As Cruzadas (II): O Islam

“Cantos se informaron sobre os frany viron en eles a alimañas,

que teñen a prioridade do valor e do ardor no combate, pero ningunha outra,

o mesmo que os animais teñen a superioridade da forza e da agresión”

Usama Ibn Munquidh (1095 – 1188)

O prometido é débeda. Tedes ante vós a segunda parte do artigo sobre as Cruzadas. Neste caso tócalle ó Islam. Aínda que pareza mentira os “bos e santísimos” cristiáns –cruzados tiveron con quen pelexar mais parece que se esquece cando se fala das Cruzadas. Pobos, etnias, zonas xeográficas diferentes integran o mundo musulmán que os cidadáns de a pé confundimos erradamente este termo co termo árabe. Intentaremos na medida do posible mostrar a evolución ata o século XI do Islam, as concepcións destes con respecto aos cristiáns cruzados e deixar ver algún exemplo segundo os seus, ou outros, cronistas do acontecido na I Cruzada. Ben, pois sen máis dilación collamos o noso Delorean particular que é a Historia e comecemos.

Todo xorde na cova do monte Hira cando o arcanxo Gabriel revela a Mahoma o mensaxe de Allah. Entre a predicación a héxira da Meca a Medina a súa volta e a posterior morte no 632 o Islam alcanza toda a P. Arábiga.Baseábase no sometemento absoluto ao islam ou poder divino con certas normais como o xaxún no ramadán o zakat ou esmola legal, peregrinar polo menos unha vez á Meca…A súa predicación está recollida tanto no Corán, libro sagrado e código de leis da comunidade islámica (umma), como na Sunna  onde se recollen as andainas e ditos de Mahoma.

Mohammed_receiving_revelation_from_the_angel_GabrielMahoma recibindo a revelación do arcanxo Gabriel. Jami’ al-Tawarikh ou Compendio de Crónicas por Rashid al-Din (1247–1318) en Tabriz, Persia 1307. Conservada na Biblioteca da Universidade de Edimburgo, Escocia

A Mahoma o suceden os chamados catro califas “ortodoxos” e é coa morte do último destes, Alí, cando se produce a grande división do mundo do Islam entre sunnies e chiíes. De maior proporción a primeira levaban a súa conduta polo senda do Corán e do exemplo do Profeta buscando no califa, a cabeza da umma, esa conduta. A segunda rama vía en Alí o primeiro califa lexítimo e polo tanto os seus sucesores ou imáns debían rexer a umma por inspiración de Allah.

Ata os tempos das Cruzadas,  houbo outras dúas épocas; a omeia (661 – 750) de influxo sirio- bizantino, onde o elemento árabe era o predominate  e a época abbasí (750 – 1258) de influxo sasánida, onde o poder do califa no XI era nominal. Quen realmente gobernaba, nesta segunda etapa, eran os emires –al maras, especie de mordomos de palacio, amén de bandas de escravos turcos recrutados para o exército e que controlaban amplas áreas. Con todo isto o mundo islámico ou dar al-Islam estendíase dende a P. Ibérica ata o mar de Aral e o actual Kazajistán.

Nun resumo moi amplo a economía básica en época omeia era e agricultura mentres que na abbasí a cidade coas súas actividades gañáballe terreo. As actividades tendían a intercambios, redistribucións de produtos, ademais de ser un motor da economía rural máis próxima. Existía unha forte actividade e regulamentación do mercado amén do traballo artesanal pero non chegaron a conformarse ó estilo dos gremios europeos. O que había era un gran comercio que utilizaba rutas de caravanas unindo así o Crecente Fértil coas civilizacións mediterráneas.

En termos sociopolíticos a grandes trazos os non musulmáns ou dimmies debían percibir un imposto persoal ou yizía, mais eran beneficiarios dun trato de tolerancia. Eran aqueles denominados como xente do Libro (cristiáns, xudeus e zoroastros persas). Con respecto aos novos musulmáns ou mawali (clientes) os árabes  sempre os consideraban como musulmáns de segunda. Faltan os escravos*, eses  seres que nin Deus nin Allah se acordan deles. No Islam existían e en cantidade considerable. Aínda que o Corán asegura a liberación como sino de piedade, ao igual que os cristiáns, os musulmáns suavizaron a condición escrava pero sen formular, en termos xerais, a súa abolición.

