Unha conversa con David Chao: “A universidade está para formar profesionais de futuro, non para configurar autómatas”

Os periodistas, ou os amateurs periodistas que imitan os bos periodistas tentan ter sempre unha boa exclusiva, unha resposta sorprendente, tanto como a que Jean Cocteau pronunciou cando un periodista lle preguntou que salvaría dun incendio, ó que el, sentencioso replicou “O lume”.

Unha maña solleira de Outubro. Corremos para sermos puntuais, como bos afecionados ó periodismo cultural. Entrevistar ó profesor Chao Castro é un pracer sobre todo despois de que os mesmos periodistas fosen alumnos seus. A apertura das nosas mentes deica o mundo medieval non sería o mesmo sen a súa capacidade para transmitirnos a súa mentalidade, o ambiente de transición, de escuridade mais de momentos de lumieiras intelectuais e históricas. Comezamos a entrevista e acendemos a gravadora.

 A.L.: Como profesor que diría do seu curriculum na Universidade e do seu traballo académico ?

D.Chao: É un curriculum que amosa un pouco os meus intereses na investigación e no traballo, que se fundamentan maioritariamente na arte medieval. En concreto na Baixa Idade Media, cara onde orientei as miñas investigacións deica o mundo da iconografía rexia na Castela dos Trastámara; tamén te introduces noutras cuestións que ás veces pouco teñen que ver con esta temática, se ben dentro da mesma época e contorna da arte medieval. Finalmente, nalgunha outra ocasión basculei certas investigacións cara o mundo contemporáneo, xa que me atrae tamén moito, en especial o que ten que ver coa museoloxía e tamén coa arquitectura dos últimos 100 anos, que me interesa dunha maneira concreta.

 A.L.: Imos sen máis preliminares coa primeira pregunta entón. Arredor da arte medieval tense criticado dende círculos non académicos o seu valor non-naturalista, de perda dos valores de representación da Antigüidade, como una especie de infantilismo, non responde isto mais ben a unha ideoloxía anti-naturalista e iconoclasta, sobre todo na Alta Idade Media por contraposición ós ídolos pagáns?

D.C.: En efecto, é dicir, ese apartamento do naturalismo e do realismo, dun xeito especial da figuración humana, ten que ver cunha cuestión teolóxica e filosófica, e todo en relación coa Igrexa dese momento. É mais unha cuestión de tipo iconoclasta que busca o apartamento do corpo, xa que alí aniñan os vicios, o mal, o pecado, e polo tanto se sobrevalora a alma. Chegará a época de comezos do gótico, chegará o cambio e interpretarase que dado que o ser humano está creado por Deus, á súa imaxe e semellanza, o corpo controlado é positivo, e será nese mundo gótico cando voltemos a esa apreciación polo naturalismo que quedara abandonado e deixado de lado durante os séculos medievais anteriores. En todo caso aquí hai unha apreciación pexorativa que ven do Renacemento e que se mantivo ó logo dos séculos posteriores.

 A.L: De Idade Escura calificouse?

D.C.:Efectivamente.

A.F.: A arte e a ideoloxía moral medieval eran tan fortes á hora de moralizar na vida cotiá ou existía unha base moi forte de paganismo? Neste eido as imaxes deberon de ser un método perfecto de evanxelización…

D.C.: En efecto, o que podemos entrever a partires do conxunto que conservamos de imaxes, e de moita da documentación que temos, é que había unha forte base pagá que se mantivo ó longo dos séculos medievais, incluso a Igrexa era moi permisiva con este mundo pagán, ao que non recoñecía nin apoiaba pero si permitía ata certo punto que fluíse dentro desa sociedade. Probablemente o cambio maior se produce a partires do Concilio de Trento, onde si terminaron por fixarse claramente unhas bases e dogmas que deixaban de lado aspectos heteroxéneos.

