Alexandre Magno (I): A búsqueda dun Imperio

Son moitos os que se achegan, e achegaron, ao home máis ó mito que foi Alexandre, tanto historiadores como afeccionados e divulgadores de Historia. Por unha parte hai contemporáneos ao rei macedonio e autores posteriores, que o colman de atributos positivos minimizando os negativos e outros que o catalogan de todo o contrario. No primeiro grupo podemos encontrar, contando tan só ós que conviviron con Alexandre, encontramos en primeiro lugar, a súa corte, composta por macedonios (xenerais, hetairoi e paxes reais) e máis tarde por súbditos persas, así como os distintos pobos conquistados, ben fora por simpatía cara a súa persoa coma por medo e certos acompañantes e filósofos sofistas como catalogan a Calístenes de Olinto, o seu cronista oficial ata que o pasou polas armas. No segundo grupo, que no seu momento o describían como un tirano borracho cunha enorme ira dentro súa e que carecía de toda egkrateia ou autodominio, podemos situar ós gregos da Hélade, uns enquistados na Liga de Corinto e outros libres por un breve período, ademais de certo tipo de correntes filosóficas como o estoicismo ou o cinismo, que ten como máximo expoñente a Dióxenes destacando Plutarco o seu encontro con Alexandre (Plutarco; XIV, 3,5).

Así pois, estas dúas imaxes son recollidas, sobre todo, por autores de época romana que seguindo as fontes do momento, hoxe extintas, contrapoñen ámbalas dúas imaxes,deixando seducir, un chisco polos mitos que rodearon ao rei. Cabe destacar a Anabasis de Arriano de Nicomedia, que di seguir esencialmente o narrado por Ptolomeo (xeneral) e Aristóbulo, a Vida de Alejandro de Plutarco e o libro XVII de Diodoro Sículo, sendo estas as obras referidas de consulta antiga. O ata aquí exposto marcou a numerosos autores de libros, historiadores e demais amigos da Historia para crearse o seu Alexandre e así defendelo a capa e espada. Intentarei que non sexa o caso.

Para interpretar o personaxe en cuestión máis os seus actos, temos que entender a situación na que se encontraba o pobo macedonio e a dos seus máis directos antepasados con respecto ó ideario grego da polis. Cabe esperar, que os gregos tivesen una visión da rexión de Macedonia como unha zona de bárbaros. Isto débese a múltiples características que os diferenciaban como a situación xeográfica ou o goberno. Así pois a rexión situábase ó norte de Tesalia, tralo monte Olimpo, mítica morada dos deuses gregos. Posuía como forma de goberno a monarquía con problemas para asentarse debido a que distintas familias exercían un poder case autónomo sobre as súas rexións, favorecidos por uns notables accidentes xeográficos. En parte grazas a isto, en parte pola intromisión grega na zona a causa de recursos minerais e cerealísticos, o poder do rei era pobre. Esta pobreza facíalle firmar, ó rei de turno, tratados desfavorables con polis como Tebas ou Atenas, así como tamén unha constante defensa do reino contra ás invasións norteñas (ilirios, tracios) que levaron constantemente o arraso de todo o reino baixo o seu brazo.

Co paso do tempo, iníciase un achegamento ó mundo grego e ó fortalecemento como territorio. Así hai que destacar, tras unha primeira negativa motivada pola sumisión á campaña de Jerjes, a inclusión de Alexandre I o Filoheleno (498 a. C. – 454 a.C.) nos Xogos Olímpicos prohibidos a bárbaros. Isto débese á suposta descendencia que a dinastía macedonia dicía que posuía co heráclida Temeno, contactando así con Argos, é dicir, con Grecia. Este contacto mantívose con Arquelao (comezos do IV a.C.), rei mecenas de autores gregos como Eurípides, promotor de melloras nas relacións cos gregos e da mellora urbanística do reino. As invasións, o conflito dinástico e a intervención grega marcaron os seguintes reinados de Amnitas III 393-370 e dos seus fillos Alexandre II 370-368 e Pérdicas III 365- 360 cunha breve rexencia de Tolomeo de Aloro 368-365, rexicida de Alexandre II

Sen embargo, o gran artífice desta consolidación e posterior expansión foi Filipo II, sucesor de Pérdicas III morto en combate, xunto con outros 4000 soldados defendendo Macedonia dos ilirios. Comezou cunha serie de reformas influídas pola súa estancia como refén en Iliria e Tebas. Coa reforma militar dotou ó exército dos pezetairoi (infantería pesada macedonia) dotados dunha sarisa (lanza de 3 a 7 metros) formados en sintagmas, unidades de 16 x 16. O gran peso da lanza foi minimizado cun equipamento defensivo máis lixeiro. Tamén mellorou as máquinas de asedio e a cabalería dotándoos da sarisa. No terreo político asegurouse a lealdade das diversas familias por medio da institución dos paxes reais, fillos destas familias que pasaban a subordinación directa do rei, creou un corpo de gardas reais. Así asegurando o país, tamén obtivo un incremento económico da man dos bos recursos macedónicos como minas e promoveu unha política exterior a maneira grega, de intromisión, despois das tomas de Anfípolis e Olinto

Neste ambiente nace Alexandre (Plutarco; III, 5,8), en Pelas, capital de Macedonia no 356 a.C. Fillo de Filipo II e unha das súas seis mulleres Olimpíade, procedente do Épiro. Da súa educación intelectual encargouse o filósofo macedonio Aristóteles entre 343 e 340a.C. por encargo de seu pai (Plutarco VII), no terreo institucional encargouse Antípatro, xeneral macedonio, e da formación militar ó disciplinario Leónidas do Épiro. Os seus primeiros pasos importantes foron unha breve rexencia, revisada seguramente por Antípatro, e a súa participación na batalla de Queronea.

