cristo. Historia de un año, Madrid, Akal.