As guerras de Napoleón e Beethoven (Arte e poder)

Coronación de Napoleón (1805-1807), por Jaques Louis David

Coroación de Napoleón (1805-1807), por Jaques Louis David

En 1792, un mozo e entusiasmado Beethoven instalouse en Viena, pouco despois da revolución francesa. A cidade austríaca mostrárase como un baluarte da tradición e da monarquía absoluta fronte aos acontecementos que se estaban dando na Francia revolucionaria dende 1789. A nobreza da orgullosa cidade invitaba ao recén chegado artista aos seus luxosos palacios a tocar a súa música para deleite dos invitados. O artista parecía sentirse cómodo nese ambiente. “Eu non escribo para as masas. Eu compoño para as persoas cultas” declarou en 1806 ante o director do teatro onde se estreaba a súa única ópera: Fidelio.

Dicir aquilo naquel momento implicaba ante todo o seu achegamento cara a aristocracia e unha certa indiferenza cara outro tipo de público. Os discursos co malhumorado Beethoven sempre xiraban en torno a cuestións de diñeiro. Os directores sempre querían ter un teatro o máis cheo posible e sempre lle pedían a Beethoven que adaptara a súa música para atraer a un maior número de persoas. A súa ópera tivo, finalmente, unha estrea limitada e discreta. O noso protagonista marchou do Theater an der Wien coa partitura na man desexando que aquel edificio afundira ata o mesmo inferno.

O contexto histórico no que se moveu Beethoven é clave para comprender a evolución da súa obra. Europa tremía ante o éxito da revolución francesa e o xurdimento dunha nova xerarquización social liderada pola burguesía. As novas da execución de Luís XVI e da súa esposa, María Antonieta, provocaron o pánico da aristocracia europea, que comezaba a preocuparse pola súa posición e incluso pola súa propia vida. O golpe de Estado de Napoleón en 1799 (Dez anos despois do estalido da revolución)  e a súa chegada ao poder aumentaron o medo ante o evidente afán de conquista do laureado xeneral, que nos seus intensos soños avistaba unha Europa unida e conformada por nacións-estado.

A medida que avanzaban as súa conquistas territoriais creaba un novo orde amparado nunhas novas institucións, abolindo ao mesmo tempo o vello sistema feudal e de privilexios no que se sostiña a aristocracia. Pero, ademais de todo isto, Daniel Snowman afirma que “Napoleón tivo tamén a súas ambicións culturais”. Arte e poder sempre foran da man, así que un período tan turbulento da historia de Europa non faltarían as respostas ante os cambios da revolución francesa e os conflitos que derivaron de ela. Podemos ir dende a representación gloriosa do orgulloso Napoleón da man de Jaques Louis David ata as consecuencias máis terribles da guerra con Goya. Sen embargo, na ópera deste momento non se daba a posibilidade de obras que narraran os acontecementos do momento empregando personaxes implicados (Robespierre, Danton, Luís XVI ou o propio Napoleón), pero sí dunha forma indirecta coa creación de historias en torno a moral e a virtude como elementos que vencían ao poder tirano. É aquí onde reside o carácter máis distintivo  de Fidelio, que se converteu co tempo na ópera máis representativa e famosa deste período.

514px-Napoleon-david-2

Napoleón cruzando os Alpes (1801), de Jaques Louis David

A atracción de Beethoven por contextualizar a súa obra na Francia revolucionaria non era excepcional. A xeración a que pertencía fora seducida polos gritos de liberdade, igualdade e fraternidade. Pero a Viena na que residía seguía sendo a orgullosa cidade imperial de sempre, aínda que algúns príncipes que o favoreceran no pasado fuxiran ante o avance de Napoleón. Outros, vendo que o artista podía decidir marchar, optaron por ofrecerlle unha renda vitalicia coa única condición de que se comprometera a quedarse na cidade.  Neses anos, a ópera italiana  seguía estando de moda, pero coa chegada de Napoleón, tal e como sinala Snowman, esa forma de entretemento “parecía ir facéndose irrelevante tanto en Viena como nas outras capitais europeas” xa que os franceses traían con eles os ideais da revolución ao estranxeiro.

