Alexandre Magno (II): As cinzas dun “deus”

Ben, amigos e amigas, deixamos ó rei macedonio, do outro lado do Exeo. Temos que trasladado cara as costas de Asia Menor. Comeza así, o seu periplo de conquista do espazo pertencente ao Imperio Persa, en mans, neste momento de Darío III. É no ano 334 a.C. cando acaece este feito. Cruza polo Helesponto (estreito de Dardanelos). Alexandre contaba cun exército de arredor de 40.000 homes, entre os cales había, soldados macedonios, membros da Liga de Corinto e mercenarios gregos. Antes o basileus cedeu poderes en Macedonia a Antípatro ao mando de 12.000 homes para controlar calquera sublevación, caso de Esparta.

A priori parecen unas cifras insignificantes para vencer ós persas, pero é posible, aínda que a ciencia certa non se sabe, que tanto el como os seus xenerais e hetairois non tivesen en mente a completa dominación do grande imperio. Pola contra os persas seguramente non posuían unha visión de derrota completa ante o avance dun exército estranxeiro, na súa terra. Esta tranquilidade debíase en parte ás miles tropas que tanto o rei como tamén os sátrapas de cada lugar podían reunir, pero tamén ó extenso territorio que debían conquistar (dende Asia Menor ata os límites coa India) e os numerosos aportes monetarios que este imperio suministraba ós inimigos do rei, entre eles Esparta. Eran, pois inferiores en número e recursos, mais poida que por iso foron infravalorados polo Gran Rei e os sátrapas.

A conquista divídese mediante a participación segundo as súas batallas. A primeira sucedeu no río Gránico (334 a.c.), con forzas igualadas. Aparece aquí Memmón de Rodas, líder dos mercenarios gregos ó servizo dos persas e promotor da idea, non levada a cabo da idea de terra queimada. Coa vitoria caeron as cidades de Asia Menor, salvo Halicarnaso e Mileto, sucumbindo estas a un forte asedio.

Na batalla de Issos 333a.C., Darío encabezou a comitiva persa. Os autores modernos destacan un exército duns 90000 rebaixando cifras descomunais de os 600.000 de Arriano (Anabasis II, 8,8). Aínda así debeu ser unha proporción de case 3 a 1 co contrincante, mais seguramente a confianza na vitoria puido ser un hándicap para Darío. A derrota significou o control do corredor do Levante, xa que salvo Tiro e Gaza, as demais cidades presentaron os seus “respetos”. En Exipto coroouse como faraón e consolidou as posicións gañadas

Extensión do Imperio de Alexandre Magno coas súas principais rutas

Continuou cara o corazón do Imperio Aqueménida. En Gaugamela entaboou combate con Darío e cos sátrapas Beso e Maceo. Os persas contaban con todo o seu favor, terreo e novas tropas (bactrianas, sogdianas e mercenarios), mais a súa liña volveuse a desmoronar e Darío volveu a fuxir. Este foi asasinado por Beso, sátrapa de Bactria e Nabarzanes, un dos seus xenerais. Babilonia, onde recaera Maceo, abriulle as portas a Alexandre, co seu tesouro real. Caeron as capitais persas; Susa, Ecbatana, e Persépolis. Incendiou esta última, con gran repercusión, xa que se trataba dunha cidade, con respecto ao exército vencedor, de portas abertas. Aquí comezaba unha empresa particular; a conquista da India, co fin de superar a deuses como Dionisio.

Mediante relacións de amizade gañou o control dalgunha tribo local, máis non todas estaban pola labor. No río Hidaspes congregouse o exército do rei Poros cos famosos elefantes de guerra. Foi derrotado, pero as tropas macedonias subleváronse no río Hifasis, debido ás longas andainas, duns cantos miles de km, ao afán de retornar á casa cansos de loitar…O rei suspendeu a expedición e volveu a Babilonia, onde pouco tempo despois morrería, no 323 a.C. rodeado dunha aura de misterio, uns din que envelenado, outros que polos excesos ao longo da súa vida, en particular da bebida, mais nunca quedará esclarecido por completo.

