Albert Speer, a man da megalomanía hitleriana

Que é a arte? Serve de algo? Como nos inflúe? Segundo a RAG a arte é a: “Actividade humana que ten como fin a creación de obras estéticas.” Trata de embargarnos de sentimentos, emocións, tanto positivas como negativas, adquiridas co desfrute das pezas visionadas, escoitadas…A miúdo o artista interpreta o seu mundo cos seus símbolos e os admiradores do seu arte crean os seus propios. Unha maneira esencial de admirala arte, e desligándoa do factor político ou ideolóxico que a rodean, pero ao mesmo tempo sabendo da súa importancia. De este modo créanse uns prexuízos con respecto ao mecenas ou promotor dunha obra que nos fan olvidar a beleza ou mesmo fealdade da mesma. Se podes admirar, tamén criticar, a Capela Sixtina de Miguel Anxo, o Palacio de San Lorenzo do Escorial, o París de Napoleón III e o Barón Haussman, o Versalles de Luís XIV ou a reconstrucción urbanística de Roma por varios Papas: Sixto V, Julio II… tamén se pode o mesmo coa arquitectura de Speer, arquitecto nazi. É difícil, pero non imposible. As causas desta dificultade residen na súa arquitectura destruída e na ideoloxía á que el se adscribiu, aínda latente no eco da sociedade. Pola contra posúense fotografías, maquetas, planos e incluso restos desa arquitectura.

Non pretendemos aquí defender nin atacar ao nazi que “pediu perdón”, que descoñecía, segundo el, a maioría das atrocidades do III Reich (cousa bastante complicada). É a sección de arte, polo tanto dediquémonos a tal menester. Os xuízos xa pasaron, e tamén a man da morte.

Albert Speer (1905 – 1981)

En París, 23 de xullo de 1940. De esquerda a dereita: Albert Speer, Hilter e Arno Breker escultor e arquitecto. 

Os nazis como arios que se denominaban suporíase que debían promocionar a cultura e sentir intres pola mesma. Era un sinal de superioridade intelectual e de profundidade espiritual. De aí a acaparición dunhas 8000 obras de arte para o seu museo ou a construción dun certo tipo de edificios. Estes respondían a unhas concepcións de conservación no tempo, polo tanto a perdurabilidade do mesmo edificio como símbolo do réxime e de monumentalidade. Era un culto ao kolossal (xigantismo), propio do estilo do Fuhrer, case idéntico ao estilo ciclópeo do reinado de Guillermo II.

Antes de insistir nos símbolos, remodelacións, construccións nos que Speer desempeñou un forte papel hai que falar, en termos arquitectónicos, do que antes acaecía en Alemaña. Pártese da base de que arte e política ían da man; o ascenso do segundo significaba o nacemento dunha certa clase de arte. Na República de Weimar existían os chamados arquitectos radicais, de signo republicano e os demais, que nun extremo dereitista estaba Paul Schultze-Naumburg* encabezando a KDAI*. Os primeiros era proclives a unha arquitectura Moderna, nos que os grupos como a Bauhaus ou o grupo de “Der Ring” eran expoñentes desa época republicana. Nun contexto de paro, pobreza, problemas de vivenda a maltreita república de Weimar era visto como algo imposto dende fóra. Este foi un caldo de cultivo para crecente nacionalismo ario alemán. No relacionado á arquitectura os partidarios nazis calificaban os edificios cúbicos, xeométricos, en resumo racionais, como un “estilo prisión”. Segundo eles, tales arquitectos, non concibían un arraigo nacional provomendo unha “civilización do asfalto” fronte ao arraigo á terra, pero claro, so a súa terra. Non querían nada que tivese que ver co foráneo, recordando a humillación da primeira guerra. De aí que nomeado Hitler Chanceler e con poder suficiente foi pechada a sede da Bauhaus.

Os arquitectos ían a ser un pilar fundamental da reactivación económica. Foron os máis protexidos polos organismos estatais. As dúas directrices eran a profusión de obras públicas co lema “cada familia a súa casa” e o rearme do exército. Os bloques debían conter os carácteres nacionais. De entre os arquitectos destacaba un tal Albert Speer (non era o único). De familia de arquitectos e nado en 1905 a base de pequenos “enchufes” mediante pequenas reformas en casas de dirixentes nazis coma Goebbels.

Adscrito ao nazismo en 1931, Speer era xa arquitecto licenciado pola Escola Técnica Superior en 1927. Nomeado arquitecto oficial en 1934 foi quen de apreciar a nova tendencia na construcións dos edificios co cambio de estilo dende Weimar ao nazismo. O edificio debía constituír un símbolo; un símbolo de fácil comprensión para así establecer despois a función, a forma e a comunicación. Nos espazos abertos ou grandes reunións do partido, a misión era converxer todo nun punto determinado: o Chanceler e así, crear un sentimento de unión.

