Alemaña: Ano 0

IMG-20150714-WA0078

Compatriotas, benvidos a República de Alemaña, benvidos a vosa patria, que tanto vos votou de menos…

Recibímosvos con entusiasmo […] O inimigo non puido con vos. Só tras constatar a aplastante superioridade en efectivos e armamento do adversario, renunciamos a seguir combatendo […] Impedistes que os inimigos invadisen a nosa patria. Salvachedes as vosas esposas, aos vosos fillos, aos vosos pais, de morrer asasinados , do fragor da guerra. Contivechedes a devastación e a destrución das terras de labranza e das fábricas de Alemaña. Por iso, de todo corazón, aceptade o noso máis profundo agradecemento.

Discurso de F. Ebert, presidente do Consello de Representantes do Pobo, 10 de Decembro de 1918.

Käthe Kollwitz realizou esta escultura Nai e Fillo (ou A Piedade) entre 1937-1938 despois de pasar varios anos tratando de mitigar a dor que sentía pola perda do seu fillo na Primeira Guerra Mundial.

O 21 de Marzo de 1918, Alemaña inicia a súa última gran ofensiva na fronte occidental empregando ata o último home e ata a última caixa de munición. Esa ofensiva desesperada converteuse nun auténtico desastre. Nos seguintes meses amosouse a precaria situación na que se atopaba o país, onde a fame comezaba a facer estragos. Xa nos últimos días de Setembro , os dous máximos responsables do Estado Maior, o mariscal Paul von Hindenburg e o xeneral Ludendorff, foron falar co káiser, Guillermo II, para facerlle ver que a única solución para Alemaña era o armisticio. Estes dous homes que nun principio pareceron acudir veloces a advertir ao seu superior coñecían esta situación dende varios meses pero ata ese momento non quixeron admitir o que era evidente. A poboación seguía dentro do marco da ignorancia creado polas grandes promesas que anos atrás fixeran os seus líderes. Pero nesta nova situación, Ludendorff moveu ficha e realizou unha manobra moi hábil.  Sabendo do desastre que estaba a piques de chegar, presionou  para que se formara un novo goberno con representantes dos principais partidos no Parlamento, os liberais, os católicos de centro e os socialdemócratas. Como ben sinala Julián Casanova, tratábase dunha cínica manobra para que as consecuencias da derrota non caeran sobre os seus verdadeiros culpables, é dicir, os grupos conservadores  e a cúpula militar. Foi así como os partidos democráticos tiveron que cargar coa lousa do fracaso e do oprobio da chamada Dolchtoss (“puñalada polas costas”) que anos máis tarde sería empregada na súa contra por Hitler, o líder dos nacionalsocialistas.

Erich Ludendorff

Paul von Hindenburg

O 3 de Outubro de 1918, o káiser nomea como chanceler a Max von Baden, de ideas liberais. Foi el quen se encargou de transmitirlle ao presidente dos EE.UU, Woodrow Wilson, a vontade de Alemaña de chegar a un inmediato armisticio. Chegou así o recoñecemento da derrota ante unha poboación alemá ata ese momento enganada e que non estaba preparada para dixerilo. No novo goberno do país había dous socialdemócratas. Convén destacar que este partido levaba máis de vinte anos sendo o partido maioritario, pero como ben sinala Eric D. Weitz sempre quedaba afastado do poder polos estamentos ditatoriais que rexían o país. En efecto, que entrasen a formar parte no consello do Estado era xa un signo de que se estaba producindo un cambio transcendental. Pero volvamos as rúas, as prazas, ao corazón das cidades alemás. A xente, agora cos ollos abertos, comezou a protestar contra guerra e a pedir a paz por encima de todo. O novo goberno estaba a moderar os mecanismos de censura e permitiu que abandonasen os cárceres algúns axitadores que se amosaran contrarios a guerra.  Respirábase un ambiente de cambio e Alemaña pedía unha profunda reforma estatal e social. Os cambios que se iniciaron remataron por levar ao país a unha monarquía constitucional cun Goberno que tiña que render contas ao Parlamento antes que ao káiser. Neste contexto emprendeuse a reforma do sistema electoral co obxectivo de eliminar a vixente lei de sufraxio. No que se refire a política exterior, o goberno de Max von Baden estaba procurando iniciar contactos estreitos con EE.UU para o cese das hostilidades.

