Sobre as Cruzadas (I)

  Na actualidade vivimos grandes tensións nos enfrontamentos entre o mundo occidental e o mundo musulmán. Nos discursos dados polos extremistas de ámbolos bandos emprégase de maneira reiterada a palabra cruzada, o cal nos evoca a uns acontecementos históricos xa moi lonxanos e, en efecto, pouco coñecidos. Dende o Islam, os fanáticos teñen establecido un marco definido para os seus inimigos: xudeus, dirixentes musulmáns considerados apóstatas e cruzados, onde engloban aos seus inimigos de Occidente. Por outro lado, para o outro bando recorreremos a dous exemplos que coñecemos moi ben. Na Guerra Civil Española a Igrexa Católica deu o seu apoio ao bando sublevado e empregou os termos de cruzada e guerra santa. Dando un salto no tempo, ao día seguinte do 11 de Setembro, o presidente George W. Bush prometeu lanzar unha nova cruzada para acabar con aqueles fanáticos que acababan de atentar nos EE.UU. En Occidente tendeuse a empregar o termo de cruzada para dar unha lexitimidade (relixiosa ou non) a unha empresa que é vista como un enfrontamento moral cuxo obxectivo pode ir orientado a acabar contra a pobreza, o analfabetismo ou (curioso) a intolerancia. Pouco ten que ver con aquelas guerras que se levaron a cabo na Idade Media (1096-1291) que acabaron con moitas vidas e que tiveron implicacións no cambio das costumes, a apertura de novos circuítos comerciais e que estableceron o dominio marítimo de Occidente no Mediterráneo. Neste artigo trataremos as claves da orixe das Cruzadas con todas as súas consecuencias iniciais.

Comecemos por situarnos no contexto, viaxemos. Entre mediados do século IX e ata mediados do século XI Bizancio estaba pasando por unha etapa de esplendor. A isto contribuira a decadencia do imperio musulmán dos abbásidas e tamén a evanxelización e sometemento dos búlgaros. Durante o goberno da chamada “dinastía macedonia” (867-1056) e gracias a eficacia  dos xenerais emprendeuse a reconquista de territorios perdidos, e a comezos do século XI o chamado imperio bizantino alcanza co emperador Basilio II (972-1025) un momento cume da súa expansión. Neste contexto desenroláronse  na corte de Bizancio a realización de grandes obras literarias e artísticas.  A igrexa grega non volveu a escindirse por causas como as disensións teolóxicas. Sen embargo, a mediados do século XI  comezan a producirse problemas internos que empezan a crebar a prosperidade. Os emperadores da dinastía macedonia foran recorrendo nas súas grandes empresas militares ao maior emprego de mercenarios, unha medida que tamén é relacionada coa intención de contrapoñerse ao crecente poder da nobreza rexional, un feito evidente cando trala morte de Basilio II  houbo varios intentos golpes de estado e púxose de manifesto que aquela nobreza era un perigo real. Xunto a este panorama, dende mediados de século a fronteira oriental estaba ameazada por os musulmáns selyúcidas, dinastía turca que chegara ao trono na primeira metade do século XI e que fora ignorada ao principio polos bizantinos, mais no ano 1071 o seu exército foi capaz de acabar coas forzas imperiais na famosa batalla de Mantzikert, na Anatolia oriental, chegando a facer prisioneiro ao propio emperador Romano IV. O estado bizantino afundiuse nunha profunda crise que implica que a partir do 1071 aparezan usurpacións e cambios de soberano ata que finalmente chega o xeneral Alejo Commeno (1081-1118)  ao poder, o cal conseguiría acadar o poder no Exeo e nos Balcáns e controlar o perigo dunha invasión normanda cunha hábil diplomacia, pero o certo e que non chegou a quebrantar dalgunha forma o poder selyúcida.

