Miguel Anxo e o naufraxio da humanidade

 

Antes de ver a capela Sixtina, un non se pode dar unha idea clara do que é capaz un home.

Johann Wolfang von Goethe.

Home “terrible”. Así era como Giulio II definiu a Miguel Anxo. Nun anterior artigo, deixaramos ao noso artista coa súa monumental obra da capela Sixtina rematada. As penalidades e grandes traballos que tivo que levar a cabo non derrubaron a súa gran vitalidade. Agora, situándonos máis de vinte anos despois, o xenio universal enfróntase de novo a outro grande proxecto no mesmo lugar : representar o Xuízo Final na parede do altar. Sen embargo, antes de comezar coa súa breve análise, coñezamos os antecedentes históricos e vitais que o levaron ata aquí. O Vello proxecto da tumba de Giulio II estancouse aínda máis trala morte do pontífice debido a unha redución do presuposto e,  por tanto, da envergadura da obra.  León X, o novo Papa, está planeando encargarlle o proxecto da fachada da igrexa de San Lorenzo en Florencia pola súa prioridade en canto a valor político  debido a que dita cidade era o centro de poder da súa familia, os Médici. Sen embargo, en marzo de 1520  cambia de idea e o proxecto queda suspendido. Miguel Anxo, algo enfurecido, acepta a decisión. Aínda así, León X compénsao encargándolle nesa mesma igrexa unha sancristía nova con función de capela sepulcral para dous membros recentemente falecidos da familia: Giuliano e Lorenzo.

A finais de 1521 falece o papa e resulta elixido un cardeal flamenco que toma como nome Adriano VI. Este novo pontífice caracterízase por unha actitude moralizadora ante a aparición do luteranismo, adoptando un forte rigorismo. Partindo disto, despreza calquera tipo de arte que lembre ao mundo pagán e  ten unha opinión negativa sobre os frescos de Miguel Anxo. Sen embargo, a morte alcanza ao novo pontífice demasiado cedo e os efectos do seu goberno son efémeros. En 1523 sube de novo ao solo pontificio outro membro da familia Médici: o cardeal Giulio, que toma o nome de Clemente VII. Neste contexto, Miguel Anxo retoma os traballos da capela para as tumbas dos membros falecidos da familia. Pero axiña a guerra entre os Estados Italianos (Con Clemente VII en primeira liña) e o emperador Carlos V de Alemaña e I de España levan a unha nova parada dos encargos trala derrota e expulsión dos Médici de Florencia, proclamándose de novo a república na cidade. Miguel Anxo ten un papel activo neste período posto que é nomeado gobernador xeral de fortificacións e pasa o verán inspeccionando e estudando os postos defensivos. Pouco tempo despois, a cidade cae de novo e voltan os Médici. O artista, temeroso da reacción de Clemente VII, escóndese. Sen embargo, e para a súa sorpresa, é perdoado e retoma os traballos que o pontífice lle encargara. Catro anos máis tarde, tras pasar por unha profunda crise relixiosa, regresa a Roma (1534), onde pasará o resto dos seus días. A súa primeira intención é rematar dunha vez o proxecto da tumba de Giulio II, despois de case vinte anos despois da súa morte.

Miguel Anxo, ao que xa lle empezan a pesar os anos, recibe un novo encargo que volverá a paralizar o proxecto da tumba de Giulio II. O traballo implica volver a capela Sixtina. Despois de pintar toda a bóveda,  agora debe pintar (como xa adiantamos) o muro do altar. Estamos en 1535 e artista, con 62 anos, segue inmerso nunha crise relixiosa. Neste mesmo tempo, comeza unha relación co atractivo mozo Tommaso de Cavalieri, ao que lle dedica sonetos amorosos. Tamén establece unha profunda amizade con Vitoria Colonna, que será unha auténtica musa para el. De feito, Néret defínea como unha “amiga espiritual” de Miguel Anxo, que se refería a ela como “un uomo in una donna”(Un home nunha muller).

O xuízo final

A idea de pintar o muro do altar da capela Sixtina xa estivera na mente de Clemente VII, pero morreu antes de poder levalo a cabo. Sen embargo, o novo papa Pablo III, moi decidido a reformar a igrexa, confirma o encargo. Este pontífice está moi decidido a restaurar a autoridade papal en Roma e no conxunto da Igrexa. Non tarda en nomear a Miguel Anxo arquitecto xefe, escultor e pintor do Vaticano cunha renda vitalicia de 1200 escudos de ouro ao ano. O obxectivo principal é a substitución dos frescos que o pintor Perugino realizou no pasado e que cubrían o muro que estaba detrás do altar. O artista ten que destruír incluso  dúas lunetas dos antepasados de Cristo que el mesmo fixera anos atrás.

Miguel Anxo traballa no muro entre 1535 e 1541 baixo o mando do pontífice. Os anos pasan pero o artista aínda remata por solucionar a súa crise relixiosas e apóiase na súa amiga Vittoria, que tamén vivía atormentada. Desta forma, o proxecto avanza, aínda que Miguel Anxo nunca estivera cómodo pintando, posto que sempre se considerara un escultor.