 “O que podemos entrever a partires do conxunto que conservamos de imaxes, e de moita da documentación que temos, é que había unha forte base pagá que se mantivo ó longo dos séculos medievais”

En todo caso o que formula a pregunta no concerninte a que as imaxes foron un sistema catequético de primeiro orde demóstrase esencial. O problema é identificar nas imaxes e os seus conxuntos varios niveis de comprensión; hai uns inmediatos e evidentes para fieis simplemente iniciados, e despois outros niveis mais profundos para xente da propia Igrexa e/ou ben formados; e aí reside a riqueza da arte medieval, ser capaz de ter varios canles de transmisión

A.L.: Avanzamos no tempo cara a Plena Idade Media. Cornelius Castoriadis, filósofo francés e autor de A institución imaxinaria da sociedade afirmaba que a construción das grandes catedrais responde a unha razón ligada co eido do imaxinario e non só co da economía. Como é posible que sobre todo na Francia do XII e do XIII diversas localidades francesas entrasen nesa febre construtiva que moitas veces acabou en desastre como en Beauvais ?

D.C.:En efecto, non podemos so facer descansar na economía a produción artística, esta é unha visión marxista superada plenamente; non obstante, cuestións de tipo ideolóxico, social, político que hai que ter en conta inflúen de xeito concreto nesa febre construtiva que se produce nos séculos do gótico e no ámbito da Îlle-de-France e en boa parte do territorio francés. Ben é certo que a parte económica é fundamental, e so esas grandes construcións se explican a partires dun despegue ou florecemento económico notable que o facilita. Logo hai cuestións que non podemos obviar, como era o tema da rivalidade entre dioceses, sedes ou catedrais: isto foi determinante; e non so falamos de rivalidade entre bispos, senón sobre entre cabidos, o cal leva a ese desexo de poñer en marcha un conxunto arquitectónico que fose o máis sobranceiro do territorio. Iso explica esa arquitectura gótica que medra en altura e dimensións, ata que chega Beauvais e sobre todo a crise de finais do s. XIII e do s. XIV, que suporá o parón.

 A.L.: Ata o XIX xa nada….

D.C.: Claro, o XIX xa é outro cantar.

 “Non podemos so facer descansar na economía a produción artística, esta é unha visión marxista superada plenamente”

 

 

A.F.: En Compostela temos un proxecto de catedral gótica que pouca xente coñece, podería contarnos sinteticamente como foi a historia da ruína do proxecto?

D.C.: Este proxecto foi dado a coñecer no ano 1984 por Puente Míguez despois de facer unha revisión das memorias de escavación arqueolóxicas na catedral de décadas atrás (desde os anos 40´) e levadas a cabo por Chamoso Lamas e outros arqueólogos. Naquel momento pensouse nunha antiga torre que aparecía na documentación, pero Puente Míguez, facendo unha revisión crítica desas escavacións e das fotografías antigas, ademais da memoria e da propia documentación referencial antiga, decatouse que aquilo era de maior envergadura. E tanto foi así que descubriu a antiga cabeceira gótica -nos seus cimentos- da Catedral de Santiago; unha cabeceira que xustificaría que a mediados do s. XIII de novo o mosterio de San Paio de Antealtares se tivera que retirar ó leste para deixar o espazo suficiente (como constataba a documentación).

 Hoxe a cabeceira é visible embaixo das escaleiras da Praza da Quintana, onde hai unha porta por onde se pode acceder. O que pasa é que este espazo non está musealizado, e as súas condicións implican que as visitas sexan restrinxidas con permisos especiais por causa da seguridade. O proxecto foi planificado polo arcebispo Xoán Arias a mediados do s.XIII, así se interpretou polo desexo de volver a atraer a atención e a mirada da monarquía sobre Compostela, tendo en conta que os monarcas van máis ó sur no avance da reconquista, cando xa se recuperara Toledo; entón os monarcas abandonan en maior medida Galicia e Compostela, polo que se buscaría de novo recuperar ese interese e a conseguinte promoción rexia. Isto analizouno Puente Míguez e outros historiadores coma Serafín Moralejo; no caso da súa interrupción vería motivada pola morte do propio Xoán Arias e a falla de financiamento para a obra. Francisco Singul incluso comentou nalgunha ocasión que a chegada dos franciscanos e o seu asentamento na cidade motivara unha inclinación da promoción artística de nobres e burgueses deica a igrexa franciscana para as súas devocións e soterramentos, e un abandono paulatino de interese na nova cabeceira catedralicia. Non obstante unha cabeceira con altares relacionados co culto e o cerimonial litúrxico conlevaría a multiplicación de capelas, pensadas para ser ser espazos privados de soterramento familiar; pero ó non recabar o suficiente interese propiciouse o abandono. E logo por suposto está a cuestión económica, cunha crise en cernes como sería a do século XIV.