Situándonos xa nos momentos previos a primeira Cruzada, compre sinalar que o mundo islámico pasaba por un momento de inestabilidade. O que máis nos interesa tal vez é a situación do imperio selyúcida, que trala batalla de Mantziquert  ampliaran o dominio a Anatolia. Pero de novo a morte dun líder, neste caso o sultán Maliksah (1092); levou a un enfrontamento entre os seus fillos en Irán  ata o 1105, de maneira que apartaron a mirada aos acontecementos que se darían no Levante. En definitiva, e sen querer entrar máis en profundidade no tema, nestes anos previos a primeira cruzada estaban morrendo as figuras espirituais, políticas e militares máis importantes do momento no Islam. Xunto a isto, reinaba a inquietude ante a proximidade do 500 aniversario da héxira, en torno a que se comenzaron a crear profecías apocalípticas. Non había un momento máis apropiado para emprender a expedición a Palestina. Xerusalén era a cidade sagrada para musulmáns, xudeus e cristianos, un feito patente no mesmo nome que se lle daba dende o século X: al-quds (santuario). Os motivos eran que nela morrera Cristo e porque foi a meta da viaxe nocturna de Mahoma (Isra) dende A Meca. Por último, era tamén o lugar onde tería lugar o Xuízo Final para o Islam.

Viaxemos agora cara Occidente. O 27 de Novembro de 1095 o Papa Urbano II pronunciou as aforas de Clermont (Auvernia, Francia) un discurso que pasaría a ser a chama que daría paso ao comezo da Primeira Cruzada. Temos un problema de fontes  xa que ninguén o transcribiu literalmente. Dispoñemos de catro fontes coas súas diferencias pero que en conxunto mostran os argumentos do pontífice porque teñen unha certa tendencia a coincidir en moitos aspectos na reprodución do discurso. Non nos imos parar neste aspecto, pero si é necesario ter presente á hora de interpretalos que foron escritos tralo resultado vitorioso da Cruzada. No discurso hai un auténtico chamamento aos presentes para que se uniran a Cruzada e combater pola verdadeira relixión. Despois, promete a indulxencia e lembra a audiencia a necesidade dunha urxente necesidade de purificación dos pecados, culpabilizando precisamente  a aqueles homes de armas que estaban presentes de desperdiciar o seu poder militar loitando entre eles en lugar de dedicarse por completo a defensa dan súa relixión. É dicir, foro impelidos a emprender a Cruzada como un acto de penitencia persoal. A resposta dos presentes tivo eco dende o comezo pois durante o discurso os oíntes interromperon ao papa vociferando o grito de Deus vult (“Deus o quere”).

O pontífice Urbano II no Concilio de Clermont. Ilustración do Livre des Passages d’Outre-mer, que se atopa na Biblioteca Nacional de Francia e que foi feito arredor de 1490

Urbano II iniciou o que poderíamos chamar unha “xira propagandística” durante varios meses que o levou a visitar moitos lugares de Francia polo sur do Loira antes de volver ao Norte de Italia polos Alpes. Sen embargo, non puido chegar a tanta xente como el seguramente querería. O certo é que non sería moi ben recibido nos dominios do rey Felipe I de Francia, tal vez por aquilo de que o acababa de excomulgar en Clermont a causa da súa unión adúltera con Bertrada de Monfort. O mesmo tempo, tampouco podía arengar no Imperio Xermánico polo conflito existente entre o pontificado e o emperador dende facía xa máis dun cuarto de século.

¿Cales foron as razóns que empuxaron ao Papa para chamar a primeira Cruzada? O historiador Jean Flori sinala que pouco antes de Clermont, Urbano II reunírase cuns enviados do emperador Alejo, acompañados quizabes dalgúns cristiáns de Oriente que se refuxiaran en Constantinopla co avance dos turcos e que solicitarían, se cremos algúns testemuños, un chamamento a Occidente para obter axuda armada. Nestes momento as relacións de Roma coa Igrexa grega (ortodoxa)  eran moi tensas pero con Urbano tendeuse unha ponte  para unhas mellores relacións diplomáticas, pode que porque no fondo esperaba que se atendía a petición de axuda podería chegar a favorecer a unión das dúas igrexas.

As zonas de onde procedían a maioría dos primeiros continxentes que se armaron para a empresa procedían do Norte de Francia, Flandes e Baixo Rin. O mais seguro, e así o apunta Nikolas Jaspert, é que non foran recrutados como consecuencia directa do discurso de Urbano, senón que foron captados pola importantísima acción dos predicadores das cruzadas. O mais coñecido deles foi Pedro o Ermitán, que visitara Xerusalén como peregrino tempo atrás e que agora se dispoñía a dirixir unha expedición a Palestina para liberar a Cidade Santa. De ermitán, como vemos, tiña ben pouco. Non se sabe o contido da súa mensaxe e os temas principais que empregaba no seu discurso, pero non hai dúbida de que foi unha personaxe enigmática e sobre todo cunha gran capacidade para atraer a poboación. O cronista Guiberto de Nogent, que o coñeceu antes da cruzada, afirma que o veneraban incluso por riba de bispos e abades, chegando ao punto de que as xentes chegaban a arrincar os pelos do seu mulo para facer reliquias. Créase ou non, o caso é que resulta bastante ilustrativo.