Poida que a personalidade de Hitler estivese incompleta sen a creación dos escenarios que Speer lle preparaba, pero sen dúbida era a súa plasmación na arquitectura icónica das ideas de Chanceler. Un exemplo dos símbolos foi a realización dos grandes fastos nazis do 1 maio de 1933. No campo de aviación de Tempelhof, a tribuna foi establecida como unha especie de barco, coas bandeiras a modo de velas, debido ao mar de cabezas alí establecidas. Era un barco que se lanzaba ao mar, co goberno forte e autoritario do novo Chanceler. No Congreso de 1935 (xa posto en pedra) dispuxo unha “Catedral da luz” mediante a iluminación das bandeiras do recinto que reflectían en zonas de luces e sombras nos militantes estando a tribuna iluminada na súa totalidade. A este efecto dramático Speer uniulle 130 reflectores do exército a intervalos de 13 metros. Quedaba firmado unha concepción esotérica da arquitectura luz.

A chamada “Catedral da luz” nazi.

De este modo aparecen novos e vellos símbolos unidos a varios obxectos para elevar a grandiosidade do líder. Nas reunións a aguia ou ben monumental ou ben sostendo a cruz gamada era a representación de Hitler. Considerada con unha ave soberana chea poderío, xenio, heroísmo… e identificada como ave de Alemaña nun aspecto racial. Aparece o rectángulo como receptáculo de masas xa que o Fuhrer quería “homes rectangulares en corpo e alma” ademais da multitude de bandeiras semellando o bosque.

En termos de edificios ou decoración destaca o símbolo do menhir da torre ou da caverna. O menhir representados en obeliscos ou columnas era símbolo da virilidade. A torre, no campo de Marzo (parte do Campo de Congresos de Núremberg) como virtudes guerreiras dos Cabaleiros Teutónicos e símbolo do espírito marcial e guerreiro. Na nova Chancelería o símbolo da caverna e o elixido a raíz dos futuros acontecementos que en 1939 sacudirían o mundo. Este lugar sería o máis seguro do mundo asociando a caverna ao búnker.

O máis importante de todo era o material construtivo. Para monumentos e grandes edificios axudáronse da pedra en vez do formigón e aceiro preeminentes no momento. Esta elección viña avalada polo tándem Hitler- Speer. O primeiro falaba da “palabra en pedra” onde o sillar de pedra era inalterable, mantendo a resistencia e duración fronte a alteración do ferro e formigón que levaba a continuas reformas. O segundo demostraba a través da súa “teoría do valor das ruínas” que o que perduraba, se mantiña firme eran as ruínas, unhas ruinas de gran beleza de, por exemplo a Roma imperial, da cal Xermania sería a súa herdeira. E que é o que sobrevive nas ruínas? Así é, a pedra.

Facemos un pequeno paréntese para ver a repercusión desta teoría. Speer, en 1940 mediante un mediador coñeceu o interese de Stalin por realizar unha reunión da cal ambas partes, megalómanas as dúas, sairían beneficiadas. O detonante foi o edificio construído para a Exposición Universal de París do 1937 e que en palabras de Stalin ese “edificio triunfal” de Speer fixo sombra ao pavillón soviético (ámbolos dous recibiron a medalla de ouro). A obra do alemán gozaba de forte acollida en Moscova de aí que cando Hitler se enterou díxolle que Stalin so o quería meter nun burato para ratas ata que non construíse a nova Moscova Outro que mostrou intres foi Mussolini, nunha das súas múltiples visita a Alemaña, e que tiña que ver co que agora expoñemos.

Speer amosándolle a Hitler a maqueta do pavillón alemán para a Exposición Universal de París de 1937.

Á esquerda; pavillón alemá. A dereita; pavillón soviético. Dous réximes. Dúas megalomanías. Situados fronte a fronte, ambos foron galardoados coa medalla de ouro da exposición. O arquitecto soviético encargado do monumento foi Boris Iofan.

Se o campo de Núremberg é a mínima manifestación que queda de Speer do que vamos a falar e escudriñar é do proxecto da remodelación da capital de Alemaña. Inscrutado nun proceso de desenrolo urbanístico do país no que o poder autoritario central se uniría aos poderes rexionais para a remodelación da Alemaña nazi. O país contaría 5 capitais: Berlín como capital da nación, Hamburgo, comercio e exportación, Múnich, do alzamento, Núremberg, do movemento e Linz,* cidade natal de Hitler e capital da cultura.

A reforma de Berlín, xa fora pensada polo Chanceler nos anos vinte. Na súa cabeza debuxábase unha gran avenida no centro de Berlín e cunha Gran Sala e un enorme Arco de Triunfo, principio e final da avenida. Unha especie de París pero de maior envergadura. Estas ideas, os técnicos do municipio de Berlín, foron incapaces de poñelas en marcha, así que volveu a acudir a Speer. Para o traballo foi nomeado General Bauinspektor, con plenos poderes respondendo tan so ás ordes do seu promotor. Sucedeu o 30 de xaneiro de 1937. Ante a súa irrealización, Speer denominaría ao novo Berlín como “a miña bela cidade fantasma.”