 “Facendo unha revisión crítica desas escavacións e das fotografías antigas, ademais da memoria e da propia documentación referencial antiga, decatouse que aquilo era de maior envergadura. E tanto foi así que descubriu a antiga cabeceira gótica”

 

A.L.: O negocio da morte, non si?

D.C.: Sempre fundamental…

 A.L.: Pasando máis a temas da actualidade, como se observa a Academia como institución e sobre todo como observa vostede o futuro das Humanidades ante o empuxe cada vez maior dunha idiosincrasia da educación técnica orientada ó mundo laboral e non á formación da Humanidade?

D.C.:Ben, as academias de Belas Artes e outras son institucións que están chamadas a ofreceren unha interpretación da actualidade e da defensa das correntes artísticas novas e antigas. Hoxe en día ademais son unhas institucións moito máis modernas, diversificadas en canto ao concepto de creación artística, e non hai ese sentido pexorativo tan marcado desde a arte contemporánea respecto ó “academicismo”. Hoxe as academias van por outros derroteiros e entran sen prexuízos nas correntes actuais. O labor das academias, tanto a nacional como as autonómicas, segue a ser importante no que se refire ao estudo, conservación e difusión.

 A.L.: Referíame máis a academia como institución e non as de Belas Artes.

D.C.: Ah ben! Imos ver, temos que analízalo entón mais en profundidade. Dende o mundo político constantemente estáselle a botar a culpa da falta de emprego á universidade, dicindo que as institucións universitarias non forman ao alumnado axeitadamente para despois introducirse directamente no mundo laboral. A imaxe que nós temos dende o mundo académico é distinta, entendendo que semellante reproche non é para nada xusto: se non  hai traballo nun país non se lle pode botar a culpa á universidade e ao sistema educativo en xeral; haberalle que botar a culpa ás institucións económicas, políticas e aquelas outras que non son capaces de artellar un mecanismo para poder abarcar a unha boa parte de egresados moi ben preparados e capaces de desempeñar óptimamente calquera posto laboral. En segundo lugar: si é certo que se abriu quizáis excesivamente a universidade, e isto deberíase remediar, poñendo filtros na entrada do alumnado, por suposto xamais de tipo económico, pero si de tipo formativo, académico e vocacional, para non crear unhas bolsas de profesionais concretos que non teñan despois onde meterse por non haber un mercado tan extenso como para acoller a tantos egresados en determinados campos. En calquera caso o mundo das humanidades non pode pensar exclusivamente nunha inserción laboral, igual que tamén temos que ser conscientes -como os nosos alumnos o son- de que todos os que entran na facultade -por exemplo, de Historia- non poderán no seu conxunto ocupar un posto de traballo vinculado especificamente con esa formación.