640px-0_Saint_Pierre_l'Ermite_-_Amiens

Estatua de Pedro o Ermitán en Amiens

Xunto a el, o nobre francés Walter Sans-Avoir e os alemáns Gott Schalk e Folknar reuniron grupos de distinta envergadura para esta primeira ondada, as chamadas Cruzadas populares de 1096, integradas por xentes humildes ata nobres e importantes señores. ¿Cal foi o problema? Este impaciente e para nada disciplinado “exército de Deus” partiu antes da data sinalada. Pasando pola zona do Danubio e dos Balcáns, dedicáronse ao saqueo e a outras agresións (masacre de xudeus en Renania). Cando o emperador Alejo I veu chegar este continxente as portas de Constantinopla en Agosto de 1096 non debeu sentir tranquilidade precisamente, así que sen pensalo dúas veces permitiu a súa instalación, pero non dentro da cidade.

Neste momentos, Occidente xa estaba bastante alonxado de Oriente tanto pola lingua oficial (Latín en Occidente e Grego en Oriente), como na economía (rural en Occidente e urbana en Oriente) e mesmo pola propia cultura (utilitaria en Occidente e especulativa en Oriente). Ademais, dende Constantino (332) a cidade de Constantinopla pasara a ser capital do Imperio. O distanciamento en todos estes ámbitos sumamos o relixioso. Ao responder a chamada de Alejo, o Papa situábase como xefe da cabalería cristiá. Unha mobilización como a que acadou levouno a manter a esperanza de levar a cabo aquela unión das dúas Igrexas baixo a supremacía de Roma. Non son poucos os que afirman que a liberación de Xerusalén puido levarse a cabo dunha maneira máis sinxela a través dunha operación naval en vez dunha marcha lenta e complicada por Constantinopla atravesando logo a Anatolia turca e asediando  despois a cidade de Antioquía. Sen embargo, pasando por Constantinopla e mostrando a axuda militar dos exércitos cristiáns facíase visible a resposta do Papa ao chamamento de axuda do emperador grego.

Os continxentes que partiron en Agosto de 1096 diferenciábanse en composición e organización da desastrosa ondada anterior. Había unha maior proporción de cabaleiros entre os combatentes. As tropas estaban baixo o mando de príncipes de maior rango e cunha experiencia militar as súas costas. Os caudillos non eran reis, pero eran da alta nobreza e estaban emparentados dalgunha maneira coa coroa. Oficialmente, parece que non se designou a ninguén como comandante en xefe, pero o conde de Toulouse tiña en certo modo unha autoridade superior xa que tivera moi boas relacións co papa. Os meses que quedaban para a partida foron empregados para organizar a expedición sobre fundamentos sólidos tanto no aspecto xurídico como no financieiro.

Mapa que representa o traxecto dos continxentes da primeira Cruzada

 No verán de 1096 póñense de camiño por separado. Hai certas estimacións sobre   as cifras globais destes continxentes. Fálase de entre 30.000-70.000 homes armados e 30.000 homes sen armas. A medida que os exércitos chegaban a Constantinopla o emperador buscou negociar cos diferentes caudillos para que lle prestaran xuramento de fidelidade  coa promesa de someter ao emperador os territorios que foran conquistando. Só a Raimundo de Toulouse lle permitiu limitar o seu xuramento  a recoñecer  a persoa e posesións do emperador.

