Tempo morto con Moncho Fernández

Alá polas aforas de Santiago divísase un edificio onde de cando en vez se ve arte. Non é a Cidade da Cultura. É o Multiusos Fontes do Sar. Depende se se alcanza a ver nun partido de baloncesto, de fútbol sala, ou en calquera dos eventos artísticos que alberga. Pois aí, nese lugar diriximos os nosos pasos e as nosas preguntas. Tras unha anterior interceptación á carreira, moi ben levada polo noso entrevistado, Noitábrega pode dicir que lle quitou uns minutos a Moncho Fernández para que respondese a unhas cantas preguntas.


  • Antes de meternos en materia, por que se prefire o fútbol?

Esta preferencia non ven de agora. Penso que o fútbol vai máis aló do que é o deporte propiamente dito. Cando daquela se falaba de que a relixión era o opio do pobo polo menos con este deporte parecen cambiar as tornas polo cal se cambia a relixión polo fútbol.

Normalmente o fútbol vese como o reflexo da túa pertenza a ese club, un reflexo de onde ti es, en resumo dunha cultura diferente. As rivalidades non veñen dadas so por introducir un balón de coiro nunha portería. ´Nas cores dese equipo o seguidor  ve algo máis que fútbol.

Ademais ten o éxito que ten porque é facilmente entendible. As regras  están practicamente intactas dende finais do século XIX.Tamén hai que ter en conta que en todos os lugares hai un equipo de fútbol.

Dito isto, é un erro comparar este deporte con calquera outro coma neste caso o baloncesto. Para min o baloncesto habería que comparalo co balonmán ou o voleibol, porque como xa dixen o fútbol desborda o que é o deporte en sí.

– Moitos outros deportes posúen máis emoción, táctica…

A emoción é un tema subxectivo,de aí que para a xente, en xeral, o fútbol claro que é moi emocionante xa que é seguido por un inxente número de persoas.

No que toca ao compoñente táctico é diferente, sobre todo, porque na maioría estamos a falar de exemplos de deportes que se xogan coas mans. Diferente porque o nivel de precisión ten que ser moito máis grande que cando se xoga co pé como principal extremidade. Pasando aos  deportes individuais , caso do tenis, existe un gran compoñente táctico, pero tamén de scouting, de espionaxe individual para saber como xoga o teu rival

En resumo debemos facernos a pregunta de por que un determinado libro, deporte ou película ten éxito. En primeiro, como xa dixemos, é algo subxectivo. Nunha segunda gran característica é que algo cando é moi complexo ou difícil de entender téndese a abandonalo ou a non seguilo. Para exemplo está o xadrez quizais o deporte co nivel táctico máis alto sendo por estas zonas un deporte concentrado en círculos pequenos, mais se nos vamos a certas culturas de Centro – Europa o xadrez é parte diaria de calquera persoa.

IMG-20150410-WA0007

Espero que cando se presente, en breve tempo, a fundación do club chamada Heracles sirva un pouco de sostén desa canteira.

  • En que estado se encontra o deporte base?

Debido a que me costa moito facer unha análise do deporte de base dunha maneira xeral a causa do meu descoñecemento centrareime no baloncesto e máis en concreto no baloncesto galego. Isto débese a que é onde teño o maior contacto e onde podo falar do que sei.

Moitas veces fálase da canteira e de por que non hai xogadores deste tipo no equipo do Obradoiro pero para este análise hai que ir por partes.

Primeiro, o número das licencias de xogadores que se dedican ao baloncesto no Estado e en particular en Galicia é moi alto. Por outra banda, para que saían xogadores de elite fan falla dúas cousas; cartos e tempo. Cartos,  para poder inverter en adestradores que dean saída a ese talento, xa que no caso do baloncesto, aínda que non é básica o tema altura é moi importante da maneira na que se xoga. Na segunda característica o tempo é necesario e inevitable para que eses talentos saían adiante.

Agora mesmo en Galicia non hai esa estrutura tan importante onde detrás estea un club de elite para que por exemplo non se marchara Jonathan Rodríguez ao Real Madrid ou Carlos Martínez  ó Baskonia.

Aquí o Obradoiro está a dar pasos nese sentido. Espero que cando se presente, en breve tempo, a fundación do club chamada Heracles sirva un pouco de sostén desa canteira. Será tamén onde converxan os esforzos económicos e técnicos para que algún día poidamos dar cabida a eses talentos galegos co fin de que poidan xogar aquí.

– Hai apoio suficiente?

