Máis alá (Sobre a Balsa da Medusa)

Le Radeau de la Méduse (1819). Óleo sobre lenzo. Museo do Louvre, París.

Cando tiven a sorte de presenciar por primeira vez A balsa da Medusa no Museo do Louvre só tiña 16 anos. O cadro chamoume a atención dende o principio. A escena non só fala do presente, senón que tamén sinala os dramáticos acontecementos que tiveron lugar na balsa. Os nosos ollos percorren un por un os rostros dos superviventes. Vemos desesperación e resignación, pero tamén ansia e esperanza. A miña mirada dirixíuse ao borde da balsa que estaba máis preto de min, na parte inferior do marco do cadro. Pareceume unha invitación do pintor a entrar na súa creación, a introducirme por completo nela e ser partícipe do dramatismo que alí se representaba. Cando un indaga por primeira vez na procura de información sobre a obra descobre un sorprendente e marabilloso trasfondo: A Balsa da Medusa é unha auténtica crónica histórica e política do seu tempo. Viaxemos…

Estamos en 1815. Napoleón foi definitivamente derrotado e os potencias inimigas do emperador francés respiran aliviadas. En Francia, os Borbóns retornan ao país despois de case dúas décadas da execución de Luis XVI na Revolución francesa. Pouco despois do comezo desta nova etapa do país, en Xullo de 1816 a fragata A Medusa bótase ao mar xunto cunha pequena flota dende a illa de Aix, moi preto de Burdeos. O seu destino é Saint-Louis (cidade de Senegal) e o obxectivo é poñer orde nas posesións francesas de África que os ingleses acaban de devolver tralo fin do conflito. Por esta razón, a tripulación  está composta por militares, funcionarios, colonos e científicos. Ao mando deste barco estaba un antigo exiliado que pertencía aos círculos ultramonárquicos: H. Chaumareys, un oficial de mariña levaba vinte anos sen navegar.

Luis XVIII de Francia no seu estudio das Tullerías, por François Pascal Simon Gérard. Con el restaurábase a monarquía borbónica no país.

Cando saen do porto todo vai con normalidade, pero o capitán non tarda en dar un auténtico recital de erros. Para comezar, A Medusa afástase do resto dos barcos da expedición e inicia a súa aventura en solitario. Os oficias que están a bordo comezan a darse conta de que están nas mans dun incompetente. Isto confírmase no segundo acto. Chaumareys non sabe ler os mapas e ignorando os consellos dos seus homes, remata por introducir o barco en zonas de augas pouco profundas cando xa estaban a altura de Mauritania. Acontece o inevitable, o barco embarranca o 2 de Xullo. Para rematar a faena, comeza unha tormenta que danará gravemente ao navío.

A tripulación estaba composta por preto dunhas 400 persoas, cando o naufraxio xa é un feito, Chaumerys é un dos primeiros en subir aos botes salvavidas. Mentres isto ocorre, 150 persoas bótanse sobre unha balsa improvisada de 15 por 8 metros. Nun principio, a balsa é remolcada polos botes. Sen embargo, vendo que resulta unha carga, o capitán ordena que se corten as amarras e os ocupantes quedan a mercede do mar.A balsa converteuse dende ese momento nun verdadeiro inferno e sucedéronse unha serie de escenas brutais de loita polo reducido espazo. Na primeira noite morreron vinte persoas. Na segunda, os que estaban provistos de armas mataron a preto de 65 compañeiros. Unha semana despois só quedaban algúns superviventes da barbarie. Varios deles estaban enfermos ou gravemente feridos, así que trece deles foron arroxados ao mar. A sede e a fame facían máis estragos a medida que pasaba o tempo e comezaron a beber auga salgada e ouriños. En canto a comida, a caixa de galletas que se conseguira salvar da fragata apenas durou un día. Non se tardou en recorrer ao canibalismo, cortando a carne dos mortos en tiras e poñéndoa a secar ao sol para despois comela.

 Tras estar case dúas semanas perdidos na inmensidade do mar, os últimos 15 superviventes avistaron un barco ao lonxe. Tratábase dun dos barcos que formaba parte da expedición. O capitán Chaumerys enviábao para recuperar algúns materiais que se puideran sacar do barco sinistrado. Dende logo, non esperaba que aqueles pobres desgraciados aos que abandonara puideran seguir con vida. Quizabes, se soubera o que se aveciñaba a continuación, non tería enviado aquel barco. Dous dos superviventes, o enxeñeiro Corréard e o cirurxián Savigny,publicaron no ano 1817 Naufrage de la frégate La Méduse, unha obra que recolle as atrocidades e as escenas de desesperación que tiveron lugar na balsa. Pero tamén se reflexaba nela a neglixencia e o lamentable comportamento do capitán. Francia estremeceuse e comezaron a difundirse gravados e panfletos que describían a historia con todos os detalles. Os liberais apoiáronse neste episodio para atacar ao réxime da Restauración, que tivo que facer dimitir ao ministro de mariña e xulgar a Chaumareys nun consello de guerra que o atopou culpable, sendo condenado a tres anos de prisión.

Exemplar de 1818 do relato escrito por Corréard e Savigny.

