Al-Maarri versus Dante Alighieri

A. Lorenzo Rodríguez

Adicado á memoria dunha muller.

“Nunha observación sobre a Divina Comedia de Dante, pregunta (August Wilhelm Schlegel): por que a obra prodúcenos pracer e por que tense que considerar como gran arte ? E responde: non porque sexan ilustres verdades católicas, senón porque é fermoso. Esquécese facilmente, escribe, “que para a poesía todo o fermoso é verdadeiro”. A obra de Dante merece terse por verdadeira non porque sexa católica, senón porque é fermosa.”

Rüdiger Safranski. Romanticismo, unha odisea do espírito alemán. (Romantik. Eine deutsche Affäre)

Podiamos comezar este artigo co título Desmontando a Dante ou titulares impresionistas e sensacionalistas (tipo main-stream) polo estilo que só farían redundar nun erro que dende o comezo quere curar este artigo, non obstante decantámonos por facer unha paráfrase do que Stefan Zweig conseguira no seu libro Castellio contra Calvino. Na presente obra non tentamos desprestixiar a Dante nin ás súas obras, nin arrebatarlle ese papel consolidado de creador e vangardista do primeiro Renacemento e de todo o que implicou, mais como ben dixo Aristóteles ó arredarse das teorías do seu vello mestre Platón, debémoslle fidelidade ós compañeiros, mais máis fidelidade lle debemos á verdade. Se cadra non hai persoa que máis admire a Dante entre os fundadores e colaboradores desta revista para a cal agora escribo como humilde aprendiz de historiador, non obstante debemos recoñecer nel unha influencia sobranceira do Islam, e en especial, dun poeta e heterodoxo musulmán na súa obra, Al-Maari. Da súas relacións ideolóxicas, históricas e relixiosas co Islam trataremos neste artigo.

Dante á carta

Hai moitos Dante´s: o romántico, o platónico, o cristián, o heterodoxo, o papista, o exiliado, o güelfo, o xibelino… Emporiso, tódalas figuras converxen nun punto poliédrico onde ésta realidade múltiple é posible. Por unha beira temos a visión que Harol Bloom nos deu no seu ensaio sobre a literatura occidental, O canon occidental, onde se presenta a Dante coma un descarado, audaz e transgresor poeta, non só na súa honesta xenreira e sinceridade que amosa na Divina Comedia a favor e en contra dos persoeiros de tódalas épocas, senón colocando no centro da súa copiosa invención poética, non ó Deus do Medievo, senón a Beatrice Portinari, unha mortal que camiña entre as canonizacións laicas do seu adorador e a realidade mortal que a Historia lle confire. Este descaro de colocar a Beatrice no centro do cosmos dantesco responde, dentro da axioloxía, a un ser propedéutico, que axuda e impulsa dentro da erótica platónica, a rescatar a Dante como home e espírito no seu ascenso deica ó mundo supremo, á desmaterialización.

Non é nin tan sequera o rescate da Humanidade, senón o dun só home, que chega sen sabermos cómo ó inframundo e dende aí emprende un ascenso viaxando a través da Historia até chegar á visión definitiva do mundo e a realidade. Detrás da Divina Comedia hai un exercicio de egoísmo desesperante, escénico, cunha espectralidade escura e de ondas curtas que se ensanchan, dilatándose ata a afirmación da luz, todo por dous humanos: un home e unha muller. Ata aquí máis ou menos unha visión historiográfica tradicional que non rompe cos moldes establecidos para encaixar a Dante nunha corrente neoplatónica que nace nel por xeración espontánea, mais, é así? Que influencias ten Dante á hora de construír esa rede orixinal e fantástica de círculos, condeados e benditos ? Acaso só reside detrás deste canto a Odisea máis profundamente na Divina Comedia ?

Visión do Empíreo, final de traxecto. Obra de Gustav Doré, dentro das súas recoñecidas ilustracións para a Commedia.

Escadas islámicas e influencia crónica

Para comprender a Dante hai que comprender outro fenómeno, que ó ser unha literatura libraria e de transmisión escrita se nos esquece como motor primario de creación literaria, a imitatio, nunha época como a medieval. É o que din en chamar no título deste apartado, a influencia crónica, é dicir, Dante non é unha illa intelectual na súa Italia, senón que pola contra sofre como tódolos escritores da súa época, e doutras, a influencia de creacións anteriores e contemporáneas á súa. Como ese mítico Homero que de seguro escoitou algo relacionado co Gilgamesh e as súas desventuras ou ese Shakespeare ó cal tamén lle debían soar algo das súas historias ás de Marlowe. A influencia, por unha parte inevitable, e por outra parte desexada como fórmula de prestixio e como non, tamén chegou ó noso literato, e máis alá das usuais comparacións que se fixan entre a Commedia e a Odisea hai que establecer que gran parte do fundamento ideolóxico e estrutural do poema está baseado no pensamento musulmán e sobre todo no sufismo, unha das súas ramas místicas.

