Tres esceas góticas: a estética da desmesura

Caspar_David_Friedrich_046_(Monk_in_the_Snow)

Klosterrruina Eldena, Caspar David Friedrich, 1808. Ruinas que certifican que o gótico, na natureza é coma un ser orgánico a punto de resucitar. O home, cativeiro, só pode esperar, unha ideoloxía do anti-humanismo.

“A gothic hero rising from the dead…

Edward Young, Reflections on the public situations of the Kingdom

Na arte existen fenómenos estéticos, ondas de estilos que dentro do posible os máis afanados contábeis de estrelas tentan construír, catalogar, diseccionar e gardar nos armarios dos museos. Agás coa estética. A estética é a irma rebelde da teoría lineal e concreta que os nosos manuais de arte e Historia tentan encadrar no seu círculo imposible; así, e a moita altura do estudo lineal, atópase a historia das ideas, do pensamento e a refracción de todo o que unha sociedade pode pensar. Algo así pasa co gótico e o neogótico de lonxeva, perdurable e mutable vida. Que pode haber de coincidencia entre o xinete da Catedral de Bamberg, Vincent Price ou o Doutor Caligari ? Unha idea perseverante, con moitas espiñas e afiadas agullas, cun toque macabro, escuro, medievalizante e á vez social e sectáreo. Algo así é a idea do “gótico” e do neogótico (no seu revival), un adxectivo que é aplicado dende as catedrais do s.XIII na Francia norte até algúns dos primeiros filmes de Ronald Reagan como actor.

Orixe e coita do gótico

Non debemos dubidar en que nas orixes o novo estilo que veu da man do renacemento do s.XIII non foi bautizado como gótico ata moi tarde. Concretamente ata que o polivalente Giorgio Vasari lle adicou ó final do Capítulo III de la Vita de piu eccellenti pittori, escultori e architettori un apartado no que se refire á maniera dei goti ou calificándoa de tedesca (isto é, alemá) en contraposición á maneira e tradición greco-latina e vitruviana. Concretamente, Vasari non se limita a iso senón que tilda a arquitectura dei goti de “monstroso, bárbaro e sen harmonía“. A arquitectura de papel parécelle a Vasari unha corrupción das formas clásicas, o medo a esa arquitectura que se estira, que se eleva e se fai transparente era para italiano un factor esencial á hora de entender esa actitude que se baseaba nas impresións subxectivas que a presión de centos de séculos da órbita do Sacro Imperio exercera sobre unha Italia que desexaba rexurdir das cinsas clásicas.

Ange_au_sourire

Anxo do Sorriso, Catedral de Reims. Unha desgraza que no 1914 a súa cara quedase feita pó polos bombardeos alemás. Excelente e inesgotábel exercicio de reconstrución e falsificación.

Statues_de_la_cathédrale_de_Reims_après_le_bombardement

Nesta imaxe apréciase o grao de destrución da guerra no pórtico de Reims e como o anxo foi decapitado e mutilado. Foi reconstruído no 1926.

Curiosamente a idea estética que o gótico terá ata o s.XX será equilibrado sobre eixos concretos e repetitivos como o deforme, o escuro, o bárbaro, o transalpino, o outonal, o macabro e o efectista e polo tanto ideas amoralizantes que non son útiles para construír a idea da arquitectura social (isto desmentirase con Pugin quen deseñara o Parlamento inglés sobre a idea dun Medievo paradisíaco e teocéntrico). Para Vasari a idea dun arte social só estaba enraizado coa idea do foro romano e a arquitectura moralizante, isto é, severa, austera e dignificante do ser humano no cosmos. Pola contra o gótico tende a unha desmesura tal que non hai lugar para o ser humano, só para un espírito inabarcable e omnipotente. Esta idea pervivirá ata que a militia de  Michelet, LeGoff ou Duby establezan no seu xusto lugar a idea da corrupción estética do medieval-gótico antepoñendo ás teses de Gibbon sobre a decadencia irremediable, o factor sorpresa dun s.XIII que no nacemento do gótico tamén foi testemuña do renacemento social e económico.

