Da escavación á docencia

O noso entrevistado, cos seus xestos típicos de amabilidade e campechanía aos que xa estábamos afeitos dende que foramos os seus alumnos no curso pasado, invitounos a tomar asento. O seu despacho amosábase moi acolledor, cheo de libros relacionados na súa grande maioría co mundo da Arqueoloxía, unha boa parte da parede estaba cuberta por distintas imaxes de campamentos do exército romano. Sobre a súa mesa, varios tomos da obra Xeografía de Estrabón e un exemplar do Satiricón de Petronio. Estamos con José Manuel Caamaño Gesto, profesor titular de Arqueoloxía na USC (acreditado a cátedra). Director de varias escavacións. Autor de oito libros relacionados coa Arqueoloxía e de centenar de artigos en revistas especializadas relacionadas co mundo romano do noroeste. Participou e dirixiu distintas escavacións ademais de asistir como poñente en varios congresos arqueolóxicos e de impartir múltiples conferencias sobre o tema.

  • Como vén evolucionando a Arqueoloxía tanto na recuperación coma no estudio dos materiais atopados?

José Manuel Caamaño Gesto: A arqueoloxía galega está a nivel de calqueira tipo de arqueoloxía que se desenrole en España. Empréganse técnicas modernas e avanzadas. A técnica de recuperación e interpretación dos restos materiais é moi avanzada, as veces para o estudo dos materiais fai falta ter uns coñecementos e unha veteranía a base de participar en escavacións. Moitas veces, por desgracia, nesta situación actual, moitos arqueólogos non tiveron oportunidades de “adestrarse” en escavacións.

  • España segue o ritmo dos países que máis inverten na conservación do seu pasado ou sitúase na cola dos que menos cartos achegan?

J.M.C.G. Non segue o ritmo doutros países. Non obstante, sobre todo durante a década dos anos 70 ata o 2000, si que adicou bastante apoio as intervencións arqueolóxicas. Con todo isto non quero dicir que agora sexa o último país na lista, pero aínda así está lonxe de ser un país punteiro como Francia ou Inglaterra neste aspecto.

  • Os actuais recortes afectan a todo o ámbito estatal, de que forma afectan estes recortes a disciplina arqueolóxica?

J.M.C.G. Moitísimo, incluso en escavacións puntuais levadas a cabo nos xacementos punteiros de Galicia xa que non hai presuposto para escavar. O problema se agrava porque os alumnos non poden facer prácticas de arqueoloxía que lles leven a acadar unha certa experiencia. Ademais, hai empresas de arqueoloxía que viven desta profesión dende fai anos e ao non haber tantas construcións en cidades históricas, non hai revisión arqueolóxica nos solares ou xacementos sobre os que se constrúe, ao non haber infraestruturas viarias, non hai seguimento dos traballos arqueolóxicos que segue o trazado dos gasodutos ou das autopistas. As empresas arqueolóxicas están sufrindo neste momento un gran parón.

Por outra banda, é importante lembrar que a Arqueoloxía hoxe é multidisciplinar, hai colaboración de zoólogos e edafólogos, e se non temos uns fondos mínimos non hai forma posible de financiar estes estudos. Xente licenciada en Arqueoloxía que traballaba en empresas arqueolóxicas cun soldo digno, agora non ten traballo.

Ademais, nunha boa situación económica, os fondos seguen sendo relativamente limitados, xa que tan só dan para campañas xeralmente dun mes de traballo, de maneira que o traballo nun xacemento implica moitos anos de dedicación. Farían falta máis fondos e unha intervención máis continua, non paróns de sete anos para volver a escavar durante só un mes. Os cartos tamén son necesarios para a limpeza destes xacementos porque no caso de Galicia, cun só inverno xa nace de novo a maleza cubrindo de novo o xacemento, dificultando a visita deste.

 – Pérdense datos con esa discontinuidade?

J.M.C.G. Non, os datos científicos non se perden, obtéñense na escavación. O que si se perde son datos patrimoniais. A xente acude a visitar un xacemento e non hai carteis informativos, de maneira que se perde un valor didáctico moi importante.

  •  Hai conciencia na sociedade dun patrimonio nacional en clave arqueolóxica?