Este apoio ten relación directa cos cartos que se lle dedican ao primeiro equipo. No caso do Obradoiro vese nunha situación anómala. Unha situación onde fai 6 anos, tras 20 anos de diáspora se encontra, de repente cun ditame xudicial que di que hai que depositar X cartos e facilitar certa documentación para poder xogar na Liga Endesa. O que se fai, ante tal necesidade, é comezar a construír a pirámide deportiva pola punta, polo primeiro equipo.

A partir de aquí vai aparecendo o público, a canteira etc. O equipo descende pero agora levamos uns catro anos seguidos afianzándonos na máxima categoría. No momento no cal a pirámide ten a punta asentada e hai un grupo social que nos seguen moi de preto é o momento de empezar a construír a base.

No que se refire ao investimento nunca é suficiente. Non so para a base senón tamén para o equipo de elite. Hai que pensar que temos unha realidade dun equipo moi humilde, con poucos medios e un orzamento de entre os tres máis pequenos da liga. Isto é verdade, pero ás veces máis que as verbas o que mellor ilustra este comentario e a miña propia experiencia:

Como algúns saben eu son compostelán sendo o colexio onde eu estudaba moi “basqueteiro” se se me permite o “palabro”. Tiña antes de que o Obradoiro estivese na elite da Liga Endesa dous equipos de minibasket. A día de hoxe ten doce equipos deste deporte. Pasaron duns vinte rapaces/zas a uns cento vinte que queren xogar ao baloncesto. Isto débese a que Corbacho xoga no Obradoiro a que Levon Kendall xogou aquí. Dou estes nomes pero podía dar o nome de todos os xogadores.

– Como ve o panorama do baloncesto en Galicia ?

Con respecto ao baloncesto en Galicia debo dicir que goza de boa saúde sendo un dos deportes máis xogados tanto na versión masculina como na feminina.  Se lle botamos unha ollada a elite vemos moitos equipos. Destacan o Obradoiro na Liga Endesa, o Breogán e o Ourense pelexando por ascender á Liga Endesa dende a LEB Ouro onde tamén está o Coruña. Na LEB Prata destacan o Mari Peixe Galego e o Cambados e por suposto que non se me esqueza dos equipos da Liga EBA ou Liga Española de Baloncesto Amateur.

Prefiro o termo de afección obradoirista antes de o termo de afección santiaguesa. O por que ven dado de que case o 35% dos abonos proveñen de fóra de Santiago.

  • Como se fai para que a afección santiaguesa estea tan compenetrada co equipo?

Hai que emocionar e estimular á xente por unha sinxela razón. As persoas fan un esforzo enorme por ter o carné ou o abono do Obradoiro, xa que o noso abono é un dos máis caros da liga. Nos tempos comprar ese abono xa é un feito a ter moi en conta. A segunda razón para estimular é que o 33% do orzamento do Obradoiro depende dos cartos que paga a súa xente, de aí que sexan fundamentais. Nós, dende o equipo, temos que emocionala.

Aínda así, está claro que se está afección foi escollida tanto pola Liga Endesa como pola revista “Gigantes” de baloncesto por algo será. Ese algo significa o “Miudiño,” significa que cando peor marchan as cousas máis están aí. Falo polas derrotas máis dolorosas que é cando máis animan. Isto fai que un xogador simplemente dea o mellor de sí. Para a nosa xente gañar claro que é importante, non vamos a mentir, pero igual de importante é que os que levan as camisolas sintan as cores. Neste tema máis que pertenza a Galicia ou Santiago, sentir as cores, para min é sinónimo de pelexa¡, de entrega, de sacrificio…

Para rematar cabe mencionar que prefiro o termo de afección obradoirista antes de o termo de afección santiaguesa. O por que ven dado de que case o 35% dos abonos proveñen de fóra de Santiago.

IMG-20150410-WA0011

  • Como ve a norma de que un adestrador da ACB non poida adestrar a selección española, segundo a norma da ACB de 1990? Si que poden se se encontran noutro país, ou se están na ACB e adestrar a outra selección.

É algo que se está a debater. O primeiro que hai que saber é que foi unha decisión dos adestradores, xa que moitas veces se culpa a entidades coma a ACB. A Asociación Española de Adestradores de Baloncesto ou mellor dito o sindicato de adestradores decidiu que se incorporara nese convenio a premisa de que quen adestrase na ACB non o podía facer co equipo nacional.

Obxectivamente eu non lle vexo o problema. O que vai a levar é que moitos clubs, o día que rache  a norma, porque vai a rachar, incorporaran nos contratos a renuncia dos adestradores a adestrar á Selección de España. É tan sinxelo coma isto.

– Segundo as palabras do Presidente da Federación no mes de abril dixeran que desvelarían o nome do adestrador de España.

