Miguel Anxo, a chama que prendeu e nunca se apagou

Facía calor, a xente ía accedendo a gran estancia a través dunha porta que se presentaba estreita polas continuas ondas de multitude. Pouco a pouco conseguín achegarme máis. Foi entón cando comecei a escoitar: No Photo! Please! No Photo! Todo o mundo dirixía a súa mirada e os obxectivos da súa cámara  cara arriba, no teito. Imiteilles. Durante dous minutos, pode que aínda incluso máis do que me pareceu, a miña vista quedou no que atrevo a chamar “estado de shock”. Estaba na Capela Sixtina, tiña doce anos e acababa de entrar no universo de Miguel Anxo Buonarroti (1475-1564). O artista, o mestre universal, o xenio. E para algúns, ata un ser divino. O certo é que ninguén que teña un mínimo de sensibilidade pode facer outra cousa que asombrarse ante semellante grandeza.

sistine-chapel-ceiling_rome_vatican_city

Vista xeral da Bóveda da Capela Sixtina, pintada por Miguel Anxo entre 1508 e 1512

“Vivo moi preocupado e paso moitas fatigas. Non teño amigos, nin tampouco os desexo. Tampouco teño o tempo suficiente para comer o mínimo necesario” Extracto dunha carta dirixida ao seu irmán no 1509, cando xe levaba un ano traballando na capela Sixtina.

Efectivamente, o noso protagonista pasou cinco anos de penalidades dos que temos moitos exemplos en varios documentos persoais ou de autores como Vasari (1511-1574), un artista con moita reputación e contemporáneo de Miguel Anxo que sentía unha tremenda admiración por el.

Para comezar, Miguel Anxo non se sentía pintor. De feito, consideraba que o arte superior era a escultura. Durante os seus primeiros pasos como artista formouse dentro dunha filosofía neoplatónica. Os mármores que tallaba aspiraban a unha beleza ideal e divina. Eliminando o material innecesario ían aparecendo as formas. No que se refería a pintura, o traballo limitábase a cubrir unha superficie con materia. Chegados a este punto facémonos a seguinte pregunta. Como chegou entón a pintar na Capela Sixtina? O responsable deste encargo foi o Papa Giulio II (1443-1513), un home ambicioso e cun carácter moi difícil. Este novo pontífice quere levar a cabo unha importante renovación do Vaticano co obxectivo de facer propaganda da Igrexa como herdeira da grandeza do Imperio Romano. Poderíase dicir que levou isto ao extremo. Non dubidou en poñerse a fronte do seu exército para levar a cabo os seus plans de expansión e espremer ata o máximo os seus recursos, chegando a vender indulxencias. Para a construción dun San Pedro completamente novo tivo o privilexio de contar cun gran arquitecto, Bramante (1443-1515).

09julius

Retrato de Giulio II por Rafael (1511-1512). National Gallery, London


cappella_sistina_-_2005

Vista aérea da Capela Sixtina

Giulio II chamara inicialmente ao artista florentino para que levara a cabo o monumental proxecto da súa tumba. A primeira versión deste traballo é de 1505 e tería máis de corenta estatuas. Miguel Anxo estaba ansioso por comezar e xa estaba imaxinando na súa cabeza o colosal grupo escultórico composto de Vitorias e escravos derrotados. Planeou para a parte central varias figuras de profetas do Antigo Testamento. Marcha canto antes a Carrara a escoller e extraer os bloques de mármore para comezar o traballo, pero cando regresa o pontífice xa cambiou de idea. Bramante aproveitou a ausencia do artista para convencer a Giulio de que a prioridade eran as reformas do Vaticano e alí debían ir a parar máis fondos. Parece que Miguel Anxo non se levaba moi ben co arquitecto, sobre todo porque este tratou de desprestixialo, argumentando que Rafael, o seu protexido, era máis idóneo para o traballo. Sen embargo, Condivi (1525-1574) , destacado biógrafo do artista, defendía a hipótese de que fora o propio Bramante quen suxerira ao pontífice o nome do florentino para pintar a capela coa intención de que a súa pouca experiencia coa pintura ao fresco o deixara en mal lugar e así arruinar a carreira de Buonarroti en Roma. Se isto último foi así, pagaría a pena poder ver a cara que puxo o arquitecto do Vaticano cando viu rematada a obra. Dende logo, quedaría sen argumentos.