No medio destes días tan confusos, os consellos de obreiros e soldados multiplicáronse. Estes consellos chegaron a tomar o control da maioría das cidades, impoñendo o medo a unha revolución como a acontecida en Rusia un ano antes. Houbo rumores dun golpe no mesmo cuartel xeral do káiser e deuse unha insurrección de mariñeiros en Kiel os días 3 e 4 de novembro.  Eric D. Witz afirma que aquela revolta de Kiel foi a que “prendeu a mecha da revolución que acabaría coa Alemaña imperial”. Aqueles homes estaban fartos das condicións as que estaban sometidos fronte a vida de comodidades as que estaban acostumados os seus oficiais. A revolta non tardou en ser seguida polos soldados dos cuarteis terrestres e polos traballadores de cada cidade. Sete manifestantes morreron a causa dun enfrontamento cunha patrulla militar.

Mariñeiros da armada manifestándose

Ludendorff e Hindenburg, aqueles que actuaran con man de ferro en base aos poderes ditatoriais dos que dispoñían desde 1916, estaban vendo como perdían o control da situación mentres nas rúas se demandaba con máis firmeza a abdicación do káiser.  Os berros revolucionarios chegaban, por fin, as prazas máis emblemáticas do centro de Berlín. O 9 de novembro, Max von Baden pediu a Guillermo II que abdicara debido a que parecía a única solución para salvar a monarquía. Pero tratábase dunha medida que non serviría para nada. O glorioso imperio alemán derrubouse. Lonxe quedaban aqueles días previos ao comezo da guerra nos que en tódolos lugares do país a sociedade berraba eufórica pola seguridade absoluta de que ninguén podería parar a gran maquinaria do seu país. Aquelas grandes expectativas nunha rápida e clara vitoria xa non existían. Agora só había fame, decepción e medo. E foi aquí onde xurdiu de entre as cinsas da vella orde a primeira democracia alemá. Max von Baden nomeou a Ebert, líder do partido socialdemócrata, como novo Chanceler do Reich. Dende a balconada do monumental Reichstag, o dirixente do SPD , P. Scheidemann (compañeiro de Ebert) proclamou a República alemá. Se o espectáculo non era do agrado do espectador, sempre podía ir cara os balcóns do Palacio Real, apenas a 200 metros de alí, onde o socialista e axitador antibélico Karl Liebnecht proclamaba a república socialista. O novo Estado acababa de nacer e xa estaba sendo desafiado. Cando Ebert se decatou, enfureceuse ante a provocación dun home ao cal consideraba un perigoso radical que debería seguir entre reixas.

 

Friedrich Ebert

Friedrich Ebert

Karl Liebknecht

Karl Liebknecht

A situación seguía sen mellorar moito ata que Ebert e os seus formaron un novo goberno con algúns membros do USPD, o partido Socialdemócrata Independente. Este grupo non era máis que unha rama do SPD que se separara do partido en abril de 1917 porque era contraria a guerra. Ninguén dos dous partidos estaba disposto a compartir o poder, pero ambos puxeron da súa parte e conseguiron constituír un novo goberno provisional, o Consello de Representantes do Pobo. Parecía que agora xa se estaba abordando unha auténtica transición democrática e unha serie de decretos para establecer a liberdade de expresión e de relixión, a liberdade de prensa, o sufraxio universal e equitativo (tamén para as mulleres)e a amnistía para os presos políticos. A transformación estaba encamiñada a calmar a poboación. Sen embargo, non tardaron en chegar diferencias sobre como organizar o Estado e a Sociedade. Neste contexto, os pequenos grupos revolucionarios viron unha grande oportunidade a pesares de ser débiles e pequenos en número ata este momento. Os máis radicais pretendían levar a cabo unha revolución como a bolxevique en Rusia.

