Sangue sobre a neve ou os asasinos de Clío

Descoñecer qué ocorreu antes do noso nacemento é ser sempre un neno. Que é en efecto,

a vida dun home, se non se une á vida dos seus antergos mediante o recordo dos feitos antigos?

Orator, Marcus Tullius Cicero. 46 a.C.

Nace NOITÁBREGA, a nova revista cultural que un grupo de persoas lideradas cun novo afán de renovación ante a Historia, as artes, o cine, a música ou a literatura tenta presentar na rede. Ante a persistencia dunha historia cultural afastada do momento que vivimos, encravada nas estructuras decimonónicas e alonxada da súa necesaria difusión, NOITÁBREGA tenta ser un revulsivo para que as creacións culturais de onte e de hoxe sexan revisadas; destruíndo os mitos que alimentan unha Historia patriótica e dogmática, recuperando a cultura e a súa creación e difusión non só coma un elemento de comercio, entretemento e ocio senón outorgándolle o valor humano, comprometido e riguroso que sempre precisou e poucas veces lle foi concedido.

A meirande parte das revistas de Historia e cultura que hoxe temos nos nosos quioscos e tamén na rede cometen o gran pecado de abusar do tirón comercial abusando e repetindo temas de forma onanista. NOITÁBREGA e o seu equipo redactores quere ser dende a rede, o traballo riguroso e heterodoxo en diferentes eidos da Historia, a música, o cine, a arte, a literatura ademais dun espazo de participación dos nosos lectores, onde a opinión e o debate directo cos creadores dos artigos permita a uns e a outros aprender e dentro do posible rectificar.

Baixo o signo de Clío, nace NOITÁBREGA, a outra Historia.

Descubrir persoeiros e feitos descoñecidos para a maioría do público así como revisar grandes feitos e protagonista de onte e hoxe será un dos nosos propositos para facer desta publicación na rede punto de interese para o público en xeral. Tamén, como non, tentaremos manter o fío da actualidade e a súa reflexión.

Preguntas como: Quen foi Cola di Rienzo e como se proclamou tribuno en plena Italia medieval do Treccento ? Quen foi Simone Weil e por que é calificada como “a virxe vermella”? Por que a música de G. Mahler caeu no esquecemento ? Canto de pagano reside nas estructuras relixiosas do cristianismo ? Por que se tenta ocultar o papel planificado, belicista da Primeira Guerra Mundial como unha guerra intencionada por tódalas potencias ? Por que se escurece o papel dos pacifistas antes da guerra ? Como é posible que Gabriele D´Anunzio ou Otorino Respighi fosen os fundadores estéticos do fascismo ? Qué relación hai entre Gilgamesh e Hércules ou Ulises ? Cal é papel das sectas relixiosas e os movementos sociais ó longo da Historia ? Qué mensaxes se atopan tralo Guernica de P. Picasso ? Por que John Wayne convertiuse nunha icona do cine ? Son algúns dos interrogantes que tentaremos respostar na nosa publicación da man dos nosos redactores e tamén coa axuda de ocasionais e especializadas colaboracións externas.

Nace NOITÁBREGA, benvidos á outra beira do coñecemento.