J.M.C.G. Non existe unha conciencia nacional do valor arqueolóxico en España, salvo contadas excepcións como algunha institución e persoas que valoran a Arqueoloxía. Normalmente ao arqueólogo míraselle despectivamente porque se pensa que é unha persoa que se dedica tan só a remover a terra inutilmente. A realidade é moi distinta. Poñendo por exemplo un castro, situado nunha finca privada, a persoa que é propietaria desa finca probablemente non permitirá o acceso porque se o atopan  (o castro) non lle expropian a finca, pero tería que estar baixa unha cautela de protección.

Efectivamente, sendo un xacemento arqueolóxico, o propietario non podería tocar nada teoricamente, prexudicando a esa xente. Ademais, se llo expropiaran e llo pagaran cunha cifra correcta non habería problemas en moitos casos. É o mesmo problema que se da en cidades históricas cando se descubre en Lucus Augusti algunha domus, o ideal sería deixala a vista, pero como lle pagas ao construtor esa perda? De todas maneiras, a figura do arqueólogo ten o seu poder, sobre todo na arqueoloxía de intervención. Se ti vas facer unha casa, primeiro, sobre todo se é unha zona monumental, o arqueólogo ten que facer un informe, se o arqueólogo da un informe negativo, supón un problema para construír  a casa, de maneira que ten un certo poder que xera antipatías.

  •  Encóntranse as novas xeracións de arqueólogos preparados e capacitados?

J.M.C.G. Eu penso que non saen preparados, pero non pola súa culpa. Nos plans de estudio dedícaselle moi pouco a Arqueoloxía. Hai moita teoría e metodoloxía, pero non hai materias como as que había antes. Estou pensando en Arqueoloxía Clásica, Epigrafía e Numismática, Arqueoloxía de Gallaecia. En quinto de carreira cada un collía a súa especialidade: Historia Moderna, Contemporánea, Prehistoria ou Arqueoloxía entre outras. Isto por un lado. Ademais , como xa comentei antes, hai moita falta de práctica. Por exemplo, antes, cando escavaba no campamento romano de Cidadela, facía quendas de 15 días para que alumnos que se presentasen voluntarios puideran escavar alí con manutención e aloxamento dentro da modestia do presuposto. Desta forma, aprendían técnicas de escavación e o que debe ser a clave dun bo arqueólogo, o coñecemento dos materiais, porque escavar pode facelo calquera partindo dun manual no que se explique como facer unha cuadrícula, interpretar os niveis. O problema é saber a que período histórico concreto corresponde cada nivel estratigráfico, e isto só se pode saber se controlas os materiais.

  •  En calidade de docente e a título persoal, díganos algún pros e contras desta profesión.

J.M.C.G. A min encántame a investigación arqueolóxica. Sempre foi a miña vocación. A Arqueoloxía de campo, tanto de escavación como de prospección. Persoalmente, a docencia gústame practicamente nada. Non me gusta porque cada vez que subo a unha tarima, partindo xa de que os programas non me gustan porque as veces teñen moi pouco que ver coa Arqueoloxía, pregúntome cantos dos alumnos de clase realmente lles interesa o que estou contando. A maioría, salvo un 5%, está na clase para copiar os apuntes e aprobar a materia. É algo moi decepcionante. En cambio, si me gusta moito dirixir teses doutorais, dirixir aos alumnos persoalmente en seminarios e incluso dar másters e dirixir traballos de investigación porque é un contacto con persoas que está verdadeiramente interesadas na miña disciplina.

 descarga

Preguntas referidas a súa persoa.

  •  Como, ou de que maneira, xurdiu a súa vocación pola Arqueoloxía?

J.M.C.: A miña paixón venme dende moi cativo. Como anécdota, contareivos como de neno (crecín nun ambiente rural) miña nai me fixo coser os petos da roupa, debido a que os traía cheos de materiais como azulexos e cerámicas que recollía de diferentes leiras, acabando os petos por romper.

Esta paixón acompañoume cando comecei a estudar a antiga carreira de Filosofía e Letras. Aquí durante as vacacións ou no meu tempo libre, preguntaba pola miña contorna, tratando de recoller folclore e de visitar os castros que se encontraban máis preto.