 O que ten que entender a sociedade e sobre todo o ámbito político -que evidentemente non o entende, pois non lle interesa recoñecelo- é que unha cousa é a formación e outra cousa a inserción laboral. Que a universidade está para formar profesionais do noso futuro, non para configurar autómatas que non pensen, nin opinen, nin critiquen. E mesmo coido que é necesario relativizar o protagonismo de novo tendencioso que se lle está a outorgar ao dominio dos idiomas, cunha política mediática que ten coma única finalidade xustificar de novo as vergonzosas taxas de paro e a obriga vital de emigrar para poder ocupar no estranxeiro eses postos de traballo que aquí non son creados e onde si é recoñecida a excelente formación dos nosos profesionais. Garantir esta óptima formación por tanto é a obriga da Universidade, e despois os ingresados traballarán no eido que lle corresponda ou que poidan. Un papel específico ten o mundo da economía, xa que moitas veces non lle presta a atención que debera ás humanidades. Non obstante, hai empresas que recorren a xente de humanidades para determinados traballos e actividades, aínda que sexan de tecnoloxías, do mundo médico… Son traballos que poden ser realizados moito mellor por “humanistas” porque teñen unha formación máis completa e unha visión da realidade que lle permite optimizar as súas actividades na realización do seu traballo, e isto é algo que tamén hai que valorar.

 “E mesmo coido que é necesario relativizar o protagonismo de novo tendencioso que se lle está a outorgar ao dominio dos idiomas, cunha política mediática que ten coma única finalidade xustificar de novo as vergonzosas taxas de paro e a obriga vital de emigrar para poder ocupar no estranxeiro eses postos de traballo que aquí non son creados e onde si é recoñecida a excelente formación dos nosos profesionais.”

 E logo sempre está a loita entre letras e ciencias, entre técnicas e humanidades. Tamén démonos conta doutro dato: a lista de paro que hai en Medicina é brutal, mais non figura como tal porque miles de médicos están a preparar o M.I.R. e poden estar anos e anos estudando estas oposicións. Neste ámbito a bolsa de paro tamén é moi grande debido a que nos últimos anos o mundo político fixo un ataque directo contra as institucións sanitarias neste país, o que conlevou que ademais do paro se estendese unha precariedade no emprego sanitario nunca visto ata o de agora. Por suposto que o mesmo acontece con outros ámbitos profesionais igualmente fóra das letras. Polo tanto debemos relativizar mediante a análise axustada o tema do paro nas humanidades ao facer as comparacións con outros ámbitos  de traballo en relación coas ciencias e técnicas.

 A.F.:   Xa que estamos en Compostela e ligado co patrimonio e as novas de actualidade, pensa vostede que o patrimonio artístico medieval está a bo seguro en condicións idóneas ? O Códice Calixtino podería ser un exemplo.

D.C.:Facemos xa o primeiro inciso sobre o Códice. Todo o que se ten vertido nos medios de comunicación debe ser tido en conta pensando que moita xente descoñece a realidade do mundo medieval e a realidade do que ten que ver co Arquivo da Catedral , pois hai que facer puntualizacións. O roubo do códice foi debido non á falla de seguridade na dotación técnica ou de persoal, xa que ten un persoal extraordinariamente ben formado e conta cuns medios técnicos plenamente axeitados, como unha caixa forte (algo que non e frecuente nos arquivos catedralicios); debeuse verdadeiramente a unha práctica natural: un inxenuo exceso de confianza nunha persoa que, pola súa labor profesional, levaba anos circulando por alí. Polo tanto, nese caso coido que non hai que facer una critica ó Arquivo, xa que conta –insisto- cos mellores medios humanos e técnicos. A dispoñibilidade do Arquivo de cara o público -falo no ámbito investigador e académico de cara ás visitas con alumnos-, sempre foi extraordinaria, igual que a mesma relación e interacción, onde o seu traballo e dinamismo na apertura e difusión converteunos nunha referencia a nivel estatal. Isto dalgún xeito viuse minguado ou polo menos matizado por culpa deste problema, e insisto en que o roubo foi o desgraciado resultado dun exceso de confianza.