Vista dende a zona sur da maqueta da Gran Avenida. Ao fondo, a Gran Plaza coa Kuppel Halle. Pódese ver o arco de triunfo, no cal o seu homólogo de París podería meterse dentro.

O arquitecto debía reformular esa vaga idea de megalomanía do Fuhrer para adaptala á cidade xa existente. Partindo desta base a Gran Avenida quedaba incrustada nun eixe Norte-Sur, de 38 quilómetros e medio de longo. Este eixe conectaría coas autopistas “nacionais.” O outro eixe Este-Oeste, que tamén conectaba coas autopistas, chegouse a realizar unha parte de 7 km que se abriu ao tráfico en 1939 dende a Porta de Brandenburgo ata a Praza Mussolini de entón. Ambos eixes eran os brazos da cruz central; da Gran Avenida. Unidos con posterioridade, crearíanse a partir do centro, uns aneis concéntricos e de maior extensión na medida en que se distanciaban do centro para aliviar o tráfico. A ese centro irían a parar 17 calles radiais de 60 metros de anchura. Sería o centro da capital (Xermania) e a capital, o centro do imperio nazi. puntos.

No norte da Gran Avenida Speer ubicaría a Grosse Platz (Gran Plaza), cos edificios representativos do réxime: A nova Chancelería, o Fuhrerpalast (ambas conectadas), o edificio da Oberkommando der Werhmacht, co mando supremo do exército, o Novo Reichstag e a Gran Sala ou Kuppel Halle. Estes edificios farían de cerre para praza ecoroandoa no extremo norte a dita Gran Sala. Resumiremos o contido de dous:

– A Gran Sala ou Kuppel Halle ía acorde coas ideas megalómanas de Hitler. Un basamento de 98 metros onde se sostiña unha cúpula que dende o nivel do chan, o edificio alcanzaría un total de 290 metros Constituía o paso do finito ao infinito, do poder absoluto, unha especie de Torre de Babel nazi. Estaría rematada nun linternón cunha aguia sostendo o globo terráqueo. Tiña como modelo o Panteón de Roma pero as cifras darían mostra da monumentalidade: un óculo de 46 metros de diámetro polos 43 m da cúpula do Panteón e 44 m do Vaticano, unha capacidade de 150 mil a 180 mil persoas e cun interior 17 veces maior que a Basílica de San Pedro. Como remate o peso estimado sería duns 9 millóns de toneladas, máis ou menos o utilizado na Liña Sigfrido. Isto necesitaría uns cementos colosais de formigón para contrarrestar o pantanoso lugar.

Maqueta do colosal edificio proxectado.

Debuxo do interior da cúpula chea de xente. Todo o proxectado quedou en po.

– O Fuhrerpalast: un edificio en forma de U sobre un zócalo de 10 metros a modo de muralla. Organizado sobre un núcleo central e dous grandes patios centrais. As ramas do edificio serían dunha altura de 4 plantas mentres que ao corpo central se lle engadirían 3 máis. Unha das ramas conectaba coa Gran Sala, na outra habería unha zona de traballo cun salón de medidas descomunais (21000 m cúbicos fronte aos 2500 da sala de Recepción da Casa Branca). Posuiría unha forma de fortaleza máis que de palacio. Había influencias italianas do Renacemento na visión austera do exterior coa profusión de luxo no interior e tamén na sucesión de antecámaras e diversas galerías ata chegar aos gabinetes de audiencias. O máis parecido na Historia, de realizarse, puidese que fose a Domus Aurea de Nerón, en canto a significado. Situado no corazón de Alemaña, todos os camiños irían parar a Hitler como os camiños de Roma.

Outra maqueta, esta do palacio de Hitler. 

Reconstrucción virtual do que puido ser a Gran Plaza: https://www.youtube.com/watch?v=uSrfp_uJiik#t=68

Ao aquí escrito podemos sacar algunhas conclusións. Monumentalidade, conservación ante o paso do tempo, grandiosidade, colosalismo son sinónimos da megalomanía hitleriana. A arquitectura serviría para seducir, impresionar e intimidar, polo tanto era unha axuda para a política. Este non é un caso aislado, so hai que mirar cara o este, á URSS. Ademais serviría para a glorificación deste home e e segundo plano do réxime. Unha última percepción do analizado é a da fantasía irrealizada da arquitectura por parte de Hitler, poida que incluso unha enfermidade xa que durante a guerra mantiña os prazos previstos para os proxectos; cousa impensable.

1* Paul Schultze-Naumburg: arquitecto nazi e fervente crítico político coa arquitectura moderna.

2* KDAI: Kampfbund deutscher Architekten und Ingenieure. Unidade de propaganda para-gobernamental do Nacional-Socialismo.

3* Máis concretamente Hilter naceu nunha pequena aldea próxima a Linz; Braunau am Inn.

Bibliografía:

ARIZMENDI, Luís Jesús, Albert Speer, arquitecto de Hitler (Una arquitectura destruída), EUNSA, Pamplona, 1978.

FEST, J. Conversaciones con Albert Speer. Preguntas sin respuesta, Destino S.A, 2005.