A propiedade do gótico e da arte medieval en xeral está en facer uso do sórdido e do sublime dunha maneira tan ambigua que posiblemente ata o s.XX non se conseguise tal grao de perfección en amosar os lados antagónicos e á vez unidos da realidade. Por un lado podemos imaxinarnos o beatífico ou místico que agarda no sorriso do Anxo da anunciación de Reims (tamén coñecido como L’Ange au Sourire, 1245)  e pola contra aparecérsenos a imaxe do deforme e anormal nas gárgolas de Notre-Dame (en parte inventadas no s.XIX) ou Lincoln. A representación do mundo e a psicomachia é o obxectivo, sobre todo moralizante, aleccionador dun lugar onde baixo o amparo da psicoestase de Miguel ou as mans xulgadoras de Cristo se desenvolvía a vida como lugar de xustiza, político e de mercadeo. No s.XX a idea dun gótico social, isto é dunha estética que forneza os vínculos sociais será impensable, cousa que pola contra se deu no s.XIX cando Viollet-le-Duc ou Pugin chegaron a modificar, terxiversar e falsificar a realidade medieval por outra que lles conviña máis a unha burguesía magnificada que cotexaba no Medievo os antergos cativerios do seu recente poder, signo e heráldica da transformación e lexitimación dunha sociedade que procura novas elites.

Baixo o signo de Saturno: os novos arcos góticos do XIX

A morte da razón pola súa dialéctica praxe levou que en determinados lugares transalpinos o regusto dunha volta ó pasado ideal fose obxectivo común de alemáns e ingleses. Novalis, Schlegel, Schleimacher cantaron un nova himno e a unha nova patria soñada e esquecida entre as ruínas góticas da Selva Negra. E non só iso, este canto chegaría ata Inglaterra onde xa falamos de Pugin e a lectura compasiva que este arquitecto facía do pensamento arquitectónico que vertebraba á sociedade. Nembargantes da man do romanticismo floreceu a idea do macabro e o deforme, esta vez cuns carácteres moito máis pronunciados do que foran no Medievo, adxuntándolle a este a idea da morte, a desmesura e o gusto polo sanguíneo e o fanáticamente desagradable. Os Graveyards Poets  ou Churchyard Poets (poetas de camposanto) crearon unha narrativa e unha poesía que eles mesmos denominaban gótica fundamentada no ambiente tétrico de igrexas, cemiterios, osarios e a melancolía ou o tempus fugit, representante sobranceiro do grupo sería Edward Young cos seus Night Thoughts de 1742.

12703.i.43, opposite 248

Ilustración de Henry Clark para “A máscara da Morte Vermella”.

Máis alá do coñecido sentimento reaccionario e revolucionario do Sturm und Drang a idea do gótico e macabro chegou ás costas americanas tendo en Edgar Allan Poe o fillo predilecto e herdeiro dunha visión do pasado europeo como algo esperpéntico e criminal, exótico e intrigantemente pechado nas cortes pestíferas e nas Venecias decadentes. Se vostedes o proban, non observarán ningún arco gótico na obra de Poe, mais en relatos como The Masque of the Red Death (1842) apréciase o gusto dun Poe, que sen estares nunca en Europa, ten unha imaxe literaria do que poida significar o episodio da peste negra, máis preto do que significa a “danza da morte”dun Decamerón macabro que unha realidade que se repetiu máis alá do Medievo, momento en que a Peste Negra perde a áurea negativa e magnética. Igualmente en obras como The cask of Amontillado ou The Fall of the House of Usher detéctase o mesmo aroma da decadencia gótica: sexualidade, morbosidade e corrupción do elitismo.

E isto tamén era algo que se exportaba, ideas que viaxaban e que Mario Praz tan ben detectou en Italia, Francia ou Inglaterra. Non obstante, e voltando ó berce romántico alemán, o gótico popular era unha constante e obras como Der Freischütz de Carl Maria von Weber onde amosan o colapso da mentalidade racional polo retrato, nunha ópera moi popular, do crecemento das forzas da estética negativa: o heroe que pacta co demo por trunfar nun concurso que nos rememora a Fausto, as forzas dunha relixión pseudo-herética que actúan de forma popular, inclusive resucitando persoas, etc. Todo recollido en obras de recolleita popular como Gespensterbuch de 1811 un libro de relatos sobre aparecidos e outros fenómenos paranormais. De forma tardía escritoras como Karen Blixen deixarán en Syv Fantastiske Fortællinger (Sete contos góticos, 1934) o recordo de que o gótico seguía a ter unha grande influenza na ideoloxía estética nórdica.