Mapa de Filipo II á súa morte

Aquí, voltamos de novo á figura do seu pai, figura que xenera bastante odio na Hélade, promovendo distintas polis unha liga antimacedónica, inspirada polos discursos de Demóstenes (político ateniense). Esta confrontación rematou na batalla de Queronea, de 338 a.C., na que o exército de Filipo arrasou ao da Liga. Nesta batalla participou ó mando da cabalería, sendo un dos que rompeu as filas do famoso Batallón Sagrado de Tebas (150 parellas de homosexuais que loitaban cóbado con cóbado e ferozmente).

Tras isto, Filipo, tratou de darse certa lexitimidade sobre as polis derrotadas, excepto Esparta que daría problemas durante uns anos, coa creación da Liga de Corinto. A liga compoñíase dun sanedrión ou asemblea de carácter efímero, xa que Filipo ostentaba a posición de strategos autokrator, é dicir, todos os mandos militares baixo o seu poder e de hegemon (líder). O rei torto entón puxo as súas miras nas cidades gregas en mans persas de Asia Menor, ben sexa polo seu afán expansionista, ben por agradar ós gregos cunha guerra panhelénica ben por unha mestura de ambas.

Busto de Alexandre. Museo de Glyptotek, Dinamarca.

Esta guerra, Filipo non a veu, aínda que mandou unha avanzadilla ás costas de Asia Menor na cal á cabeza encontrábase un dos seus xenerais, Parmenión debido ao seu asasinato na voda da súa filla Cleopatra, a mans dun achegado seu de nome Pausanias. Uns viron neste asasinato a man de Olimpiade e do seu fillo, outros do Gran Rei de Persia pola nova guerra que ía comezar ou incluso de gregos resentidos. O que pasou foi o ascenso ó trono do seu fillo, no 336 a.C (Arriano; I), apoiada polo exército; xuíz para este recoñecemento.

Había un novo rei, Alexandre III (aínda non era Magno). A regra que se seguía é que morto un rei eses acordos non valían, do cal se valeron os gregos para levantarse contra un rei novo e inexperto, aínda que claudicaron cando o viron achegarse co exército.

No terreo militar podemos dividir as diferentes contendas en tres etapas; unha primeira de consolidación da retagarda (da que se falará aquí), unha segunda etapa en Oriente ata o incendio de Persépolis e unha última na India, por iniciativa propia. Na retagarda vese a un Alexandre cruel e proclive a destrución. O motivo veu dado polo completo aniquilamento, salvo a casa dopoeta Píndaro como xesto simbólico, de Tebas. O episodio acaeceu tralos rumores da morte do rei na súa expedición contra pobos do norte. Entón distintas polis intentan liberarse ó cal o rei, vivo respondeu presentando o exército diante das portas de Tebas, non respetando nin ós que se refuxiaron dentro dos templos. Arriano intenta rebaixar esta carnicería aludindo a que fora designio divino tralas mostras de crueldade de Tebas vistas con anterioridade (Arriano; VII- X). O que provocou foi a eliminación, polo medo, de todas as forzas contrarias na retagarda, salvo Esparta. Era o momento de saltar ao outro lado do Exeo.

Antes de rematar esta parte compre analizar ao Alexandre deste momento. Era o basileus macedónico e o hegemon da Liga de Corinto. Pola súa sangue, aseguraban, que corrían sangue dos descendentes de Heracles, por parte do pai, e de Aquiles, por parte nai, por tanto posuía filiación divina. Era home relixioso, a miúdo facía sacrificios e visitaba oráculos (no seguinte artigo), en contraposición coas diferentes corrente filosóficas do momento. En teoría tivo un home cultivado, derivado da súa educación. Posuía un gusto polo clásico, en especial a idade dos heroes e da guerra de Troia, durmindo cun exemplar da Íliada baixo a almofada. Neste ambiente creceu, formouse e comezou a gobernar.

Detalle de Alexandre en el mosaico de la Batalla de Issos. Museo Arqueológico Nacional de Nápoles.

 

 BIBLIOGRAFÍA UTILIZADA PARA ESTE E O SEGUINTE ARTIGO:

ALVAR, Jaime, BLÁZQUEZ, José Mª (Eds), Alejandro Magno. Hombre y mito, ACTAS s.l. Madrid, 2000

DOMÍNGUEZ MONEDERO, Adolfo J. Alejandro Magno. Rey de Macedonia y de Asia, Sílex Ediciones, Madrid, 2013.

GÓMEZ ESPELOSÍN, Francisco Javier, Historia de Grecia en la Antiguedad, Akal, Madrid 2011

GÓMEZ ESPELOSÍN, Francisco Javier, Alejandro Magno en la India, Historia National Geographic, nº 118, outubro 2013 pp 42-51

 

BIBLIOGRAFÍA CLÁSICA.

ARRIANO, tradución e notas de GUZMÁN GUERRA, Antonio, Anábasis de Alejandro Magno, Grados, Madrid 2001

PLUTARCO/ DIODORO SÍCULO, Ed. de GUZMÁN GUERRA, Antonio, Alejandro Magno Akal, Barcelona, 1986