De modo máis individual existen varios Alexandre que se superpoñen nunha soa persoa, de modo que o intentaremos mostrar, por separado, nos diferentes ámbitos polos que se moveu:

No ámbito militar/persoal cabe salientar o férreo control do seu exército mediante por exemplo a creación dun batallón de indisciplinados (ataknon tagma) situado a certa distancia dos demais para así crear unha atmosfera de competitividade para ou ben non querer entrar en dito batallón ou ben para saír del canto antes. Ademais, na estancia en Babilonia disporá do xeneral Harpalo como xefe de ocupación e da Caixa de guerra (despois do centro das finanzas), para asegurar as relaciones coa poboación e un rápido equipamento das tropas do fronte, o reparto dos botíns, evitar os desmáns das tropas de tránsito, e incluso o dotou con poderes para exercer a xustiza militar. Este xeneral será máis tarde perseguido por aproveitarse do seu cargo

O Alexandre relixioso é en onde se mostra una evolución máis clara que chegará a influenciar a esfera política. Nos comezos vese a si mesmo como un descendente de Heracles por vía paterna e de Aquiles pola materna, e por ende, de Zeus. Co paso do tempo e tamén da expedición militar achegábase cada vez máis ao seu orixe divino, sendo o punto culminante a súa entrada e posterior saída (ArrianoIII 3,4) do oráculo de Siwah (Exipto) cunha filiación divina con Zeus ó estilo de Heracles ou Dionisio, é dicir, fillo de Zeus. A causa disto puido que se lle ocorrera a súa andaina pola India de cara a emular a este dous fillos de Zeus. De aquí parte a publicidade que lle deron á conquista da rocha Aornos (Arriano IV 28,29), que nin tan sequera Heracles fora capaz de asaltar ou da dita expedición pola India, emulando a Dionisio.

   

Busto de Alexandre Magno como Helios. Copia romana dun orixinal helenístico. III a.C. II a.C. Museos Capitolinos, Roma

        

   Alexandre cortando o nó gordiano por Jean-Simon Berthélemy (1743 – 1811). Beaux-Arts de París,Francia

Seguindo neste apartado, o rei era adulador da relixión e dos antigos heroes gregos, en decadencia nesta época debido ás correntes filosóficas. De entre tódalas manifestacións podemos destacar, as baseadas na Ilíada como os fastosos xogos funerarios na honra de Hefestión do mesmo modo que Aquiles fixera con Patroclo ou das ofrendas, cando pasou pola zona da cidade, os antigos heroes da guerra de Troia (Diodoro XVII 18; 3). Outros actos dunha mesma similitude son; a divinización dos ríos mediante sacrificios á súa beira, as constantes libacións, o acto de cortar ou desatar o nó gordiano (Gordia, cidade de Frigia) polo cal se dicía que quen o conseguise, conquistaría toda Asia coñecida (Plutarco 18, Diodoro XVII 79,80) ou a inclusión dentro do seu séquito de adiviños nos cales posuía unha fe cega, sendo Aristandro o principal. Neste apartado hai que contar a progresiva orientalización da súa persoa como por exemplo coa adopción da proskynesis* persa sendo tolerante coa relixión de cada zona. Isto maniféstase moi ben en Plutarco 28 onde se mostran as ideas de Alexandre sobre a divindade, pasando de ser un arrogante de orixe divino cos bárbaros a suave cos gregos.

Politicamente, este home acaparou dende un principio todos os poderes. Podíaos delegar ou non e foi acadando todos os títulos dos lugares que conquistaba. Política e relixión ían unidos para un mellor control da poboación. Os actos de propaganda foron ben preparados: en 332 proclámase como faraón, en 331, tras Gaugamela como sucesor lexítimo de Ciro (rey persa do VI a.C.) e incluso persegue ós asasinos de Darío, como se fose un vengador.

Por outro lado, rexeita en Issos a oferta de Darío de ser o dono de todo o oeste do Éufrates. O que debía ansiar era pasar dun simple rei macedonio a un rei universal, para así, entroncarse cos antepasados reis – heroes. Os territorios conquistados uníaos á súa persoa, non ó reino, polo tanto eran case coma unha propiedade do conquistador. Era un poder individual, forte, concentrado na súa persoa. Non lle debeu temblar a man contra os opositores á súa política cada vez máis orientalizada. Pode que influído pola neurose sobre sublevacións e represións, a pesar de que nos textos manifesten o seu intenso lamento polas mortes. Algúns pode que xustificados como Filotas que participou nunha conspiración, que levou ao seu pai Parmenión a pasar polo coitelo, por sexa acaso. Outros pertencen ao desenfreno do rei, caso de Clito o Negro, morto no banquete de Maracanda, tras rirse dos orientais, ou Calístenes, férreo atacante da proskynesis. Este último foi asasinado aproveitando unha conxura dos paxes no 327 a.C., no fora a ser que a voz da facción macedónica gañase máis adeptos.