Neste ambiente de indignación e axitación política, o xoven pintor Théodore Géricault está poñendo en marcha a súa imaxinación artística para comezar a que será unha obra mestra. Cara a súa cabeza veñen imaxes do drama que aconteceu na célebre balsa, pero non se conforma con iso. Coa enerxía que o caracteriza, ponse a traballar de maneira exhaustiva na preparación do cadro. Os dous superviventes e autores do relato do naufraxio son interrogados polo mozo de 28 anos, ávido por obter información ao detalle para que os elementos básicos da escena que vai pintar sexan históricamente exactos. Despois, retrata a estes dous homes para que figuren na representación e comeza así a traballar en cada unha das figuras ao detalle. Houbo un home negro que tivo un papel moi importante na balsa (discutíase na época a emancipación dos negros), así que estivo debuxando varios modelos para esta personaxe.  Empregou de modelos a varias persoas, como o seu gran amigo e célebre pintor Delacroix.

Géricault, como outros tantos artistas, sentía unha grande admiración polo mestre Miguel Anxo en canto tivo a oportunidade de contemplar a Capela Sixtina. Non é unha sorpresa que amose unha clara influencia do artista florentino nos tratamentos anatómicos. Acudiu aos hospitais de París para estudar aos enfermos e aos moribundos. Estudou as cabezas, os brazos e as pernas retorcidas de presos axustizados.  Viaxou as costas de Normandía para tratar en persoa co mar e fíxose construír unha balsa para observar o seu movemento sobre as ondas.

Detalle do Xuízo Final de Miguel Anxo na Capela Sixtina.

O artista dubidou durante moito tempo sobre a escena que pintaría finalmente. Estivo a piques de decantarse polas representacións de antropofaxia ou o momento en que o capitán mandaba cortar as cordas para deixar a balsa na deriva. Finalmente e despois de moitos bosquexos, decantouse por representar o momento en que os superviventes divisan o barco que acabará coas súas penalidades.

Boceto de Géricault para A balsa da Medusa. Musee des Beaux-Arts, Lille, Francia.

O cadro quedou nunhas dimensións considerables (4,6 x 6,4 metros), así que Géricault alugou un estudo moi grande onde poder traballar a gusto. Durante oito meses que van do mes de novembro de 1818 ata Xuño de 1819 estivo traballando cun grande entusiasmo na obra durmindo nun alzadeiro contiguo. Só contactaba co mundo exterior cando a porteira lle traía a comida e cando estaba co seu asistente Jamar. Ademais, parece que un médico que era amigo seu conseguira prestarlle restos anatómicos que o artista empregou de modelo e que estaban no taller, así que o cheiro non debía ser moi agradable. Aínda así, os esforzos valeron a pena.

A balsa foi colocada en diagonal, cun ángulo situado na parte inferior do cadro facendo que a vista do espectador se poida internar no espazo. Dentro da balsa temos un mastro improvisado e unha vela impulsada polo vento. As ondas producen un levantamento da balsa e as figuras están colocadas formando unha impoñente pirámide para seguir e acentuar ese movemento.

A obra divídese claramente en dúas partes. A esquerda temos a pasividade, co pai resignado que espera o final co seu fillo morto no regazo. No centro da pintura temos un claro punto de inflexión no que os superviventes saen dos seus funestos pensamentos e dirixen a súa mirada cara o horizonte. O triunfo da esperanza ten o seu clímax no home negro que está subido a un tonel sostido polos seus compañeiros mentres axita desesperadamente un pano branco. O grupo que hai de pé xunto ao mastro está integrado polos dous superviventes que escribiron o relato. En canto a influencias de arte anterior, xa destacamos a admiración de Géricault por Miguel Anxo. Sen embargo, hai que mencionar que tamén é moi notable a influencia de Caravaggio na forma dos cadáveres e sobre todo nos claroscuros con que foron tratados.

A flaxelación de Cristo (1607). Óleo sobre lenzo de Caravaggio. Museo de Capodimonte, Nápoles.

A obra foi exposta por primeira vez no Salón do Louvre de 1819. Dende ese intre, causou un grande impacto e deu a coñecer aínda máis unha traxedia que fixo tremer os cimentos da política francesa. Mentres que persoas como Delacroix e outros mozos artistas marabíllanse ante unha obra que para eles é única e atrevida, os máis conservadores non ven ningún interese nela. O pintor esperaba que o Goberno a comprara, pero non foi así (vaian vostedes a saber por que). A día de hoxe, A balsa da Medusa é unha das obras máis veneradas do arte universal e goza do seu merecido prestixio. O que Théodore Géricault mostrou na obra foi o heroísmo sen necesidade de ter que representar a ningún heroe. Seres anónimos que conseguiron sobrevivir a unha catástrofe grazas a súa resistencia despois de pasar por episodios dramáticos e propios dun relato de terror.

detallebalsamedusa

BIBLIOGRAFÍA

FRIEDLAENDER, Walter, De David a Delacroix, Alianza Editorial, Madrid, 1989.

RODRIGO, Ricardo (Dir.), Historia Universal del Arte, El siglo XIX. Ed. Planeta, Barcelona, 1987.

INTERNET

KALIFA, Dominique, Abandonados en alta mar: el naufragio de La MedusaNathional Geographic Historia, nº126, 2014. http://www.nationalgeographic.com.es/articulo/historia/secciones/9268/abandonados_alta_mar_naufragio_medusa.html [Consulta: 8 de Abril de 2014]