A curta viaxe cara a fin dos días: Gustav Mahler

As sociedades entran en descomposición a medida que o trasego de ideas mingua e asfixian o potencial artístico aínda que canso do que fora en orixe. Aquí unha teoría decimonónica sobre a arte. Fálase dunha decadencia dexenerada, de indixenismo, dun ambiente enrarecido por unhas creacións endebedadas ó máximo co seu pasado propio. Mais de súpeto xorde o milagre, alguén ou algúns rachan as barreiras dese muro invisible e descubren na renovación, no diferente e no que antes ninguén observara a “idea-eixo” das novas respiracións intelectuais. Debussy introduce o gamelán na música francesa, Stravinsky ou Mahler introduciran ritmos populares, non ortodoxos para resucitar a música onanista de Bruckner e Wagner.

Estou intentando evocar a sociedade finisecular do XIX, o único fin de século tralo comezo do Setecento e a máis dolorosa metamorfose posiblemente da Historia Contemporánea. A pesares do que pensará xa algún lector, deixaremos a Paz Armada, os plans de Bismarck para illar a Francia, o escándalo Dreyfus e outros temas a un lado para concentrarnos nun home, Gustav  Mahler.

G. Mahler, compositor e segundo el tamén triple apátrida (bohemio entre austríacos, austríaco entre alemáns e xudeu ante o restante mundo) . Mais non nos quedemos na versión curta en canto ser humano como compositor que foi. Dende a súa primera sinfonía ata a derradeira pasando polos seus ciclos de cancións (Kindertotenlieder, Rückert-Lieder, Das Knaben Wunderhorn) retrátase dentro dese conxunto de intelectuais e artistas que camiñaron entre o eterno século  XIX que remataba tarde e o s.XX que se inauguraba con conflicto bélico que hoxe as potencias europeas celebran extrañamente. Como F. Kafka, G. Klimt ou V. Woolf (xunto ós seus problemas mentais e o desastre da II W.W.) representan ós artistas e intelectuais que só poideron adiviñar lixeiramente a traxedia que inspiraba o comezo de século en Europa. Ben por morte de tuberculose, suicidio ou morte natural ningún deles viviu para sorpredenderse da brutalidade humana ante o totalitarismo, os campos de exterminio, etc; endexamais unha civilización destinara tantos recursos e capacidade productiva a favor da destrucción e o asasinato en masa.

descarga (4)

Esta retrato, dos máis coñecidas do mestre bohemio, retrátao no cumio da súa carreira profesional.

Mahler nace no 1860 nunha Europa dominada no ámbito político polas unificacións de Italia e Alemaña, polo bipartidismo monárquico e constitucional, o nacemento da  nova potencia alemana e a decadencia do Imperio Austro-Húngaro. No eido artístico Wagner e Verdi inspiran dende medios distintos a afirmación das súas sociedades unificadas; Wagner dende a creación da Gesamtkunstwerk (obra artística total) e a mitoloxía nórdica na configuración da nova idiosincrasia aristocrática alemana, Verdi pola contra retorna á búsqueda da verdade social do seu pais mediante o verismo, deixando a un lado a tradicional ópera lixeira italiana de enredos que conquistara Europa con Rossini á cabeza e propoñendo outra radicalmente sincera coa sociedade que abandeira.

O noso compositor parece concentrar tódalas súas tensións internas co momento histórico de derrubamento no que está a vivir. Sobre a música de Mahler revoa o non-resolto, a cadencia desesperante hacia un final glorioso ou a procura da morte, tal e como amosaba F. Schubert no seu cuarteto nº 14,  A morte e a doncela (Der Tod und das Mädchen). Quizais os dous maiores impulsos, na linguaxe freudiana serían o Eros und Thánatos, isto é o Amor e a Morte. Toda a músicas postromántica, e máis alá, a de Mahler, parécese rexir por estes dous impulsos tan primixenios como estructurais. Nace un novo Beethoven en Mitteleuropa, un Über-Beethoven  a forza do primero coa nova orquesta wagneriana da época dará lugar a que o mundo colla nunha sinfonía. Así a Séptima de Mahler é unha viaxe interior e exterior a través do que pasa nunha noite de verán (Sommernacht), a Segunda un manifesto esteticamente místico ou a Octava máis humana, a Cuarta semella mais ben un burlesque, unha pantomima ata chegarmos á Novena ou á inacabada  Décima, case deseñadas dende o atonalismo.