Andando no tempo, disgregación e loitas internas serían os sinónimos do Islam no XI. En vésperas da I Cruzada, había dúas zonas diferenciadas no lugar de acción dos cristiáns.

Por un lado estaban os turcos selyúcidas provintes do este que entre 1050 e 1070 chegaron de forma masiva. Aseguraron o seu poder  e influencia trala batalla de Manzikert (1071) contra os bizantinos. Había tres ramas principais de poder. Unha na zona do actual de Irán Irak, que posuía gran influencia no Levante, outra en Siria e unha rama de turcos en Anatolia.

Polo outro estaba o califato fatimí (909 – 1171) da rama chiita fundada en Túnez por  Abdullahal – MahdiBillah. Este revelouse como madhi ou herdeiro de Ismail, o último imán** visible segundo os fatimíes. Coa conquista de Exipto no 969 alcanzaron o seu apoxeo. Grazas a isto acumularon grandes riquezas ao ser una posición intermedia entre Oriente e Occidente. En 1099 Xerusalén estaba baixo a súa órbita tras vaivéns cos turcos selyúcidas. Esta banda do Levante mediterráneo era a zona de conflito entre ambos. O máis salientable neste tempo foi a creación da seita dos asasinos. Estes recoñecían ó fillo do falecido al-Mustansir como auténtico califa e non, tras numerosos desordes, a al-Fadal, fillo do visir do seu pai. Foron un elemento de desestabilización con asasinatos contra caudillos sunníes e cristiáns no XII.

779px-Carte_de_la_premiere_croisadeMapa das numerosas Cruzadas. Tamén mostran o fragmentado mundo do Islam

Metámonos agora nas ideas preconcibidas que os musulmáns posuían de Europa Occidentale dos cristiáns. Eran variadas e, a maioría, negativas. Hai que dicir que os cristiáns tiñan as mesmos prexuízos negativos, pois dende aquí non vamos a enarborar a bandeira do anti– Islam. Pódense resumir en tres; falta de hixiene, de sabedoría e de moral.

O primeiro deles baséase nos estritos rituais de purificación que o Islam ofrece aos seus crentes. Eran tres elementos considerados particularmente impuros e asociados á Cristiandade; o viño, o porco e os excrementos. Como exemplo destaca a descrición do musulmán español Ibn Yubair (1145 – 1217) das cidades cristiáns catalogándoas como fedorentas e cheas de sucidade (cousa preto á realidade). Ademais, algunhas fontes aseguran que o mihrab da mesquita da al-Aqsa foi utilizado como porqueira, mais non se sabe a ciencia certa.

Nos outros dous aspectos destácase a inmoralidade mediante un trato groseiro e a falta de orgullo viril. Un orgullo representado no pouco celo existente con respecto ás súas mulleres deixándoas incluso falar con outrots homes na rúa. Pola contra, a falta de sabedoría representábaa Usama Ibn Munquid (1095 – 1188) no exemplo  dun médico cristiá que ante un absceso fixéralle cortar a perna da persoa sen vacilar, polo cal, morreu.

No que respecta ao choque entre relixións destaca a concepción de politeístas que os musulmáns vían nos cristiáns. Era unha concepción a causa da Santísima Trindade. Ademais non entendían como o Fillo de Deus veu ao mundo tralo parto dunha muller.

Tamén aínda que pareza imposible había valoracións positivas, mais eran valoracións de forma individual non ao conxunto dos cristiáns e, neste caso, dos Cruzados en particular. Eran vistos como seres fortes, valorosos, cunha gran capacidade militar refletido no cabaleiro – cruzado. De igual modo lles sorprendía o fervente desexo relixioso dos cruzados xustificando así, a chamada á unidade.

