A política do medo: Axudas e non axudas á II República na Guerra Civil

“Se o goberno trunfa e esmaga a rebelión militar, España precipitarase no caos dalgunha forma do bolchevismo”

Despacho do cónsul xeral británico en Barcelona. 29 de xullo de 1936

 “Vender provisións e prestar axuda moral a un goberno amigo, lexitimamente constituído, está perfectamente axustado ás normas que presiden a vida de relación internacional. Obrar doutro modo equivalería a conceder implícita belixerancia a unha insurrección militar.”

Luís Enrique Erro, presidente do Congreso de México o 1 de setembro de 1936.

“Podedes marchar orgullosos. Vós sodes a historia…Vós sodes  o heroico exemplo da solidariedade e universalidade da democracia.”

Dolores Ibárruri, “La Pasionaria”, na despedida das Brigadas Internacionais.


Bandera_de_la_II_República_Española

Bandeira do réxime democrático da II República. Fonte: https://commons.wikimedia.org/

Estes tres fragmentos representan as distintas interpretacións internacionais que sufriu a República tralo golpe militar do 17 de xullo de 1936. Fracaso é o mellor sinónimo para ese intento de golpe de Estado. Fracaso porque o seu principal obxectivo – tomar rapidamente o control do poder – non o conseguiron. Aínda así, logrou desestabilizar o goberno elixido dende as urnas. A outra interpretación radica en que o golpe prolóngase ata que os sublevados o intentan, mais tamén fracasan no cerco e toma de Madrid (8/23 de novembro de 1936).

Foron os seus supostos defensores  os que romperon o xuramento de lealdade e se rebelaron, é dicir, un golpe dende onde se supoñía que se tiña que defender o goberno; o exército. Con todo, tan só 4 dos 18 xenerais con mando de división foron os que se rebelaron, aínda que sí se manifestaron en torno a metade dos corpos oficiais de menor entidade. Estes catro foron Queipo, Goded, Cabanellas e Franco. A Mariña, na súa maioría permaneceu fiel. En total uns 120.000 dos 254.000 efectivos dispoñibles. A priori os números eran un pouco desfavorables aos sublevados. A realidade non.

Os sublevados contaban coas tropas africanas, as mellor preparadas de todo o exército. 40.000 homes con case todos os seus xefes estaban ao seu servizo. Hai que contar que a República neses días desmobilizou o exército para evitar unha afluencia cara o outro bando pero acabou provocando un efecto rebote nas zonas non ocupadas. Era evidente tamén unha férrea disciplina e sobre todo un mando único personificado en Franco que foi efectivo a partir do 1 de outubro por morte de posibles competidores. A desunión e a falla de mecanismos de coerción do Estado foi característica da zona republicana no comezo do conflito. O “pobo en armas”, repartidas por Jose Giral para a defensa,  convertéronse en poderes armados formando por doquier comités, patrullas de control etc, que restaban poder e actuación ao Goberno. Por exemplo, a CNT era dona e señora de Barcelona. Así, ao mesmo tempo iniciábase unha fase revolucionaria nesta retagarda. A misión; limpar todo o que cheirase a burguesía co seu poder e a súa economía, a catolicismo… e regalo con colectivizacións, nunha sociedade sen clases, sen partidos. Na zona fascista tamén se producía esta limpeza con todo aquilo que atentase contra o ideario de unión baixo a  patria e a relixión. En ambas tiñan forte presenza, entre “sacas” e “paseos”, as organizacións paramilitares. Na publicidade que se mandaba cara o exterior, pesaría máis a primeira “limpeza” que a segunda.

mapa_guerra_civil

Mapa do avance rebelde durante toda a Guerra Civil española. Fonte: https://carolinatellez.files.wordpress.com

 

Vemos pois, como durante o período de dita guerra civil cristalizan conflitos latentes. Uns conflitos de clase, de traballadores contra propietarios, de clericalismo e anticlericalismo, ideas sobre a construccióno país, políticos etcétera. Mais esta guerra civil traspasou fronteiras – unhas máis que outras – e fíxose internacional dende case o seu nacemento tralo fracasado golpe.