A converxencia de diferentes correntes fai a Maher máis diferente que o seu contemporáneo e compañeiro R. Strauss, ambos son tardorománticos e levan as innovacións de Wagner ata extremos insospeitados, mais hai diferenzas. G. Mahler está aberto a introduccións, que como xa lle pasara a Dvorak, introduce folclorismos provintes tanto do plano da música checa e popular en xeral como dende a vertente xudea. Isto comprobámolo na Primeira Sinfonía e foi xa demostrado por Leonard Bernstein; a aparición de música hebrea nupcial no terceiro movemento ou a introducción nese mesmo movemento dunha variación sobre a canción popular francesa “Frère Jacques“, en modo menor. Mahler desorientou ó oínte e expectador das súas obras ó conxugar grandes orquestas con temas sinxelos, populares e de inspiración folclórica, todo tinguido dunhaterribilitá conxugada coa parodia, só superada no futuro polos burlesque de D. Schostackovich.

 descarga (3)

Mahler caricaturizado pola súa forma de dirixir e a orixe dos seus motivos musicais.

 A música do músico bohemio non chega a cristalizar xamais en sentencias musicais rotundas.  O xigantismo crónico fai que a ambición da orquesta se rebele contra o seu creador, mais ou menos coma naquel filme de F. Fellini, Prova d´orquestra. Mais topámonos antes un espellismo, collamos por exemplo unha obra intencionadamente ó azar: a Sexta ou tamén chamada Tráxica. O comezo interpreta unha parodia das marchas militares que Mahler escoitou na súa infancia e consegue darlle un  aire tráxico que o caracteriza, non por ser militar senón  por representar a angustia e a amargura dándolle a volta ó sentido orixinal. Así como Marx colleu a Hegel e viroulle o sentido a súa hipótese orixinal, Mahler colle a Wagner e a súa orquestra e en vez de poñela ó servizo de grandilocuentes e heroicos leitmotivs cámbiaa e utiliza como medio de anti-proganda, volvendo a música ó lugar íntimo, angustioso mais burlón no que a deixara Beethoven ou Schubert. Tampouco debemos pensar que Mahler aborrecese a Wagner sendo este un antisemita declarado nos seus escritos do Mein Denken (O meu pensar) e Mahler un xudeu que debeu converterse ó catolicismo se desexaba dirixila Ópera de Viena debido ás presións da burguesía vienesa e sobre todo ás críticas de Cósima Wagner, sacerdotisa suprema do legado do seu señor falecido cando Mahler ainda estaba na veintena e xa despuntaba.

Convén asimesmo resaltar unha idea sobre Mahler, xa que posiblemente se de a engano nos nosos lectores. Mahler convertiuse ó catolicismo o cal lle trouxo vantaxes laborais dentro da sociedade vienesa, mais debiamos aclarar que este xeito non foi de todo hipócrita. Mahler fai notar nos textos cantados en sinfonías como a Segunda e Oitava que a espiritualidade católica e sobre todo a figura de Xesús de Nazaret exercen sobre el un magnetismo místico quizais afirmado na encrucillada na que se topaba Mahler, a dúas augas entre relixións, dende que sendo neno tanxía o órgano da igrexa da súa localidade e empapándose da teatralidade da arte e da música foi alonxándose dos fundamentos da relixión hebraica e introducíndose no mundo dunha espiritualidade católica máis dada á terribilitá e ó efectismo xa dende a Contrarreforma do Concilio de Trento.