En Febreiro do 2013 chegaba a nova de que un grupo de xihadistas decapitara en Siria unha estatua do poeta e filósofo Al-Maarri. Na imaxe o busto despois e antes da decapitación. Sen palabras.

O estudoso da R.A.E., Miguel Asín Palacios escolmou na súa lección maxistral La escatología musulmana en la Divina Comedia, unha serie de anotacións que demostran a proba de que a obra de Dante está configurada na inspiración de sistemas de diferentes estudosos, teólogos e poetas musulmáns. Un dos referentes que Palacios establece na construción de Dante é do teólogo Abenarabi ou Ibn-Arabi (بو بكر محمد بن علي ابن عربي الحطمي), andalusí, aínda que faleceu en Damasco no 1240. Foi un novo vertebrador do misticismo musulmán e en especial do sufismo. Palacios no seu ensaio amosa que mentres na propedéutica mística Abenarabi tenta comprender en cada grao os fenómenos físicos que rexen os astros, en Dante existe un proceso semellante, mais de carácter máis elevado. Dante en cada círculo só ocasionalmente pensa coma un filósofo, prefire deixarse levar pola catequización de Virxilio e máis tarde de Beatrice, ata que xa sexa por él, de seu, quen de descifrar o enigma do ascenso. A conclusión da relación Abenarabi-Dante é que as antigas lendas da ascensión gradual de Mahoma foron tamén fonte de inspiración para a obra de Dante, claro está que onde Dante pon santos, profetas e filósofos, Abenarabi coloca anxos.

Non obstante, este humilde artigo de pretensións divulgadoras quedaría incompleto senón citase consistentemente a un dos poetas máis singulares que gozou o mundo musulmán como ente cultural. Referímonos ó xa anticipado no título, Al-Maarri (أبو العلاء المعري) nado e morto entre o 973 e o 1058. Que nos pode ofrecer Al-Maarri como poeta, esteta e místico na obra de Dante ? Pois seguramente a armazón estética e o caudal narrativo que se fundamentará moito despois na propia obra. Dito así semella moi sentencioso e un tanto escandaloso, mais fundamentémolo. Existe unha obra de Al-Maari que fiará por nós neste tramado argumentativo, é o Tratado do Perdón ou Risālat al-ghufrān. Nesta obra o ego do autor transmutado fantasticamente como viaxeiro no tempo e no espazo revisita no Paraíso as principais figuras do Islam e de antes do Islam, igual que Dante faría comezando a súa peripecia visitando ós personaxes que non coñeceron a Cristo ou naceron antes del, deixándoos no mellor dos casos no Limbo e no peor no Inferno.

Co motivo do 700 aniversario de Dante, S. Dalí tentou facer unha serie de acuarelas para ilustrala Commedia entre 1960 e 1964 baixo os auspicios de Pío XII.

Redefinamos agora mais concretamente as similitudes e as diferenzas desta comparación tan heterodoxa. Comezamos polo aspecto narrativo máis obvio; en ámbolos dous cantos hai un protagonista que narra en primeira persoa os seus padecementos e o que está a vivir. En ambos casos emprenden a viaxe (se se pode chamar así) de noite, ou cando menos coa presenza da escuridade imprecisa de Dante (“errante me topaba na selva escura”) e en Mahoma, a chamada Isrá, a viaxe nocturna, moi clara. Máis significativo se cadra dentro das lendas sobre a viaxe nocturna de Mahoma, se topa un guía, moi recordatorio do psicopompos (guía das almas ó inframundo, caso de Mercurio), que endereita o camiño da revelación gradual; no caso de Mahoma será o arcanxo Gabriel e no caso de Dante a transliteración, en Virxilio e máis tarde en Beatrice ou Bernardo de Claraval.

Na primeira parte do poema, na Commedia sería a centrada no Inferno, semellante á da viaxe de Mahoma (chamada Mi´ráy). Centrada no ascenso, como o ascenso da erótica platónica, en Dante, de forma semellante gravita sobre a incapacidade e inaccesibilidade que amosan os protagonistas, e as súas feblezas, ante o reto. Así mesmo localízanse as tres mansións do inframundo: o Inferno, o Purgatorio e o Paraíso. Por se non fose pouco, moitos dantólogos, afirmaron que unha das propiedades artístico-literarias de Dante era crear un Inferno totalmente distinto, cunha variedade de suplicios ata daquela nunca maxinados, tanto pola orixinalidade como pola correspondencia entre estes e a penitencia que xustifica a violencia. Pois ben, no conxunto de lendas sobre as viaxes espirituais de Mahoma, das cales sobresae a Risālat al-ghufrān, tamén aparecen os cinco primeiros suplicios, cunha creación dun Paraíso dos Nenos, dos Musulmáns, dos Santos, Mártires, Profetas e por fin o Trono Divino. Esa gradualidade, digna dun penitenciario medieval será despregada de igual maneira na Commedia, rozando o aspecto repugnante da descrición.

Outra das ilustracións deseñadas no abortivo plan de ilustrar a Commedia. Neste caso Dalí uitliza os caixóns que saen do corpo como símbolo do inconsciente.

