Breve Historia da violencia II: de Gilles de Rais a George Bataille

Eu fixen o que outros homes querían, eu son o voso pesadelo…”

Gilles de Rais

En anteriores artigos xa demos unha primeira idea sobre a importancia da definición e os tipos de violencia que podemos distinguir, sobre todo da man de W. Benjamin e G. Sorel, ademais demos dous exemplos de violencia, o de Berenguel de Landoira e o de Joseph Fouché. En ambos casos predominaba un componente de violencia social e política relacionada en ambos casos coa procura da lexitimidade na eliminación física dos seus adversarios. Mais, que pasa nos casos de violencia privada ? Por que o macabro é utilizado dende o poder dunha maneira espúrea ? A disidencia de determinados actores sociais pode producir que a ignominia, ou presunta ignominia caia sobre eles, lexitimando por tanto a eliminación do corpo social pola execución, a tortura e outros métodos. Esa é a historia de Gilles de Rais, mais tamén a de Rienzi, a dos merovinxios ou a de Kleist, o poeta romántico.

Gilles de Rais versus Cola di Rienzo: violencia privada / pública

 No 1992 saltaba ás portadas dos xornais franceses unha nova insólita de memoria e restitución histórica. Se Galileo fora restituido polo Vaticano oficialmente no s.XXI, logo do seu proceso anticopernicano no s.XVII, nada menos que Gilles de Rais (considerado a encarnación da perversión) era a punto de ser xulgado unha vez máis, logo de 500 anos da súa condea e execución.

Gilles_de_Rais_murdering_children

Ilustración dos asasinatos de Gilles de Rais. Jean Antoine Valentin Foulquier, 1862

Gilles de Laval, barón de Rais, (1404-1440) foi descendente dun dos homes máis poderosos e ricos do S.XV, axiña será considerado un valente, temerario nos campos de batalla e con 25 anos xa chega a mariscal de Francia e logo será compañeiro íntimo da Dama de Orleans, Xoana de Arco. Sen dúbida a violencia de gran parte da nobreza francesa foi saciada nas últimas batallas da Guerra dos Cen Anos da cal Rais foi partícipe activo e aproveitou este acontecemento ata chegar un dos homes máis ricos de Francia, superando ó mesmo rei.

No 1431 Xoana de Arco cae en mans dos ingleses asentados en Francia baixo dominio do primo de Rais, Georges de la Tremoille. A pesares dos rogos de Rais, Tremoille permite que o xuízo e condena a Xoana se faga efectivo eliminando a unha elemento molesto na corte de Carlos VII. A partir de aquí e trala morte do seu antigo tutor, Gilles de Rais pareceu entrar nunha roda de Ixión de pracer erótico-macabro, supostamente, raptando, abusando e decapitando ou descuartizando rapaces de entre 7 e 20 anos. E aquí, obviamente, chega ese momento difuso en que todo bo historiador se debe preguntar ata onde chega a verdade nas sorprendentes descripcións que testemuñas e inimigos citan no proceso contra de Rais tempo despois. Que podemos esperar dun xuízo organizado polos seus propios inimigos que devecían con facerse dos amplos recursos de Rais ? Que podemos separar da verdade e a mentira se o procesado fora sometido a tortura e ante a acusación de 150 asasinatos el afirmou que foran 800 ? A verdade é que non nos importa de onde veña a violencia ou quen foi responsable das mortes. O realmente importante é a conciencia de uso da violencia dentro dun método xudicial e a morte da verdade conseguinte que se produce cando tódolos axentes activos no xuízo están convencidos de que Rais é culpable. Canto máis macabras eran as acusacións máis crecía o burato que crecía ó redor de Rais e a súa pusilaminidade. Daremos unha mostra das acusacións segundo o proceso:

“Unha vez mortos, De Rais bicaba ós nenos; era costume collelas cabezas e extremidades máis fermosas, levantábaas para admiralas e logo choraba lamentándose polo sucedido. Tamén ordeaba que lles abrisen os corpos e desfrutaba coa visión dos órganos internos. Nalgunhas ocasións sentaba enriba do neno moribundo e tocábase mentres o vía agonizar. Ríase”

 Non nos sorprendamos das acusacións, sodomía e asasinato masivo, senón de que no proceso comparecen decenas de testemuñas que coinciden no carácter demoníaco de Rais e en culpalo das desaparicións dos rapaces a pesares da falta de probas. Onde estaban logo os cadáveres deses centos de rapaces ? Supostamente queimados, coma nun moderno crematorio (cando en realidade os cheiros a queimado do castelo eran debido ós experimentos alquímicos de Rais). Por se fora pouco, no xuízo esquécense da corte de Rais. René, o seu irmán, defendeu a capa e espada deter a liquidación dos recursos financieiros de Rais, recorrendo ó mesmo rei. Un interés común coincidía en deter o dispendio familiar e quitar a de Rais as pertenzas nobiliarias.