Curvas afiadas, misas góticas e histrións: o descoñecido s.XX

Cando Sigfried Kracauer publicaba no 1947, De Caligari a Hitler: unha historia psicolóxica do cinema alemán a obra resultou ser unha avanzadilla do poder que os medios de masas poden inculcar nas aptitudes e formas de representación do dominio. Baixo o paraugas da Escola de Francfurt, Kracauer establece unha relación entre o filme Das cabinet des Dr. Caligari de Robert Wiene (1920) e unha sociedade que se afunde no caos, ou sexa, que se deixa levar pola desesperación baixo o feitizo dun bo alquimista. E todos sabemos como rematou o conto. O cinema expresionista alemán, xoia de comezos de século, tivo filmes como Nosferatu  de Murnau ou Metropolis de Fritz Lang que perseveraban na busca do anguloso, do deforme e do fantástico. Xa está suficientemente fundamentada que fenómenos como a Bauhaus ou Der Blaue Reiter ou Die Brücke teñen nas súas raizames ideolóxicos un revival gótico e medievalizante baseado nas formas comunais de traballar, en deformar a realidade en base ó claroscuro e o anguloso e temas sórdidos.

Robert_Delaunay,_Saint-Séverin_No._1,_1909

Non é casualidade que R. Delaunay no 1909 baixo o influxo de Der Blaue Reiter se interesase pola igrexa gótica de Saint-Séverin. Un cadro que nos recorda ós fondos e decorados dos filmes expresionistas alemáns.

 

En base a isto a herdanza do expresionismo alemán que se afundiu co nazismo sobreviviu e pasou ós USA onde colleu outro cariz máis esperpéntico, de serie B baixo a figura de Vincent Price. A galantería, o rexurdimento de Poe e a creación dunha estética negativa co telón de fondo do medo perpetuo a unha guerra mundial provocou que o cinema reorientase o medo colectivo a un medo de salón, de cinema e pombiñas. Outros como Messia en ou Langlais, perfectos organistas e compositores, vanagloriaban unha estética gótica positiva, con menos sangue e máis catolicismo xunguido á reactivación do gaullismo e á esfera dunha sociedade que fai tempo deixara atrás a Fronte Popular. Obras de Langlais como Tres bosquexos góticos deixan claro que a nova reconstrución das catedrais góticas ía máis alá de Viollet-le-Duc e implicaba un compromiso reaccionario e triunfalista da visión de Francia nos s.XIII-XIV.

 Polo momento podemos dicir que a estética do gótico, metamorfoseada en variacións reaccionarias, visionarias, macabras e terroríficas ten un grande impulso hoxe en día. A tradición das tribos urbanas puxeron de moda o gótico como unha forma de automarxinación e exclusión elitista que se atopa no miolo de certa variante punk do nihilismo. Obviamente se un observa o Bamberger Reiter non topará estes significados. E non obstante o aprecio polo neogótico viuse estes días nas novas que relataban o incendio da basílica de St. Donatien de Nantes, o efectismo dunha obra do 1872 foi sen dúbida magnificado pola razón de que é unha obra medievalizante e polo tanto causaba a sensación de que unha grande catedral gótica estaba sendo destruída. É o estremecemento público pola destrución do sublime e do seu bastión, a catedral gótica-neogótica, por un elemento catártico, o lume. Máis alá do teatro do mundo e noutra vertente o gótico foi indirectamente utilizado na poesía galega do s.XX na Escola da Tebra, herdeiros rebeldes dos que foran os poetas de cemiterio; entre eles Manuel María, Uxío Novoneira ou noso entrevistado Méndez Ferrín.

Vincent Price, esteta dun ambiente pechado, monopolio de Poe e os románticos alemáns, iso sí, de feitura plastificada e hollywoodense.

Vincent Price, esteta dun ambiente pechado, monopolio de Poe e os románticos alemáns, iso sí, de feitura plastificada e hollywoodense.

BIBLIOGRAFÍA

CAMILLE, Michael (2000) El ídolo gótico: ideología y creación de imágenes en el arte medieval, Madrid, Akal.

GONZÁLEZ MORENO, Beatriz (2007) Lo sublime, lo gótico y lo romántico: la experiencia estética en el romanticismo inglés, Cuenca, Universidad Castilla-la Mancha.

KRACAUER, Sigfried (2004) From Caligari to Hitler, Oxford, Princeton University Press.

PRAZ, Mario (1999) La carne, la muerte y el diablo en la literatura romántica, Barcelona, Acantilado.

NAVARRO, Antonio José (coord.) (2007) American Gothic: el cine de terror de USA 1968-1980, San Sebastián, Donostia Kultura.