 “Todas as discordias que xurdiron entre o papa Giulio e mais eu debéronse a envexa de Bramante e de Rafael de Urbino”

 O noso temperamental protagonista, desobedecendo as ordes do pontífice, abandonou Roma e volveu a Florencia un pouco antes de que se puxera a primeira pedra da nova Basílica de San Pedro o 18 de abril de 1506. Sen embargo, terminarán reconciliándose co encargo dunha estatua ecuestre de Giulio II en Bolonia por motivo da súa vitoria sobre os Bentovigli. Despois, Miguel Anxo volveu a traballar de novo na tumba, pero o certo é que os recortes foron aumentando e o que nun principio fora unha obra que espertara a ilusión do ambicioso artista converteuse nun auténtico (“a traxedia da miña vida”). Tan só chegou a facer algúns escravos que quedaron inacabados e un monumental Moisés que hoxe podemos admirar en San Pietro in Vincoli (Roma), lugar onde se instalou a tumba definitiva do papa. O pontífice tiña novos e ambiciosos plans para o florentino: pintar o teito da capela Sixtina.

Sixto IV (1414-1484), tío de Giulio II, construíra este edificio entre 1471 e 1481. As medidas estaban inspiradas no templo de Salomón e seguían un formato de arca en base as ideas do xeógrafo bizantino Cosmas Indicopleustes (siglo VI), que imaxinaba o mundo coa forma dunha arca. Sixto contratara a pintores famosos coa intención de dotar de extraordinaria beleza as paredes laterais mediante frescos (Botticelli, Ghirlandaio, Cosimo Rossi, Perugino e Signorelli). Igual que o seu sobriño, este papa tamén fora moi ambicioso. Giulio, para dignificar aínda máis o gran monumento conmemorativo do seu tío, empregou a Miguel Anxo para repintar a bóveda da capela. O artista florentino substituiría o teito tachonado de estrelas por unha obra digna das ambicións do actual pontífice, que tampouco quería quedar por debaixo do seu parente.

 O contrato consistía inicialmente en pintar representacións dos doce apóstolos, pero o artista rematou por desbotar estes deseños iniciais e o papa permitiulle escoller o tema. Aínda así, a marxe da temática que escollería xa se partía dunha importante dificultade. A técnica do fresco non permite erros e exixe levar a cabo o traballo no tempo máis breve posible. Prepáranse os cartóns dos debuxos e divídese o conxunto en partes que poden ser completadas nun día. Se se pasa deste intervalo de tempo, o recebo sécase e xa non absorbe a cor. Miguel Anxo aprendera a técnica durante a súa formación no taller de Ghirlandaio, pero nunca a puxera en práctica ata este momento. A estes problemas sumouse o enfrontamento con Bramante porque este último estaba colocando un andamio que non era do seu gusto. Para calmar a furia do artista (e porque quería que os traballos comezasen dunha vez), Giulio ordenou desmantelar esta estrutura e permitiulle construír outro deseñado por el mesmo. Para axudar a Miguel Anxo, chegaron artistas de Florencia para tratar de botarlle unha man. Sen embargo, os resultados non foron bos. A destreza destes homes no recebo non funcionaba cos materias dispoñibles e o clima de Roma. Non tardou en aparecer mofo e tívose que comezar a pintura dende o principio. O artista decidiu traballar só coa axuda dun pequeno grupo de axudantes. De todas formas, polos análises que se fixeron ata hoxe parece que confirma o feito de que el fixo todo o traballo, ou polo menos a gran parte.

Buonarroti tardou anos en rematar a súa colosal obra, foron tempos cheos de angustia e dor. Pasaba moitas horas subido no andamio de pé e coa cabeza torcida. Unha postura moi incómoda que votaría atrás aos artistas máis habilidosos e expertos.

 Baixo o queixo crecido teño o boche

coma o gato que bebe auga lombarda.

Ou de calquer outro país infame;

da barbela cólgame o bandullo […]

Se levanto a barba, o cocote sinto

sobre o lombo; teño peito de arpía

e o chorreante pincel sobre a miña cara

fai dela un mosaico distinto.

Todo o lombo cargo xa no bandullo,

que contrapesa o traseiro como anca

e non me deixa ver nin onde piso.

Giovanni, hoxe estou

lonxe do meu oficio e, sen ser pintor,

defendo a miña honra e a miña pintura morta.

Soneto de Miguel Anxo escrito cando pintaba a Capela Sixtina. Foi adicado a  Giovanni da Pistoia, literato da Academia Florentina.

 A bóveda dividiuse empregando formas arquitectónicas da pintura de maneira que hai ata nove temas bíblicos pintados en rectángulos. Relatan a creación do mundo e do home segundo a Xénese. Neste artigo empregaremos unha orde cronolóxica para ir explicando as distintas partes deste colosal traballo. Miguel Anxo empezou dende a parede oposta ata rematar na entrada da capela. É dicir, comezou nun orde inverso.