 O tema do patrimonio en Galicia podemos dicir que está protexido en liñas xerais. En Compostela bastante ben conservado, sobre todo no que concerne á catedral e ao casco vello en xeral, sendo axeitado en liñas xerais o nivel de conservación e mantemento. Agora ben, non podemos descoidarnos, porque é un patrimonio delicado, con moitos anos e séculos ás súas costas, e polo tanto hai que estar supervisándoo de xeito continuo e actuando ao respecto; referímonos non soa  restaurar ou rehabilitar, senón simplemente á conservación, co desenvolvemento dun coidadoso programa de mantemento, limpeza e coidado fronte á humidade. O programa de restauración do Pórtico da Gloria, por exemplo, é fundamental, pero que comezou a acumular problemas sobrevidos, xa que arrastra varios retrasos que impiden que canto antes o Pórtico poida ser de novo visible. Sen dúbida hai que ter coidado con estas cuestións.

 “O programa de restauración do Pórtico da Gloria, por exemplo, é fundamental, pero que comezou a acumular problemas sobrevidos, xa que arrastra varios retrasos que impiden que canto antes o Pórtico poida ser de novo visible”

 A.L.:Que opina da frase de Oscar Wilde: En Italia baixo os Borgia durante trinta anos houbo guerra, asasinatos e masacres mais tamén traballaron Miguel Anxo, Da Vinci e outros. En Suíza tiveron cincocentos anos de paz e e o resultado foi o reloxo de cuco ?

D.C.:Ben, é unha ocorrencia divertida de O. Wilde, mais non se corresponde coa realidade. Suíza ten tamén, aínda que descoñecido, un importante patrimonio artístico; hai que pensar que mosteiros tan relevantes coma o de Sankt-Gallen está en terras helvéticas, onde atopamos igualmente cidades referenciais en canto á valía do seu patrimonio, monumentos barrocos de relevancia, ou mesmo artistas contemporáneos da importancia de Christian Boltanski, quen precisamente figura no elenco de artistas da exposición On the Road e hai anos mesmo foi protagonista dunha ampla mostra no CGAC, sendo polo tanto un dos creadores máis sobranceiros do panorama artístico actual.

O que si e certo e que os momentos conflitivos e de cambio social ou guerra demostráronse, en xeral, moi beneficiosos para as rupturas e evolucións na Historia da Arte, dando pé a grandes proxectos de transformación da linguaxe artística; sen embargo, e despois de varios anos inmersos nesta crise económica do mundo occidental, con sorpresa seguimos a observar unha case absoluta inercia, e onde a creatividade semella aletargada, con producións moi neutras e polo mesmo sen interese. O que non quere dicir, por suposto, que non se produzan excepcións moi valiosas…; pero son poucas . En primeiro lugar,e como é habitual, os grandes mecenas e promotores –institucionais ou privados- que resisten optan polo máis tradicional, como valor seguro, nunha práctica que acostuma a ser habitual en épocas de crise; e polo que aos propios artistas se refire,apenas se visualizan artistas que aproveiten esta crise para buscar as necesarias transformacións lingüísticas de cara á concreción de novas canles creativas; incluso as propostas máis reivindicativas –lóxicas nunha situación tan delicada como a presente- resultan na súa maioría unha sorte de propostas demagóxicas pouco (ou nada) orixinais. Detéctase polo tanto un certo esgotamento no panorama xeral, que poderiamos explicar en tanto que nos anos anteriores eses creadores artísticos foran tentados e absorbidos pola dinámica do mercado, pero dun xeito temporal e a miúdo especulativo, mesmo sobredimensionado; e ao convivir co capitalismo máis cruento, pilloulles a crise co pé cambiado, ficando moitos deles apartados en certa maneira do propio mercado e sistema tradicional expositivo.

 A. L.: Falouse incluso da morte da pintura

D.C.:Si, aínda que desde hai uns anos hai certo rexurdimento, ou polo menos intentos de facela renacer; pero neste sentido, ás veces entrevense determinados intereses, mesmo tendenciosos e especulativos de cara ao mercado.  En calquera caso, fai falla de novo un pouco máis de tempo e de superación da devandita crise para ver cal pode ser o verdadeiro futuro destas correntes de reivindicación pictórica, se ben opino que non serán máis ca unha corrente minoritaria, oportunista en certa medida polo seu vínculo coa situación actual, e polo mesmo con caducidade.

