Breve historia da violencia: Berenguer de Landoira e Joseph Fouché

Ritter, Tod und Teufel. Albrecht Dürer, 1513. Este gravado foi testemuña no salón do Concello de Nüremberg da alianza de Heidegger cos nacionalsocialistas, quizais dos momentos en que a violencia foi tratada como a forma superior de expresión social.

Os prolegómenos de Asrael

   Hai un fresco non moi coñecido de Niccolo Circignani e Matteo da Siena na Chiesa de Santo Stefano Rotondo en Roma. É unha obra de 1582 na que se representa tres martirios nunha mesma escea: San Xoan, San Paulo, Santa Bibiana e San Artemio. Cada un sofre unha tortura diferente, algúns xa están decapitados e as cabezas amósanse solemnes moi pretiño dos seus corpos, ó fondo unha cabeza se xira mentres unha grande pedra lle magoa todo o corpo. E todos en silencio, caladiños. Se recorremos á definición etimolóxica de violencia, referirémonos a violentia e esta verba a violare, ou sexa traspasar, irrumpir, impedir o desenvolvemento dunha acción ou a integridade física e psíquica dun ente.

 Cando falamos de violencia na Historia precisamente falamos diso, dunha forza represora que impacta sobre a integridade física e psíquica do ser humano provocando un cambio na súa actitude por outra que se considere ortodoxa ou a eliminación desa disidencia á tese estabrecida mediante a aniquilación total do ser, que non é outra cousa que silencialo. Neste caso, e a pesares deste comezo tan iconográfico, debo dicir que este pequeno traballo é un fraude xa que tratará sobre a violencia na Historia tratando de coller exemplos non moi coñecidos de utilización da mesma polo que non ten intencións de manual. Iremos ata ó Medievo onde falaremos da masacre (realmente un Dies irae teatral e verídico) que o bispo Berenguer de Landoira (tamén chamado Berenguel ou Berengario) programou contra parte da nobreza e burguesía compostelana por facerse co poder da cidade; máis tarde trataremos cun home realmente peculiar, ainda non moi coñecido e que merece a nosa atención, J. Fouché, ministro e xefe da policía durante varios gobernos da Revolución Francesa e inclusive da monarquía de Louis XVIII e coñecido por ser a cabeza pensante na represión sanguenta de Lyon. Dous casos non moi coñecidos nin posiblemente representativos mais que tenta ilustrarnos unha historia da violencia máis alá das guerras tradicionais ou os totalitarismos do s.XX, ése é o noso obxectivo.

martirio

Martirio de SS. Giovanni, Paolo e Bibiana en Santo Stefano Rotondo, Roma. Imaxe da Universitá di Bologna.

  “Finalmente descuartizárono -refire a Gazette d´Amsterdam- esta última operación foi moi longa, xa que os cabalos que se utilizaban non estaban acostumados a tirar (…) polo que foi preciso desmembrar as pernas do desditado , cortarlle os nervios e romperlle á machada as coxunturas…” Así comeza un dos clásicos libros de Foucault, Surveiller et Punir: Naissance de la prison, relatándonos a execución de Robert François Damiens, quen tentou matar a Louis XV no 1757. Todo o posible que se nos pode relatar como forma descriptiva esconde unha violencia nos detalles, coma naquel cadro que encabeza este artigo. A violencia, a execución e a tortura son públicas e no caso de Damiens, nunha das súas formas máis crueis, xa que máis alá de buscar a dor no executado, téntase somatizar á masa que observa a execución e narcotizalos coa visión do macabro e do medo. Citar este exemplo non é casual, mais ben é causal; nos limes da privatización da violencia e da creación da inviolencia, como diría W. Benjamin, o caso de Damiens revela unha práctica que axiña será erradicada. Este é o paradigma dun crepúsculo, a constante violencia exterior cotián.

anghiari

“Batalla de Anghiari” segundo copia de Peter Paul Rubens sobre un orixinal de Leonardo da Vinci. As batallas ata ben entrado o Medievo configúranse como parte dunha violencia case cotián, non tan destructiva como con posterioridade, de tipo meritocrático e caótico como ben amosa esta imaxe. A violencia pasa así a formar parte da sociedade da vergoña e da honra.