 Alexandre con lanza, Siglo IV a. C. Baixo Exipto, Museo do Louvre, París, Francia

Débese ter, tamén moi en conta a creación de novas cidades, das “Alexandrías”. Foron arredor dunhas 50, por todo o efímero imperio, coa misión se asegurar o control e a súa presenza. Un dos fallos máis graves do macedonio foi non deixar unha descendencia forte e asentada. É verdade que tivo un fillo, moi novo á súa morte, coa princesa bactriana Roxanna, De ahí que quedasen baixo a protección dun xeneral, pero que acabarían por morrer nunha das sucesivas conxuras con fin de repartir os cachos do pastel, entre uns larpeiros xenerais. Hai que mencionar que estes mesmos xenerais lle suplicaron que antes de marchar contra o Imperio persa deixase descendencia.

No caso da ciencia; houbo un Alexandre científico? A resposta é non. Non, a pesar de recibir aquela educación de Aristóteles de pequeno e da suposta correspondencia epistolar entre ambos. A súa relación coa ciencia foi pola inercia da expedición. Isto provocará unha revisión dos límites xeográficos, descubrimentos de novas especies, pero tamén dun aumento dos mitos que sobre todo, rodeaban á India. O que si lle interesou foi aquela ciencia que estivese aplicada á guerra. Aplicación en termos de conquista, cos famosos zapadores, enxeñeiros, co exemplo da unión da illa de Tiro con terra firme, na experimentación con hidrocarburos e nas novas armas. Menos interesado estivo nas ciencias da natureza. Unicamente no mandato de observar ao elefante como máquina de guerra. Como dato curioso algúns destacaban ao elefante como un ser que vivía 300 anos, chegando algúns aos 500, polo cal o período de xestación sería duns 10 anos.

No que consta ás demais averiguacións foron os seus acompañantes os que as describían. Despois os divulgadores máis ou menos fieis transcribían estes coñecementos, de aí algunhas discrepancias, que se recollían na Arquivo de Babilonia. En botánica destacan as apreciacións sobre as plantas velenosas e ó seu antídoto ou en zooloxía (sen contar ao elefante) os estudos sobre serpes crocodilos o hipopótamos, seguramente debido a su ferocidade ou grandeza. En xeografía destacamos ós bematistai, que medían os territorios explorados, ou a expedición de volta dende o Indo ata o Éufrates, de Nearco, catalogando plantas animais e habitantes. Dita expedición invalidaba a idea de que o Indo fose o curso superior do Nilo.

A modo dunhas breves conclusións é necesario mostrar como colleu o reino do seu pai e o converteu nun imperio, pero un imperio cos pés de barros. Tamén conectou o Oriente co Occidente creando unha simbioses de culturas nas novas zonas. Hai que ser xustos, foi unha simbioses a base de sangue e morte. O que si provocou foi un intento de emulación da súa persoa. A emulación presente nos Diádocos, xenerais que se repartiron (con loitas) o Imperio, en Pirro do Épiro ou en Augusto, axudando a estender o mito que el mesmo comezou a difundir.

 *Proskynesis: saúdo mediante a acción de prostrarse ante un señor ou gobernante

BIBLIOGRAFÍA UTILIZADA PARA ESTE E O ANTERIOR ARTIGO:

ALVAR, Jaime, BLÁZQUEZ, José Mª (Eds), Alejandro Magno. Hombre y mito, ACTAS s.l. Madrid, 2000

DOMÍNGUEZ MONEDERO, Adolfo J. Alejandro Magno. Rey de Macedonia y de Asia, Sílex Ediciones, Madrid, 2013.

GÓMEZ ESPELOSÍN, Francisco Javier, Historia de Grecia en la Antiguedad, Akal, Madrid 2011

GÓMEZ ESPELOSÍN, Francisco Javier, Alejandro Magno en la India, Historia National Geographic, nº 118, outubro 2013 pp 42-51

BIBLIOGRAFÍA CLÁSICA.

ARRIANO, tradución e notas de GUZMÁN GUERRA, Antonio, Anábasis de Alejandro Magno, Grados, Madrid 2001

PLUTARCO/ DIODORO SÍCULO, Ed. de GUZMÁN GUERRA, Antonio, Alejandro Magno Akal, Barcelona, 1986