A vocación, dunha maneira máis seria ou disciplinaria, xurdiume, sobre todo, estando eu en 3º de Carreira, cando na Facultade se asentou o Doutor (e profesor) don Alberto Balil Illana (1928-1989). A el débolle o que son, xa que foi o meu mestre e director de tese. Ademais aportou novas metodoloxías coas que se escavou xacementos, nos que grazas a el, participei como o das Torres do Oeste de Catoira, e o castro de Neixón. Este mestre, interesábase pola nosa formación, mandándome incluso a escavar fora de Galicia co fin de gañar máis e mellor experiencia.

En resumen, tiven ben clara a miña vocación, aínda que tamén me gustaba ser futbolista, non por amasar grandes cantidades de cartos, senón polo que disfrutaba xogando ó fútbol. A vocación superou o afán acumulativo de cartos porque, tendo a oportunidade de gañar moito máis diñeiro  como profesor de instituto (o triple ou máis), ao pouco de acabar a carreira, decidín entrar como axudante de clases prácticas (de Arqueoloxía) da Facultade

  •  Díganos algún dos xacementos máis recoñecibles ou famosos nos que traballou.

J.M.C.: Participei en bastantes escavacións tantos en Galicia como no exterior, sendo máis numerosas as escavacións galegas. No estranxeiro, iso si, cunha participación menor, destacaría as escavacións en Polonia dos túmulos megalíticos de Lesnos así como en Portugal no xacemento dunha pequena cidade “rural” en Alvarellos (Oporto)

Dentro do territorio español, pero fora de Galicia é salientable destacar a miña participación  nos xacementos do castro do Castelo de Henayo (Álava), na necrópoles e villa romana de Cabriana (entre Álava e Burgos) e no xacemento celtibérico de Villanueva de Teba (Burgos)

Xa dentro de Galicia, ben fose como escavador, co-director ou director participei, entre os máis destacados, no xacemento medieval das Torres do Oeste de Catoira, nos castros de Neixón (Boiro), Castromao, (Celanova) da Forca  (A Guarda), do castro e villa romana de Toboada (Silleda), do castro “especial” da Lanzada, máis da súa necrópoles, o castro de Toralla (Vigo), castro de Punta de Prado (Espasante, escavacións en Lugo, do castelo da Rocha etc. Na prospección arqueolóxica participei en varios proxectos e dirixín as prospeccións do castro da illas de Ons, na comarca de Valdeorras, castros da costa lucense e sobre todo, o máis destacado, ben como director, ben como coordinador, o campamento romano de Cidadela (Sobrado dos Monxes)

  •  Que calidade de conservación presentan os campamentos romanos da Gallaecia?

J.M.C.: Dos tres campamentos coñecidos oficialmente o único que apenas presenta restos e polo tanto non ten nada conservado e o campamento de Lucus Augusti. Nos outros dous hai un forte contraste na súa conservación.

O xacemento mellor conservado e restaurado, ademais de contar cun centro de interpretación para os restos, é o de Aquis Querquennis en Baños de Bande (Ourense). Un campamento de finais do século  I a mediados do II. É visitable debido a inxección de fondos europeos, da Fundación Barrié e dun importante mecenazgo de Gas Natural Fenosa, que en 1947 compra o terreo e en 1975 Colmenero comeza as escavacións. O problema que presenta e que a causa da subida da auga do embalse das Conchas, a veces, queda unha parte anegado e polo tanto non visitable.

A contraposición a esta conservación e o campamento de Cidadela cunha ocupación de principios do século II ata o século IV. Está mal conservado, sen consolidarse, aínda que é visitable pero sen paneis explicativos. Os visitantes terían que ir acompañados dun guía ou arqueólogo, xa que senón verían as estruturas pero non as comprenderían. Para ser propiedade da Xunta de Galicia, tras a compra a diferentes propietarios (14), na que eu mediei, os esforzos son mínimos. A última escavación data do 2010, aínda que con frecuencia límpase a maleza

  •  Como se desenvolvía a vida nun campamento romano?

J.M.C.: Pois, ao ser un campamento militar posuían unha férrea disciplina, polo tanto os soldados nunca se encontrarían ociosos.