Igual que cando pintou o teito, tense coñecemento de que non tivo apenas axuda para pintar o muro, aínda que é posible que a excepción fora o seu criado Urbino. As penalidades que pasa non son menos que as que sufriu no pasado e chega a quedar ferido dunha perna ao caer dun andamio, pero non se detén. A obra finaliza o 25 de Decembro de 1541, causando de novo a admiración de aqueles que a contemplaban.

juiciouniversal

Fuente: http://www.periodista digital.com

A estrutura (de 13 por 17 metros de longo) do fresco queda dividida en catro ordes equilibradas e que se ven reforzados na súa unidade grazas a que o ceo está pintado de lapislázuli. A maioría das principais figuras foron debuxadas  por adiantado en cartóns que foron transferidos ao xeso fresco da parede antes de que comezara a pintarse o fresco, pero algunhas das partes secundarias fixéronse a man alzada e sen guía. Miguel Anxo reflexa os seus propios temores na obra e busca representar con eles a toda a humanidade. Romain Rolland: “Nesta obra hai tal caudal de ira, vinganza e odio, que resulta sufocante”.

En torno a figura dun Cristo imberbe e atlético temos a santos e mártires, cada un co instrumento co que foron torturados antes de morrer pola súa fe. San Bertomeu, que foi esfolado, sostén a pel aínda que está cuberto milagrosamente por unha nova. Sobre a antiga pel temos un dos detalles máis sorprendentes da pintura. Miguel Anxo retratouse  nela, escuro e indigno. Na parte de abaixo da composición temos a figura de Caronte, o barqueiro da mitoloxía grecorromana que leva aos pecadores no seu barco pola lagoa Estixia. Entre o caos están os anxos trompeteiros anunciando a chegada do final e os condenados son conducidos ao inferno. Os tormentos que sofren reflexan dunha maneira moi gráfica cales foron os seus respectivos pecados.

En conxunto, a pintura ten un total de 391 figuras, e todas elas de corpos atléticos. A diferenza entre os condenados e os benaventurados atópase nos rostros. Os primeiros amosan nas súas caras desesperación, corrupción  e miseria.   A abundancia de corpos espidos era xustificable polo tema, sobre todo polos condenados. Pero ante a grande magnitude da súa obra, Miguel Anxo creou unha maior impresión no espectador a este respecto. Entre a grande masa de beatos da dereita do fresco están presentes mozos de cabelo rizado bicándose e acariciándose. Algúns incluso abrazan aos seus canosos maiores. Por todos estes motivos,  Miguel Anxo non tardou en recibir as primeiras críticas ao seu novo traballo. O mestre de cerimonias do Papa, Biagio de Cesena, declarou que “era algo deshonesto nun lugar tan respectable pintar tantas figuras espidas que amosan sen pudor as súas partes vergoñentas, que non eran obra para unha capela papal, senón máis ben para as termas ou para unha taberna”. Como se adoita dicir, a vinganza é un prato que se serve frío. Miguel Anxo representou a Biagio no inferno coa aparencia dun Minos vicioso e cunha serpente enrolada nas pernas.  Sen embargo, a grande obra non puido salvarse dun devoto retoque ante as críticas recibidas. Foi así como o pintor Daniele Volterra recibiu en 1559 o encargo do papa Paulo IV  de cubrir algunhas figuras con sinxelas prendas. Posiblemente estamos ante unha das tarefas máis indignas da historia do arte, e non é  sorprendente que Volterra fora coñecido xa dende ese momento como “Braghettone”.

En conclusión, ¿Qué é o xuízo final? A caída dunha humanidade atormentada que ata o momento permanecía a espera da promesa divina da resurrección dos xustos na fin dos séculos. Un tema máis recorrente no XIV que no tempo que viviu Miguel Anxo. No que se refire a faceta artística, a monumental obra do xenio florentino foi un momento decisivo da historia do arte. Dende o momento en que se estreou a obra acudiron a ela artistas de todos os lugares para apreciala, entre eles personaxes tan coñecidas para nós como Velázquez no século XVII. Quizabes o ideal sexa rematar coa profética afirmación dun contemporáneo e grande admirador de Miguel Anxo,  Giorgio Vasari: “Esta sublime pintura debe servir de modelo a nosa arte; a divina providencia fixo este presente ao mundo para amosar canta intelixencia puido haber en certo homes que Ela envía a terra”

last_r07

BIBLIOGRAFÍA BÁSICA

GAYFORD, Martin, Miguel Ángel: Una vida épica, Taurus, Madrid, 2014.

NÉRET, GILLES. Miguel Ángel, Taschen, Madrid, 2006.

LLORENS, TOMÀS. Miguel Ángel, Arlanza ed, Madrid, 2005

FEDI, Laura, “La Capilla Sixtina”, Nathional Geographic Historia, nº130, octubre de

2014, pp.78-89

VISITA VIRTUAL A CAPELA SIXTINA

A pesar do breve análise que fixemos aquí, é moi recomendable acceder a unha excelente visita virtual na que podemos entrar  na capela e movernos con grande liberdade para ver con detalle as fermosas pinturas da estancia. Todo isto ven acompañado con música de fondo do compositor renacentista Pierluigi da Palestrina (1525-1594).

http://www.vatican.va/various/cappelle/sistina_vr/index.html