Armea: historia e lenda

Nun pobo situado no concello de Allariz (Ourense) chamado Armea, atópase un interesante conxunto histórico cuxa vista é capaz de facernos percorrer boa parte da historia do noso país. Dito conxunto pódese dividir en catro partes ben diferenciadas en canto ó que é visible, pero engarzadas por un fío deses que tanto abundan na nosa terra, unha lenda. A lenda de Santa Mariña de Augas Santas.
Conta a lenda que, no tempo da ocupación romana e gobernando o emperador Adriano, un mando militar das lexións encaprichouse cunha fermosa pastora local. A pastoriña, que era moi devota, tentou eludir as atencións do lexionario, pero vendo que este insistía, decidiu elevarlle unha pregaria á Virxe para que intercedese no seu favor. A pregaria foi atendida, e a Virxe obrou o milagre de (sempre segundo a lenda) facerlle crecer cabelos por todo o corpo. O lexionario non deixou por esto de pretendela e mandouna afeitar. Sen embargo a moza continuaba negándose, e vendo esta actitude o romano mandou decapitala e queimar o seu corpo.

IMG-20141018-WA0028
Neste punto preséntasenos o primeiro dos puntos históricos, os “Fornos da Santa”. Estes fornos son, en realidade, unha antiga construción castrexa consistente nun pequeno complexo termal, semellante ó que se atopa en Briteiros, Portugal. Esta construción foi probablemente ampliada durante o dominio romano. Posteriormente, a orde templaria impulsou a construcción dunha “basílica” pero quedou inconclusa, debido ó abandono das obras durante a decadencia da orde de monxes-guerreiros.

O primeiro que chama a atención son os anchos muros, que semellan propios da típica igrexa-fortaleza templaria, a súa anchura permítenos camiñar por eles con total seguridade. No interior do recinto atopamos un pequeno burato polo cal sacaron o cadáver da santa, e que servía probablemente como saída de fume da sauna situada no segundo nivel. A esta sección subterránea accédese mediante dúas portas laterais que actualmente, a pesar de levar abertas preto de sete séculos, atópanse pechadas con candados por orde do cura parroquial nunha clara inxerencia da igrexa no patrimonio cultural. É interesante reparar nas dúas bichas ou dragóns que dominan o acceso á sauna, así coma os cadaleitos de pedra que alí se atopan.

HPIM3168

Non moi lonxe dos “fornos” atópase a parte máis alta que do castro que, ata a chegada romana, dominaba o lugar. Atópase sen escavar pero as vistas son moi interesantes. Ó pé do promontorio atópase un conxunto de pías onde, supostamente ,enterraron o corpo queimado da santa. As pías atópanse custodiadas por un gran carballo.

Do outro lado do cumio existe un xacemento arqueolóxico que revelou unha serie de construcións romanas e un anaco de rúa ou calzada. Neste conxunto atopáronse numerosos muíños de man, cerámica, tégula (tella romana que xunto cunha capa de terra queimada suxire que o lugar puido sufrir un incendio ou ser arrasado) así coma o que se cree podería ser un forno. Cómpre observar o conxunto con calma para ver todos os detalles.

Por último, pero non menos importante, cabe destacar un interesante conxunto consistente nunha serie de escaleiras, bancos, pías e canalizacións labrado todo na pedra que conforma a elevación onde se sitúa. Os bancos están orientados a levante. Trátase dun conxunte moi enigmático e que paga a pena ver. Pódese dicir, en conclusión, que é un lugar de visita obrigada para os amantes da historia e da paisaxe. Ademais atópase a pouca distancia de Ourense capital e de outros conxuntos históricos e lugares que cómpre visitar como a igrexa de Santa Mariña de Augas Santas (a que si se finalizou e que se atopa preto) ou a propia vila de Allariz.

HPIM2901

*Manuel García Cabo (Ourense, 1996) Estudiante de segundo de bachiller. Entusiasta del legado histórico y cultural sin importar su lugar de origen. Las ganas de saber son lo que nos une y hermana, seamos de dónde seamos.