Ningunha ópera poderá ser estreada sen a miña autorización

Napoleón en 1810

Aínda que Napoleón nunca se amosara como un gran experto na ópera, si sabía que sería outra ferramenta do poder (como podía ser a pintura)  que serviría para acrecentar a posición de Francia como referente artístico nos territorios europeos que ían caendo no seu dominio. Cando se daba algún acontecemento que Napoleón quería resaltar, sempre acudía a unha función de ópera. Alí presentou a súa segunda esposa ante a sociedade e celebrou en máis dunha ocasión as súas vitoriosas campañas. Durante o seu mandato e a pesares das pretensións  da revolución de acabar co antigo réxime, foise xerando unha nova aristocracia a través da concesión de títulos nobiliarios. A ópera converteuse nun espazo onde Napoleón, ao modo dos antigos emperadores romanos cos seus desfiles, podía amosarse en todo o seu esplendor ante unha boa cantidade espectadores. Moitas veces, Napoleón chegaba tarde a función para que o público (e incluso os artistas dende o escenario) o ovacionaran e o aplaudiran. En 1800 corría o rumor de que Napoleón fora asasinado nu atentado, e o primeiro que fixo o emperador foi asistir a unha función para demostrar que estaba vivo. A pesares dos altos costes da guerra, o xeneral corso sempre destinou fondos moi xenerosos a ópera.

Ingres,_Napoleon_on_his_Imperial_throne

Napoleón no seu trono imperial (1806), por Jean Auguste Dominique Ingres

Os cambios que se estaban a dar en Europa chegaron a Viena. Beethoven atopouse cun novo público no que ademais de membros da nobreza, tamén estaban prestamistas membros dunha nova burguesía. A principios de 1804 Beethoven estaba traballando sobre un texto francés co título de Léonore, ou L´amour conjugal. Escrito no auxe da revolución (1794), estaba basado (supostamente) nun episodio da vida real que tivera lugar en Touraine. A esposa dun prisioneiro político do antigo réxime disfrazouse de carcereiro para tratar de rescatar ao seu marido antes de que fora executado. O argumento deste texto xa fora empregado en anteriores ocasións pola súa referencia a toma da Bastilla, con todo o carácter simbólico que isto implicaba.

Antes da súa primeira representación en Viena co título de Fidelio, a cidade caeu baixo dominio francés  o 13 de novembro de 1805. Pouco tempo despois, o 20 de novembro, a obra estréase no Theater an der Wien, onde houbo un importante número da oficialidade franceses como público asistente. Fidelio tivo poucas loanzas e escasa repercusión. O ambiente e as circunstancias non foran propicias na súa estrea  e os ensaios estiveran cargados de problemas. O encargado de interpretar o papel do alcalde da prisión tivo serias dificultades para cantar certos pasaxes da súa aria.

Beethoven deixou de lado a súa única ópera e retomouna anos máis tarde co ánimo de  mellorala. A pesares de que non era un home que encaixara moi ben as críticas, aceptou algunhas recomendacións de amigos que  se movían no entorno do seu príncipe benfeitor, Lichnowsky.  Tras isto, a ópera tivo unha maior acollida pero seguía sendo mediocre e só se representou dúas veces máis. Beethoven envorcouse aínda máis na súa ópera a pesares de que era evidente que non se sentía cómodo neste xénero. Sen embargo, as últimas modificacións converteron Fidelio nunha das obras máis aclamadas. Mentres a guerra continuaba en Europa, Beethoven traballaba.

Trala vitoria dos aliados  sobre Napoleón en Leipzig, aceptou un encargo para celebrar a vitoriosa campaña británica na Península Ibérica: Welington´s victory ou sinfonía da batalla. Foi unha composición realizada coa intención de gañar cartos e recibir loanzas  polo triunfalismo imperante nas tropas aliadas. Mentres tanto, fixo notables cambios na súa ópera. O máis significativo foi o do final, onde marido e  muller se atopan por fin e saen da escura cela cara o exterior, onde unha multitude os aclama  polo seu éxito contra a tiranía. O artista gañou o favor do público no teatro da ópera de Viena mentres un Napoleón derrotado acudía a un temporal exilio na illa de Elba. Fidelio converteuse nunha obra de celebración da liberade a pesares da vitoria daquelas potencias que representaban o antigo réxime. Beethoven era un revolucionario, pero sabía onde estaba o poder e non lle mordeu a man.

Beethoven_03

BIBLIOGRAFÍA BÁSICA

MENÉNDEZ TORRELLAS, Gabriel, Historia de la ópera, Akal, Madrid, 2013

REBATET, Lucian, Una historia de la música, Ediciones Omega, Barcelona, 1997

SNOWMAN, Daniel, Historia social de la ópera, Ed. Siruela, Madrid, 2012