Execución de Gilles de Rais segundo manuscrito do s.XVI, Biblioteca Nacional de Francia. na imaxe obsérvase a dobre execución por forca e logo polo lume o que amosa a dobre natureza, herética e penal civil., do proceso.

Como afirmabamos a historia do mariscal aforcado e queimado foi obxecto da incorporación á mentalidade popular mediante a creación de lendas que chegaron ata que Ch. Perrault no seu libro Les contes de ma  mère l´Oye (1697), Rais apareceu baixo a máscara histórica de Barba Azul (véxase a famosa obra de Bartok sobre o conto homónimo). Mais no 1992 un escritor, Gilbert Proteau, autor de Gilles de rais ou a cara do lobo quixo levar ós tribunais franceses a causa da inocencia de Rais. Semellaba imposible mais De Rais foi declarado inocente dos asasinatos e da sodomía. Un biólogo, un senador, un ex-ministro de cultura, outro ex ministro de Xustiza, un psicólogo e varios xuristas de reputado prestixio declararon que Rais foi víctima dun proceso ignominioso levado a cabo polo duque de Bretaña e o bispo Jean de Malestroit. Proteau calificouno coma “o primeiro proceso estalinista da Historia“; sen dúbida tal estúpidez nesta cita veña dada por unha distorsión de Proteau. Ou acaso non rememoraba o proceso, igual de ignominioso que levou á fin da Orde do Temple en Francia por orde do rei Philippe IV co destino de expropiar as numerosas propiedades desa orde 100 anos antes De Rais ? Ademais, o termo estalinista pode acordarnos ás purgas de Moscú, as cales non tiveron un obxectivo económico senón político, á contra do proceso de Rais.

Podemos chegar máis lonxe e afirmar que a restitución de Rais é moi dubidosa. Falta de probas e inclusive parcialidade dun tribunal formado por xuristas e institucións con medio milenio de diferenza dende o acusado. Así a todo, estamos seguros que Rais non foi o monstro pedofílico e sanguento das acusacións contrarias, mais, ata onde podemos chegar ? Jacques Heers na súa monografía sobre Gilles afirma que máis alá da figura romántica existe un personaxe inmerso nunha época de precariedade e violencia, facendo del non unha excepción senón a norma. Outro erudito da xeración de Sartre ou Camus, Georges Bataille, seguie observando en Gilles de Rais os aspectos pedófilos, satánicos ou necrofílicos dando categoría de verdade absoluta ó proceso inquisitorial; nembargantes todos sabemos o que podemos esperar de Bataille, a confirmación das teses xa espostas no seu libro L´erotisme que relacionaban directamente Eros e Thanatos mediante unha ambigüidade que topa no mariscal de Rais. Acaso non sentiría o erudito unha implicación sentimental con Rais sobre todo rememorando a asociación secreta de Bataille en Acéphale mediante unha revista consagrada a revitalizar indirectamente a unha violencia e unha sublimación da idea de morte ? Acaso non concordaba Bataille con ese gusto imaxinado de Rais pola satisfacción dos desexos sexan cales fosen ? O parafascismo de Bataille concorda a algo que xa toparamos en Heidegger: o gusto por determinar o humano dende a morte.

bataille_1

George Bataille, autor de L´erotisme de prosa hermética e chamánica que une o amor erótico coas lindes trascendentais da morte, da petit mort.