Aínda así non rematan aquí as coincidencias. Na visión celestial que Mahoma e Dante teñen xa preto da fin da súa viaxe, nos prolegómenos da visión da plenitude divina, ámbolos dous describen unha imaxe similar dos anxos: formando conxuntos de seres celestes coma se fose unha banda de paxaros que toman formas diferentes. Na fin da Mi´ráy explícasenos a aparición dun xigante galo ou ave formada por milleiros de anxos, pola outra banda, no final da Commedia o narrador asegura asistir á visión dunha gran aguia formada por centos de anxos, tal como se observa na imaxe inferior nun gravado de Gustav Doré.

Para rematar este apartado gostaría de deixar sobre a mesa desta realidade dantesca, unha obviedade. Mahoma, ou o narrador do Poema do Perdón, así como Dante, son seres desviados da senda dereita, están perdidos e de súpeto senten a revelación. En ámbolos dous casos, esta revelación será fundamental para fixar o norte das súas vidas; no caso de Mahoma a de Allah por boca de Gabriel que fará del o derradeiro profeta, no caso de Dante, Beatrice será tomada por unha revelación en carne e alma, e máis tarde como unha erótica santa persoalmente canonizada baixo o idealismo orixinario do ser puro e incorruptible da cal só se espera un encontro no máis alá.

Neste gravado de G. Doré (1832-1883) no ano 1855, amósase a figura da aguia formada por milleiros de anxos, semellante ó galo formado por anxos da tradición islámica.

Facer posible un Dante influído polo Islam…

Xa pasamos o noso particular Cabo de Hornos, é hora de tentar falarnos de cómo facer posible que un toscano do Trecento chegue a verse influído baixo a órbita do pensamento relixioso islámico. Diversos estudosos da materia, entre eles Asín Palacios, B. Gregory ou Edgard Blochet, danos un lista de elementos interrelacionables na vida de Dante ou da súa época.

Existe un candidato; seu nome, Riccoldo da Monte di Croce, foi un dominico florentino que estivo en Oriente, tentando evanxelizar entre 1288 e 1301 ós habitantes musulmáns dende Mossul, pasando por Bagdad ou a propia Palestina. A importancia deste dominico foi que estudou o Corán en Baghdad e á súa a volta a Florencia no 1301 escribiu algunhas obras que terían relativa importancia a nivel cristián, son Contra legem saracenorum e Ad nationes orientales. A importancia e a relación con Dante estriban en que ó voltar a Florencia, Riccoldo estableceuse en Santa Maria Novella ata a súa morte no 1320, un ano antes que a de Dante, e esta coincidencia non remata aquí, todo parece indicar que Dante asistiu ás súas leccións, entre as cales se engadían a Improbatio Alcorani unha obra onde aparece, no capítulo XIV, a citada viaxe do Mi´ráy.

Outras probas da relación entre Dante e o Islam radicarían na presenza de presos musulmáns na Toscana da época ou trobadores de orixe musulmá en Italia provindes da corte multi-cultural de Alfonso X. Inclusive amigos íntimos de Dante e poetas como Guido Cavalcanti foron peregrinos até Compostela, polo que o que poidese coñecer este mesmo personaxe pola Iberia islámica quizais contribuíu.

Cegos durante séculos, convidándonos a crear unha Europa de entrañas de cinsa, non nos decatamos da permeabilidade cultural e comercial entre cristianismo e Islam. Tan permeable como que Fibonacci (Leonardo de Pisa), o matemático, aprendese a álxebra e a numeración arábigo-hindú en centros musulmáns do norte de África e da Iberia musulmá. Se isto é un exemplo sobranceiro de influencia cultural, por que non o vai ser tamén a Commedia despois das probas que presentamos ?

Esperamos que este artigo nos sirva de lección de tolerancia, desa que amosa que dentro dos nosos dogmas existe unha contradición interna que configura aspectos que endexamais pensaramos que puidesen existir, e isto vai por vostede, Monsieur Houellebecq.

BIBLIOGRAFÍA.

ASÍN PALACIOS, M. (1919) La escatología musulmana en la Divina Comedia. Madrid, Imprenta Estanislao Maestre.

BLOCHET, EDGARD (1901) Les sources orientales de la Divine Comédie. Paris, Maissonneuve.
(Enlace na rede: https://archive.org/stream/leslittratures41pariuoft#page/4/mode/2up )

BLOOM, H. (1995) El canon occidental, “La extrañeza de Dante: Ulises y Beatriz”. Barcelona, Anagrama.

OZANAM, FRÈDERIC (1847) Dante et la philosophie catholique au XIII siècle. Louvain, Chez C.J. Fonteyn.
(Enlace na rede: https://archive.org/stream/danteetlaphiloso00ozanuoft#page/n5/mode/2up )

STONE, B. GREGORY (2006) Dante´s Pluralism and the Islamic Philosophy of Religion. New York, palgrave Mcmillan.

-, (2012) “Dante as celestial soul: the final verses of Paradiso in the light of Avicenna´s metaphysics”, Modern Language Notes, vol. 127, nº1. pp. 99-109.