Kubrick e o antibelicismo: Sendeiros de Gloria

Fotograma dunha das esceas máis impactantes de Sendeiros de Gloria

 

Francia, 1916. O xeneral Broulard propón ao xeneral Mireau tomar a Colina das Formigas, unha posición inexpugnable, en 48 horas. Mireau oponse ao principio, pero Broulard lle asegura que o xeneral que o logre será condecorado cos máis altos honores. Mireau acepta e encomenda a misión ao coronel Dax, que sabe que non ten ningunha posibilidade de éxito. A misión é un fracaso. Cando Mireau ve a retirada dos seus homes, ordena disparar a artillería contra eles para obrigalos a seguir adiante. Para xustificar o seu fracaso, Mireau decide fusilar a tres soldados, escollidos ao azar, por covardía. O coronel Dax, reputado avogado na vida civil, pide ser el o encargado da súa defensa, pero o implacable engrenaxe militar non se detén.

En 1957, a escalada da Guerra Fría empezaba a causar certo medo e nerviosismo no mundo pola posible aparición dun novo conflito co recordo nada afastado da Segunda Guerra Mundial. Moitos cineastas empregaron a Primeira Guerra Mundial para mostrar o absurda que é a guerra. Foi o caso de ¡Armas ao lombo! (Charles Chaplin, 1918), Sen novidade na fronte (Lewis Milestone, 1930) ou A grande ilusión (Jean Renoir, 1937), que aportaron unha visión crítica contra a guerra e o estamento militar, contra unha contenda terrible que deixou Europa ao borde do abismo.  Stanley Kubrick, adaptando unha novela de Humphrey Cobb, ofreceu unha explosiva crítica máis antimilitarista que pacifista. A ponte sobre o río Kwai (David Lean, 1957) foi outra gran película do momento que cuestionaba os mandos do exército  e a guerra. Pero nin sequera esa chegou aos extremos de Sendeiros de Gloria. A película de Kubrick baséase nun feito histórico que ocorreu en Francia o 17 de Marzo de 1915, cando o xeneral Delétoile mandou fusilar a seis soldados escollidos ao azar por “covardía ante o inimigo”. Outro xeneral, Reveilahc, ordenou disparar a súa artillería contra os seus propios homes para que os soldados non retrocederan ante o ataque inimigo. Con estes feitos, Cobb escribiu unha dura mensaxe contra o exército e o seu alto mando.

tumblrmcyxznqcyn1qjxt2p

Dende o principio obsérvase unha clara disociación entre os homes que loitan dentro das trincheiras e os altos mandos militares; mentres uns malviven cunhas condicións hixiénicas pésimas, mal alimentados e mantendo un cara a cara coa morte tódolos días, os outros habitan en castelos con mobles estilo Luís XVI e tan só se teñen que preocupar polas condecoracións que aínda non teñen. Por iso, a vida do soldado ten menos valor para eles que o dun insecto. Perdidos e aterrados nas trincheiras, viven no inferno do que ninguén os rescata.

Paths of Glory

Os soldados son coma nenos. Ao igual que unha criatura quere que o seu paie se manteña firme , as tropas queren disciplina. E unha forma de manter a disciplina é fusilar a un home de vez en cando. 

Xeneral Mireau

A pesares da súa tremenda dureza, Stanley Kubrick intentou suavizar o final, mostrando un indicio de humanidade nos soldados, emocionándose ante a canción dunha muller de Alemaña. Susanne Christian, a actriz que interpreta a esa moza, casaría con director en 1958 e sería a súa terceira e derradeira esposa ata a súa morte en 1999.

A película, por suposto, foi considerada perigosa e tivo unha estrea bastante limitada. Francia a prohibiu ata 1975, por considerar que daba unha imaxe nociva dos homes que loitaran na Primeira Guerra Mundial; Alemaña a tivo apartada durante un par de anos e en España non chegou as carteleiras ata despois de once anos (que se di pouco) trala morte de Franco, en 1986. Sen dúbida, a razón de tantas restricións veñen do salvaxe retrato que realiza do estamento militar. Isto o observamos tanto nas trincheiras coma no tribunal., a pesar de contar coa defensa do coronel Dax, os soldados atópanse indefensos. Nin sequera se conserva unha copia escrita de todo o proceso. Os altos mandos non teñen unha conciencia que os atormente, só un peito no que cravar as súas novas medallas e bailes e festas de diversa índole que deben atender. Ante semellante falta de humanidade, Dax exclama: “Hai ocasións en que me avergoña ser membro da raza humana. E hoxe é unha delas”

Kirk Douglas interpretando ao coronel Dax