Cola di Rienzo é outro personaxe tinguido, ata a médula da intrahistoria, coma un ser románticamente romano, o suspiro dunhas institucións que expiraban no s.XIV. entre 1347 e 1354 este líder dictatorial, revolucionario e con rasgos mesiánicos creou en Roma unha institución política (Buono Stato) que tentaba romper con moitos problemas e conflictos que Orsini e Colonna producían na cidade eterna, levando nela un eterno conflicto pola hexemonía. Rienzi conseguiu chegar ó poder grazas a unha estrataxema papal que o convertía en delegado e notario papal. Desviándose dos seus obxectivos cambiou o seu programa inicial e someteu ás elites romanas. Entre os factores da súa xestión da violencia destacou por non permitir o soterramento dos seus inimigos (tal como mandara Creonte na Antígona), a creación dunha forza armada única e non nobiliar e por suposto a execución dos seus inimigos. Unha falsa execución, un simulacro que lle permitise retratar a súa bondade como dirixente e á vez humillar ás victimas acostumadas a un código de honor. Aquí a non-execución foi peor que a execución mesma xa que instituía sobre os axustizados unha espada de Damocles que podía caer en calqueira momento, baixo o beneprácito de Rienzi (podémoslle chamar o efecto Dostoievski). Duas mil persoas foron vendidas coma escravos por Rienzi na súa “Roma republicana” trala súa victoria sobre Stefanno Colonna; rasgo que amosa a orientación da violencia non coma eliminación da vida senón como a máxima alienación da vida. os que antes glorificaban o seu poder sobre os alleos, agora eran sometidos á ultraxe de que xogasen cos seus xogos de poder. De aí, posiblemente, o rasgo que posibilitou o apoio inicial a Rienzi, saber orientar a violencia cara o monopolio político e non familiar-nobiliario.

Algúns historiadores como Phillippe Ariès atribúen ó século XIV-XV un gusto pola morbosidade e a descomposición que semella amosarse no estilo funerario, sobre todo de Borgoña, tese que xa amosara Huizinga no seu Outono da Idade Media. En Ariès a historia da morte, diferente á da violencia, acolle categoría de amosar os comportamentos de toda unha sociedade. En efecto, podemos dicir que o sentido do macabro, supostamente presente en Rais, era necesario tamén alí onde as ordes mendicantes instituíron o culto e preocupación funeraria baixo a imaxe da vanitas. Huizinga o subliña recordando ó erotismo de Bataille: “ É verdadeiramente piadoso o pensamento que se apega con tal forza ó lado terrestre da morte ? Non é mais ben unha reacción contra unha sensualidade excesiva ?” Pode que un erro de bulto non diferencie entre que o podían sentir as elites ante o ritual funerario da morte, moitas veces relacionado cos medios violentos e os resto da xente, do 90 % que observaban como os seus restos remataban sendo testemuñas da nada, sen salvación aparente, disoltos nas fosas comúns. Violencia que a aristocracia exerce indirectamente sobre aqueles que non poden gardar os seus restos para a salvación eterna mediante a diferenza de enterramentos. Por suposto xa non nos referiremos ó dereito de masacre, un tipo de violencia señorial que non se encadra xa nas posibilidades históricas senón nas fantasías dos historiadores decimonónicos. O que non descarta outros tipos de violencia que facilitan a hexemonía do señor ante a morte. Kelinschmidt tamén concorda en Comprender a Idade Media que se ben o s.XIV E XV foi catastrófico o s.XVI non tivo comparación ós anteriores no que se refire á expansión militar e a enfrontamentos bélicos e levantamentos populares, o que fai que o dourado e renacentista Cinquecento semelle máis escuro e conflictivo do que poidamos maxinar.

De Gregorio de Tours a Heinrich von Kleist: guerra, pólvora e poucas magnolias

“Ó Rhin un dique erguédelle / cos seus cadáveres en masa” Así nos fala Heinrich von Kleist nunha oda titulada Xermania ós seus fillos do 1809. Ese mesmo ano crea a obra teatral A batalla de Hermann que pasa por ser unha exaltación da guerra de aniquilación total. Son tantos os rasgos violentos e destructivos dignos dun bíblico Azrael presentes nestas obras, que combatían a invasión francesa, que nos podemos interrogar se se poden circunscribir dentro de violencia política ou simplemente dunha exaltación persoal da violencia que coincide coas guerras napoleónicas:

“Mátao ! O xuízo do mundo, non vexas a razón do asunto…”

Unha pregunta fácil de responder se nos acordamos de que Kleist, o romántico alemán e poeta maldito, suicidouse, e non o fixo ata que topou unha muller coa que facelo. O mito da violencia política era para Kleist un medio de liberarse e sublimarse ante o spleen romántico; por iso o que menos importa na guerra eran os motivos da mesma ou o enemigo a bater senón simplemente recrearse no violento da praxe, tal e como escribe en O terremoto de Chile sobre o asasinato dun neno, “ata que a médula sae do encéfalo“. Representación dunha violencia gratuita e inútil que amosa as enfermidades mentais de Kleist, quen ante o horror vacui da existencia recreábase en imaxinar estes actos, máis entregado ós medios que ós fins polos cales se leva a cabo. Wolfgang Sofsky no seu Tratado sobre a violencia deixaba claro que a violencia é un acto de trascender sobre o resto xustificando no corpo dos demais a finitude e continxencia dos humanos, factor que Kleist toma dunha forma dialéctica: el non nos ofrece a continxencia senón a destrucción do inimigo como única saída a unha comunidade política. Sería o que Sofsky califica como violencia combativa que se inscribe dentro da resistencia e para él dentro da lexitimidade o que tamén implica a desaparación do inimigo ou opresor.