Por fin, en Maio de 1097 partiron os exércitos . Coa axuda  da flota bizantina tomouse Nicea. O emperador Alejo puxo a disposición dos cruzados tropas de reforzo baixo o mando dun xeneral bizantino, o cal os asesoraría na súa empresa. O seguinte paso foi derrotar ao exército seyúcida en Xulio de 1097, quedando a vía libre para chegar ao norte de Siria. Pero durante o camiño perdéronse animais de carga e monturas mentres homes, mulleres e nenos sufrían baixo  as súas calugas un calor intenso. Ante as portas de Antioquía presentouse un continxente reducido a 40 000 persoas. Foron sete meses de longo asedio no que moitos cruzados morreron pola escaseza de alimentos, enfermidades e o duro inverno. Ademais, outro exército inimigo dirixíase a socorrer a cidade e os sitiadores corrían o risco de ser esmagados. Moitos desertaron ou marcharon por alegando todo tipo de motivos con tal de escapar dunha probable morte. O emperador Alejo dirixíase con outro exército para apoiar o asedio, pero polo camiño foi informado de que a situación non era boa, así que unha vez mais non o pensou dúas veces e deu volta. Este xesto non sentou nada ben os cruzados, que consideraron o acto unha auténtica traizón. Pero o 3 de Xunio de 1098 e para sorpresa de moitos a cidade de Antioquía caeu, pero o día seguinte os sitiadores pasaron a ser sitiados polo exército turco. Nese intre, un monxe Petrus Bartholomeus asegurou que na igrexa de San Pedro de Antioquía estaba a “Santa Lanza” na que según os Evanxeos feriran a Cristo nun costado cando estaba na cruz. Foi considerado como un signo de Deus, aínda que moitos cruzados que rexeitaron ese suposto milagre. Moito se fala nalgúns libros de que ese descubrimento oportuno (por dicilo dalgunha maneira) deulle as tropas unha renovada coraxe que lles levou a unha gran vitoria sobre os inimigos que asediaban a cidade o 28 de Xuño en batalla campal.  O que máis inquieta (ou molesta) e que poucos autores falan claramente das realidades que permitiron o triunfo. O comandante das forzas selyúcidas non fora quen de organizar as distintas faccións da tropa nas que turcos e árabes se levaban mal. Na outra banda, as disputas que se deran entre os líderes dos cruzados chegaran a un punto de reconciliación que permitiu poñer en marcha un correcto plan de ataque.

O 13 de Xaneiro de 1099 o exército púxose de novo camiño a Xerusalén. Os meses anteriores a marcha foran adicados  a conquistar territorios e asegurar posicións. Dando de novo outro gran salto no tempo, o 7 de Xuño de 1099 os cruzados divisaron dende o chamado “Monte da Alegría” a cidade de Xerusalén. O asedio non foi nada doado pero cando caeu a torre de David (a de maior importancia estratéxica), comezou unha auténtica masacre que implicou asasinatos de homes, mulleres e nenos tanto musulmáns como xudeus.

Miniatura medieval representando o asedio de Xerusalén

Trala conquista, os príncipes cruzados trataron de poñerse de acordo para gobernar e defender a cidade. Finalmente, un tal Godofredo asumiu o control e foi nomeado advocatus sancti Sepulcri (gobernador/administrador do Santo Sepulcro). Non pasou moito tempo antes da reacción musulmá porque en Agosto de 1099 tiveron que defenderse do visir al-Afdal que se aproximaba cun exército considerable, pero foi derrotado e aniquilado. Trala vitoria, e vendo que a Cidade Santa xa volvera a mans cristiáns, boa parte do continxente que formara parte da Primeira Cruzada regresou ao seu respectivo fogar. Os que quedaron non tardaron en contar co apoio dun novo continxente, pero este foi aniquilado en varias batallas antes de chegar incluso a Terra Santa (1101). Deixamos aquí a nosa historia, no momento en que se están a formar os reinos cruzados (Xerusalén será o máis importante pero non o único). É evidente que non falamos do outro bando, o musulmán, pero antes de ser acusados de eurocentristas ou pro-occidentales, cómpre sinalar que o noso obxectivo foi dende o principio amosar a orixe do conflito e sobre todo a súa xustificación. En Noitábrega non deixamos verdades a medias, e no futuro teremos máis novidades con respecto a un dos momentos máis interesantes da historia. Esperamos rematar aquí coa desastrosa aportación de pseudohistoriadores e novelistas que se dedicaron nos últimos tempos a mitificar e escurecer a verdadeira historia. Por iso quixemos rematar con esa habilidade comercial e sen escrúpulos.

BIBLIOGRAFÍA

FLORI, jean, Las Cruzadas, Ed. Universidad de Granada, Granada, 2010

HEERS, Jacques, La Primera Cruzada, Ed. Andrés Bello, Barcelona, 1997

JASPERT, NiKolas, Las Cruzadas, Ed. Universitat de València, 2010