 Os obxetivos da violencia non moitas veces están xustificados ou moi definidos, mais sempre implican un trauma nos protagonistas e nas víctimas. A violencia e a inviolencia (un termo que define a conservación da non violencia mediante métodos subversivamente violentos) serán para Georges Sorel nas súas Réflexions sur la violence de 1908 as que demostren que unha sociedade sen a presencia actuante da violencia non é viable, o que Sorel definía como a “sublime orde da xustiza humana” . A violencia é tomada como a creación e mantedora do mito, o dereito e o destino dun grupo. Non obstante, W. Benjamin, nas súas lúcidas Iluminations IV define unha alternativa viable, a linguaxe. Fronte a unha visión da violencia nas súas tres formas históricas (expresión humana, ira divina ou destino manifesto) a violencia muta e pasa a engrosar unha corrente subterránea de ortopedia social, a inviolencia. Un dos mellores exemplos de inviolencia, e case que tamén de violenci,a está no deseño do novo trazado decimonónico de París, pensado polo Barón de Hausmann. Nas súas Iluminations II, no apartado París, capital do século XIX e en concreto “Hausmann ou as barricadas” amósanos unha tese certamente maquiavélica ainda que habería que decir que maliciosamente intelixente. Moita xente coñece o trazado de París cos seus longos boulevards e avenidas surcadas por longas e anchas rúas que se cortan xeometricamente en ángulos rectos formando unha retícula en “cardus-decumanus”, pois ben, máis alá do deseño estético desa retícula tan moderna reside unha razón de represión social. No Antigo Réxime a utilización de artilería como arma de represión en medios urbanos aparte de ser inexacta era totalmente destructiva para a estructura urbana. Non obstante coa creación de longas avenidas, a posibilidade de tiro e o alcance da artillaría dentro da cidade incrementábase e reducíase o impacto destructivo nas edificacións. A artillaría xunto ós novos boulevards e rúas máis longas e anchas imposibilitaban a creación efectiva de barricadas revolucionarias.

Berenguer de Landoira: orator et bellator

 “Que cousa tan admirable e digna de estudio e memoria perpetua que estes homes soberbios recibisen unha morte tan inesperada e horrible xunto cos outros homes, case tan poderosos coma él a mans de xente doutra condición!” Así fala unha das partes apoloxéticas da violencia das Gesta de Berenguer de Landoria nese latín medieval, que nos vertemos a maior comodidade. A violencia no Medievo configurouse como un tópico historiográfico, non porque non existise senón porque era posiblemente tan común como  na Antigüidade o que pasa é que unido ó mito das Dark Ages formouse unha mesta néboa que impediu unha análise adecuada ata fai ben pouco. Quizais todo teña que ver coa nobreza e a búsqueda do seu poder, os aristócratas atópanse sempre na encrucillada de defender coas armas ou a extorsión a súa lexitimidade. Un caso moi particular é o de Berenguer de Landoira, un prelado provenzal que no 1318 chega a Melide antes de tomar posesión da cátedra arzobispal de Santiago. Mais as cousas non semellaban tan sinxelas, o Concello de Santiago liderado polos infantes Felipe e Afonso Suárez de Deza e outros nobres deciden loitar pola categoría de realengo fronte o arzobispado das Terras de Santiago. Landoira, que aínda non tomou o seu posto nin tan sequera chegou á cidade, atópase cos rebeldes asediando o que o papa Xoan XXII lle concedera.

rochaforte

Vista aérea das recentemente excavadas ruínas de Rocha Forte ás aforas de Compostela, escenario de sanguentas batallas e vinganzas como a de Berenguer de Landoira. No seu día a maior fortaleza do reino de Galiza quye remataría a súa existencia coas Guerras Irmandiñas e o seu desmoche final.

 Un  dos momentos-chave, xa que a historia do enfrontamento é moi longa e xúntase coa anarquía nobiliar e eclesiástica galega do XIV, é cando o 16 de Setembro do 1320, e no escenario dunha falsa paz arzobispal, as cabezas dos rebeldes composteláns liderados por Suárez de Deza e outros dez representantes do Concello son asasinados no Sant´Angelo da mitra compostelá, Rocha Forte. A orxía de sangue retrátase así como unha das peores formas de asasinato, a vinganza ás agachadas e de forma privada. Os burgueses e nobres composteláns que ían negociala paz ese mesmo día tópanse nunha gaiola na que son asasinados polas forzas arzobispais. Así se relata “Ordenoulles  que se armasen e preparasen para poder lograr a base das espadas, coitelos e esforzo varonil (…) Os homes armados lanzáronse primeiro contra él e logo contra Martín Martínez (…) Nun momento mataron ós nove e a outros máis”. A cuestión da matanza de Rocha Forte do 16 de Setembro non se depurou dos Gesta de Landoria, máis alá, faise en ton aclamatorio. Nembargantes trátase de posicionar ó arcebispo como ignorante nos sucesos de Rocha Forte, obxecto de falsa propaganda pacifista e de limpeza do nome do arcebispo; o máis normal é que dun golpe ó estilo “Corleone”, Landoira eliminase ós seus opositores no castelo da mitra e polo seus valedores de armas.