Descoñezo as verbas do Presidente da Federación. Se eles o din pois o farán, porque seguro que xa o teñen decidido, como xa o fixeron das outras veces. Seguro que atoparán unha persoa axeitada para dirixir á Selección.

  • Seguindo no mesmo tema que prefería, adestrar a selección galega (se houbese) ou á española?

É unha pregunta que non ten sentido. É como se me preguntaran se prefiro xogar ben ou gañar pero normalmente cando gañamos e porque xogamos ben.

Volvendo á pregunta. Adestrei á selección galega na categoría cadete debido a que naquel momento era a categoría máis alta que existía. Como podedes entender foi unha honra incrible adestrala. Neste sentido a mesma honra me suporía se nun futuro se dese a posibilidade de adestrar á Selección española.

Hai unha filosofía que compartimos… de Obradoiro que significa “lugar onde se traballa. É logo… o noso berro por excelencia… é: “TODOS XUNTOS”

  • Como fai para que cada temporada consiga un grupo tan competitivo, renovando fortemente o equipo?

Os éxitos cando se acadan, así como en xeral, a tarefa que rodea a un equipo de baloncesto no é un traballo realizado por un so. A xente pódese preguntar como fai o adestrador ou o Obradoiro en xeral para estar onde están. Aquí vese a tarefa de moita xente.

Primeiro é grazas a construción do equipo na que se implicou moita xente. Isto pasa pola Dirección Xeral ou a Dirección Deportiva xa que hai un orzamento polo cal non nos podemos pasar se queremos que o club teña viabilidade.

Logo hai unha filosofía que compartimos todos aqueles que formamos parte do club. Para nós a filosofía ven marcada polo propio nome de Obradoiro que significa “lugar onde se traballa.” De aí que non queremos xente que non cumpra isto.

E logo como sabedes o noso berro por excelencia, con maiúsculas, é: “TODOS XUNTOS.” Isto é moi indicativo do que queremos. Todos traballamos na mesma dirección, todos queremos os mesmos tipos de xogadores e todos remamos no mesmo aspecto. Todos sacamos a bandeira dos éxitos cando se producen porque se fai conxuntamente.

– Conseguiría a mesma proporción de éxito adestrando a un equipo grande?

Primeiro habería que dicir que é un equipo grande e un pequeno. Supoño que falades de equipos coma o Real Madrid Barca, Baskonia Unicaja, por falar do que posúen un orzamento máis elevado, xa que para nos con manternos.

 No tema de adestrar, pois habería que vivir as características propias do equipo en cuestión. Cada un ten os obxectivos que debe ou quere cumprir. Aínda así, non creo que dista moito do que estivemos a falar, é dicir, todos na mesma dirección, traballando etc.

– Neses grandes equipos están os xogadores máis famosos, os mellores, máis relevantes… non habería unha forte loita de egos?

En calquera organización punteira case sempre están os mellores, pero estes mellores normalmente non o son so por unha calidade técnica senón que tamén  o son por unha calidade táctica. Os mellores saben que cando xuntan as forzas con outros do seu estilo son moito máis bos que os mellores que xogan de forma individual.

Neste punto o adestrador debe contrarrestar ou aproveitar ese ego, porque non sempre ego é sinónimo de algo negativo. Aínda así penso que se os xogadores profesionais non tivesen un punto de egoístas non chegarían tan lonxe como chegan.

Por último hai que entender que a loita de egos non é exclusivo dos equipos deportivos senón que aparece en calquera actividade humana.

IMG-20150410-WA0009

O que moitos… ven como un tiro precipitado e exclaman algo así como “Mira o que vai facer este! pois, resulta que para Corbacho é un tiro doado…”

  • Que fai con Corbacho, adecuase ao sistema ou déixao un pouco por libre, sabendo que pode desestabilizar un partido, ofensivamente?

Neste apartado o adestrador éo que ten que encontrar, dentro dun sistema xeral, da filosofía tanto ofensiva como defensiva de cada quen o espazo para o talento.

No tema de Alberto presenta un talento especial que non vou eu a descubrilo agora. Ese talento é o lanzamento do cal intentamos sacar proveito. O que moitos, dende fóra, ven como un tiro precipitado e exclaman algo así como: “Mira o que vai facer este!” pois, resulta que para Corbacho é un tiro doado, que coma todos pode ou non meter.

Temos que ter en conta que estamos a falar do mellor anotador do equipo e un dos mellores lanzadores na liga. Eses tiros que poden parecer fora de lugar é debido en parte a certas defensas durísimas que o equipo se ve sometido nalgunhas ocasións.  Aquí Alberto ten a capacidade de anotar no momento no cal non se espera.