Ambos bandos sabían que o esforzo que supoña a guerra non estaba ao seu alcance. O 19 de xullo, tanto Jose Giral coma Franco dende África enviaron globos sonda en forma de mensaxes para intentar que supostos posibles aliados puidesen acudir con axuda. Dito isto, o panorama internacional dos anos 30 favorecía enormemente aos fascistas sublevados. A Europa de entreguerras non podía ser máis convulsa. Herdeira do Pacto de Versalles e agudizada polo crack do 29, a Europa supostamente democrática tecía o fío do fascismo mentres miraba con repulsa ao estado comunista saído da revolución rusa de 1917. En Italia, un enérxico Duce velaba por conseguir a hexemonía no Mediterráneo converténdoo nunha especie de Mare Nostrum fascista.  Hitler tiña idea de rearmarse, controlar os territorios cedidos en Versalles, derrotar aos bolcheviques, e ser a potencia dominante en Europa, sendo acompañada dunha depuración biolóxica para unha raza aria pura. Pedíano porque se vía que as “democracias occidentais” estaban en crise; crise interna, sobre todo Francia, e económica, que impedía responder con firmeza. A Sociedade de Nacións, encargada de actuar en caso de violación de paz e a seguridade colectiva tampouco funcionaba. Isto levaba a unha “política de apaciguamento”, case de concesión para poder amansar as feras fascistas. Na URSS, Stalin, ante a posible confrontación tanto co Xapón imperial como con Hitler, comezaba a achegarse a Francia e Gran Bretaña. [1]

As peticións de axuda da República foron de forma gradual. De todos aqueles países aos que se podía acudir o primeiro foi Francia. Era un país amigo cun goberno recoñecido. Dende o 23 de xullo presidía como primeiro ministro de Francia o socialista León Blum, encabezando o equivalente á Fronte Popular en España. Dita axuda non implicaba, nun principio, unha demanda de intervención senón de poder aprovisionarse de armas e material. Blum aceptou en segredo a demanda mais unha filtración dun axente franquista puxo o santo no ceo tanto interior como exteriormente. A esquerda apoiaba en xeral a axuda. A dereita, os grupos católicos, os periódicos de dereita e extrema dereita así como personalidades como o presidente da república avogaban pola non intervención, xa que podía provocar unha guerra europea ou unha revolución interna. Externamente, Francia ía a remolque da política británica que propuña unha estrita neutralidade. O 25 de xullo rectificaban e tomaban a decisión de non intervir nos asuntos internos doutro Estado.

León blum, httpblogs.elpais.comel_rincon_del_distraido20140129

Léon Blum (1872 – 1950) político socialista

                        220px-L'Écho_de_Paris

          L’ Echo de Paris, Le Jour, Le Fígaro ou L ‘Actión  Française Fonte;                                                                   fixeron campaña pola non actuación. Fonte;                                             http://blogs.elpais.com/el_rincon_del_distraido           https://commons.wikimedia.org/

Pola súa parte os británicos seguían esa neutralidade por, sobre todo, dous motivos. Apaciguar, sobre todo, á Alemaña nazi e evitar unha propagación do comunismo por España que se puidese estender a Portugal e afectarlles Estes posuían un coñecemento previo da acción dos sublevados. En maio o marqués de Carvajal declaraba no Foreign Office que algo se estaba tecendo. Os británicos co seu servizo de intelixencia especial seguiron o conflito día a día descifrando mensaxes pero sen intervir. Así, sir Samuel Hoore avogaba pola neutralidade estrita para evitar con calquera acción que a URSS prestase axuda. A guerra viuse, como declararía sir Henry Chilton, como un “Rebel versus Rabble,” é dicir “Rebelde contra Populacho.” Así, ante o temor a unha elástica concepción co comunismo e ao “terror rojo” da zona republicana, non prestarían axuda. Tamén axudou garantir o enclave estratéxico de Xibraltar e as múltiples inversións que Gran Bretaña tiña en España. Outro motivo dado é que se ben a masa simpatizaba coa República os grupos de poder – sobre todo do sector privado – movíanse nunha intelectualidade conservadora proclive aos sublevados. Como escribe Angel Viñas; “La City nunca apostó por la República.” Ademais hai que engadir a traizón do embaixador en Gran Bretaña, Julio López Oliván, que dimitiu do seu posto e pasou información ao bando insurrecto. Como exemplos do anterior podemos por o informe do viceconsul dos EEUU en Vigo nos que narra como os tripulantes do barco de guerra británico Vega estaban a favor dos rebeldes ou os oídos xordos que lle fixeron á frota republicana para repostar en Tánxer e Xibraltar a comezos da contenda.