 E a matanza seguiu na caza dos lobos. Mortos os representantes da revolta e derrotado o Concello, procedeuse a depurar á nobreza centrífuga que apoiara ós rebeldes. Faise unha expedición ás Terras do Deza en dúas semanas de campaña co nome d´As Guerras dos Churruchaos. As casas fortes e castelos dos Ledesma, os Galegos, Chapa e Férveda que non renderan homenaxe ó bispo son agora xustizados. O cuartel xeral de operacións é estabrecido no mosteiro de Carboeiro e dende alí encamíñanse as operacións na derrota e desmoche das fortalezas rebeldes coma a de Diego Gómez Daza que é derrotado por un enxeño militar. A violencia da maquinaria militar persuade ó resto de rebeldes e o arcebispo conquire definitivamente as Terras do Deza.

carboeiro

Vista das ruínas do mosteiro de Carboeiro antes de que fose restaurado. O mosteiro foi fundado no 936. A fábrica actual está baseada en arquitectos da escola do mestre Mateo. Dende aquí Landoira dirixiu os ataques na guerra dos Churruchaos.

 En conclusión poderíamos dicir que a violencia no caso da Galicia baixomedieval é de tipo enquistado con graves consecuencias que rematarán nas Revoltas Irmandiñas, as guerras entre nobres, entre nobres e os prelados e por último coa intervención de “doma y castración” da realeza castelá a mediados do s.XV. Un exemplo amósase na vinganza. Un dos casos máis impactantes é o asasinato ás portas da catedral  do arcebispo Sueiro Gómez de Toledo e o seu prelado, e en presenza e beneprácito do rei Pedro I, ademais posiblemente os autores deste asasinato fosen parentes ou descendentes dos Suárez de Deza, aqueles nobres que foran asasinados en Rocha Forte por Berenguer de Landoira polo que posiblemente nos topamos por unha parte cunha vinganza e asasinato público e por outra coa revindicación dos rebeldes burgueses polo realengo.

Fouché: uso da violencia revolucionaria e cinismo político

 Hai un famoso monólogo do humorista español Gila en que se refería ó bo da guerra porque un podía matar inpunemente e ademais sen que as autoridades non digan nada. Mais alá das vanalidades humorísticas, o seguinte caso que nos toca é relevante pola impunidade que ata os seus derradeiros días tivo este personaxe que dificilmente pode superar na Historia Universal o prototipo de ambición e sede de poder política.

 Joseph Fouché ben podería pasar á historia por ser un representante máximo do cinismo político e a búsqueda do poder sexa onde sexa, como o seu carismático contemporáneo Talleyrand. Mais se tratamos a Fouché aquí non é polo seu olfato político e aproveitado senón polas masacres que durante a Revolución levou en Lyon. Quizais debamos retroceder no tempo ata a execución sanguenta de Chalier o 17 de Xullo do 1793.

chalier

Busto de Marie Joseph Chalier en porcelana de Sèvres (1793-1794), Museo da Revolución. Prototipo do mártir, xunto a Marat, que deu a vida por unha visión máis radical da República.

 “A impericia do verdugo transforma a execución de Chalier nunha cruel e miserable tortura. Tres veces descende a folla roma sen romper a columna vertebral do condenado. Con espanto, o pobo ve o corpo cuberto de sangue do seu caudillo retorcéndose vivo baixo o vergonzoso martirio, ata que o verdugo cun compasivo sablazo, separa a cabeza do tronco do desditado” Así nos fala Stefan Zweig nunha das súas biografías máis memorables, Fouché. Retrato dun home político, sobre o incidente da execución de Chalier, un iluminado revolucionario que levou a Lyon ás teses xacobinas cando a convención xirondina aínda estaba desfalecendo. A execución de Chalier pasou a ser o símbolo de martirio revolucionario por excelencia.