Heinrich_von_Kleist2

Heinrich von Kleist, detrás da exaltación romántica patriótica ocultouse durante tempo o que máis tarde explotaría na estética nacionalsocialista da guerra total.

Poderíamos dicir perfectamente que as verbas de Kleist resoaron na boca de Goebbels cando un século despois berrou “Queredes a guerra total ?”. Con ese berro desparecía a imaxe dunha guerra con significado para unha guerra significante e significado de por sí, medio e fin da violencia que executa sen un obxectivo senón coma unha maneira de represión continua e circular dun estado fascista.

No 589, un grupo formado polos principais aristócratas  do reino do monarca franco Childeberto II , ás ordes do duque Rauchingo, tramou o asasinato de Childeberto. Enfrontados coa rexente, a reina Brunilda, a nai do monarca e os seus partidarios. Non obstante, Rauchingo morreu polas sospeitas de Childeberto no pazo real en Reims. E a historia segue… Na súa obra Historia dos francos , Gregorio de Tours retrata como as loitas polo poder político na Galia do s.VI implicaban escenas continuas de violencia entre as elites, de carácter lexitimatorio. Gregorio, bispo e con experiencia no senado romano, observa estas esceas ás que axiña lle outorgará nome a Historia: morbo gothorum. Esa era a enfermidade dos godos segundo os historiadores da primeira época, a violencia interna que os imposibilitaba para crear estructuras sólidas de poder. Isto sérvenos como fito para distinguir entre a violencia de Kleist ou Goebbels, a guerra como medio e fin en sí, e a guerra e violencia entre as elites xermanas da Alta Idade Media. conflictos que chegan no caso dos saxóns a enfrontamentos entre os indíxenas britano-romanos e os pobos migrantes. Conflictos consecuentes da loita polo poder e a hexemonía ou inclusive interculturais que o fascismo, posuíndo estes rasgos, levaba a unha autoglorificación da violencia por sí mesma. Non importa por qué se produce nin que consecuencias levará consigo, soamente importa a presencia continua. Así, entre Kleist e Tours hai un abismo que non representa un avance, todo o contrario.

 Non podemos afirmar, como nos ofrece Muchembled que a violencia sufre unha diminución nos últimos séculos, soamente se reorienta e moitas veces cara o absurdo. Bertrand Russell xa afirmara que o que distingue a violencia fascista e a comunista-proletaria é que unha ten un rasgo de medio e fin mentres que no segundo caso a proletaria só poder servir como medio para unha hexemonía. Hogano, e na sociedade contemporánea a violencia do absurdo convertida en ritual de modo privado e público alcanza cotas altas, que non sendo física, é dun carácter ritual e artifical. Os mass media encárganse de vulgarizar a violencia amosando o seu rostro decotío para así transformar o horror en indiferencia. Podemos estar seguros que a ración de violencia artificial (xogos, televisión, xornais, radio…) presente hoxe en día foi impensable noutras épocas da Historia porque así como antes a violencia se amosaba de forma explosiva (guerras, motíns, revoltas), efímera e de elites; agora é de forma doméstica, televisiva. Mediante este método se consegue que a violencia non semelle algo tan perigoso ou importante, senón lonxano e virtual.

Bad-war

“Batalla de lansquenetes” de Hans Holbein o Mozo, comezos do s.XVI. O Cinquecento levou a escurecer as escaramuzas medievais señoriais ou urbanas por enfrontamentos mundiais e masificados.

BIBLIOGRAFÍA

BATAILLE, Georges (1983) El verdadero Barba Azul, La tragedia de Gilles de Rais, Barcelona, Tusquets.

CLASSEN, Albrecht e SCARBOROUGH, Connie (eds.) (2012) Crime and Punishment in the Middle Ages and Early Modern Age. mental-Historical investigations of basic human problems and social responses, Göttingen, De Gruyter.

HEERS, Jacques (1995) La invención de la Edad Media, Barcelona, Crítica.

-, (2005) Gilles de Rais , Paris, Perrin.

HERNÁNDEZ, Ludovico (1921) Le procès inquisitorial de Gilles de Rais , Paris, Bibliotheque des Curieux.