              02
Julián López Oliván. Supostamente dimitiu polo fusilamento do seu cuñado. Tanto esta dimisión, como outras noutras sedes diplomáticas, fixeron bastante dano ás pretensións de axuda. Fonte;  http://abcfoto.abc.es/fotografias/personajes/julio-lopez-olivan-43967.html

O 1 de agosto comeza unha nova política. Ven dada polo descubrimento de dous 2 avións italianos que aterraran por error na Arxelia francesa. Aínda que proposta por Francia, estaba manipulada polo sentimento de neutralidade británica. Era unha política de non intervención que a finais de agosto firmaron todos os países europeos salvo Suíza, neutral por decreto constitucional. Este “Acordo de non intervención de España” era, en palabras de Blum, un acordo para “evitar que outros fixesen o que nos éramos incapaces de facer”.

 En teoría servía evitar o envío de equipo por parte de Italia e Alemaña, amansar a enerxía de Francia, confinar a loita dentro de España e evitar que esta se aliase coa URSS. Nótese a flema británica no acordo. Na práctica foi unha farsa, papel mollado. Alemaña, Italia e Portugal violaron este acordo de forma sistemática. A URSS ao ver que non había resposta tamén o quebrantaría para non deixar morrer a República. A grave consecuencia radicou en poñer á mesma altura, darlle a mesma validez – coa non actuación – a un goberno elixido democraticamente por un lado e a unha oposición levantada en armas por outro.

Con estas condicións e, antes de que Stalin tomase partido, a República resistía a duras penas a uns rebeldes e a unha revolución na retagarda. En Europa, o dito acordo minaba a capacidade diplomática de conseguir equipo e material de todo tipo. En América, os EEUU de F.D. Roosevelt – habitual subministrador de material bélico – subscribía este acordo ademais de manter un embargo unilateral de armas. Incluso nos primeiros días se contactou coa Alemaña nazi. Corrían rumores de que Hitler prestaba axuda aos sublevados, mais se era por motivos económicos o podían intentar. O 1 de agosto convocouse ao representante en Madrid da federación da Industria Aeronáutica alemá, Hans Sturm. Falábase de adquirir bombas e avións. 6 días despois non se aceptaba a proposta. Tan só quedaba México e o turbulento mundo dos traficantes de armas. Este país dende o primeiro momento ofreceu todo o seu arsenal a un goberno amigo que pasaba por apuros. Tamén se ofreceu a ser un Estado pantalla para a compra de material ante as negativas que a República conseguía. México compraría material a un país ou entidade privada e llo revendería.[2]Co transcurso da guerra, Francia permitía o que en palabras de Blum era unha “non-intervención relaxada.” Mirar para outro lado co contrabando na fronteira xunto con pequenos envíos de material e víveres. Todo insuficiente e intermitente.

Sergei Kirov and Joseph Stalin in Sochi, 1934  Wikimedia o cargueiro Kursk desembarcabdo material no porto de alicante

Stalin, en Sochi, xunto con Serguéi Kírov                          Cargueiro Kursk desembarcando material no porto de Alicante.   Foto de 1934.  Fonte;                      Fonte; https://commons.wikimedia.org/                   http://historicalwallpapers.blogspot.com.es/

Neste todo enramado falta por intervir a URSS. Entre agosto e setembro Stalin estaba inmerso na gran purga política eliminando a Kamenev e Zinoviev entre outros. A axuda prestada non foi inmediata – caso de Hilter ou Mussolini – pero sí consistente. A súa implicación, de forma gradual, evolucionou segundo a variabilidade externa e interna de España.

As relacións de España coa URSS foron case inexistentes. Nin tan sequera en xullo de 1936 posuía un embaixador desta potencia. Incluso os EEUU ou Gran Bretaña os posuían. De feito, a petición de axuda de Giral fíxose a través do embaixador en París. Precisaban armamento e municións “de todo tipo y en grandes cantidades.” O material republicano ou ben estaba obsoleto ou ben carecían del, coma no caso de bombas. Esta petición poñía á URSS de Stalin nunha difícil tesitura. Se axudaba á República acrecentaría o fantasma co “comunismo internacional.” Se miraba para outro lado e España caía en mans dos sublevados, a posición de Francia – aliado fronte a Alemaña nese momento – correría un grave perigo. Deste xeito, o 22 de agosto Litvinov – ministro de Asuntos Exteriores –  firmaba o “Acordo de non intervención.” Aínda así, enviaran ante unha petición, carburante con fins de abastecemento por un módico prezo.