Dende a 1ª hora da mañá, un oficial de nome tesserario, daba as ordes que se levaría a cabo durante o día. Estas ordes eran diversas; gardas con fin de controlar a saída e a entrada ó campamento, nas  4 portas deste edificio, traballos na carpintería, talabartería, ferrería etc, escoltar convois de minerais, manter a orde no lugar pacificado e traer o suministro, ou a annona militar para os soldados.

Ademais destes traballos, os soldados, debían de estar en plena forma, cun entrenamento físico moi duro (marchas de incluso 20 km co equipamento incluído) ou realizar as tarefas domésticas, xa que cada un tiña que procurarse a realización da súa comida. Como os soldados percibían un soldo e permanecían no exército case toda a vida (18 a 34 anos), fora do campamento nacía un novo asentamento. Por estes lugares asentábanse as súas familias, comerciantes ou prostíbulos e que foi o xerme dalgunhas cidades posteriores como León.

  •  Explíquenos de maneira sucinta a vida dos habitantes autóctonos da Gallaecia antes e despois da chegada  romana. Os cambios que se produciron e tamén a interactuación entre ambos mundos

J.M.C.: En contra do que se pensaba antes; de que os romanos fixeron baixar ós castrexos do monte e de que a guerra provocou numerosas destrucións, a arqueoloxía ven demostrando o contrario. O que houbo, foron pactos de hospitalidade, polo cal o castro entraba na órbita ou influxo romano. Isto reflíctese na importación de materiais das clases nobres castrexas (cerámicas sigilatas itálicas ou hispánicas), na aparición de vidro, inexistente antes dos romanos, ou nas inscricións en favor de deuses romanos (sobre todo Xúpiter), provocando un certo sincretismo relixioso.

En resumo, non hai ruptura de habitación coa chegada dos romanos e incluso algúns castros, caso de Viladonga ou de Santa Tegra, o seu momento de maior apoxeo sitúase neste momento.  No que hai diferenza son nas relación entre eles.

 descarga (1)

  •  Que opinión lle merece o suposto descubrimento dun campamento romano en Negreira?  Sería útil a súa escavación?

J.M.C.: Sempre son bos estes descubrimentos. Eu entereime a través de Internet e sí, parece ser, mediante a fotografía aérea, un presunto campamento romano, debido a que posúe unha planta típica destes campamentos; rectangular con esquinas redondeadas. Debeu ser un campamento, polas súas dimensións destinado a aloxar unha lexión (uns 5000 homes).

O problema que presentaría de cara a unha escavación é o de ser un campamento temporal, de tránsito. Cando se trata deste estilo a muralla constrúese con terra (do foso) e cascallos, non é pétrea, ademais da utilización de tendas de campaña polo cal deixan moitas menos evidencias materiais. Só restos de armamento, moedas etc, mais non deixan estruturas. Hai que ter en conta tamén se hai en lendas ou topónimos relacionados co xacemento. Parece ser que descubriron outro no val do Douro. Pero o problema é o mesmo. Un campamento temporal ou de marcha (de instrución), pero hai que deixar claro que non terían relación coas guerras cántabras, a última conquista de Roma na Península Ibérica

  •  Cando se xubile como docente, tamén o fará como arqueólogo ou seguirá aportando novas escavacións e descubrimentos?

J.M.C.: Non ten nada que ver unha xubilación con outra. No campo da docencia estou desexando xubilarme. Levo impartindo clases dende 1971 e incluso lle din clases a fillos de alumnos, e se me apurades tamén a algún neto (risas). Será bo para min o descanso que isto me vai permitir, ademais hai  alicientes externos  como os recortes ou as negativas para inverter diñeiro en investigación, que sempre acaban por entristecerme máis.

A nivel de escavacións, intentarei axudar, sobre todo, a aqueles arqueólogos que foron ex-alumnos meus e me teñen un bo aprecio, máis que nada porque son os que máis coñezo. Non xa tanto directamente senón como axuda externa, é dicir, de visita uns días para evitar estar en plantilla e lle custe cartos. Penso nesta axuda aínda que as técnicas mudan, a veteranía no coñecemento arqueolóxico é un grado e mentres a saúde mo permita estarei a súa disposición.