Cando a Convención Xacobina toma definitivamente o poder decide tomar un castigo exemplar sobre Lyon e a súa rebelión real que posibilitou a execución de Chalier. A reacción de Lyon é antitética á de París, coa que entra en aberto conflicto. Nunha encrucillada na que os ingleses amenzan Toulon, La Vendée está en armas polos realistas, a posibilidade dunha terceira fronte para a República resulta imposible. Así que, facilmente, decídese unha sentencia de morte a Lyon, a nova Tebas:

“4º. A cidade de Lyon será destruída. Deberá ser aniquilado todo aquilo habitado con xentes con patrimonio (…)

 5º. O nome de Lyon será borrado do catálogo de cidades da República (…)

 6º. Erguerase sobre as ruínas de Lyon unha columna que anuncie á posteridade o crime e castigo da cidade realista, coa inscripción: “Lyon fixo a guerra á República. Lyon xa non existe”.

fouché

Retrato de Joseph Fouché por Claude Marie Paul Dubufe. Vestido coas galas da Restauración, amósase como o prototipo do político camaleónico tras pasar polos gobernos da República, de Robespierre, de Napoleón e ata de Louis XVIII.

 As anteriores liñas son parte do acordado na Convención Nacional a proposta do Comité de Saúde Pública. A exemplaridade do castigo á que se quere someter a Lyon deséxase histórico, memorable, de aí a escenificación da violencia e o desmoche literal da cidade. Mais se a represión física dos edificios é brutal, non o será menos a represión física dos seus habitantes, e diso encargarase con eficiencia médica Joseph Fouché.

 O 4 de Decembro as primeiras 60 persoas son sacadas do cárcere atadas por parellas para ser executadas non pola guillotina, xa que Fouché pensa que é demasiado lenta, senón pola artillaría. En Brotteaux excávanse as primeiras fosas para a carnizaría masiva. O método de Fouché sorprende pola súa brutalidade, sobre todo cando a Revoluión instaurara un sistema democrático, rápido, eficaz e hixiénico de execución, a guillotina, que para Fouché pasa inadvertido. Son tantas as gañas que ten de demostrar a súa eficacia á Convención que decide matar de forma masiva a cañonazos. Os executados, que en moitos casos non morren de forma instantánea pasan a formar unha paisaxe macabra onde os corpos e o seu rastro enchen o Ródano ata o Mediterráneo.

 Durante varios días esas metralladas sacan a 200 ou 100 persoas, coa diferenza que elas mesmas teñen que cavar as súas propias fosas. Inclusive Fouché amosa os efectos “benéficos” que este sistema ten sobre a psicoloxía do resto das poboacións: “Cómpre que os sanguentos cadáveres que son botados ó Ródano recorran ambas beiras ata a súa desembocadura na infame Toulon para que poñan de manifesto ante os ollos dos cobardes e crueis ingleses a impresión de horror e a imaxe da omnipotencia do pobo (…) erradicarémolos do modo máis terrible e rápido”. A súa idea está moi ben artellada e xa a observamos no caso do intento de magnicidio a Louis XV, é a escenificación pública da violencia. Convén afinar as verbas de Fouché, sobre todo cando di “e rápido” xa que as súas metralladas impiden unha forma rápida de morte polo que moitas veces os executores cargan sobre os moribundos con pistolas ou sables.

A conclusión infinda

Por moito que tentemos entender os mecanismos da violencia quizais sempre debamos reservar un lugar a aquela famosa frase de Max Weber, “o Estado é o monopolio da violencia”, isto ben se mira nos dous exemplos que artellan este artigo onde a lexitimidade do poder non se pode poñer en dúbida e o costo dese interrogante é a violencia. A violencia tanto na Historia como actualmente foi unha resposta unhas veces protocolaria e outras destructiva á dialéctica. Quedemos pois cunhas verbas de Benjamin das súas iluminacións en especial da Para unha crítica da violencia (Zum Kritik der Gewalt) de 1921.

Onde queira que a cultura do corazón fixera posible medios limpos de acordo, rexístrase unha conformidade inviolenta…”

BIBLIOGRAFÍA

BENJAMIN, W. (2001) Para una crítica de la violencia y otros ensayos-Iluminaciones IV. Madrid, Taurus.

-, (1972) Iluminaciones 2-Baudelaire. Salamanca, Taurus.

DÍAZ Y DÍAZ, M.C. (1983) Hechos de Don Berenguel de Landoira. Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela.

FOUCAULT, M. (1992) Vigilar y castigar. Madrid, Siglo Veintiuno.

MUCHEMBLED, R. (2010) Historia de la violencia. Barcelona, Paidós.

ZWEIG, S. (2011) Fouché. Retrato de un hombre político. Barcelona, Acantilado.