Lendo para non esquecer a II Guerra Mundial

“Xa cansa tanta narrativa sobre a Guerra Civil” é un comentario moi repetido nos faladoiros sobre a literatura galega actual. Mais tampouco son tantas as novelas e hai moitas historias sen contar, moitos dramas que aínda se poden documentar están agardando por unha man que os escriba.  Non hai máis que ver na Internet algunhas das páxinas dedicadas á recuperación da memoria, están inzadas de sucesos que impresionan. No meu pobo a señora Carmiña de Baixo foi un día á feira de Chantada no ano 1937 e dixéronlle: “e seica morreu teu pai, pois tiveches sorte porque se non tiñamos que cho matar!!!” Non dá iso para empezar unha novela?

Tamén a II Guerra Mundial está presente en ben novelas e literaturas –sen falar do cine- e non por iso perde interese. Ese foi o tema das miñas últimas lecturas, os/as  sufridores/as na II Guerra Mundial, tema principal ou secundario, están nas catro narrativas, dúas en galego e dúas en castelán, un libro de relatos e tres novelas. Por que esas catro? Pois porque eran novidades que me apetecía ler, máis nada.

Empecei por Un animal chamado néboa de Ledicia Costas –Xerais-. O segundo foi Cabalos e lobos de Fran P. Lorenzo –Xerais-. O terceiro Charlotte de David Foenkinos –Alfaguara-. O cuarto El amante japonés de Isabel Allende -PLAZA & JANES -.

Catro narrativas moi diferentes, mergulleime en todas e cada unha delas. Vexamos.

  1. Os relatos de Ledicia Costas foron o primeiro que lin dos catro e a guerra envólveo todo, é a néboa mesta que enche de escuridade as historias. O libro sorprende pola súa dureza, polos temas tratados. É tan forte que deixa a un sen respirar, sen fala. Todo o que alí se conta pasou non hai tantos anos e segue pasando nalgures polo mundo adiante. Os humanos somos así: unha crónica sobre a condición humana en situacións límite. Eis a esencia da barbarie, en palabras da autora. A última frase que aparece no ebook é unha cita: Adolf Hitler. A súa única razón de ser. Aquel polo que estaban dispostos a ir á tumba. E de aí vén todo: a destrución de Leningrado, o barco Indianápolis cargado de morte, a bomba das bombas, a represión en Italia, a prostitución obrigada nos campos de concentración, os xuízos aos xerarcas nazis. Mataron por el e as súas ideas a quen non quería morrer, e o máis triste, houbo que matar para que eles deixaran de matar. É a guerra, a II grande guerra do s. XX.

    contraataque

    Asedio de Leningrado. Fonte: http://www.eurasia1945.com

  2. A novela de Fran P. Lorenzo, premio Blanco Amor, non é tan dura pero tampouco deixa a un indiferente. Non vou moito por Vigo, pero si de cando en vez. Desde agora sempre que paso polo inicio da Gran Vía non podo deixar de pensar na novela que me cambiou o xeito de ver esa zona de Vigo, esta cidade é o músculo da miña vida, como di a narradora. Os Beckmann da Gran Vía, familia “ben” con ascendencia alemá enchen a novela. E pairando sobre os sucesos familiares está a Alemaña nazi e a España aliada vistas desde unha cidade galega. A Guerra Mundial está aí, sabemos dela mais o lector non asiste ás desgrazas: o Colexio Alemán de Vigo foi, nesa altura, un acubillo e unha base de operacións para soldados, espías e tripulacións de submarinos alemáns que fondeaban na ría. Só vemos a represión aos xudeus polas relacións dalgún personaxe. A historia familiar abrangue unha época moito máis ampla, non só a da Guerra Mundial, na que o totalitarismo e a represión (incluída a sexual) marcan o ritmo. Na Alba de gloria final resólvese a historia cunha homenaxe a Sombra do aire na herba de Pimentel; estes versos do libro acáenlle moi ben a unha das personaxes que recoñecerán se len o libro: (o piano –suntuoso- baixa do ceo / i o fagot, cos súa voz escura / e sabor a noces). E todo isto e moito máis nun melodrama, xénero que o autor confesou seguir adrede.

    Gran Vía Nº2

    Gran Vía Nº2

  3. A novela de Foenkinos (lida na tradución castelá) sorprende pola súa forma. Semella un poema moderno e o lector pensa: está ben, mais axiña vou cansar deste xeito de narrar. E resulta que non, que funciona ben ao longo de tantas páxinas. Sempre grupos de frases curtas, semella que estamos vendo un PowerPoint deses nos que van baixando as liñas de texto ou mesmo unha película subtitulada. O narrador pon o texto e de cando en vez fai a voz en off e nós, os lectores, poñemos as imaxes. Todo vén dun xornalista francés obsesionado pola figura da pintora Charlotte Salomon. Ela naceu nunha familia marcada polo suicidio das mulleres: a tía da que herda o nome, a nai que a deixará pronto orfa. Paula, a grande cantante alemá, converterase na segunda nai. Pero todo o vai levar por diante o mundo nazi, o odio aos xudeus, ata a mesma arte na Academia das Artes de Berlín. Eles resisten e pensan que “Su patria es ésta. Alemania. Hay que ser optimista, decirse que el odio es pasajero”. Pero a máquina infernal do odio vaino tragando todo. Charlotte descobre o amor, agóchase en Francia e pinta, pinta sen parar. Para acabar morrendo nun campo de concentración con só 26 anos. Non chegou ao sucidio coma as mulleres da súa familia, ela sobreviviu pintando pero acabaron “suicidándoa”. A sorte para a humanidade, que os seus cadros se salvaron!

    Fonte: New York Times

    Fonte: New York Times

4.-O libro de Isabel Allende está tan ben escrito coma todos os seus. Xa desde as primeiras páxinas o lector non ten máis que ir deixándose levar pola historia, van pasando as páxinas sen cansazo ningún, non hai máis remedio ca seguir lendo. Nesta historia de amor no San Francisco actual temos que volver á Polonia da II Guerra Mundial seguindo os antecedentes dunha das protagonistas, unha familia xudía que a envía aos EUA fuxindo do nazismo . E tamén volvemos á II Guerra Mundial, mais agora asistimos nos Estados Unidos ás represalias que sufriron os xaponeses aos seren culpados dun conflito que lles quedaba tan lonxe coma aos propios americanos. Tamén os xaponeses sufriron campos de concentración. Sempre o odio culpando a un grupo étnico de todos os males. Sempre o mesmo, nesta novela desde os EUA, na terceira desde a propia Alemaña, na segunda desde Galicia e na primeira cada relato nun punto diferente.

Cartel-del-1-de-abril-de-1942-notificando-que-los-japoneses-debian-ser-confinado

Resumindo, dúas obras nas que a II Guerra Mundial é o tema principal e dúas nas que aparece de fondo. Catro obras moi recomendables que tiven a sorte de ler nos últimos meses. Dúas escritoras e dous escritores; dous de Galicia, unha de Chile e un de Francia. Máis variedade imposible. Cal é a mellor das catro, cal a peor? É mellor prato a empanada, o polbo á feira, o asado chileno ou o coq ao vin? Depende dos gustos, para min os catro son moi ricos, igual que os catro libros lidos. Que nos aproveiten, os libros e as comidas!

Setembro 2015

Anxo González Guerra, http://www.anxo.info