 A pesares das dificultades intimistas e sentímentáis dun señor burgués como era Mahler, este debeu  ir indo agatuñando escalóns dende a mediocre familia xudea na que se criou ata que conseguiu ser un dos máis recoñecidos directores nas óperas de Viena, Budapest ou director en New York. A súa forma autoritaria de dirixir e a a meticulosidade foi herdanza noutros directores como B. Walter ou Leonard Bernstein. Para a nosa desgraza nada do que dirixiu en vida foi gravado en ningún medio, nin tan sequera o concerto con S. Rachmaninov, deixándonos como legado as súas composicións pero non  a vida, o talento que transmitía e como Bach ou Leonin nunca saberemos como eran exactamente as obras que interpretaban na época e cómo soaban, acrecentada se cadra con Mahler antes as anotacións tan subxetivas e programáticas que engadía na dirección das súas propias obras.

descarga (2)

O expresionismo ó dirixir en Mahler fixoo convertilo nun director de coñecido carácter mais tamén de sátira.

 Trala súa morte no 1911, Mahler caeu nun esquecemento xunto as súas partituras cunha fama que non desfrutou en vida como compositor. O New York Times na nota do óbito do día 19 de maio do 1911 puña en letras maiúsculas “noted also as composer”, mais resaltando o gran prestixio de ser posiblemente o mellor director do seu tempo. Xudeu e transgresor, o ámbito xermánico desprezouno ata o fin da a caída do nacionalsocialismo. Só de forma esporádica aparece citada unha vez nas Memorias de Albert Speer, ministro nazi do  III Reich e arquitecto utópico, dunha maneira cautelosa, amosando o pouco aprezo e o desexo de esquecemento, concretamente di: “A Quinta Sinfonía de Mahler pareceume bastante complicada mais gustoume” (páx.27, Memorias, Ed. Acantilado, 2002). Inclusive o celebérrimo director A. Toscanini entrevistado anos despois da morte de Mahler amosábase sorprendido e irónico ante unhas supostas sinfonias do compositor. Só directores como Leonard Bernstein foron capaces de resucitalo e así hoxe desfrutar dunha vaga de mahlerismo. Entre os factores que propiciaron o novo nacemento de Mahler para o gran público atópase na película Death in Venice de Luchino Visconti (1971) inspirada no relato de T. Mann, Der Tod in Venedig; Visconti utilizou o Adagietto da 5ª Sinfonía de Mahler. O éxito foi tremendo a pesares que Th. Adorno dixera do mesmo adagietto que era unha “delicia gastronómica“.

 D. Schostakovich recoñecería a débeda co mestre bohemio cando nun xeito inaudito Alma Schindler-Mahler, ex-parella do compositor, lle ofrecía  rematar a Décima sinfonía de Mahler. O músico rexeitou e así cumpriuse a maldición sobre Mahler de quen nun día quixera emular, Beethoven.

 

 

 

Bibliografía recomendada:

ADORNO, TH. W. Monografías musicales: Wagner, Mahler, Berg. Ed. Akal.

LEBRECHT, ¿ Por qué Mahler ? Como un hombre y diez sinfonías cambiaron el mundo. Alianza Editorial.

PÉREZ DE ARTEAGA, J.L. Mahler. Ed. Antonio Machado.

MAHLER, Alma. Recuerdos de Gustav Mahler. Ed. Acantilado

WALTER, B. Gustav Mahler. Ed. Alianza Editorial.

 

Filmoteca:

Mahler (en castelán: Una sombra en el pasado). Director: Ken Russell, 1974.

Autopsy of a genius. Director: Andy Sommer, 2011.

 

Discoteca:

-Sinfonías do número da 1ª á 10ª, esta última inconclusa e polo tanto versionada. Versións aconselladas de C. Abbado, Eliahu Inbal, Bruno Walter ou Leonard Bernstein.

Rückert-Lieder (de este conxunto de cancións destacamos: Ich bin der welt abhanden gekommen), Das Knaben Wunderhorn e Kindertotenlieder.