A república naceu cos pés sobre unha charca de barro e parecía non haber unha solución definitiva que canalizara o camiño cara a estabilidade. Figuras como Liebknecht ou Rosa Luxemburgo non recoñecían o goberno provisional do país e pedían a transmisión do poder aos consellos de obreiros e soldados ao berro de “Todo o poder para os soviets”. A pesares de que apenas superaban o millar de militantes, a xente viu nas súas constantes manifestacións a ameaza da revolución comunista. Ebert non quería que a situación o desbordase, chegando a conclusión de que tiñan que cooperar estreitamente coas forzas armadas e cos representantes da orde tradicional para tratar de que a república saíse das súas difíciles circunstancias. Ao día seguinte de proclamarse a República, Ebert xa pacta con Groener, o sucesor de Ludendorff como xefe do exército. Comezaba unha nova relación entre o vello e o novo réxime. Había que manter o Estado e a represión violenta era  vista como unha vía necesaria para manter a orde.

Rosa Luxemburgo

O 11 de Novembro o deputado polo partido de Centro, M. Erzberg, encabezou unha representación alemá que firmou o armisticio nun vagón de tren parado nun bosque preto de Compiègne (Francia). Este acto, como xa se comentou, sería empregado polos militares para afirmar que os traidores a patria foron os que impediron a vitoria alemá na guerra. Socialdemócratas, xudeus e incluso católicos (como o propio Erzberg) eran os verdadeiros culpables da humillación do país. O mito da puñalada polas costas comezou antes da firma do armisticio. O 15 de novembro firmouse outro pacto histórico relevante e pouco destacado nos libros de historia. Stinnes, o magnate alemán da industria do carbón e do aceiro, firmou xunto co representante do sindicalismo socialista , C. Rudlf Liegen, un documento polo cal negociaban as disputas laborais coa concesión da xornada de oito horas e a creación de subsidio de desemprego. Os grandes poderes económicos da industria conseguía desta maneira protexer a súa esfera de influencia. Tratábase, máis ben, dunha serie de concesións aos traballadores que tiñan como obxectivo evitar revoltas dirixidas polos dirixentes sindicalistas.

A firma de acordos co exército e cos dirixentes económicos implicou unha nova tensión entre o SPD e o USPD. Pouco despois, aprobouse unha lei para a convocatoria de eleccións para o 19 de Xaneiro de 1919 co obxectivo de formar unha asemblea que se encargase da aprobación dunha constitución para a república. Ante estas circunstancias, os socialistas independentes marcharon e deixaron o goberno en mans dos socialdemócratas. Os grupos da esquerda radical como a Unión Espartaquista fundaron o 1 de Xaneiro KPD, o Partido Comunista Alemán. Aos poucos días a cidade de Berlín converteuse nun auténtico campo de batalla co obxectivo de derrubar o goberno de Ebert e impedir as eleccións convocadas. Pero este levantamento non tivo un grande apoio social e os dirixentes revolucionarios non seguían ningún plan. Foi aquí cando a extrema dereita entrou en escena. Ante a revolta, o ministro de defensa empregou a traballadores favorables ao goberno que foron armados, a soldados do exército e incluso a estudantes universitarios. Por último, tamén estaban entre os grupos represores os chamados Freikorps, que eran unidades de voluntarios dirixidas por antigos oficiais. A súa actuación foi moi sanguenta e os dirixentes espartaquistas, Rosa Luxemburgo e Karl Liebknecht, foron brutalmente asasinados (rematados a culatazos no chan) a noite do 15 de Xaneiro. Esta acción horrorizou incluso a xente que non compartía as ideas políticas de aqueles dous intelectuais que, aínda non sendo os que conduciran a insurrección, sí foran vistos como os principais instigadores teóricos.

Os freikorps

Os freikorps

Rematamos ata aos feridos. Hai un entusiasmo inmenso, incrible…Todo o que cae nas nosas mans é esmagado a culatazos e logo rematado a balazos…Cando loitábamos contra os franceses no campo de batalla eramos moito máis humanos

         Testemuños coma este evidencian a sede de sangue e vinganza que se deu nas rúas da Berlín.

Esta primeira acción violenta da extrema dereita só foi o comezo. Dous meses máis tarde, o ministro de defensa ditou unha orde que permitía “disparar contra toda persoa que se enfrontase coas armas as tropas gobernamentais”. A República estaba amosando as súas fraquezas. A esquerda estaba dividida e a ameaza dos nazis estaba achegándose cada vez máis.

Continuará.