Por último compre analizar o primeiro gran choque entre ambos “mundos.” A permanencia cristiá ata 1291 a pesar da gran inferioridade numérica  so se pode explicar por dous motivos. Un é gran rede de construcións de castelos polo cal se podía defender dun gran exército con un mínimo número de homes (non se vai a entrarneste tema) e a outra, e a máis importante,  a forte división interna, xa apuntada, do Islam.

Comecemos neste intento de explicación do choque por asegurar que os cronistas árabes da época non falan de cruzadas senón de guerras ou invasións francas. Debemos puntualizar que os cruzados eran denominados francos, frany, con múltiples acepcións segundo períodos ou rexións.

Ademais, poucos musulmáns consideraban relevantes a entrada dos cruzados (ou francos) nos seus territorios. Esta despreocupación viñan dadas de que os francos non lles eran descoñecidos. Visitaban os seus territorios en forma de peregrinos con dirección a Palestina ou de mercenarios de pesadas armaduras loitando nas filas dos bizantinos. Un exemplo é o de Roussel de Baiullel. Un destes mercenarios que uns 20 anos antes da chegada dos cruzados creara un Estado autónomo en Asia Menor chegando a marchar cara Constantinopla, pola cal esta lle pide axuda ao turco selyúcida Suleiman.

Hai que pararse un momento na concepción que tiñan de Bizancio. Os bizantinos autoproclamábanse como herdeiros do Imperio Romano co termo de rum (romanos). Así pois, os musulmáns recoñecen este termo e, incluso, o dominio conquistado polos turcos selyúcidas aos bizantinos vaise coñecer como o sultanato do Rum.

Poñéndonos un pouco en situación, nos mes de xullo de 1096, o cativo sultán turco Kiliy Arslan, que posúe gran parte de Asia Menor de maioría bizantina, coñece unha nova preocupante. En Constantinopla estanse a reunir occidentais (francos, franys) en masa. Calculan, cando xa cruzan o estreito do Bósforo, unhas decenas de miles que a ciencia certa non saben a onde se dirixen. Estes franys parécense moi pouco aos visto con anterioridade. Co exército, viaxan mulleres, nenos e vellos, polo que aos turcos lles parecen máis uns exiliados que un exército. O que si lles chama a atención é a cruz, feita de tiras de tela, que levan ás costas. Será un símbolo a ter en conta contra os cristiáns xa que por exemplo Saladino captura un fragmento da Vera Cruz.

Este sultán de dezasete anos pelexa cos dous continxentes de cruzados chegados a Oriente con resultados dispares. O primeiro encontro coa chamada cruzada dos populares foi un éxito, en termo xerais, conxugando en Civitot emboscada, axuda da árida zona e a despreocupación dos cruzados. Destrúen o campamento e segundo Maalouf exterminan a uns 20.000 e sálvanse entre 2.000 e 3.000 homes, sendo as mozas repartidas entre emires ou vendidas como escravas.O segundo encontronazo coa cruzada dos cabaleiros moito mellor preparados é desastroso. O sultán, en abril de 1097, desviado en loitas no seu territorio chega para ver como  cae Nicea.

Visto o primeiro gran enfrontamento, achegámonos a política de exclusión levada a cabo en Antioquía en outubro de 1097 polo sultán Yaghi Siyan. Esta política era para os cristiáns, máis estes seguían o ritmo de Oriente. Aínda así sentían un dobre presión; para os occidentais mostraban simpatías cara o Islam e para os Islam eran aliados nas súas terras dos invasores. Polo tanto era un temor ante a traizón , temor a que os frany tivesen un cómplice no interior, xa que o sultán confiaba plenamente nas fortificación de 2 farsaj, uns 12.000 metros de longo, cunhas 360 torres. Hai que dicir que moitos destes cristiáns actuarán como espías para asegurar a seguridade das súas familias  que se encontraban dentro da de dita cidade.

Cruzadas ejecuciones  biblioteca nacional de Francia XIII Siria

Tafurs. Siglo XIII. Biblioteca Nacional de Francia.