– Vostede foi o que explotou a Rafa Luz?

Cando falamos cos xogadores para que veñan aquí, ao club, e para que nos axuden nos nosos obxectivos. A súa vez, nós tamén lles axudamos a conseguir os deles, que moitas veces pasa por medrar, por crecer como xogadores.

No caso de Rafa Luz todo o que conseguiu e grazas ao seu esforzo.  É un rapaz moi intelixente, moi traballador con mellores e peores momentos, coma calquera outro xogador, pero está moi pendente en aspectos como son o sacrificio e a entrega.

  • Con que momento se quedaría de toda a súa traxectoria como adestrador?

Non podo escoller un so. Sempre hai bastantes momentos cos que quedar tanto como adestrador profesional como outros moitos que me aconteceron como adestrador amateur, que son tan importantes coma os primeiros

– Cal é o mellor xogador que adestrou e cal e o que máis lle gustou adestrar?

Tamén é moi difícil de responder. Habería que catalogar o que significa ser o mellor, é dicir, o máis dotado tecnicamente, o que aporta máis para que un equipo logre o seu obxectivo, o mellor compañeiro.  Dito isto, adestrei a grandes xogadores e por poñer un exemplo está Charlie Bell. Tiven a sorte de adestrar a este gran xogador cando era adestrador – axudante no Breogán .

Para o xogador que máis me gustou adestrar a resposta é a mesma. Foron moitos os que me gustaron adestrar. Pero aquí débese ter en conta que pasas como mínimo un ano da túa vida (con algúns máis) compartindo cousas que ao final fante ver máis ala do xogador que pasa a un segundo plano. Ves unha persoa  e como se entrega, mediante o sacrificio ou a loita, no seu traballo. En resumo, que me custaría dicir un so.

– Obxectivamente, cal é o mellor xogador da Historia?

Para min, Michael Jordan.

IMG-20150410-WA0005

  • Como vive un adestrador dun equipo modesto a dominación Madrid – Barca?

Vívese cunha naturalidade da vida onde todo non é idéntico. Poñamos un exemplo doutro campo. Neste sentido é o mesmo que  dicir como o director dunha X empresa vive a situación, no sector automobilístico, de dominación ou de éxito de BMW ou de Mercedes.

Un ten que ser o mellor posible para con un mesmo. Non so te debes comparar cos grandes porque non so compites contra eles senón que tamén te debes comparar contigo mesmo. O que hai que facer é sempre mellorar nun mesmo.

A día de hoxe a diferenza de orzamentos entre Madrid – Barca e os resto dos equipos é moi grande. Isto fai que teñan os mellores xogadores e polo tanto nunha liga de 34 partidos o máis habitual e que acaden as posicións máis altas. Pero non so é en referencia á competición “doméstica” senón que tamén trunfan na competición europea.

  • Como e canto hai de influencia de Moncho López na súa forma de adestrar?

Moita, moitísima foi a súa influencia.  Moncho foi aquel que me dou a alternativa de adestrar no baloncesto profesional. A miña carreira no mundo profesional comezou a súa beira, aínda que xa o coñecía de antes.  Podo dicir que coñezo a pouco adestradores tan intelixentes, boas persoas e traballadores coma o é Moncho López.

No caso dos adestradores non temos futuro, temos presente. Debemos vivir o presente como mellor poidamos…

  • Que motivos o achegaron a ser adestrador?

Achegoume o amor polo xogo. Gústame moito o deporte e en particular o baloncesto, do cal son un amante. Aínda por riba de ser a miña profesión e tamén un dos meus hobbys.

O meu contacto co baloncesto pois foi por casualidades da vida, se é que existen. Con dezasete anos un grupo de rapaces do meu barrio que querían xogar ó baloncesto non tiñan adestrador. Preguntáronme se quería ser o seu adestrador  e, dende entón ala van xa 28 anos.

– Deixarao algunha vez e comezara a docencia?

Véxoo difícil deixalo. No caso de que deixe de adestrar nunca deixarei de ser adestrador debido a que existen certos paralelismos entre adestrar e ensinar.

– Como ve, no seu caso, o futuro de adestrador?

No caso dos adestradores non temos futuro, temos presente. Debemos vivir o presente como mellor poidamos. Se o presente nos vai ben o futuro ten máis posibilidades que vai tamén ben. Hai que gozar das oportunidades que a vida nos da e iso é o que estou eu a facer no Obradoiro, onde por outra banda aínda me quedan dous anos máis de concreto.

IMG-20150410-WA0010