 A.F.:  Por último outra nova de actualidade, que se pode facer na preservación do patrimonio cando fai uns meses en Betanzos se derrubou con total impunidade una casa gótica ?

D.C.:Ben, hai moitos aspectos que hai que debemos ter en conta. Primeiro: é fundamental a conciencia cidadá sobre o patrimonio que acadamos a día de hoxe. Claro está que seguen a xurdir loitas puntuais entre a conservación e respecto polo patrimonio, e os intereses económicos; sobre todo cando están en xogo intereses inmobiliarios, producíndose friccións e mesmo prácticas radicais.  Aos promotores construtivos, sexan privados ou empresariais, o patrimonio a miúdo presentárselles coma un lastre que carrexa prexuízos; nestes casos segue a ser un hándicap que ese lastre pase a ser percibido coma unha vantaxe, onde a conservación patrimonial sexa introdutora dun valor engadido e, polo mesmo, que garanta o aumento do atractivo inversor. Desgraciadamente, cando hoxe en día esta premisa se cumpre, o problema é que case sempre resposta a criterios especulativos.

 “É fundamental a conciencia cidadá sobre o patrimonio que acadamos a día de hoxe. Claro está que seguen a xurdir loitas puntuais entre a conservación e respecto polo patrimonio, e os intereses económicos; sobre todo cando están en xogo intereses inmobiliarios”

En segundo lugar, coido que sería preciso un maior compromiso institucional, para favorecer o coidado patrimonial que poida depender das iniciativas privadas. Seguindo co ámbito inmobiliario, coido que se unha persoa pide un permiso para una reforma, e se esa reforma implica unha intervención nun lugar sensible para o patrimonio, son partidario de que llo hai que advertir de antemán e sobre todo facilitarlle inmediata e cun custe mínimo un asesoramento específico.

E logo, en terceiro lugar, as administracións publicas deberían asumir os custos de determinados procesos de conservación, aínda que os beneficiarios sexan privados; é dicir, se alguén que se propoña reformar un inmoble histórico leva a cabo a pertinente escavación e aparecen restos arqueolóxicos, a esa persoa vaille resultar moi complexo poder asumir os custes que implicará o necesario parón das obras, así como a propia escavación arqueolóxica e a posterior reforma do proxecto para contemplar a conservación dos restos. Coido que estes sobrecustos  deberíaos asumir todos -ou polo menos a meirande parte- a administración pública competente. Se lográsemos chegar a esta situación estou seguro que o respecto polo patrimonio sería moito máis elevado e, sobre todo, interiorizado pola sociedade, e onde un particular que emprende unha reforma e atopa restos arqueolóxicos sería quen de interpretar o achádego dun xeito totalmente positivo (cando agora acontece o contrario, implicando moitas veces a destrución encuberta).

 “As administracións publicas deberían asumir os custos de determinados procesos de conservación, aínda que os beneficiarios sexan privados”

 

Finalmente, e no tocante a episodios coma o de Betanzos, penso que as penas deberían ser máis duras contra os ataques e destrución do patrimonio, nas súas diversas facetas (derrubas conscentes, abandonos interesados para a declaración de ruína, pintadas…). É certo que moita xente xoga coa coa escusa da ignorancia, que na maioría dos casos resulta por completo falsa, pois o que se constata é unha ampla picaresca… De feito casos coma este derrubo poden respostar quizáis máis á picaresca que á ignorancia, e se ben é certo que o máximo responsable foi o particular que a destruíu, tampouco lle debemos restar culpa a uns responsables municipais que non souberon respostar con rapidez e prevención ante unha obra que resultaba claramente visible por dar á rúa. Nesta mesma liña opino polo tanto que non se lle pode restar culpa ao responsable dunha acción coma esta ou doutro tipo, de xeito que non deberían quedar impunes. Ao fin e ao cabo estes castigos contribúen a seguir formando unha conciencia social de querencia, respecto e necesidade de conservación do patrimonio.