Neste sentido compre achegar algunhas das razóns do cambio cara o envío de material e homes. Houbo cambios no goberno republicano. Nel entrou, o 4 de setembro,  Largo Caballero cun “goberno de coalición” onde se agrupaban dous comunistas. A República estaba ferida, pero non morta.  As provisións chegaron para resistir a toma de Madrid en outubro de 1936. Ademais, ante o asalto sistemático a ese inocuo acordo que facían Alemaña, Italia e Portugal, a URSS decidiu intervir. Serviría para equilibrar algo as forzas con respecto aos sublevados. Todo isto regado coas reservas de ouro do Banco España.

 museo reina sofia. Despedida das B.I. Montblanch, preto de Barcelona 25 de outubro do 38  1652p_BANDERA DE LAS BRIGADAS INTERNACIONALES
Robert Capa. Despedida das B.I. en Montblanch,                       Bandeira das B. I. Fonte; http://www.worldflags.es/                         o 25 de outubro de 1938. Fonte: Museo Reina Sofía.

 Deixando de lado o apoio estritamente institucional existiron as famosas Brigadas Internacionais, corpos de voluntarios enviados dende o centro de recrutamento en París. A decisión foi tomada o 18 de setembro de 1936 polo secretariado da Komintern. Chegaban de múltiples países e con diversas ideoloxías mais nos cadros de organización movíanse numerosos estalinistas. Antes de adoptarse de maneira oficial, xa había voluntarios loitando, poucos, pero os había. Non deixando de lado a idea da solidariedade internacional da esquerda, Ángel Viñas alude a un paso máis no viraxe cara as frutíferas relacións coa URSS. O motivo débese a que o tema fora exposto o 28 de agosto no Politburó mais sen chegar a nada. Ao longo da súa estadía intermitente – de outubro de 1936 a setembro de 1938 – pasaron arredor duns 35.000 brigadistas de máis de 50 países, dos cales os ósos de 10.000 deles quedaron na loita. [3]

Como conclusión pódese aducir que, se ben o estoupido da Guerra Civil española foi un fracaso perante un Golpe de Estado orixinado por unha parte do Exército, sí que traspasou fronteiras. Esta internacionalización axudou a alongar o conflito facéndoo máis violento. Ademais veuse o medo e vulnerabilidade das democracias, a cristalización do Eixe Roma – Berlín – non visto aquí – ou a posta en acción da URSS. Foi un escenario perfecto para amosar o potente arsenal bélico que, tras uns meses despois do fin da Guerra Civil ía esnaquizar e desangrar tanto a  Europa coma ao mundo enteiro.

Flag_of_Spain_(1938_-_1945).svg

Bandeira do réxime ditatorial franquista. Fonte; https://commons.wikimedia.org/

[1] No VII Congreso da Comintern o 28 de agosto de 1935 aprobouse, de forma oficial,  a doutrina de que os partidos comunistas nacionais se constituíran coas frontes populares. En maio dese mesmo ano firmouse un tratado franco-soviético ante o perigo alemán.

[2] Foi máis un estímulo moral. Aínda que puxeron o seu arsenal a disposición da causa, México, coa distancia de por medio e as súas pequenas forzas pouco podía aportar.

[3]  Aínda que neste artigo só se fale do bando republicano compre dicir que o bando rebelde tivo, tamén, os seus voluntarios; entre mil e mil cincocentos católicos irlandeses, rusos blancos ou franceses ultradereitistas do Croix de Feu entre outros.

BIBLIOGRAFÍA:

CASANOVA, Julián, Europa contra Europa, 1914-1945,CRÍTICA, S.L., Barcelona, 2011, pp. 113-140.

CASANOVA, Julián e GIL ANDRÉS, Carlos, Breve historia de España en el siglo XX, Ariel (Planeta S.A.), Barcelona, 2012, pp. 123-156.

MORADIELLOS, Enrique, “El acuerdo inalcanzable: las potencias democráticas occidentales y la Unión Soviética ante la Guerra Civil española”en BALFOUR, Sebastian e PRESTON, Paul (eds.), España y las grandes potencias en el siglo XX, CRÍTICA, S.L., Barcelona, 2002, pp. 70-97.

VIÑAS, Ángel, La soledad de la República. El abandono de las democracias occidentales y el virajehacia la Unión Soviética, CRÍTICA. S.L., Barcelona, 2006.