Destacamos tamén o espectáculo que os musulmáns contan do sitio da cidade siria de Maarat. Resumindo moito, parece que aos cruzados non lle desagradaba a carne dos habitantes.  Ampliando á perspectiva vemos unha cidade asediada, duns 10.000 habitantes pero so cunha pequena milicia. Tras certa loita acceden a promesa de Bohemundo de perdoarlles a vida se se retiran de edificios estratéxicos.  O resultado é un incumprimento do pacto chegando ao nivel de pasar a coitelo a todo ser bípede. O estraño ven trala matanza. Parece que había fame pero non comida así que como menciona o cronista franco Raúl de Caen; En Maarat, os nosos cocían a pagáns adultos nas cazolas, ensartaban aos nenos en espetos e comíanos asados. Máis este canibalismo seguindo a Maalouf achega, sen contar coa fame, un acervo de fanatismo xa que hai descricións de bandas de cruzados ou tafurs pola zona que suspiraban por carne humana. Cando conseguían ese raro botín desfrutábano, pola noite, á beira dunha fogueira. Este autor destaca a seguinte frase significativa do cronista Alberto de Aquisgrán: Aos nosos non lles repugnaba comerse non só aos turcos e aos sarracenos que matarán senón tampouco aos seus cans!

Rematamos esta pequena excursión en Xerusalén entre xuño/ xullo do 1099. Será ben ter en conta a matanza e a visión dos musulmáns da fervente relixiosidade dos cruzados.

No tocante á segunda destácase a perplexidade do comandante da guarnición fatimí da cidade, Iftijar. A pesar de ser devoto musulmán no concibe como os frany cando chegaron as portas da cidade, en vez cavar trincheiras ou construír torres de asedio, o primeiro que fixeron foi unha procesión encabezada polos rezos e cantos dos sacerdotes.

Polo lado da matanza, os frany tras uns 40 días de asedio entraron na cidade. Aquilo debeu ser coma todas as películas de Tarantino xuntas. Espadas en man non distinguiron nin idades, nin sexos , nin tamaños. Non desprezaron a ninguén. Os poucos que sobreviviron, foron os encargados da tarefa de trasladar os cadáveres a unha pila para queimalos.  Estes podían ou ben morrer, ou ben ser vendidos coma escravos. Os únicos que conseguiron salvocondutos foron os restos da guarnición que loitaba na torre de David. O mesmo lle ocorreu as outras relixións do Libro; os xudeus foron cercados e queimados vivos no seu barrio ou xudería e os cristiáns que gardaban o Santo Sepulcro e a Vera Cruz torturados. Os que conseguiron fuxir, segundo Ibn Yubair, non volverían ás súas casas ou cidades ata a marcha dos frany, espertando para isto a conciencia dos seus irmáns. Un dato destes refuxiados foi que lograron levar a Damasco o Corán de Othman, un dos máis antigos do mundo.

Counquest_of_Jeusalem_(1099)“Toma de Xerusalén polos cruzados, 15 de xullo de 1099,” Émile Signol (1804-1892).

Como punto é final cabe dicir que no século XI a tan famosa yihad non era máis que un lema que acuñan os señores en apuros. Os demais debían de ver un intres persoal para acudir na súa axuda. Ademais polo menos durante a I Cruzada non hai unha causa común, ningún dirixente salvo que estivesen enfrontados aos frany non se sentían atacados. É máis, hai dúas yihad, unha grande de loita interna contras as debilidades e a máis utilizada, e unha menor, para unha extensión do Islam.

Non nos deitaremos sen saber unha nova cousa.

*Os escravos eran non musulmáns, que non profesaban o Islam. Nunca, no Islam, podería haber escravos musulmáns

**Imán: persoa que dirixe colectivamente a oración no Islam. No chiísmo asume tamén os cargos de xefe supremo da comunidade.

BIBLIOGRAFÍA:

CLARAMUNT, Salvador, PORTELA, Ermelindo, GONZÁLEZ, Manuel, MITRE, Emilio, Historia de la Edad Media, Ariel (Planeta S.A.) Barcelona, 2014.

JASPERT, NiKolas, Las Cruzadas, Ed. Universitat de València, 2010.

MAALOUF, Amin, Las cruzadas vistas por los árabes, Alianza Editorial S.A., Madrid, 1996.