1) A embriaguez de Noé:  Noé aparece embriagado e durmido mentres un dos seus fillos o tapa.

2) O diluvio universal:  Seguindo sempre o relato da Xénese, Miguel Anxo representa aquí o final do diluvio coa Terra xa inundada. A Arca de Noé atópase ao fondo flotando na auga. Por unha ventá asómase o propio Noé sinalando coas mans unha nube, indicando que o diluvio xa rematou. Tamén está presente unha barca con pecadores condenados a morte por ignorar a fe de Cristo. No illote e na montaña o artista representa a persoas de diferentes idades. É probable que a escena  teña un significado alegórico e represente a salvación da humanidade mediante a fe cristiá.

3) O sacrificio de Noé: representación do sacrificio que se fixo tralo final do diluvio.

4) Pecado e expulsión do paraíso:  A esquerda, a serpente enrolada na Árbore da Vida dálle a Eva o froito prohibido, que Adán tamén acabará tomando. A dereita, un Anxo coa espada desenvaiñada expulsa a parella do Paraíso.

forbidden_fruit

5) Creación de Eva: Deus fixo durmir a Adán nun profundo sono para extraerlle unha costela coa que formar a muller. Miguel Anxo representa a muller xa creada ante Deus.

6) Creación de Adán:  Posiblemente un dos paneis máis coñecidos da capela. Represéntase a Deus acompañado por varios anxos no preciso instante  en que está a piques de darlle vida ao primeiro home.

7) Separación das augas e a terra: Represéntase o segundo día da Creación. Deus separa as augas e a terra mediante o firmamento

8) Creación das plantas e os astros: Terceiro e cuarto día da Creación.  Miguel Anxo representa a aparición da vexetación a esquerda. No cuarto día crea o Sol e a Lúa.

07_3ce7

 

9) Separación da luz e as tebras:  Rematando este orde inverso, chegamos ao primeiro día da Creación. Miguel Anxo representa a Deus apartando coa man dereita as tebras e dándolle forma a luz coa esquerda.

Aínda que neste artigo centrámonos nas nove historias que se desenrolan na parte central, non podemos deixar de lado o resto dos elementos que conforman este monumental e único conxunto. Ao redor dos episodios da Xénese temos doce figuras de profetas e sibilas. Nas pendentes e nos lunetos están os antepasados de Cristo e episodios da salvación de Israel (Judit e Holofernes ou David e Goliat).

01_7si1

A sibila de Delfos, 1509.

07_7pr5-1

Daniel, 1511.

A fisionomía que presentan todas as figuras da bóveda non mostran moitas diferenzas entre o sexos. Miguel Anxo non oculta a súa atracción pola beleza masculina. De feito, empregou modelos de mozos de belo rostro para moitas das figuras. Finalmente, o 31 de outubro de 1512, en Vésperas da Festividade de Tódolos Santos a obra dábase por finalizada. Miguel Anxo deixaba atrás un período de constantes penalidades sobre o andamio as que se sumaban as continuas pelexas co papa, que segundo Condivi chegou a pegarlle nunha ocasión cun pao. O encargo inicial que se lle deu a Miguel Anxo era tan só para a parte superior da parede. A parte inferior, onde está o altar, tiña pinturas de Perugino, pero estas danáronse nun incendio de 1525. O artista florentino foi chamado para un novo proxecto na capela. Comezou a darlle voltas a idea do novo traballo e finalmente trazou un plan para a representación dun Xuízo Final. Sen embargo, esa posterior obra será comentada noutro futuro artigo.

VISITA VIRTUAL A CAPELA SIXTINA

A pesar do breve análise que fixemos aquí, é moi recomendable acceder a unha excelente visita virtual na que podemos entrar  na capela e movernos con grande liberdade para ver con detalle as fermosas pinturas da estancia. Todo isto ven acompañado con música de fondo do compositor renacentista Pierluigi da Palestrina (1525-1594).

http://www.vatican.va/various/cappelle/sistina_vr/index.html

BIBLIOGRAFÍA

COPPLESTONE, TREWIN. Miguel Ángel, Lisma ed., Madrid, 2007

FEDI, Laura, “La Capilla Sixtina”, Nathional Geographic Historia, nº130, octubre de

2014, pp.78-89

GRÖMLING, ALEXANDRA. Miguel Ángel Buonarroti, Könemann, Barcelona, 1999.

NÉRET, GILLES. Miguel Ángel, Taschen, Madrid, 2006.

LLORENS, TOMÀS. Miguel Ángel, Arlanza ed, Madrid, 2005